Buscar este blog

jueves, 12 de marzo de 2015

O CRIME DO POZO MOURO. 1905.

Hai certos lugares polos que pasamos a miúdo e non sabemos que agochan unha historia da nosa crónica negra.
Esta historia da que imos falar sucedeu na noite do 9 de outubro de 1905,  pola súa brutalidade tivo gran sona en toda a Mariña, sendo recollida amplamente esta noticia na prensa co simple título de O Crime do Pozo Mouro.
O suceso ten lugar no Pozo Mouro, na fábrica  de embutidos e conservas cárnicas rexentada por don Xosé Suárez Vigil, coñecido popularmente como “Don Xosé o das conservas”. A fábrica estaba situada no punto onde se xuntan dúas estradas; a que viña de Ribadeo e a que procedía de Foz. Estaba esta casa lonxe das outras, por esta razón os amigos de Don Xosé pedíanlle que tivese moito coidado e que pechase a casa sempre, el dicía que non tiña medo algún, a pesares de que outra casa situada na Cruz do Lobo, que tamén estaba aillada, xa sufrirá varios roubos. Servía nesta casa como criada Ramona López García, veciña da Espìñeira, de 30 anos de idade.
A noite de autos Don Xosé marchara para ir cear ao bar do señor Rigueiriña, quen tiña unha casa “situada enfrente de la casilla de Consumos que los arrendatarios de Foz tienen establecida cerca del puente de la Espiñeira á la entrada de éste viniendo de Foz”. 

Na casa do señor Rigueiriña estaban presentes, aparte de don Xosé, o médico Emilio Teixeiro e Antón Enríquez Enríquez. Este último era dependente de Consumos, levaba traballando neste cargo máis de dous anos. Del sabemos que tiña 28 anos e que era orixinario dun pobo preto da Fonsagrada, estaba casado e tiña tres fillos, “tiene el rostro marcado  por las viruelas, usaba bigote rubio y lleva una herida en un dedo de una de las manos a causa de un mordisco que le dio la víctima”, segundo informa a prensa do momento. Antón Enríquez mantiña unha cordial relación con don Xosé, na prensa lemos que “había muy pocos días que el dueño de la fábrica sacara de pila un hijo”, eran polo tanto compadres. Don Xosé invitou a cear ao seu compadre quen rexeitou a oferta alegando que ía cear ca súa familia, aínda que na súa mente había outros plans.
Matinara o citado Antón Enríquez roubar na casa fábrica de don Xosé, sabía que a criada estaría soa, pero para asegurarse pasou primeiro pola casa do pai da criada, ao velo nela soubo que Ramona estaría soa.
Cando chegou chamou á porta da fábrica e díxolle a Ramona que o seu amo o mandaba para acompañala, que el ía tardar en volver. A criada, que xa tiña visto na casa moitas veces a Antón, non desconfiou e abriulle a porta. Así que se viu dentro “la emprendió a puñaladas con ella, ensañándose de tal manera que le dio doce cuchilladas mortales, llevándola para cerca del cepo destinado á picar carne para hacer embutidos. Tendida la pobre mujer en el suelo dedicóse el asesino a cerciorarse de si su víctima tenía vida aún; le levantó los párpados para fijársele en los ojos, le colocó la cara cerca de la boca para asegurarse si respiraba; contuvo el aliento aquella desgraciada todo el tiempo que duró la terrible prueba”.

Unha das moitas puñaladas que recibe Ramona foi no pescozo, a escasos milímetros da  xugular. Segundo  relatará no xuízo a vítima, “después de clavarle el cuchillo lo movía á uno y otro lado para agrandarle las heridas”. O asasino, que outro nome non ten, colleu un machado e dixo en voz alta que mellor era cortarlle a cabeza para asegurarse, pero despois, mirando para a pobre Ramona exclamou: “o que tu contes xa está falado”.

Pensando que a criada estaba morta dedicouse a buscar nun moble onde sabía que se gardaban cartos. Conseguiu coller 500 pesetas e non atopou máis porque descoñecía un apartado secreto que tiña ese moble. Tamén roubou un revólver de sete tiros que o dono da casa gardaba para a súa protección.
Consumados os feitos marchou outra vez para a Espiñeira a reunirse co citado don Xosé e cos seus amigos.
Mentres tanto Ramona ao ver que o criminal saíra levántase come pode, pecha a porta da casa e alí queda agochada ata que oe como pasan uns carros. Abre a porta e cóntalles que roubaran e pídelles a aqueles homes que vaian cara a Espiñeira a avisar a don Xosé.
Na casa do señor Rigueiriña atopan a don Xosé quen recibe perplexo a noticia do roubo e morte da criada. Afectado pola noticia pídelle ao seu amigo, o criminal Antón Enríquez, que o acompañe, este accede a petición pensando que Ramona estaba morta. Saen cara o Pozo Mouro, cruzan a ponte da Espiñeira e alí atópanse  coas “personas que habitan las casas de nueva construcción edificadas antes de dicho puente viajando de Mondoñedo para allá, hallándose reunidas en la carretera y una de aquellas personas dijo: “gracias que la pobre herida aún  pudo hablar”.
Estupefacto pola nova o criminal Enríquez decide non acompañar ao seu amigo don Xosé pretextando que “no llevaba arma ninguna y que iba corriendo á buscarla al fielato”.
Cando os veciños souberon todo o sucedido por boca de Ramona marcharon ao fielato a buscar ao mencionado Enríquez pero este xa fuxira. Na prensa aparecen testemuñas que aseguran telo visto por Abadín e por Vilalba e algúns chegaron a afirmar que marchara para Cuba, esta última afirmación motivou que as autoridades do xulgado de Ribadeo solicitasen ás autoridades cubanas a extradición do citado criminal pois recibiran unha confidencia que afirmaba “que se embarcó con rumbo a la Habana en el vapor alemán Halle, que salió hace ya días del puerto de la Coruña, según todo parece llegó a desembarcar”. (Correspondencia Gallega, 11/11/1905).

Nada se soubo do citado criminal e a súa fuga serviu para que moitos periodístas se mofasen da nefasta actuación neste da garda civil. O benemérito corpo puxo toda a súa vontade en atrapar ao criminal pois era unha cuestión de prestixio. Pero por moitas pesquisas que fixeron non conseguiron nada ata que a principios do mes xuño de 1907 a garda civil de Ribadeo “recibió una confidencia y se practicaron incesantes pesquisas que dieron por resultado la detención de Enríquez en Veguina, pueblo de la provincia de Asturias”. Esta confidencia debérona de obter de Nicasio Pérez , veciño de Taramundi que foi arrestado na Espiñeira cando entraba na casa da muller de Enríquez portando certa cantidade de diñeiro e unha carta de este para a súa dona.
No xuízo, que tivo lugar no xulgado de Ribadeo, Enríquez declarou que Ramona López o convidara a entrar na casa de don Xosé e que o animara a roubar nela, ao negarse a criada quixo agredilo cun coitelo de grandes dimensións defendéndose el cun pequeno abrecartas que levaba na chaqueta.
As declaracións dos peritos médicos así como as dadas polo citado Nicasio e por Ramona eran contrarias ao que afirmaba Enríquez. De nada serviron as alegacións presentadas polo avogado defensor, señor Cereijo, xa que o xurado ditaminou a favor do alegado polo avogado da acusación, señor Tapia. Enríquez foi condenado a 14 anos e 8 meses de reclusión así como o pago das costas procesais, “el inmenso público que llenaba el salón dificilmente pudo contener marcadísimas manifestaciones de aprobación al escuchar el informe acusativo del señor Tapia, aplaudiendo sin reservas el fallo”.
Remataba así o crime do Pozo Mouro aínda que perdurou vivo moito tempo na memoria dos homes e mulleres do lugar.[1]





[1] Toda a información deste artigo foi estractada dos seguintes periódicos: La voz de Mondoñedo, 14/10/1905. El Norte de Galicia, 14/10/1905; 16/10/1905; 25/10/1905; 09/07/1907 e 10/07/1907. La Correspondencia Gallega, 07/03/1906. Diario de Pontevedra, 14/10/1905; 18/10/1905

2 comentarios:

  1. Magnífica información
    Visto o crime de Cordido (cheo de voltas) e estoutro, como lector curioso e sen pretensións, atrevome a preguntar para cando o "Crime do Caritel" ? sendo como é que este topónimo "caritel" na parroquia de S Martiño (realmente a aldea da Basílica) tén frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", ou sexa, por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Por outra banda sei que xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos (poida que sexa estoutra menos truculenta orixe, magoa se foi só administrativo e non penal....).
    Parabens po lo blogue.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. O termo Caritel, no meu corto entender, ven do termo latino Caractere, que se aplicaba a un terreo que tiña un carácter distinto aos veciños. Esa diferencia podía ser que se pagasen menos impostos ou que o xuíz que tiña autoridade nos territorios colindantes non a tiña nese territorio indicado. Así acontece no Caritel de San Martiño onde os veciños que viven dentro del pagan menos impostos e non poden ser detidos salvo polo prior do mosteiro.
      Pero deste tema falaremos nun posterior artigo.

      Eliminar