Buscar este blog

domingo, 15 de marzo de 2026

Partidos Políticos de Foz. 1936: A Falanxe.

 

       Foz saudando ao modo falanxistas. Fotografía facilitada por Ramón Mecía, ao que lle agradecemos a cortesía.

No mes de marzo de 1936 constituíanse en Foz tres seccións locais de tres partidos distintos; estámonos a referir a Esquerda Republicana de Foz (fundada o 17 de marzo), a Unión Republicana de Foz e Falanxe Española de Foz (estas dúas últimas constituídas o día 1 marzo).

Non existían socialistas en Foz? Si, existía unha sección local socialista, pero, a diferenza dos anteriores, fora creada ás 5 da tarde do 27 de febreiro de 1934.

Neste artigo ímonos ocupar da Falanxe Española de Foz, non por ser a primeira en fundarse, senón por ser a que máis durou, por razóns obvias; tralo golpe de xullo de 1936 as asociacións políticas contrarias ao Movemento desapareceron pola forza da vida política.

Antes do mes de marzo, data da constitución da sección local de Falanxe Española, a idea de crear algo novo, politicamente falando, que rompese cos partidos habituais xa estaba no ambiente.

A finais de febreiro de 1936, Francisco Maañón Couto asinaba no xornal Las Ribeas del Eo (1936, 22 de febreiro) un artigo que desprendía cansancio cos partidos existentes e rabia pola acción, constante no tempo, dos caciques de dereitas.

Francisco Maañón afirmaba ter votado nas eleccións dese mes aos candidatos republicanos e ter inscrito na súa papeleta a varios da dereita polo acordo existente, por ambas tendencias políticas,  para elixir ao candidato Manuel Becerra, algo que as dereitas non cumpliron. Ante esa situación, e con conseguinte enfado, Maañón afirma “Debido a todos estos juegos, en los cuales el amor al pueblo se halla ausente, se habla de constituir una organización de carácter popular para laborar por la redención y el progreso de Foz y limpieza de las costumbres públicas”. Nestas frases coidamos ver a orixe da Falanxe Focega.

E así, ese 1 de marzo de 1936, un grupo de sete persoas creaban a agrupación local de Falanxe Española. As idades destes primeiros afiliados ían entre os 18 anos, o máis novo, ata os 29 do maior e as profesións comprendíanse da seguinte maneira: Tres estudantes, dous comerciantes, un dependente de farmacia e un conserveiro. A procedencia destes fundadores circunscríbese á vila, pois seis son de Foz e un de Cangas. Todos eles salvo o seu secretario, Francisco Maañón Couto (que logo se converte no presidente desta Falanxe Focega), participarán na Guerra Civil que comeza ese ano, e, un deles, Segundo Vázquez López, morrerá nela, xunto con outros 41 homes de Foz.

Ao longo deste artigo iremos vendo os movementos na afiliación deste partido, na consciencia de que nos faltan datos. No arquivo municipal de Foz conservan a documentación relativa á Falanxe de Foz (Carpeta 1315), por desgracia tan só a relativa aos homes, pois da Sección Feminina e Seccións Infantís nada se conservou.

Os listados de afiliación conservados abarcan varios períodos: o primeiro comprende os anos 1936 e agosto de 1937. Un segundo listado que abarca entre 1936 a 1938 e un terceiro realizado no ano 1964. Rexeitamos, por estar incompleto, o listado realizado no ano 1972.

Sumando os totais chegamos á cantidade de 151 afiliados entre 1936 a 1963; claro que de aí habería que restar os falecidos en combate, os expulsados, os trasladados a outras Falanxes e os que se deron de baixa, tanto voluntaria como por falecemento. Volvemos a facer fincapé en que tan só falamos de homes, polo tanto a ese número de 151 afiliados habería que sumar as afiliadas da Sección Feminina e as Seccións Infantís da mesma organización.

No listado que abarca os anos 1936 e 1937 atopámonos con que neses dous anos afílianse un total de 132 persoas, das que 13 formaban parte nun principio dos Requetés. Lembremos que en abril de 1937 o Decreto de Unificación, emitido por Franco, unía ambas forzas (Carlistas e Falanxistas).

Vexamos a evolución dos afiliados:

Trala fundación do 1 de marzo, o seguinte proceso de afiliación ten lugar o día 3 de abril, momento no que a Falanxe de Foz alcanza os dez afiliados. Ese día afiliábanse un estudante de Foz (19 anos) e dous veciños de Cangas (un empregado de 28 e un labrador de 26 anos). No mes de maio, o día 15 en concreto, o número de membros da Falanxe de Foz dóbrase, pasando de 10 a 20 afiliados. O curioso deste segundo bloque de afiliación é que dos dez afiliados, nove son de San Acisclo. Supoñemos, pois carecemos de documentación que o acredite, que se deba ás xestións realizadas por Xoán Iglesias Rubal (O Pinguelo), de 37 anos de idade. Salvo este home, que tiña unha taberna, o resto dos afiliados son labradores, indo as súas idades entre os 19 e os 61 anos.

A finais do mes de maio, tres meses despois da súa constitución, a Falanxe Focega contaba con 21 afiliados, alcanzando o número de 35 afiliados o día 18 de xullo de 1936.

Semella un número bastante baixo de afiliados, pero, por desgraza, carecemos dos datos de afiliación do resto dos partidos políticos focegos para poder realizar unha comparativa.

Resulta innegable que o alzamento militar é a razón que condiciona o elevado número de afiliacións á Falanxe de Foz, pasando deses 35afiliados antes do golpe aos 85 a finais de 1936. En 1937 o número de afiliados non alcanza as cotas do ano anterior, quedando nun total de 47 afiliados. Falanxe Focega contaba a finais de 1937 cun total de 132 afiliados, cuxa distribución parroquial era a seguinte: Foz (70 afiliados), á que seguen Cangas e Vilaronte con 14 afiliados cada unha delas; San Acisclo, 13; San Martiño, 11; Santa Cilla, 5; Nois, 3 e Fazouro 1 afiliado, lembremos que dun dos afiliados descoñecemos a parroquia de procedencia.

Se lemos a prensa do momento comprobaremos como Falanxe Focega é tremendamente activa, organizando misas en honra dos caídos ou exaltación do Caudillo; organizando manifestacións pola toma de poboacións en mans dos republicanos; organizando recadacións de cartos, roupa, xoias ou comestibles para a fronte bélica; participando en reunións con outras agrupacións falanxistas provinciais, a nivel galego e do resto do Estado.

Toda esta ampla actividade levaríanos a pensar que contaba con gran respaldo na poboación local, pero esta afirmación non se corresponde co número de afiliacións. Se entre 1936 e 1937 chegaban aos 132, en 1938 tan só se afilian catro persoas e, en 1939, tan só rexistramos un afiliado. Este mesmo número de afiliados, un, é o que nos atopamos para os anos 1940,1941,1945,1950, 1957,1958,1959, 1960 e 1961.

Rematamos estas anotacións co ano 1963 onde aparecen 5 afiliados, o que nos dá un total de 151 afiliados, dos que habería que descontar os falecidos en combate, por enfermidades, expulsados, trasladados ou que pediran a baixa.

Deses 151 afiliados descoñecemos a parroquia de orixe dun deles e do resto sabemos que Foz tivo 85 afiliados, Cangas 16,Vilaronte e San Acisclo 14 cada unha delas, San Martiño 11, Santa Cilla 6, Nois  3, Fazouro 2 e Cordido cero.

Se miramos por profesións vemos que 

PROFESIÓNS AFILIADOS FALANXE

Canteiro

1

Sacerdote

3

Carpinteiro Ribeira

1

Zapateiro

3

Garda civil

1

Chofer

4

Mamposteiro

1

Madeireiro

4

Mecánico

1

Armador

5

Médico

1

Xastre

5

Militar

1

Fogueiro

6

Obreiro

1

Mestre

6

Taberneiro

1

Industrial

7

Veterinario

1

Mariñeiro

7

Viaxante

1

Carpinteiro

9

Conservas

2

Comerciante

9

Electricista

2

Empregado

11

Farmacéutico

2

Estudante

15

Funcionario

2

Labrador

32

Propietario

3

TOTAIS

151

 

A Sección Infantil de Falanxe: Balillas ou Frechas.

Sabemos que existían, polo menos dende o 1936, pois no xornal El Pueblo Gallego (1936, 12 de setembro) dábasenos conta do acto de reentronización dos crucifixos nas escolas, interésanos porque afirma que camiñaban, en procesión cívica, os nenos das escolas, acompañados dos seus mestres, “de los balillas y falangistas de la villa”; polo tanto xa tiñan creadas as seccións infantís. A citada procesión ía encabezada polo coadxutor de Foz, o señor Paz, quen portaba o santo Cristo “custodiado por los falangistas”, ademais das autoridades. Resulta interesante o que nos di a continuación “La Sección Femenina de Falange hicieron su primera salida pública, formando también en la comitiva”.

En xaneiro de 1937 era nomeado Martín Maañón como xefe da sección de Balillas de Foz.

        Sección Feminina da Falanxe Focega. Fotografía do libro “Foz, a xanela aos nosos devanceiros”, p.237.

Da Sección Feminina da Falanxe Focega, a pesar de non conservar datos no arquivo municipal de Foz(eu prefiro dicir que polo de agora non apareceron, por si aparecen  posteriormente) podemos apuntar algúns datos procedentes da prensa.

Viámolas saír publicamente en manifestación a favor da reentronización dos crucifixos nas escolas no mes de setembro de 1936. Un mes despois, a delegación de prensa e propaganda da F.E. de Foz, (ou sexa Ramón Salgado Toimil, que se afiliara a Falanxe o 27 de xuño de 1936) dábanos conta da existencia dun taller de costura da Sección Feminina, instalado “en una amplia sala del cuartel de Falange – una vieja casona señorial cuyas estancias antes silenciosas son hoy actividad juventud y fervor patriótico – han montado su obrador para nuestros milicianos y soldados las obrerillas focenses de nuestra sección femenina”(El Progreso de Lugo. 1936, 18 de novembro). Esa vella casona á que se refire o articulista non é outra que a vella aduana de Foz; así nolo di a prensa “por iniciativa del secretario de las JONS, Paco Mañón Couto, se ha improvisado en el local de la Aduana un taller de confección de prendas de abrigo”(El ideal Gallego. 1936, 7 de outubro). Pola nosa banda, coidamos que esa vella casona mencionada é a casa do matrimonio Martínez Otero, pero, agardando máis datos que o confirmen preferimos manter o silencio.

Dese taller de costura saían para a fronte bélica, no mes de decembro de 1936, un total de 100 camisas, outros cen calzóns e oitenta xerseis. Ademais diso, nese mesmo mes contaban organizar no local de Falanxe un comedor infantil, algo que terá lugar na Noiteboa de 1936, sendo coñecido como “Socorro de Invierno”, dando de comer a 150 nenos e nenas do Foz máis necesitado.

A Sección Feminina neses anos de 1936 e 37 estaba presidida por Ramona Docampo

Outras organizacións femininas existentes en Foz eran as Margaritas (sección infantil feminina dos Requetés) e as “Mujeres al servicio de España”. Estas últimas, vinculadas á Falanxe, tiñan como labor esencial a costura e bordado de prendas que, posteriormente, se destinarían á fronte de combate ou aos hospitais.

Esta última organización tiña representación en tódalas parroquias focegas, e así vemos que, en febreiro de 1937, estaba composta por 58 mulleres distribuídas da seguinte maneira: Cangas, 8. Cordido, 7. Fazouro, 4. Foz, 8. Nois, 7. San Acisclo, 4. San Martiño, 10. Santa Cilla, 8 e Vilaronte 2.

Como pago a tódalas actividades e recadacións realizadas pola Falanxe Focega, seccións masculina e feminina, recibiron, en 1939, “el honor de participar en el traslado de las cenizas del glorioso fundador José Antonio. El jefe local, Francisco Maañón, formó parte de la representación de Lugo que hizo relevo en la provincia de Cuenca y con las mujeres de la Sección Femenina de la organziación lucense fueron a Madrid y al Escorial las camaradas Piedad Leitón y Maruja Villares” (Vallibria.1939, 9 decembro).

Rematamos aquí esta primeira aproximación á Falanxe Focega quedándonos por estudar, e publicar, as actividades que organizaron no Foz de 1936 a 1939; pero iso xa é outra historia.