Fotografía do porto e da Ribeira de Foz. Ruth Matilda Anderson. 1924.
A razón deste título
débese a que para facer unha historia municipal, completa, dese ano de 1924
deberíamos de consultar a documentación xerada polo concello (actas municipais,
padróns de veciños, matrícula industrial), polo porto (tráfico portuario,
volume e mercadorías entradas e saídas, así como o volume da pesca capturada);
tamén deberíamos de consultar os protocolos notariais dese ano buscando vendas,
pagos de débedas, permisos para poder saír a Castela (ben polos traballos da
sega ou ben por unha emigración á capitalidade do país) ou, simplemente, vodas.
Como non fixemos nada
diso, pois tan só nos centramos nunha busca documental na prensa, debemos de
titular este artigo tal e como fixemos.
Comecemos, por
comezar, pola política.
Así vemos que a
alcaldía de Foz era rexentada por Cándido Fernández Mariño, que mantén o seu
cargo ata finais de marzo, pois en abril xa vemos unha nova corporación municipal.
A corporación, da que era
alcalde Cándido, estaba formada por un primeiro tenente alcalde (Francisco
Calvo González), un segundo tenente (Anxo López Leitón), un terceiro (Xoán
Francisco Morán), un síndico (Manuel López Agrelo), un síndico suplente
(Constantino Vázquez Palmeiro), un interventor (Ramón Maañón López) e por sete
concelleiros (Manuel Ramudo Pajares, Francisco Legaspi Gómez, Ramón Mariño
Ramos, Ramón Díaz Bao, Ramón Pérez, Patricio Lourido Sánchez e Agostiño
Sanjurjo Villaamil).
Esta corporación,
elixida en setembro de 1923, continúa na súa labor ata abril de 1924 en que é
substituída por unha nova; a formada por Xosé Fernández Gómez, alcalde; Anxo
López Leitón, tenente de alcalde; Xoán Francisco Mecía, segundo tenente; Xosé
Martínez López, terceiro; Síndico: Xeneroso García Rodríguez. Interventor:
Xesús Fernández Besteiro. Concelleiros: Manuel Mon Rodríguez, Hipólito
Echevarría Fernández, Xosé Ramón López Fraga, Marcelino López Fraga, Ricardo
Martínez e Elías Otero Álvarez.
Deste Cándido
Fernández, sabemos que era natural do barrio de Vilaxoane; que no ano 1907
ocupaba o cargo de suplente do xuíz de paz, que era ocupado por David del Riego
García, mentres que o de fiscal érao por Eliseo Martínez Pillado.
En 1933, o xornal Vida
Gallega (1933, 10 de xaneiro) daba conta do falecemento deste home “en su casa de Villajuane, el propietario e
industrial don Cándido Fernández Mariño”.
Sen deixar o mundo da
política debemos de consignar que a finais de xaneiro dese ano a prensa daba
conta do nomeamento de Xosé Estúa, veciño de Vilaronte, como deputado provincial.
Xosé
Estúa Mariña, nado en Vilaronte, emigra a Cuba na segunda metade do XIX.
Descoñecémola data concreta, pero sabemos que no ano 1899 xa estaba en afincado
na cidade de Cienfuegos. No xornal La Vanguardia podemos ler que: “para dedicarse al comercio de peletería y
sus anexos se ha constituido en Cienfuegos una sociedad en comandita bajo la
razón de Ruiloba y Compañía, de la que son socios don Torcuato Ruiloba, don
Serapio Obregón Cuesta y don José Estua Mariña, y comanditario don Aquilino
Velasco Razañano”. (La Vanguardia, 1899, 26 de xullo).
En pescudas posteriores puidemos saber que a casa Ruiloba e Compañía especializárase na fabricación de luvas para choferes e para os campesiños que cortaban cana de azucre, entre outras cousas.
O triunfo económico de Xosé Estúa é o motivo que impulsa a outros veciños de Vilaronte a marchar cara Cienfuegos ou para Cuba. Exemplo desta atracción é o caso dos irmáns Uxío, Xosé Ramón, Laureano, Emilio e Andrés Hermida Estúa, fillos de Amadora Estúa Mariña e polo tanto sobriños do mencionado protagonista. Un destes emigrados, Uxío Hermida, será o promotor de Vila Amadora.
Tralo seu regreso a
Vilaronte, Xosé Estúa dedícase ao coidado dos seus negocios transoceánicos e ao
mundo da política.
Algo que vemos que
preocupaba na prensa dese ano era o tema das escolas.
Fotografía
da escola de Ponteareas. Ruth Matilda Anderson. 1924.
Así vemos como a
principios de xaneiro a corporación municipal acordaba aceptar a única oferta
recibida, a de Xosé Ramón Alonso López, quen lles alugaba a planta baixa da súa
casa, sita na estrada Ribadeo – Viveiro para escola segunda de nenos de Foz por
cinco anos, a un prezo 500 pesetas anuais (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo
. 1924, 11 de xaneiro).
No resumo das actas
municipais de Foz do mes de agosto de 1924 podemos ler que, na do día 19,
acordan solicitar, por parte da xunta local de ensino, unha escola mixta en
Vilaronte tendo en conta que “habían sido
creadas las escuelas de San Martín, de Nois, pedidas en 1918; la de niños en
Cangas, solicitada en 1919 y la de niñas de Foz, que se interesó en 1923”.
Na do día 26 acorda a corporación acceder ao solicitado polos veciños de
Vilaronte “pidiendo que sea de niñas la
escuela que se cree en Villaronte, por haber ya una mixta en Ginzo, por fundación
de don José Alonso Ramos” (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo . 1924, 8
de setembro).
A finais do mes
seguinte, un prendido artigo daba conta da tardanza en tramitar o expediente
relativo á creación dunha escola nacional en Vilaronte, solicitada, había
tempo, polos veciños. Di o artigo que nesa parroquia “no obstante de existir cerca de doscientos niños dentro de la edad
escolar, no posee escuela alguna nacional sólo la de patronato de Ginzo”
(La Provincia. 1924, 30 de outubro).
Outro tema recorrente
que vemos na prensa é o da antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo.
Sobre esta antiga
catedral atopamos na prensa dous artigos. O primeiro aparece no xornal La
Provincia (13 de febreiro) e vai firmado por un tal A., baixo o título “Del pasado lucense. El milagro de San
Gonzalo”. Nel relata o milagre do afundimento das naves por parte de San
Gonzalo e intenta darlle unha datación ao milagre, errando completamente, ao
noso entender, no seu intento, pois coida que as figuras do bispo Gonzalo
Froilaz (1070-1108) e a de San Gonzalo non son as mesmas, cando as actuais
investigacións si nos levan a esa conclusión.
O segundo localizámolo
en “Acción Social. Revista órgano do Centro de Acción Social Católica” (1 de
maio); bastante máis interesante e documentado, pois é obra do culto mestre don
Ramón Salgado Toimil.
O artigo, dedicado a
San Martiño de Mondoñedo, infórmanos que estamos ante un “monasterio creado antes del siglo VIII”. Afirma que o templo sufriu
reformas pero que aínda se pode ver “restos
de la obra primitiva, donde permanece plasmado el gusto latino-bizantino con
influencias visigóticas y longobardas, tan extendido por occidente en el siglo
VI”.
Realmente, o noso ben
querido Salgado Toimil erra na súa datación pois estase a referir ás
arquivoltas lombardas que vemos nas ábsidas laterais e que foron
características do románico inicial palentino. Que aparezan nas laterais e non
na central faille pensar a Ramón Izquierdo Perrín que se debe ao abandono da
influencia predominante na obra (románico palentino) por un estilo máis próximo
ao que se estaba a edificar nese momento en Santiago de Compostela.
Non era a primeira
vez, nin será a derradeira, que Salgado Toimil escriba sobre San Martiño; pero
neste artigo fálanos da costume, para el aberrante, de tapar os interiores das
igrexas con cal. Ataque que sufriu San Martiño, no que se calearon as paredes e
incluso os capiteis historiados.
Sobre este mar de cal
traballaron o párroco Xosé Fiallega e o “culto
agente bancario don Crisanto Couto, que lleva todo un arqueólogo dentro de sí,
está descubriendo, a golpe de paciencia y de minucioso cuidado, algunas de las
pinturas murales, que, según antes indicamos, hermosearon algún día los muros
del antiquísimo templo. Primero fue en los ábsides laterales donde logró poner
aquellas al descubierto, las cuales, trazadas por experto pincel, parecen representar
figuras o escenas de la biblia, y luego acuciado mas y más por el noble impulso
del hallazgo ... ha ido descubriendo otros viejos óleos, a lo largo de las
naves”.
Sobre o labor do
párroco dinos que, aparte que retirar o cal dos capiteis, de conseguir unha
subvención económica por parte do bispo, don Xoán Solís, tamén fora o encargado
de quitar o cal do anaco dun cadro “que
recoge la documentada tradición del famoso milagro de las naves normandas
hundidas bajo las aguas de Foz por las oraciones el venerando obispo Gonzalo, a
quien, como es sabido, tributa religioso culto todo el cantábrico gallego hasta
el principado de Asturias”.
O autor do artigo di
que nas pinturas se pode ver “hoy descubiertas la característica de un
mismo estilo. Las pinceladas de un mismo pincel. No fue mano torpe la que les
dió vida y colorido”.
Si algo caracterizou a
Foz foi a pesca e a venda tanto de peixe como dos outros produtos que nos da o
mar. Pero, cando se vai mercar hai que ter en conta que che poden intentar vender
o que ninguén quixo. Así acontece no mercado de Xixón, cando os veterinarios
municipais inspeccionan varios postos da praza de abastos; , nas pesquisas “fueron decomisadas y destruídas en la
Pescadería, 46 centollos, que Leonardo Fraga, de Foz, tenía puestas a la venta
y que se hallaban en malas condiciones para el consumo” (La Voz de
Asturias.16 de maio).
A prensa do mes de
setembro daba conta da abundancia de pesca de sardiña na zona de Foz, algo que
era bo para os pescadores e para “los
traficantes que se dedican a venderla por los pueblos de la Mariña y en los
mercados de Lorenzana y Mondoñedo” (El Eco de Santiago.1 de setembro).
Máis, se algo
caracterizou e caracteriza a Foz son as
praias e o turismo.
Da praia da Rapadoira
dicíase no ano 1924 algo que podemos manter hoxe en día, pois hai un século era
considerada como “una de las mejores
playas gallegas, es en estos días un verdadero hormiguero humano, pudiendo
asegurarsse que medio Mondoñedo forma parte de la numerosa colonia de bañistas”
(El Ideal Gallego. 19 de agosto).
Ese ano de 1924 foi,
coma todos, un período de nacementos e falecementos, neste último apartado
destaca o do filántropo Eliseo Martínez Pillado, pero iso, iso, amigos e
amigas, xa é outra historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario