Buscar este blog

martes, 6 de septiembre de 2016

ANACOS DAS HISTORIAS DA EMIGRACIÓN MARIÑÁN NO SÉCULO XVII.


Non pretendemos con este artigo facer un ensaio sobre a emigración mariñán do século XVII, tan só pretendemos dar algúns datos, pequenos retallos, sobre eses homes e mulleres mariñáns que un día, ben polo sentimento de aventura, que tantas veces nos votan en cara, ou pola necesidade de buscarse a vida,marcharon desta nosa terra. Descoñecemos se retornaron ou non, pero para sabelo deberíamos de buscar nos libros de defunción das parroquias aquí mencionadas, aínda que esta labor, aparte de ardua, semella bastante infrutuosa.

Para realizar este tema empregamos como fonte documental primaria a páxina pares.mcu.es, en concreto a documentación que se garda no Arquivo Xeral de Indias, no seu apartado de Contratación.

A primeira referencia que atopamos data do ano 1604 (Contratación. Exp. 5281, nº 72, 6 de marzo) e nela o licenciado Antón de Quiroga solicitaba autorización para poder pasar ao reino de Nova Granada. Esta autorización debería estenderse a tres criados que o acompañaban, eran estes  María Pimentel, filla de Xoán de Castro e Sabela Pimentel, veciños de Mondoñedo; Antón Márquez, fillo de Fernán Márquez, natural de Samarugo e Marina Fernández Márquez, filla de Álvaro Márquez e de Leonor de Losada, veciños todos da parroquia de Santo Acisclo. Sobre estes criados, dos que tan só sabemos o seu nome, coido que o apelido de Antón e Marina debe ser Marqués e non Márquez, pois o primeiro deles era bastante abundante na nosa Mariña. Na documentación que se garda no Arquivo Xeral de Indias, e que podemos consultar en pares.mcu.es, podemos ver  como no interrogatorio se pregunta si: “ saven que dicha Marina Fernandez Marques, hija legitima y procreada de legitimo matrimonio de Albaro Marques, vezino de San Acisclo deste obispado de Mondoñedo, y de su legitima muger y es prima del dicho Procurador, hijos de hermanos”.

Nove anos despois, en 1613, solicitaba licenza para pasar a Zacatecas don Francisco de Castro San Isidro, para exercer o cargo de factor e veedor da Real Facenda de Zacatecas. Ía acompañado da súa dona e dos seus tres fillos así como dunha criada natural de Madrid e doutro criado, Pedro Rodríguez Bermudo, fillo de Xoán Rodríguez da Granda e María López, todos veciños de Cabarcos. (Contratación. Exp. 5332, nº 22).

En 1618 solicitaba autorización para pasar ao Perú o cóengo da catedral de Trujillo don Gregorio Juín de Pedrosa, ao que acompañaban dous criados, un deles era Domingo Díaz Alfeirán, natural da cidade de Mondoñedo, fillo de Lois de Pena e María López. (Contratación. Exp. 5360, nº 71 S).

En 1622 solicita autorización para poder pasar a Nueva España, en calidade de criado, Antón Legazpi e Río, veciño de San Martiño de Mondoñedo. Eran seus pais Alonso de Legazpi e Berenguela López de Río. O pai era un fidalgo que, procedente de Vilanova de Lourenzá, acabará asentándose en San Martiño. Súa nai era filla de Diego de Río, o novo e de Inés Álvarez, ambos residentes na casa torre de Río, na parroquia de San Martiño. O expediente xenealóxico que Antón Legaspi tivo que presentar fora redactado  “en el coto de Ferreira de San Martino de Mondoñedo y jurisdicion de don Lorenço de Moscoso”, o día 15 de marzo de 1621. (ES.41091.AXI/16419//PASAXEIROS,L.10,E.3319, 6 de xuño de 1622).

En 1625 a Casa de Contratación informa sobre os bens que lle quedaran ao xeneral don Xoán Pardo de Losada e Quiroga, natural do val de Cabarcos, veciño de Manila e encomendeiro en Cuyo. Tralo seu falecemento en Manila ábrese o testamento no que deixa unha gran cantidade de bens tanto para a familia como para fundacións de misas. É tal a documentación que este testamento aporta que merece un artigo aparte.

O día 28 de abril de 1634  solicitaba autorización  para poder pasar a Indias don Antón de Acuña e Cabrera, capitán e sarxento maior que fora do presidio do Callao, quen pretendía pasar ao Perú acompañado de varios criados, un deles era Diego Sánchez de Moscoso, fillo de Alonso de Río e Cordido e Catarina López Valmaior. (Contratación. Exp. 5415, nº 87, 28 de abril de 1634).
Era este Diego Sánchez veciño de Fazouro, feito que podemos afirmar grazas a unha documentación que sobre a fundación da capela da Concepción de Fazouro me pasaron.

Na mencionada documentación podemos ver como o presbítero Alonso de Río e Cordido e Aguiar fundaba unha capela no mes de abril de 1690:  “Fundazion.- En la feligresia de Santiago de Fazouro, jurisdizion de Nois, a quinze dias deel mes de Abril de mil seiscientos y noventa años en presenzia de mi escrivano e testigos, pareszio presente el Lizenciado don Alonso de Rio i Cordido y Aguiar, clerigo presbitero residente en la dicha feligresia de Fazouro y lugar que dizen do Castiñeiro, e dijo que por quanto de servizio de Dios nuestro Señor, y de la Santisima y siempre  Virgen Santa Maria su Madre Señora y abogada  nuestra para gloria y alabanza suia y de sus santos y vien de las almas y aûmento deel culto divino, tomò por su devozion el hazer y edificar una ermita deel nombre y adbocazion de Nuestra Señora de la Concepcion y deel Glorioso Señor San Yldefonso, Santo de su nombre, en el lugar y junto al Camino publico donde dizen âbaesta y està una cruz, termino de dicha feligresia de Fazouro, Jurisdizion de Nois; obispado de Mondoñedo, Reino de Galizia en medio de las dos Aldeas de Fazouro y Lousada”.
Para os reparos que a capela ía necesitar o presbítero deixaba unha serie de bens que lle tocaran en herdanza de seus pais:” y por otra en eredad de Domingo Sanchez de Moscoso, todos los quales dichos vienes declarados dicho otorgante dijo tocarle y pertenecerle por erencia de Alonso de Rio y Cordido y Cathalina Lopez Valmayor , sus padres, difuntos, vezinos que fueron de dicha feligresia de Fazouro”.

Pode pensar o lector que non se trata da mesma persona, que o Diego que aparece na documentación da Casa de Contratación non é o Domingo que aparece na documentación de 1690, pero recapitulemos, tanto Diego como Domingo ou Alonso de Río son fillos de Alonso de Río e Cordido e de Catarina López Valmaior, así que si non se trata da mesma persoa polo menos será irmán de ambos, de igual maneira que o son Catarina López de Río e Inés López Valmaior, ambas fillas dese matrimonio e nadas na parroquia de Fazouro.
En 1686 solicitaba licenza para pasar a Nova España don Melchor Portocarrero Laso de la Vega, á sazón virrei de México e conde da Monclova, ao que acompañaba a súa dona, os fillos varios secretarios e unha ampla relación de criados, nela atopamos, xusto debaixo do negro escravo chamado Domingo de las Nieves a Pedro Martínez, natural de Santiago de Sargadelos.

Dous anos despois, en 1688, solicita permiso para pasar a terra firme o gobernador e capitán xenral de Cartaxena de Indias, don Martín de Ceballos y la Cerda. Na solicitude tamén se inclúen a esposa, o fillo, un criado de Sevilla, outro de Castro Urdiales, unha criada de Ayamonte e por último un criado chamado Bernabé Freire de Andrade, natural de Foz, fillo de Alonso Freire de Andrade e de Xoana López. Na información que o documento aporta podemos ler: “ Bernave Freire de Andrade, natural de la feligresía de Santiago de Foz en Galizia, hijo lexitimo del matrimonio de Alonso Freire de Andrade y de Juana López, sus padres, todos los quales an sido y son christianos viejos, limpios de toda mala raza de moros, judíos y nuevamente combertidos a nuestra fe católica, no castigados ni penitenciados por el tribunal del Santo oficio”.
A documentación tamén aporta información física de Bernabeu “de edad de veinte y seis años pelinegro arrugas naturales en la frente y todos tres son solteros”.

Nada ten que ver co anterior un tal Francisco Freire de Andrade, natural de San Sadorniño, que solicitara autorización para ir a Guatemala como criado do fiscal  Xoán Maldonado Paz. A este acompañábano catro dos seus fillos, nados do matrimonio entre Xoán Maldonado e Berenguela López de Moscoso e Río, esta última natural da parroquia de San Martiño de Mondoñedo. Sobre este matrimonio falaremos nun posterior artigo.


Neste mesmo ano, 1686, e ata 1697 se prolonga un preito polos bens que quedaran de Diego Filipe López. Era este fillo de Gabriel López e Inés Fernández e veciño de San Miguel de Reinante. Descoñecemos a que idade, pero sabemos que emigra da súa parroquia natal ata as minas de Sombrerete (estado de Zacatecas, México),  nas que acaba falecendo. Os seus herdeiros loitarán pola herdanza, feito que alonga no tempo o preito. Entre os implicados na herdanza aparecen Antía Fernández, veciña de San Miguel, Gaspar López, veciño de Vilaframil, ambos irmáns de Diego Felipe. (Contratación. Exp. 564, nº 1. R2).

Santiago García, marido de Antía Fernández de Moreda, solicitara, tanto no nome da súa dona como no de “Gaspar  Lopez Bolaño, vezino del lugar de Billaframil, feligresia de Santa Olalla de la Devessa, del condado de la Villa de Rivadeo” por escrito unha reclamación sobre os bens de Diego Felipe, que na documentación era definido como “mercader de Sombrerete”. Os bens do finado, que “binieron a esta Real Cassa en los navios de azoges”, baixo o cargo do almirante D. Francisco Navarro, ascendían a unha cantidade de  766 pesos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario