Buscar este blog

jueves, 9 de abril de 2026

UN XORNAL DE FOZ: DESPERTAR. 1936.


    Estado actual da casa de Francisco Calvo Jarrín, onde nace o Despertar.

Resulta moi difícil escribir sobre un xornal que nunca se tivo a sorte de poder ler. Supoño que en Foz son moi poucos, se é que hai alguén, os que teñan no seu poder un exemplar do xornal Despertar, publicado en Foz entre os meses de abril e xullo de 1936.

Se consultamos na internet, a información existente sobre este xornal resulta bastante escasa. Un breve resumo na Wikipedia e un interesante artigo de Miguel Somovilla publicaba (23 de setembro de 2018) titulado “Despertar era un sueño” (https://miguelsomovilla.com/2018/09/23/despertar-era-un-sueno/) , pero pouco máis nos imos atopar.

Consultando na prensa da época, que existe dixitalizada, podemos sacar algún que outro dato que nos permitan ter un maior coñecemento dos homes que formaron parte do equipo de redacción. Así mesmo, os mesmos xornais consultados, darannos conta dos inimigos que este xornal tivo, a pesar de ter unha vida ben curta.

Cando sae á rúa por primeira vez o xornal Despertar?

Sabemos que foi no mes de abril, podemos afinar máis, entre os días 7 e 11 de abril.

No xornal El Pueblo Gallego (1936,7 de abril) podíamos ler “uno de estos días comenzará a publicarse en Foz un semanario republicano que llevará por título Despertar”. Catro días despois, no xornal Las Riberas del Eo (1936,11 de abril) podemos ler como un exemplar dese xornal chegara á redacción do xornal ribadense “el primer número del semanario Despertar, que ve la luz pública en la villa de Foz y es órgano del Comité de Salud Pública”.

O xornal El  Progreso de Lugo (1936,9 de abril) afondaba máis na historia do novo xornal que nacía en Foz, informándonos que estaba integrado “por un grupo de jóvenes deseosos de poner al primer puerto de cabotaje de la provincia a la altura que le corresponde”. Remataba a nota desexándolle unha longa e próspera vida; tendo en conta que o xornal viviu catro meses podemos dicir que El Progreso errou no seu desexo.

Miguel Somovilla infórmanos no seu artigo do blog que este xornal fora “impreso en los talleres Etelvino Méndez de Ribadeo y dirigido por Francisco Calvo Jarrín. Deduzco, a juzgar por su periodicidad, que apenas superó una quincena de números a lo largo de su efímera existencia”.

Que persoas formaban parte dese grupo de xoves  desexosos que mencionaba o Progreso de Lugo?

O equipo de redacción estaba composto polos seguintes persoeiros: o seu director era Francisco Calvo Jarrín, ao que acompañaban Francisco Maañón Couto, Ramón Salgado Toimil, Antón Noriega Varela, Cándido Fanego López-Leitón e Segundo Vázquez López; salvo o mencionado director, do que non puidemos saber a súa afiliación política, todos os demais formaron de Falanxe Española.

Deixando aparte a Noriega Varela, do cal descoñecemos a súa data de afiliación a ese partido, podemos dicir que Francisco Maañón e Segundo Vázquez López forman parte do grupo de 7 persoas que fundan, o 1 de marzo de 1936, a sección focega de Falanxe Española. Cándido Fanego López-Leitón afiliábase en maio de 1936 e Ramón Salgado Toimil no mes de xuño dese mesmo ano. Polo tanto, e salvo o director, dos catro compoñentes focenses dese xornal tres afiliáranse á Falanxe antes da creación do xornal e Salgado Toimil dous meses despois. 

Director: Francisco Calvo Jarrín.

Nado en Foz no ano 1911 onde falecerá en 1966. Era fillo de Francisco Calvo González e de Elvira Jarrín Sanmartín, esta última rexentaba un comercio en Foz e era a cabeza da familia tralo falecemento do seu marido en 1933.

Francisco Calvo Jarrín e Francisco Maañón Couto coñecíanse da súa época de estudantes de bacharelato no Instituto de Lugo, curso que rematan en novembro de 1927. O primeiro era alumno do mestre Ramón Salgado Toimil e o segundo do tamén mestre Antón Goy.

En 1928 vemos como Francisco Calvo obtiña o grao de mestre en Santiago de Compostela con moi boas notas (El Pueblo Gallego. 1928, 6 de outubro).

Os dous Franciscos, Calvo e Maañón, tamén coincidiran, polo menos en 1934, no Cadro Artístico da Sociedade Cultural Deportiva Focense dirixida polo vista de aduanas Eduardo Abril Carnicero. En decembro dese ano representaran unha obra en Foz recollendo sonoros aplausos “hacemos extensiva a su director don Eduardo Abril y a sus colaboradores señores Francisco Calvo y Francisco Maañón, para que con todo entusiasmo sigan la labor artística emprendida”(El Pueblo Gallego 1934, 25 de decembro).

Francisco Calvo exercerá como mestre na escola de nenos de Nespereira (Carballido, Alfoz) no ano 1930. En 1931 xa o vemos rexentando a escola de nenos de Santa Cilla, na que permanece, polo menos, ata o ano 1940, data na que ingresaba no hospital psiquiátrico de San Xoán de Deus de Palencia (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1940, 6 de maio).

Colaborador: Francisco Maañón Couto.

Resulta moi difícil compendiar toda a labor deste home. Podemos dicir que era fillo de Francisco Maañón López (un dos fundadores do Pósito de Pescadores de Foz) e de Euxenia Couto e que nacera o 18 de febreiro de 1911.

Con 25 anos fundaba, xunto con outros seis homes cuxas idades ían entre os 19 e os 29 anos, o día 1 de marzo de 1936 a Sección Focega de Falanxe Española, da que será, primeiro, secretario e, posteriormente, presidente e Xefe Local do Movemento.

Antes da súa colaboración no xornal Despertar vémolo escribindo no xornal Las Ribeas del Eo (1936, 22 de febreiro) un artigo que desprendía cansancio cos partidos existentes e rabia pola acción, constante no tempo, dos caciques de dereitas.

Tanto polo abultado das obras realizadas durante o seu período de alcalde como por outras labores realizadas en prol da cultura e do desenrolo económico de Foz deberíamos dedicarlle un capítulo aparte (algo que faremos con posterioridade).

 Colaborador: Ramón Salgado Toimil.

Acontece con este mestre o mesmo que con Francisco Maañón Couto, que merece un artigo aparte. Polo de agora podemos dicir que era o colaborador deste xornal de maior idade o que o convertería, ao noso entender, no referente e guía do proxecto.

Colaborador: Segundo Vázquez López.

Seu pai, Constantino Vázquez Palmeiro rexentaba unha tenda de ferraxaría e quincalla na praza de Foz.

Segundo formara parte dos sete fundadores de Falanxe de Foz. Tralo golpe militar e co comezo da Guerra Civil marcha voluntario a loitar, atopando a morte na fronte de Teruel.

A principios de marzo chegaba a Foz a noticia do seu falecemento o día 19 de febreiro “La Falange, de la cual era secretario, ya con anterioridad al Movimiento, y uno de sus fundadores, izó las banderas nacional y rojinegra a media asta, como igualmente el ayuntamiento, en homenaje póstumo al camarada caído.

En las escuadras de la calle fue  uno de los primeros, siendo también el primero escogido de Dios para juntarse a las legiones azules de los héroes caídos” (Vallibria. 1938, 6 de marzo).

Cando se cumpría un ano do seu falecemento a prensa faise eco desa efeméride, e nun deses xornais podemos ler que o definían como “pluma batalladora del semanario Despertar” (Vallibria. 1939, 4 de marzo).

Colaborador: Cándido Fanego López-Leitón.

Sabemos que en maio de 1936 tiña 25 anos, traballaba como chofer e era natural da parroquia de Santiago de Foz. No mes de outubro dese ano vémolo formando parte do cadro artístico da Cultural Deportiva Focense representando unha obra teatral no Teatro Cageao, dirixido polo vista de Aduanas, Eduardo Abril.

Falecía, como o anterior colaborador, en combate. O seu falecemento tivera lugar en Serós (Lleida) ás once da noite do 7 de novembro de 1938 cando unha ráfaga de metralladora o mata. O seu cadáver non aparecerá nunca, supoñemos que quedou nunha das moitas foxas comúns de soldados falecidos.

Na prensa do 26 de maio de 1939 podemos ler o panexírico dedicado a este home, falecido mentres combatía “por tierras catalanas ibas cumpliendo uno de tantos servicios de transmisiones de los cuales podía depender una victoria, fuiste sorprendido por el enemigo”. Sinalaba o autor do panexírico que Cándido Fanego profesaba un amor sen igual  ao seu pobo de Foz, “uno de tus grandes amores, como tantas veces demostraste en tus colaboraciones desde “Despertar” y desde “La Cultural Deportiva Focense”, de la cual eras su “ala Paredes”, que así te llamaban, así como desde el Cuadro de Declamación, en el cual tantas veces revelaste tu alma de artista” (El Progreso de Lugo. 1939, 26 de maio).

Cando se escribe en prensa, e sobre todo nos artigos de opinión, sóense crear inimigos pois sempre haberá alguén que non pense coma ti, algo moi normal,  por outra parte.

Un deses inimigos cos que se atoparon os redactores do Despertar foi Nenanda.

Baixo este pseudónimo asinaba un correspondente do xornal Las Riberas del Eo. Con ese pseudónimo vémolo asinando un artigo en Ribadeo no mes de xuño de  1933. En maio de 1934 asinaba outro artigo onde falaba do pouco que cobraban os traballadores e para informarse dinos “que no es preciso, ni mucho menos, que salga de Ribadeo” e busca peóns que traballaban nas obras do porto de Ribadeo así como mariñeiros da vila.

No mes de xaneiro de 1935, volvía a tocar o tema do paro obreiro en Ribadeo “hemos cooperado, en medida de nuestras fuerzas a remediar esta situación de hambre, que con caracteres alarmantes parece dispuesta a enseñorearse de Ribadeo”.

En abril de 1936, atopándose circunstancialmente en Foz, remite ao xornal Las Riberas del Eo un contundente artigo en contra dos redactores do xornal Despertar. Como tan só temos o testemuño dunha das partes non podemos saber exactamente que acontecera.

Parece ser que Nenanda escribira un artigo sobre o xornal Despertar ao que acusaba, ao parecer, de ser localista e non tocar temas doutros concellos. Dende o novo xornal focego sacan unha editorial criticando o artigo de Nenanda e ao propio autor, afirmando que debaixo dese pseudónimo se esconde un membro do consistorio focego.

Nenanda respondíalles dende La Riberas que os redactores do Despertar o confundían con “algún munícipe straperlista, tal vez, de los “buenos” tiempos radical cedistas, que no volverán ... pero no, yo no soy ese personaje” (Las Riberas del Eo, 1936, 9 de maio).

Entre as críticas vertidas polo Despertar figuraba unha na que comparaban ambos xornais. A esa afirmación Nenanda respondía que non se poden comparar porque un leva 50 anos exercendo e outro acaba de nacer.

Un novo artigo de Nenanda (Las Riberas del Eo, 1936, 9 de maio) volve a facer fincapé no tema de que os do Despertar insisten en atacalo.

Descoñecemos como rematou o enfrontamento entre ambos xornalistas, supoñemos que a desaparición do Despertar, en xullo de 1936, debeu de acabar coa disputa. Pero queremos facer fincapé aquí na nota que axuntaba a dirección do xornal Las Riberas del Eo (1936, 9 de maio) ao artigo de Nenanda, por ser, como é, un exemplo de calma, tan necesaria, nos tempos convulsos onde prima a polarización e o enfrontamento “Al mismo tiempo queremos hacer constar, que es mejor pasar por alto estas cuestiones que no conducen a nada práctico. La misión de los periódicos es muy otra. Ya lo saben nuestros colaboradores. Vivimos unos momentos difíciles de la Historia, que todos debemos aprovechar para unión y prosperidad de los pueblos”.

Outro inimigo do xornal Despertar foi Xosé Mel Pérez, pero non na súa faceta de médico senón na de político e alcalde.

Nos meses de setembro e outubro de 1937 a Xosé Mel ábreselle un expediente sancionador e entre as testemuñas que declaran, tanto ao seu favor, poucas, como na súa contra, estaba o xefe local de  Falanxe, Francisco Maañón Couto. Este dinos que Xosé Mel “fue fundador y presidente del primer Comité Republicano antes del advenimiento de la República en esta villa. Primer Alcalde-Gestor republicano; presidente fundador de Alianza Republicana y de los comités Radical, Unión Republicana e Izquierda Republicana … Gestionó el nombramietno de Delegado Gubernativo para la elecciones del 16 de febrero al destacado e irresponsable dirigente marxista, expulsado de Cuba por comunista, Manuel Camba Costa” (Arquivo Intermedio Militar Noroeste. Ferrol. Causa 4-119-37. Documentos 10,11,30,33,35,36,37,38,45).

Polo que concirne ao Despertar, podemos ler como o xefe local de Falanxe o acusaba de atacar a ese xornal “denunció y persiguió a los elementos de Falange, sobre todo a los redactores del semanario local Despertar, a los cuales denunció al gobernador Fernández Vega, acusándoles de fascistas y haber repartido hojas contra Casares Quiroga el día del mitin y en otras ocasiones”. Se temos en conta que dos seis redactores do Despertar cinco eran falanxistas, tal vez, non deberían de tomar a mal os redactores que os cualifiquen de fascistas.

Xosé Mel respondía que “leía el semanario Despertar, por ser el periódico de la Villa, si bien no persiguió a los redactores del mismo”.

Agardamos agora, como o facía Miguel Somovilla no seu artigo, que nun futuro poidamos ter acceso a algún exemplar do xornal Despertar para descubrir, de primeira man, cal era o ambiente que se vivía en Foz neses meses previos á Guerra Civil.

 

Se algún lector ou lectora quere facerme algunha corrección, pregunta, suxestión ou facilitar algún tipo de información pode facelo no seguinte correo: cronistadefoz@gmail.com