Buscar este blog

martes, 27 de junio de 2023

RECUPERANDO A FEIRA DE GANDO DA ESPIÑEIRA.

 


https://www.google.com/search?q=fotografias+ferias+galicia&rlz=1C1GCEA_enES1042ES1042&oq=fotografias+ferias+galicia&aqs=chrome..69i57j0i546l3.8279j0j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8#imgrc=dFA0KV8vciNsdM&imgdii=bH7TECiTdJHibM

Se consultamos a prensa recente seremos quen de saber que a recuperación da Feira da Espiñeira ten lugar no ano 1998 e tras dúas décadas sen celebrarse; pero as raíces desta feira son moito máis fondas do que se poda pensar.  

O cronista oficial de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar, publicaba no xornal El Progreso (1911, 3 de novembro) un artigo titulado “Ferias y mercados de la Provincia de Mondoñedo”. Nel transcribíase un documento redactado polo concello mindoniense no ano 1789 sobre as feiras existentes na Provincia de Mondoñedo. Con respecto ao concello de Foz menciónanse a que se celebraba os días 11 e 12 de novembro no lugar de Ferreiravella (parroquia de San Martiño); a que se celebraba en Foz coincidindo coa festividade de San Brais e outra que se celebraba “en el sitio de la barca de la Espiñeira, que era antigua, libre de impuestos  y duraba también los tres meses de la primavera”. Nese mesmo documento tamén se fai mención a unha serie de mercados semanais pero, curiosamente, non menciona o que se celebraba todos os martes en Foz e que xa aparece recollido no catastro do marqués de la Ensenada, de 1753.

Neste mesmo catastro tamén aparece unha mención á feira da Espiñeira, que se celebrabael dia diez de cada mes, a excepcion del de noviembre en el sitio de Menxaboi, en la que por ser libire no proviene utilidad alguna a los vecinos”. Con esta última frase o que se quere dicir é que como non se cobraba imposto ningún non repercute economicamente nas arcas municipais.

Orixinalmente o día da feira era o 10 de cada mes, menos o de novembro, tal vez, para non coincidir coa que se celebraba o día 11 dese mes en San Martiño. Unha feira antiga que deu lugar o topónimo “Campo da Feira”, que xa vemos en documentación do ano 1540 e a cal concorría un bo número de cabezas de gando. Posteriormente a Feira da Espiñeira celebrarase os días 10 e 24 de cada mes e na actualidade celébrase o domingo anterior ao San Xoán, festividade da parroquia de Vilaronte.

Era, como levamos xa dito, unha feira de gando, e non debía de ser pequeno o número de cabezas que acudían á feira. Este volume elevado de reses foi o que

obrigou ao concello a reformar a entrada ao campo da Feira, aló polo ano 1854. Nunha acta municipal do 14 de marzo, o síndico do concello, tendo en conta que “la Feria de la Espiñeyra, la mas concurrida de este país, en la parroquia de San Juan de Villaronte” tiña unha entrada ao campo da feira moi estreita, por culpa dun recodo que formaba a parede duns veciños, que afectaba ao “franco tránsito de los muchos ganados que allí se reunen y comodidad de colocarlos”. Por esa razón pedíanlle aos veciños que tiñan terreos pechados con esa parede que cedesen terreo e desen autorización para que o concello puidese derrubar a parede e levantar outra un pouco máis aló, favorecendo así a libre entrada de gandos, algo que realizan sen problema ningún. Os veciños eran Manuel Pérez, Isidro López, Ramón Lorenzo, Manuel Veiga e Domingo Luaces.

A Feira da Espiñeira era importante porque a ela acudían moitos tratantes de gandos, tanto a vender como a comprar. Seguramente tamén acudiría algunha taberna instalada nun carro, algún gaiteiro e probablemente algún polbeiro, e tanta concorrencia atraía a moita xente que con este motivo chega á Espiñeira.

Este efecto chamada, comparable co que moitos anos despois provocou a festa do Carme de San Martiño, provocaba unha chegada masiva de asistentes a ese evento. Pero claro, se moita xente vai a un sitio outros lugares quedan baleiros, e senón, que llo digan a don Bieito Rodil e Lastra, cura de Santa Cilla, o que se laiaba porque o día de Venres Santo, do ano 1857, “en que está representado el misterio principal de nuestra Santa Religión, y cuyos oficios se celebran de mañana y tarde, coincide con la feria mensual de ganados, llamada de la Espiñeira, que se hace el 10 de cada uno. Su concurrencia, como es una de las principales, no puede menos de ser causa de que los templos estén casi desprovistos de fieles”; por esta razón suplicaba ao gobernador civil da provincia que “la citada feria se traslade al día siguiente, sábado 11 del entrante abril”(Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1857, 27 de marzo).

Era tal o concurso de animais? Pois parece que si, que era moito o gando que acudía a esta feira.

Tanto que obrigou ao tenente alcalde concello de Foz, Bieito Leitón,  en sesión do 9 de xaneiro de 1881, a “celebrar una feria de toda clase de ganados en el punto de la Espiñeira, parroquia de Villaronte, los días 24 de cada mes, además de la que se celebra el 10 en dicho punto” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1881, 22 de xaneiro).

En 1890, tal e como conta o xornal La Voz de Galicia no seu número do 15 de novembro “ha llamado la atención el aumento en el número de terneras vendidas en las ferias mensuales de Lorenzana y de la Espiñeira. Hanse vendido en las dos ferias más de 300 cabezas de ganado entre terneras y vacas. Los precios bastante buenos”.

Evidentemente os gandos vendidos na feira chegaban a ela por terra, pero non só se vendían gandos senón que outros produtos e non todos chegaban por terra, porque dende o ano 1907 o porto da Espiñeira recibira por parte do Estado a habilitación para embarcar nel, en réxime de cabotaxe, produtos do país e poder desembarcar produtos do país así como estranxeiros.

Unha vez contáronme que como a festa do San Lourenzo, 10 de agosto, coincidía coa Feira da Espiñeira mandaran cambiar a data da feira e como consecuencia dese cambio a citada feira acabara desaparecendo, porque a xente con gando xa non ía a ela.

Sempre supuxen que nesa historia había moito de fantasía e, ao mellor, unha pizca de verdade. Esta atopámola no xornal La Correspondencia Gallega (1916, 16 de abril) cando lemos a seguinte noticia: “a solicitud de los vecinos de la Villa de Foz, acordó el ayuntamiento que la feria que se venía celebrando en la Espiñeira los días 10 y 24, tengan lugar desde enero próximo los domingos segundo y cuarto de cada mes, extendiéndose la contratación a toda clase de ganado”.

Realmente, as datas non cambiaron e continuaron a celebrar a feira os días 10 e 24 de cada mes. Isto sabémolo porque no ano 1924 a corporación municipal focega (sesión plenaria do 15 de febreiro) acordaba “nombrar interinamente veterinario e inspector de higiene pecuaria a don Gonzalo Pozo, con la obligación de concurrir a las ferias de la Espiñeira, los días 10 y 24 de cada mes, con objeto de poder consultar con él los casos de enfermedad del ganado y su curación” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1924, 12 de maio).


Nese mesmo ano a corporación municipal, en sesión do 27 de maio, acordaba instalar unha báscula no campo da feira da Espiñeira, algo moi necesario, por outra parte, tendo en conta o tipo de transaccións que nel se realizaban.

Claro que unha cousa  é decidir que se ten que instalar unha báscula e outra, moi distinta, é levalo a cabo. Por esta razón a corporación municipal focega recibía un oficio do gobernador civil, de principios do mes de novembro, no cal se lles encomendaba a tarefa de realizar “nuevas gestiones particulares para ver de conseguir colocar una báscula en la feria de la Espiñeira, ya que las dos veces que se anunció el concurso no dio resultado” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1924, 11 de novembro).

 Sempre que un bo número de persoas se xuntan nun lugar acontece que non todas elas son boas, ou traen perversas intencións. Así en 1905 a garda civil do posto de Foz “ha detenido en la útlima feria de Espiñeira, parroquia de Villaronte, al paisano Domingo López Ulloa, por negarse al pago de 4 reses vacunas que había comprado al vecino de Cangas, José Barcela Hermida” (Correspondencia Gallega.1905, 6 de abril).

Outro destes casos prodúcese en 1932 cando a garda civil detén a dous individuos que estaban a vender unha vaca “de las que se crían en el monte, resultando que efectivamente había sido hurtada en el monte conocido po Seidoiro, en la parroquia de Romaríz, Abadín”. Por este suposto delito foron detidos o portugués Xaquín Gomez e Ramón Casabella, este último “natural de Lagoa, al que se le ocupó un pasaporte, como repatriado de la Habana, a nombre de Manuel Rivas, del que hizo uso para poder embarcar por ser desertor del ejército cubano”(Vanguardia Gallega. 1932, 28 de  decembro).

Quen si tivo moita sorte foi Xosé María Fraga, veciño de Dompiñor (Ribadeo) ao que quixeron matar. Todo ten lugar no ano 1935 e comeza cando Antón Cavero (de Zaragoza) e Francisco López (de León) entraban a pernoctar na casa de Xosé María e Antía Fraga. Esta pediulle axuda a Cavero para que “asesinara a su hermano, José María Fraga, que vive con ella, cuando regresara de la feria de la Espiñeira, a la que había ido”. Antía chegou a ofrecerlle unha suma de cartos por levar a cabo este encargo e Cavero agardou a chegada do irmán. Así que o viu non o matou, senón que lle contou os plans de Antía e “la cariñosa hermana fue detenida y quedó a disposición del juzgado” (El Pueblo Gallego. 1935, 14 de novembro).

Descoñezo se naceu vinculado á feira ou non, pero no Campo da Feira da Espiñeira existiu un salón de baile. Sabémolo porque no ano 1931 Xosé Rodríguez García, propietario de Benquerencia, solicitaba ante o xulgado de Mondoñedo a devolución da cantidade de 5.709 pesetas que lle estaban a deber Manuela Vázquez Pérez, viúva, e o seu fillo Antón Otero Vázquez, ambos labradores e veciños de Vilaronte. Como non podían pagar saían a poxa unha serie de bens que posuían, como o que tiñan na Espiñeira; tratábase dun “edificio de solo planta baja, conocido por el Salón, sito y adherente a casa habitación de doña Manuela ... mide su superficie nueve metros y cincuenta centímetros de frente por once metros y cincuenta centímetros de fondo; tasado en la cantidad de 6.829 pesetas” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1931, 1 de agosto).

 Hoxe en día vólvese a recuperar unha feira, tal vez, sen a importancia doutro tempo, pero co mesmo valor, xa que é recuperar a nosa propia historia.