Don Henrique Cal Pardo, na súa voluminosa obra titulada Episcopologio Mindoniense, ao tratar da figura do bispo mindoniense don Francisco Cuadrillero e Mota destaca, aparte do seu aspecto bondadoso, a caridade practicada, tanto cos monxes franceses chegados a estas costas fuxindo dunha Francia revolucionaria, como cos bebes abandonados para os que crea a Casa Cuna de Mondoñedo e coas mulleres desamparadas dedicadas á prostitución para as que crea a Casa da Misericordia.
Esta casa de recollida de prostitutas quería cumprir dous
fins: o primeiro retirar a estas mulleres dese pernicioso oficio e o segundo
formalas nun emprego, para que, ao abandonar a citada casa puidesen atopar un
traballo alleo ao que viñan realizando.
Esta fórmula tamén se intenta implantar en Ferrol[1],
un 20 de agosto de 1783, cando o alcalde, Manuel álvarez Caballero, retomaba a
idea, formulada previamente por Xosé Cornide, de crear un hospicio no que
recoller aos vagabundos e prostitutas e formalos laboralmente. Buscaba o
alcalde a participación do bispo Cuadrillero, pero o exiguo caudal económico do
prelado nese momento impídelle participar nel.
Como se trataba ás prostitutas nese Ferrol de mediados do
século XVIII?
Na obra que empregamos como base cóntannolo (Martín
García, 2004:346) empregando o relato, en primeira persoa, do viaxeiro inglés
William Dalrymple, o que, estando en Ferrol contemplaba a escena da expulsión
de varias mulleres acusadas de exercer a prostitución “vi echar de la villa a son de tambor a quince mujeres de mala vida; estaban sentadas en una escalera
que llevaban los hombres horizontalmente a hombros, llevaban afeitada la cabeza
y las cejas”.
En 1783 o alcalde de Ferrol informaba ao bispo de
Mondoñedo ter sentenciado a un grupo de mulleres a vergoña pública e a seis
anos de reclusión.
A casa da Misericordia de Mondoñedo estaba instalada
nunha fábrica de olandillas ( un tipo de tela confeccionada) que don Lois López
Lombardía levantara no barrio mindoniense de San Lázaro aló polo ano de 1740. O
bispo Cuadrillero mercará á viúva de Lombardía o citado edificio por 90.000
reais (Cal Pardo, 2003:814) para crear nela a citada casa de acollida.
A de Mondoñedo, tal e como acredita Martín García
(2004:348) seguía os mesmos patróns existentes noutros establecementos
similares (casa da Galera en Santiago de Compostela ou a Casa de Misericordia
de Madrid). Tratábase dun centro que combinaba a reclusión, porque estaban
recluídas forzosamente, co aprendizaxe dun traballo que, tralo abandono da
reclusión, lles permitise reinsertarse na sociedade e poder vivir sen ter que
caer, de novo, no oficio da prostitución. “Durante
su estancia en la casa, las mujeres estaban bajo la autoridad de un matrimonio
de intachable conducta moral y se les introducía en el aprendizaje del hilado y
tejido... El planteamiento de su fundador con este establecimiento era que, una
vez cumplida la pena, las muchachas pudieran reintegrarse a la vida en la villa,
bien accediendo al matrimonio o bien empleándose como criadas. El propio
prelado se congratulaba, en una carta dirigida al alcalde mayor en septiembre
de 1783, de que los buenos efectos de esta casa se han experimentado por la
reforma de vida de muchas que salieron para tomar estado de matrimonio o para
servir con fidelidad y satisfacción de sus amos. Cuadrillero abogaba por evitar
que entrasen en ella las reincidentes pues su mal ejemplo podía pervertir a las
demás”.
Sobre esta fundación nada máis sabíamos. Descoñecíamos o
número de mulleres atendidas, nin o tempo de estadía e, moito menos, o nome
dalgunha delas. Pero, de vez en cando, as musas da historia teñen a ben
outorgar agasallos.
Esta vez foi nunha busca que levamos a cabo no libro de
entrada e saída de enfermos do hospital de San Paulo de Mondoñedo cando nos
atopamos con varias mulleres que entraran no citado centro asistencial; nada
estraño por outra parte.
Entre os días 28 de xuño de 1782 ata o 6 de marzo de 1784
localizamos un total 13 ingresando no hospital procedentes da Casa da
Misericordia. Nada especial, polo menos nun principio.
Para o ano 1782 localizábamos a unha muller, María Teresa
Figueroa, da parroquia de Santiago de Lugo, que permanece ingresada 13 días.
Ao ano seguinte, 1783, entraban dúas mulleres:
Xosefa Fernández, natural de Bacoi e de 23 anos de idade,
permanece 10 días; filla de nai solteira, Xoana Fernández, veciña de Bacoi, “no supo dar razón de su padre”.
Realmente non quixo dar razón de quen era seu pai, porque ela tiña que sabelo,
como imos saber nós.
Si era veciña da parroquia de Bacoi e tiña 23 en 1783
tivo que nacer en 1760. Así é, o cura párroco de Bacoi bautizaba, un 23 de
abril dese ano, a unha filla de “María
Juana Fernandez, soltera, al presente vecina de esta dicha parroquia de Bacoi y
oriunda de San Martin de Mondoñedo y de Joseph Marful da Estrella, soltero,
vecino de San Martin de Mondoñedo, segun sentencia y espontanea que se me
esibio”.
Manuela Lodeira, natural de Sobrado dos Monxes; tras 15
días abandona o hospital. Filla de matrimonio lexítimo, pero seus pais
faleceran ambos.
Os datos curiosos comezan a aparecer no ano seguinte,
datos que nos dan unha visión, inequívoca, da situación que vivían esas
mulleres, probable maltrato físico, na Casa de Misericordia.
Neste ano de 1784 vemos que entran no hospital un total
de 10 mulleres, incremento substancial que chama poderosamente a atención. Nun
primeiro momento coidamos que se trataría dun accidente, pero, inmediatamente,
comprobamos que era outra cousa.
María Valcarce, natural da parroquia de San Nicolau de
Vilafranca do Bierzo,filla lexítima e seus pais semellan estar vivos. Entraba o
7 de xaneiro e fuxía, escapando por unha ventá, sete días despois.
Podería tratarse dun feito illado de non ser porque nos
meses seguintes prodúcense dúas entradas grupais de mulleres da Casa da
Misericordia no hospital de San Paulo.
Fotografía facilitada por Abel Vigo García, a quen lle agradecemos o detalle.
A primeira delas é o 18 de febreiro, data na que entraban
5 mulleres. Destas cinco tan só
Francisca López, da parroquia de Rúa (filla lexítima e pais defuntos) e Antía
Fernández, da parroquia de Bendia (filla natural de don Xoán Saavedra), quedan
ingresadas no hospital.
As tres restantes son:
Marta Valcarce, de Vilafranca, e irmá da muller escapada
a principios de ano.
Estebana Vidal, de San Pedro de Talla (Santiago de
Compostela e pais defuntos).
Xosefa García Villaronte, esta última de Mondoñedo (filla
de matrimonio lexítimo e pais vivos).
A tres escapan do hospital, a de Mondoñedo o día 26 de
febreiro e as outras dúas o día 1 de marzo.
O día 6 de marzo de 1784 entraba outro grupo de 4
mulleres, das que non se aporta a veciñanza. Dous días despois, o día 8 de
marzo, todas elas escapan do hospital.
Moitas interrogantes nos xorden agora, moitas delas
relativas ás condicións laborais existentes nesa Casa, ás condicións de vida e
persoais polas que pasaban esas mulleres. Mulleres que preferiron escapar cara
un futuro incerto e perigoso, senón mortal, antes que seguir vivindo onde
estaban.
A Casa da Misericordia de Mondoñedo foi unha boa idea que
saíu, como moitas, mal.
[1]
Para o estudo do fenómeno da prostitución
dezaoitesca véxase a obra que nos sirve
de base Martín García, Alfredo (2004):
“Prostitutas, pobres y expósitos. Marginados y excluídos en el Ferrol de
finales del Antiguo Régimen”, Semata,
16 : 333-355.
No hay comentarios:
Publicar un comentario