Buscar este blog

martes, 19 de noviembre de 2024

A CASA DA MISERICORDIA DE MONDOÑEDO.

 

Don Henrique Cal Pardo, na súa voluminosa obra titulada Episcopologio Mindoniense, ao tratar da figura do bispo mindoniense don Francisco Cuadrillero e Mota destaca, aparte do seu aspecto bondadoso, a caridade practicada, tanto cos monxes franceses chegados a estas costas fuxindo dunha Francia revolucionaria, como cos bebes abandonados para os que crea a Casa Cuna de Mondoñedo e coas mulleres desamparadas dedicadas á prostitución para as que crea a Casa da Misericordia.

Esta casa de recollida de prostitutas quería cumprir dous fins: o primeiro retirar a estas mulleres dese pernicioso oficio e o segundo formalas nun emprego, para que, ao abandonar a citada casa puidesen atopar un traballo alleo ao que viñan realizando.

Esta fórmula tamén se intenta implantar en Ferrol[1], un 20 de agosto de 1783, cando o alcalde, Manuel álvarez Caballero, retomaba a idea, formulada previamente por Xosé Cornide, de crear un hospicio no que recoller aos vagabundos e prostitutas e formalos laboralmente. Buscaba o alcalde a participación do bispo Cuadrillero, pero o exiguo caudal económico do prelado nese momento impídelle participar nel.

Como se trataba ás prostitutas nese Ferrol de mediados do século XVIII?

Na obra que empregamos como base cóntannolo (Martín García, 2004:346) empregando o relato, en primeira persoa, do viaxeiro inglés William Dalrymple, o que, estando en Ferrol contemplaba a escena da expulsión de varias mulleres acusadas de exercer a prostitución “vi echar de la villa a son de tambor a quince mujeres de  mala vida; estaban sentadas en una escalera que llevaban los hombres horizontalmente a hombros, llevaban afeitada la cabeza y las cejas”.

En 1783 o alcalde de Ferrol informaba ao bispo de Mondoñedo ter sentenciado a un grupo de mulleres a vergoña pública e a seis anos de reclusión.

A casa da Misericordia de Mondoñedo estaba instalada nunha fábrica de olandillas ( un tipo de tela confeccionada) que don Lois López Lombardía levantara no barrio mindoniense de San Lázaro aló polo ano de 1740. O bispo Cuadrillero mercará á viúva de Lombardía o citado edificio por 90.000 reais (Cal Pardo, 2003:814) para crear nela a citada casa de acollida.

A de Mondoñedo, tal e como acredita Martín García (2004:348) seguía os mesmos patróns existentes noutros establecementos similares (casa da Galera en Santiago de Compostela ou a Casa de Misericordia de Madrid). Tratábase dun centro que combinaba a reclusión, porque estaban recluídas forzosamente, co aprendizaxe dun traballo que, tralo abandono da reclusión, lles permitise reinsertarse na sociedade e poder vivir sen ter que caer, de novo, no oficio da prostitución. “Durante su estancia en la casa, las mujeres estaban bajo la autoridad de un matrimonio de intachable conducta moral y se les introducía en el aprendizaje del hilado y tejido... El planteamiento de su fundador con este establecimiento era que, una vez cumplida la pena, las muchachas pudieran reintegrarse a la vida en la villa, bien accediendo al matrimonio o bien empleándose como criadas. El propio prelado se congratulaba, en una carta dirigida al alcalde mayor en septiembre de 1783, de que los buenos efectos de esta casa se han experimentado por la reforma de vida de muchas que salieron para tomar estado de matrimonio o para servir con fidelidad y satisfacción de sus amos. Cuadrillero abogaba por evitar que entrasen en ella las reincidentes pues su mal ejemplo podía pervertir a las demás”.

Sobre esta fundación nada máis sabíamos. Descoñecíamos o número de mulleres atendidas, nin o tempo de estadía e, moito menos, o nome dalgunha delas. Pero, de vez en cando, as musas da historia teñen a ben outorgar agasallos.

Esta vez foi nunha busca que levamos a cabo no libro de entrada e saída de enfermos do hospital de San Paulo de Mondoñedo cando nos atopamos con varias mulleres que entraran no citado centro asistencial; nada estraño por outra parte.

Entre os días 28 de xuño de 1782 ata o 6 de marzo de 1784 localizamos un total 13 ingresando no hospital procedentes da Casa da Misericordia. Nada especial, polo menos nun principio.

Para o ano 1782 localizábamos a unha muller, María Teresa Figueroa, da parroquia de Santiago de Lugo, que permanece ingresada 13 días.

Ao ano seguinte, 1783, entraban dúas mulleres:

Xosefa Fernández, natural de Bacoi e de 23 anos de idade, permanece 10 días; filla de nai solteira, Xoana Fernández, veciña de Bacoi, “no supo dar razón de su padre”. Realmente non quixo dar razón de quen era seu pai, porque ela tiña que sabelo, como imos saber nós.

Si era veciña da parroquia de Bacoi e tiña 23 en 1783 tivo que nacer en 1760. Así é, o cura párroco de Bacoi bautizaba, un 23 de abril dese ano, a unha filla de “María Juana Fernandez, soltera, al presente vecina de esta dicha parroquia de Bacoi y oriunda de San Martin de Mondoñedo y de Joseph Marful da Estrella, soltero, vecino de San Martin de Mondoñedo, segun sentencia y espontanea que se me esibio”.

Manuela Lodeira, natural de Sobrado dos Monxes; tras 15 días abandona o hospital. Filla de matrimonio lexítimo, pero seus pais faleceran ambos.

Os datos curiosos comezan a aparecer no ano seguinte, datos que nos dan unha visión, inequívoca, da situación que vivían esas mulleres, probable maltrato físico, na Casa de Misericordia.

Neste ano de 1784 vemos que entran no hospital un total de 10 mulleres, incremento substancial que chama poderosamente a atención. Nun primeiro momento coidamos que se trataría dun accidente, pero, inmediatamente, comprobamos que era outra cousa.

María Valcarce, natural da parroquia de San Nicolau de Vilafranca do Bierzo,filla lexítima e seus pais semellan estar vivos. Entraba o 7 de xaneiro e fuxía, escapando por unha ventá, sete días despois.

Podería tratarse dun feito illado de non ser porque nos meses seguintes prodúcense dúas entradas grupais de mulleres da Casa da Misericordia no hospital de San Paulo.

     Fotografía facilitada por Abel Vigo García, a quen lle agradecemos o detalle.

A primeira delas é o 18 de febreiro, data na que entraban 5 mulleres. Destas  cinco tan só Francisca López, da parroquia de Rúa (filla lexítima e pais defuntos) e Antía Fernández, da parroquia de Bendia (filla natural de don Xoán Saavedra), quedan ingresadas no hospital.

As tres restantes son:

Marta Valcarce, de Vilafranca, e irmá da muller escapada a principios de ano.

Estebana Vidal, de San Pedro de Talla (Santiago de Compostela e pais defuntos).

Xosefa García Villaronte, esta última de Mondoñedo (filla de matrimonio lexítimo e pais vivos).

A tres escapan do hospital, a de Mondoñedo o día 26 de febreiro e as outras dúas o día 1 de marzo.

O día 6 de marzo de 1784 entraba outro grupo de 4 mulleres, das que non se aporta a veciñanza. Dous días despois, o día 8 de marzo, todas elas escapan do hospital.

Moitas interrogantes nos xorden agora, moitas delas relativas ás condicións laborais existentes nesa Casa, ás condicións de vida e persoais polas que pasaban esas mulleres. Mulleres que preferiron escapar cara un futuro incerto e perigoso, senón mortal, antes que seguir vivindo onde estaban.

A Casa da Misericordia de Mondoñedo foi unha boa idea que saíu, como moitas, mal.

 

 

 

 



[1] Para o estudo do fenómeno da prostitución dezaoitesca  véxase a obra que nos sirve de base  Martín García, Alfredo (2004): “Prostitutas, pobres y expósitos. Marginados y excluídos en el Ferrol de finales del Antiguo Régimen”, Semata, 16 :  333-355.

 

LUCES E SOMBRAS SOBRE ELISEO MARTÍNEZ PILLADO.

 

Neste mes de decembro do 2024 terá lugar o primeiro centenario do falecemento de Eliseo Martínez Pillado; por esta razón coidamos necesario publicar unha serie de artigos encamiñados a dar luz sobre esta figura e a da súa esposa Pilar Otero Pillado.

Antes de comezar co tema deste artigo compre explicar, en primeiro lugar, cal foi a impronta que este matrimonio deixou no pobo de Foz.

Tal vez, as novas xeracións descoñezan a estes persoeiros, pero, seguramente, se collen o primeiro apelido de cada un deles verán que forman Martínez Otero; inmediatamente chegarán á conclusión que estamos a falar dun dos colexios privados existentes en Foz, non erran, pero quédanse escasos porque eses dous apelidos dan nome á Fundación Martínez Otero que engloba os dous colexios privados focenses ademais do asilo de anciáns que, a pesar de estar pechado hoxe en día, acolleu a centos e centos de persoas sen recursos.

Este matrimonio sen fillos, pero con descendentes directos pois tanto el como ela tiveron sobriños e irmáns, decide doar os seus bens raíces, mobles e monetarios para a creación da Fundación Martínez Otero, tal e como iremos explicando ao longo desta serie de artigos, da que se beneficiarán un bo número de nenos e nenas focegas, así como anciáns desamparados.

Máis sobre este matrimonio tense construído edificio baseado en falacias, mentiras intencionadas, erros repetidos ao longo do tempo que deron como resultado unha imaxe bastante distorsionada da que, en realidade, tiveron.

Ao longo do século que vai dende o seu falecemento ata hoxe en día fóronse vertendo, e transmitindo oralmente, unha serie afirmacións erróneas (descoñecemos si intencionadamente ou non) que neste artigo intentaremos corrixir.

Sobre o matrimonio, pero en especial sobre Eliseo Martínez Pillado tense dito que:

1.       Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.

2.       Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.

3.       O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.

Na consciencia de que seguramente se dixeron moitas máis cousas sobre este matrimonio intentaremos corrixir as tres anteriores.

Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.

Temos escoitado que Eliseo Martínez prestaba cartos cun alto interese para mercar o gran necesario para a semente ou mercar certas propiedades, tamén se nos dixo que cando ías pagar, en tempo e forma, el convencíate de que non corría présa, que empregases os cartos en comida para os teus fillos. Tamén se oe que cando ías pagar el, curiosamente, non se atopaba na casa nunca, pero cando o prazo legal para pagar pasaba, entón si que aparecía para quedarse coas fincas que se empregaran como aval do préstamo. A bondade recibida cando se lle ía pagar en tempo transformábase en ansia propia dunha rapaz cando o tempo transcorrera.

Practicou Eliseo Martínez a usura? Pois non sabería responder a esta pregunta, polo menos ata que apareza documentación que acredite ou desminta o afirmado na pregunta.

Probablemente practicara a usura, ou non, iso, polo de agora non o sei. O que si sabemos é que non se fixo rico con esas prácticas pois el herdara a riqueza de seu pai.

Seu pai, Francisco Martínez del Río, escribán de profesión, fillo doutro escribán, Antón Martínez, aparece no ano 1848 (contaba Eliseo Martínez con seis anos) como o maior contribuínte de todo o concello de Foz. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1848, 13 de decembro) así nolo di pois na relación de maiores contribuíntes aparecen: Francisco Martínez del Río, de Foz, pagando 1.548 pesetas; Antón Fernández, de Foz, pagaba 1.076; Francisco Mon, de Santa Cilla, 1.057; AntónPillado, de Nois, 913; Xosé Alonso Ramos, de Vilaronte, 861; Xaquín Fernández Pedrosa, de Fazouro, 743; Francisco Legaspi, de Santa Cilla, 496; Andrés López, de Foz, 472, Xosé Maañón, de Foz, 452; Manuel Louredo, de Cangas, 409; Nicasio Solveira, de Nois, 405 e Ramón Legaspi, de Santa Cilla, 404.

Nese mesmo ano de 1848, e para oficiar os actos fúnebres polo falecemento da súa esposa, Francisco Martínez “convocó a toda la clerecía del pais para solemnizar sus funebres funciones y acudieron treinta y uno, incluso el parroco que las celebraron segun el rito”. Poder pagar a asistencia de 31 sacerdotes, ademais de ordenar un cabodano coa participación de 10 sacerdotes, descargar mil misas pola ánima da súa esposa e doar mil reais aos pobres xa nos está a falar dunha posición económica bastante desafogada.

Situación da que fai gala cando o párroco de Foz, don Fruto Xosé Sarceda, lle pregunta, pasados dous meses do falecemento, si xa se dixeran as misas, Francisco Martínez presenta os recibos de ter dado todas as misas encargadas “advirtiendo qu elos 2.000 reales que ofreció dar de limosna, los elevó a 3.962”.

Mencionada posición que lle permite mercar entre os anos 1849 a 1861 un amplo número de propiedades, tanto rurais como urbanas.

No ano 1865, na lista composta polos cincuenta maiores contribuíntes de provincia de Lugo por territorial, aparecen dous homes en Foz: Francisco Martínez del Rio e Francisco Antón Pillado, dito doutra maneira, os maiores contribuíntes son o pai de Eliseo e seu avó materno. En 1871, nesa lista de cincuenta maiores contribuíntes da provincia, por territorial, volve aparecer Francisco Martínez, co número 34.

Esta desafogada posición económica é a que lle permite a Eliseo poder estudar en Monforte (1854-1867), posteriormente en Santiago (1860-64) e, finalmente, na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid (1964-65). Tres anos despois de rematar os estudos, entre 1868 e 1871, rexentará o cargo de administrador de rendas do fielato de Foz. Entre 1879 a 1882 e 1894 a 1897 ocupará o cargo de alcalde, así como o de deputado provincial. Descoñecemos o que cobraba por exercer este último cargo pero sabemos que no ano 1888 (El Eco de Galicia, 13 de febreiro) doara aos presos do cárcere de Ribadeo a cantidade de 120 pesetas, o equivalente ás dietas do mes de decembro do ano anterior.

No primeiro testamento outorgado por Eliseo Martínez, deixalle á súa dona todos os bens que mercasen durante o matrimonio, ademais de  los correspondientes de sus recordados señores padres que radican en dicho partido de Mondoñedo y en los de esta capital (Estase a referir á cidade da Coruña), Rivadeo, Vivero y Villalba”, polo tanto xa tiña unha riqueza adquirida por parte familiar.

Amosa tamén a súa riqueza cando, tal e como se recolle na prensa (Correo Gallego, 1899, 31 de outubro), paga do seu propio peto os gastos ocasionados polas obras da traída de auga para o barrio de Marzán (Foz).

Queda logo claro que Eliseo xa herdara riqueza, que el incrementará cos seus negocios e polo seu matrimonio con Pilar Otero.

Non necesitaba da usura para facerse rico, xa o era; aínda que iso non quere dicir que non empregase a usura nos seus negocios.

Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.

Tampouco é correcta esta afirmación.

Se alguén se toma a molestia de consultar a relación testamentaria deste matrimonio verán que realizaron cinco testamentos: o de 1880, 1904, 1905 e 1909 cada un o seu e o de 1925, realizado por Pilar Otero trala morte do seu marido.

O primeiro é un testamento convencional no que o marido lega sobre a esposa e viceversa.

No de 1904 xa se menciona unha doazón de 12.000 pesetas para os pobres, cada un dos esposos, polo tanto son 24.000, cantidade considerable.

No testamento do ano 1904 xa aparece o desexo de fundar un asilo para pobres desamparados en Foz, aínda faltaban 20 anos para o seu falecemento. No do ano 1905 aparte do asilo xa aparece un colexio de nenos. Ambas fundacións perfílanse, dunha maneira máis clara, no testamento do ano 1909. Aínda lles faltaban 15 e 16 anos, respectivamente, para falecer; polo tanto o desexo de crear unha Fundación benéfico-docente en Foz, por parte deste matrimonio, non responde ao desexo, de última hora, de expiar polos pecados cometidos senón que era un desexo que tiñan ambos e que irán perfeccionando nos distintos testamentos que outorgan.

A única fundación de última hora é o colexio de nenas da Nosa Señora do Pilar, que aparece no testamento de 1925 e condicionada a súa construción á existencia de sobrantes, ou non, do asilo de anciáns desamparados.


O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.


Tampouco é certa esta afirmación se temos en conta os distintos testamentos.

No redactado en 1904 estipulan ambos contraentes o seu desexo de ser amortuxados “con el hábito de San Francisco, en caja de madera, cubierta de bayeta negra y sin lujo, ni pompa, ni adorno alguno. Que se le dé sepultura cristiana en el cementerio de la parroquial de Santiago de Foz, en el punto ya designado para el testador, su esposa y familia suya colocando las cruces respectivas, con sus correspondientes inscripciones” o que nos fai pensar en que ían ser soterrados en terra.

Designan o único cemiterio existente, o que estaba a carón da igrexa parroquial, porque o cemiterio do Pico do Castro aínda estaba o proxecto en estudo. Proxecto que compartían e no que deciden participar doando a cantidade de 10.000 pesetas “destinadas a la construcción de un cementerio en la villa de Foz, y lega, además, el terreno que fuese preciso y conviniese hacerlo en alguno de su propiedad. Dispone se haga un panteón sencillo, para que en el descansen los restos de su esposa, Doña Pilar Otero, los suyos, los de sus padres, los de su hermano ... Si el testador, o su esposa, falleciesen fuera de la villa de Foz, quiere y solicita de sus cumplidores trasladen los restos de donde hubieren sido sepultados sus cadáveres al cementerio de Foz y al panteón indicado”.

Polo tanto eles contaban, mellor dito, desexaban, ser soterrados no cemiterio de Foz. No testamento de 1909 estipulan que, en caso de non estar establecido legalmente o cemiterio que lles dean sepultura no de San Cosme de Barreiros, onde tiña Eliseo nicho familiar.

Descoñecemos cal foi a razón pola cal Eliseo e o alcalde de Foz, Reimunde Acevedo, se enfrontaron polo tema do cemiterio; o certo é que nun principio estiveron xuntos na elección dos terreos pero, posteriormente, acabaron enfrontándose.

Quedan estas palabras escritas aquí para desmentir, cando non erradicar, esas historias que pasaron oralmente de xeración en xeración ata converterse nunha lenda negra que se cerne sobre este matrimonio.