Existen
días que quedan marcados na nosa memoria colectiva; seguro que moitos lembramos
onde estabamos o día 11 de setembro do 2001 ou o 11 de marzo do 2004. Os que
temos máis anos, que non por iso quere dicir que teñamos máis memoria,
lembramos que estábamos a facer o día do falecemento do ditador.
Eu, por estas cousas da memoria, lémbrome que souben da
noticia gracias a Xoán Carlos González Basanta. El volvía do colexio Martínez
Otero cando coincidimos na Congostra do Cura, alí me deu a nova que me encheu
de ledicia pois ía acompañada da suspensión das clases durante os tres días de
loito oficial.
Pero
se me preguntades que outras cousas fixen durante ese ano pouco máis vos podo
dicir.
Neste
artigo iremos vendo como era o concello de Foz nese primeiro trimestre do ano
1975, lembrándolles cousas a algúns e informando a moitos.
Para
levar a cabo este traballo de memoria empregamos como fonte documental o xornal
El Progreso de Lugo, non porque fose mellor que outros ou porque cubrise, con
máis amplitude, as noticias de Foz; se o facemos é porque nese xornal escribía
o primeiro cronista oficial de Foz baixo o seudónimo de Sufer.
Comezábamos
ese ano de 1975 cunha cabalgata de reis. Chegaban os magos de Oriente por barco
(ou iso supoño) pois partían dende a praia da Rapadoira e remataban no Colexio
Martínez Otero, onde quedara instalado un nacemento vivente. A Cabalgata era
algo xa habitual pero neste ano presentaba unha novidade pois a rondalla
Latexos iría na súa cabeza “entonando
alegres pasacalles” (El Progreso de Lugo. 1975, 5 de xaneiro).
Pero
non só chegaban os Reis Magos a Foz xa que tamén o facían a Vilaronte onde a
cabalgata era organizada polos membros do Teleclube e por Cáritas de Vilaronte.
Nese
mesmo mes de xaneiro o Club Deportivo Foz daba unha de cal e outra de area, no
que a resultados deportivos se refire. Si na prensa do día 7 se nos falaba da
súa contundente vitoria contra o Taboada
(5 a 2), seis días despois dábase conta da derrota dos focegos contra o
Milagrosa (3 a 1) no estadio Anxo Carro. A aliñación presentada polo Foz, no
partido da vitoria, era a seguinte: “ Pedro,
Lito, Ramalleira, Lombardero, Rego-Rey, Chipilín, Reija, Chinchón, Carballal,
Delantero y Eijo” (El Progreso de Lugo. 1975, 7 de xaneiro).
A
mediados dese mes Sufer informaba de que varios homes ras estaban a desgonzar
os barcos de cabotaxe San Lourenzo e o Sofía López, eran estes dous barcos “los últimos baluartes, los testigos inertes
de una pasada gloria focense en el tráfico del transporte marítimo. Eran los
tiempos en que nuestro puerto registraba una extraordinaria actividad en el
embarque de madera” (El Progreso de Lugo. 1975, 14 de xaneiro). Para que
non se perdesen da memoria colectiva os nomes doutros barcos que tamén
participaran naquel tráfico de madeira dedícase Suso a enumeralos “barcos que visitaban Foz, el Cromo, el
Marita, el Gaitero de Gijón, Rosalina, Recalde, Sofía, Adela López, Amador o el
Justina” .
No
ano 1975 o negocio do comercio marítimo de cabotaxe xa desaparecera de Foz,
quedaba tan só o movemento pesqueiro no porto, algo que tamén peligraba.
A
finais dese mes na prensa dábase conta das obras de ampliación da escollera que
saía do faro da pena de Rapadoira. Traballos que, con un orzamento de 20
millóns de pesetas, eran necesarios para dotar de máis calado tanto á entrada
como ao porto de Foz, algo moi necesario pois sen porto remataríase coa pesca e
a Foz tan só lle quedaría, para poder vivir, o turismo. Ese era o pensar de
Suso Fernández e así nolo transmitía na prensa, que pouco enganado estaba.
Estas
obras de canalización non serviron, ou serviron de pouco, pois a pesca, a
grande escala, desapareceu do porto de Foz tendo que trasladarse os barcos
focegos a portos da contorna (Celeiro ou Burela) ou ao porto da Coruña,
establecendo nesa poboación a base portuaria do seu traballo.
E
se Foz non rematou vivindo exclusivamente do turismo foi pola chegada dunha
nova industria, a do aluminio.
Segundo
podemos ler na prensa, o rumor de que na Mariña se ía instalar unha industria
do aluminio era coñecido; o que se descoñecía era o lugar. A prensa daba como
posibles localizacións os portos de Viveiro ou o de Foz (este último era
inviable, pola falta de calado; a non ser que se levantase a industria na
franxa costeira situada entre Fazouro e Cangas).
O
xornal El Progreso de Lugo anunciaba (o 26 de xaneiro) como definitiva a
localización de San Cibrao, na súa unión con Xove. Como argumentos esgrimidos
eran as condicións portuarias así como a proximidade dun novo hospital que se
pensaba construír en Burela.
E
mentres que un novo mapa industrial se estaba debuxando na Mariña, en Foz
continuábamos coas nosas cousas. Así, por exemplo, en Vilaronte, e da man do
párroco Victoriano López Felpeto, no tele club parroquial representábanse
varias obras de teatro (Farsa, Justicia del Corregidor, Diálogo entre Perico y
su sastre e Os ano do tío Xan) conseguindo arrancar fortes aplausos no público
que abarrotaba o recinto.
E,
a principios de febreiro, como todos os anos, celebrábamos no barrio de
Vilaxoane o San Brais; festividade á que acudían centos de persoas buscando a protección do santo ante as enfermidades da
gorxa ou, simplemente, por pasalo ben e bailar. Pola tarde, e no salón da
Corredoira, actuaban as orquestras Los Tarantos e Trébol, “que Pequenete, promotor de fiestas y romerías, contrató” (El
Progreso de Lugo. 1975, 28 de xaneiro).
A
Corporación municipal continuaba a renovar a cara dese Foz cambiante e así
vemos como acordaban adxudicar a segunda fase das obras de abastecemento de
auga potable nas parroquias de Cangas, Nois, Fazouro e Vilaronte. O orzamento
desta segunda fase alcanzaba a cantidade de 17.807.673 pesetas, das que o
concello tiña que aportar 10.528.244. Acordaban
esa adxudicación na acta do pleno extraordinario do 30 de xaneiro, onde tamén
se tratou o tema do proxecto técnico da obra
da Casa Consistorial (El Progreso de Lugo. 1975, 2 de febreiro).
Rematando
o mes de febreiro o correspondente focego do xornal daba conta da construción
de novas vivendas “unos trescientos
apartamentos y locales comerciales, con sus correspondientes zonas verdes, aparcamientos,
pistas deportivas, piscinas” (El Progreso de Lugo. 1975, 21 de febreiro).
Estanos a falar dunha das dúas grandes obras de vivenda que teñen lugar nese
ano; referímonos á urbanización As Lagoas e a urbanización Promonosa, levantada
esta na estrada principal (anteriormente Xeneralísimo Franco, coñecida
popularmente como “A Xeneral”, e
agora “Avenida da Mariña”).
A
urbanización As Lagoas, hoxe coñecidas como As Torres, nace con problemas
burocráticos, tal e como nos relata a prensa, na se pode ler que “pese a la advertencia de manifiesta ilegalidad
formulada por el secretario del Ayuntamiento de Foz ante el acuerdo corporativo
de conceder autorización a la promotora Costa Nova S.A. para construir 300
viviendas, instalaciones deportivas y de recreo en el lugar e las Lagoas y tras
el preceptivo informe del abogado del Estado, el gobernador civil de la
provincia ha ratificado verbalmente al señor Martínez García, alcalde de Foz,
la legalidad de tal acuerdo
y, por consiguiente, la licencia de obras
otorgada a dicha promotora es válida”
(El Progreso de Lugo. 1975,21 de marzo).
En
marzo daba conta prensa do nacemento da terceira cooperativa do mar, a Xesús
Nazareno. Seguía esta os pasos das cooperativas Virxe da Candelaria e Virxe do
Carme, que a precederon.
Unha
cooperativa do mar é a unión de varios mariñeiros (entre trece e quince) que
pretenden mercar un barco e faenar de maneira cooperativa. Os sindicatos do mar
outorgaban un préstamo a esa cooperativa para o pago do barco. Os gastos
propios da embarcación e os pagos do préstamo eran pagados cos beneficios da
pesca e o sobrante repartíase entre os cooperativos de maneira igualitaria e
non a quiñóns, método empregado nas embarcacións non cooperativas.
Sufer
relataba como tiña lugar, no local da Confraría de Pescadores, a entrega dun
talón por valor de 2.400.000 pesetas ao presidente da mencionada cooperativa,
Ramón Martínez Moreda, como pago inicial para mercar o barco que ía manter
economicamente á cooperativa (o Pena da Rapadoira). Ese acto estaba presidido
polo alcalde de Foz, Francisco Martínez García, polo delegado local de
sindicatos, Francisco Andina González, ademais de varias autoridades
provinciais.
A
Mariña tiña moitas outras cousas nas que pensar antes de preocuparse pola morte
do ditador.