Algunha que outra vez, cando me
canso de andar por este terreal mundo, gústame ir pasear pola Galicia Encantada
de Antón Reigosa, actual cronista oficial de Mondoñedo. Nela abundan historias
das que me gustan, se vos van as historias de diaños, bruxas, encantamentos,
lendas, monstros ou videntes.
Hai pouco tempo, tal vez un mes,
parei nunha lenda que me retornou á miña mocidade. Antón Reigosa confesa que
tivo coñecemento desta historia grazas a Paco Piñeiro. Este entusiasta do
teatro e da cultura mariñán pasoulle o artigo que escribira no xornal La Correspondencia Gallega, aló polo ano
1907, Xosé Candia Villares, secretario do concello de Foz. O artigo titúlase El diablo en Santa Cecilia. Era unha historia que eu xa coñecía, aínda que
con outro nome: O demo maior de Madroi.
Lémbrome do día en que me contaron
esta lenda. Era unha tarde de verán, víñamos de Santa Cilla nunha motocicleta,
de visitar a unhas tías do que me narrou a historia.
Detivémonos diante dunha casa
solitaria e preguntoume se coñecía a historia, que non lenda, do demo maior de
Madroi. Non hai mellor maneira de reter na mente unha historia que cando cha
contan fronte á casa na que tiveron lugar os feitos, cando se está a ir a luz
do sol.
A lenda fala dunha casa na que
vivía un matrimonio con varios fillos, todo era normal ata que un día de noite
sentiron como caían pedras pola cheminea, pensaron que eran nenos facendo trasnadas
e saíron fóra para berrarlles, mais alí non había ninguén. Á noite seguinte
outra vez o mesmo, choiva de pedras que, casualmente, ían case todas á muller
da casa.
Avisados os veciños acudiron á
seguinte noite para, entre todos, acabar coas trasnadas. Comezou a chover
pedras pola cheminea e un veciño, desprezando aos outros polo medo que tiñan,
entrou na casa pero unha pedra pegoulle con tal forza que o tombou.
Cando os veciños entraron dentro
da casa puideron ver como unhas mazorgas de millo saían voando cara a muller da
casa e como un cesto de vimbio saltaba cara o lume da lareira. Un veciño sácao
antes de que se queime, retírao ao fondo da cociña, pero nada, o cesto sae
voando cara o lume. Os veciños asustados empezaron a rezar e uns saíron á
procura do cura.
Outra noite os moradores da casa
foron perseguidos por útiles de cociña que voaban e ían cara eles, refuxiáronse
na corte das vacas e os coitelos craváronse na porta da corte.
Para rematar con todo isto os
moradores da casa chamaron ao cura e contáronlle o caso. O párroco aseguroulles que a casa estaba habitada polo
demo maior, que non é un demo calquera, senón un de gran importancia, por non
dicir o mesmo diaño. Ante as súplicas dos moradores e dos veciños o cura sacou
un libro de ler do dereito e do revés e leu do dereito e do revés e o demo
maior marchou de Madroi.
Se ben é certo que este final é
moi bonito gústame moito máis o do artigo de Xosé Candia Villares. Segundo o
secretario municipal estes sucesos paranormais tiveron a súa orixe na
desaparición dun mandil pertencente á dona da casa. Despois de varios días buscándoo
por tódolos lados viu como unha veciña, que pasaba preto da casa, levaba o seu
mandil. A dona da casa corre cara a veciña esixíndolle que lle devolvese o
mandil, a veciña resposta que non pensa devolver nada porque o mandil é dela,
que non llo roubou a ninguén. Mais a dona da casa pelexa por arrancarllo,
persíguea, golpéaa e ao final arráncalle o mandil.
A veciña acaba tirada no chan,
sangrando polas narices, humillada diante dos veciños que contemplaban a escena,
pois aparte de ser golpeada foi acusada de ladroa, entón, chea de carraxe,
levanta o seu dedo cara a dona da casa e dille: “Queira Deus que como ti viñeches tras de min e me pegaches, e me
quítalo mandil, que é meu, e me humillas así ande o demo tras de ti e che pegue
e te humille ata que me devolvas o mandil e eu che perdoe”. E así
aconteceu, os fenómenos estraños remataron cando a dona da casa foi visitala
súa veciña para devolverlle o mandil e
suplicarlle o seu perdón.
Gústame máis esta versión do final
porque me lembra unha historia que me contara unha vez Xosefa Canoura Ramos.
Esta veciña de Santo Acisclo contárame que na súa parroquia había unha muller
que era capaz de mover as cousas coa mente. Esta muller, viúva, estaba encamada
por unha enfermidade. Coidábaa a súa
única filla, unha rapariga nova e moi fermosa á que visitaban pretendentes. A
nai, que estaba no piso superior, oía falar aos pretendentes cando viñan a
visitala súa filla e se algún non lle gustaba os cestos voaban e as espigas de
millo perseguían aos pretendentes ata que a filla berraba: ¡Queres parar quieta dunha vez, mamá!.
Entón todo paraba e o pretendente saía zumbando.
Existiría algunha vez esta muller?.
Se alguén quere lela historia do Demo de Santa Cilla podédelo facer na
páxina de Antón Reigosa : http://www.galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=14&id=2323
Non é esta a única noticia que
temos de fenómenos estraños no noso concello, pois un amigo fálanos de que lle
soaba ter lido no xornal O Guerrilleiro,
do Valadouro, un artigo sobre fenómenos estraños en Vilaronte. Non atopamos esa
noticia pero si outra que sae no xornal El
Progreso, na que se pode ler: “un
periódico de este valle da la noticia de que en Villaronte, estando en la
agonía un vecino de aquella parroquia se oyeron debajo de la cama donde estaba
tan duros golpes que destrozaron varios pontones á pesar de su excelente estado
de conservación y sin poder ver persona alguna.
Como desde hace una temporada vienen notándose cosas raras en la indicada
parroquia y limítrofes, nadie se preocupa de ellas mas que para lamentar que
haya personas que alienten supersticiones
siempre ridículas y mucho más censurables cuando se utilizan para
propagarlas, momentos tan tristes como el que refiere el mencionado periódico”. (El Progreso, 1909, 16 de xaneiro).
No periódico La Voz de la Verdad (1912, 16 de xullo) leemos outro artigo
referente a estes fenómenos. Esta vez teñen lugar “en la casa rectoral de San Martín de Mondoñedo hace
tiempo vienen advirtiéndose ruidos extraños que por su persistencia
llegaron a producir gran alarma en aquel
vecindario.
Semejan tales ruidos el que produce una persona
paseando en las habitaciones, y por más que se busca con insistencia la causa
de esos fenómenos, es lo cierto que se desconoce por ahora. El párroco puso el
hecho en conocimiento del Ilmo. Sr Obispo.”
Seguro que hai moitos máis sucesos
paranormais no noso concello e que os lectores saben moitas máis historias
deste tipo, nos tamén e contarémolas en outra ocasión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario