En anteriores
artigos temos visto como por mar nos chegaron mercadorías, consecuencia inmediata do comercio mantido, mais
tamén chegaron alimentos de primeira necesidades nas épocas de carestía, abondosas
por outra parte.
Tamén o mar nos
ten feito regalos de vez en cando, aquelas baleas varadas das que xa temos
falado ou os restos de naufraxios que
mitigaban a constante fame na que viviron os nosos devanceiros.
Pero por mar
tamén chegaron os nosos inimigos, os temidos piratas escandinavos (viquingos ou
normandos, como lles queiramos chamar) e
con anterioridade a eles os, non menos temidos, piratas hérulos.
Mais polo mar
tamén nos chegaron as pestes, convertendo, en varios casos, a nosa Mariña en punto
de inicio das zonas contaminadas.
Os gobernos
municipais intentaron solucionalo problema dos contaxios que nos chegaban polo
mar afastando os barcos nunha especie de corentena da que non podían saír ata
que as autoridades sanitarias municipais os autorizasen. O lugar elixido polo
concello de Foz foi a zona coñecida co nome de Punta da Arnela.
Sobre as
distintas epidemias que a nosa Mariña ten padecido, cólera morbo, febres
tifoideas ou gripe, falaremos en posteriores artigos, reservando este para as
pestes que nos asolaron no século XVI.
Descoñecemos
dende cando padecemos este tipo de epidemias, pero debe de remontarse bastante
no tempo, segundo o amosan as distintas pegadas toponímicas que nos podemos
atopar na documentación. Así temos hospitais para lazarados en Ribadeo e
Viveiro, os grandes portos comerciais medievais, e tamén en Mondoñedo, centro
eclesiástico e posteriormente administrativo a nivel provincial. Os lazarados
eran aqueles enfermos contaxiosos que recibían acubillo e comida en lugares
afastados da aglomeración urbana e próximos a regatos. Estes enfermos tamén
reciben o nome de Malates, procedente
do termo francés Malade, e así nos
atopamos co emprego do termo Malataría para referirse aos hospitais de
lazarados. En Foz, pegado á desembocadura do rí Centiño atopámonos cunha zona á
que, a pesar do paso do tempo, aínda se a coñece co nome de Malates.
A epidemia da
segunda metade do XVI faise máis virulenta no noso país por afectar a unha poboación famélica.
Se ben os
brotes epidémicos de 1563/66 non
afectaron a Mondoñedo nin a Viveiro si semella probable que Ribadeo padecera a
pestilencia, Pegerto Saavedra menciona un documento do consistorio ribadense relativo
á necesidade de importar pan nos anos 1563 e 1566, se ben “se aludía en este
último año al “tiempo de la pestilencia”;
al año siguiente se hicieron velas en este puerto, continuadas hasta 1570, pero
no existen indicios de que la peste de 1568/69 afectase a la villa”.[1]
Con
anterioridade á chegada deste epidemia varias vilas da Mariña tomaran medidas
para evitar o contaxio. No ano 1567 ao ter coñecemento de que a peste asolaba Xixón o consistorio ribadense decide implorar a
axuda divina e prepararse para evitalo contaxio: “hicieron rogativas públicas con mortificación y penitencia y se
restablecieron las guardias y velas de día y de noche”.[2]
Dous anos despois e ante a
noticia de que a peste está asolando Betanzos o consistorio decide redobrar o
número de persoas encargadas de vixiar a muralla, tamén se ordena sinalar que a
vila estaba libre de contaxio: “se
pusiese una bandera blanca en el asta de la Torre nueva”.
En 1576 a peste asolaba San
Cibrao, Cervo e Burela. No resumo das actas municipais de Ribadeo podemos ler
que no ano 1578 “continuaba la peste
desolando muchos lugares de la costa y continuaba la vigilancia en la villa
para evitar toda comunicación con los infestados a cuyo fin habian cerrado
todas las puertas, escepto dos. En estas habia guardias asalariados. Fueron
inútiles estas precauciones: la peste apareció a la vez en los arrabales de
Porcillán y Cabanela, y fueron tantas las víctimas que fue preciso recoger por
las calles ropas de los vecinos para amortajar á los que morian”[3].
En 1598 a vila
de Ribadeo verase novamente atacada pola peste. Para o profesor Pegerto
Saavedra a ausencia total de plenos consistoriais entre o 20 de xullo e o 23 de
decembro dese ano é unha proba irrefutable da presenza do contaxio na vila. O mesmo profesor exemplifica os efectos
devastadores da pestilencia, dese ano de 1598, na parroquia da Devesa na que o
cura párroco, ao inicio do libro de falecidos, anota: “”comenzo la peste a nuebe de agosto, año 1598”, escribe “y desde dicho
día asta el primero de henero de 99 murieron los siguientes”: y anota a
continuación partidas colectivas como “tres hijos de Lope Méndez de Rinlo; dos
hijos de Diego de Lousas; María Fernández, hija de Alonso Yáñes; dos criadas de
la sobre dicha”, y así hasta unas 120 personas”.[4]
En Viveiro “fue la peste bubónica, desarrollada desde
1569 a 1576, una de las que causaron mayores estragos en Vivero y lugares
cercanos a la villa”[5].
Pegerto Saavedra é da mesma opinión, se ben matizada, pois coida que as medidas
tomadas polo consistorio serviron para mantela pestilencia lonxe da vila
durante tres anos (1569/72).
Na vila do
Landro ao recibila noticia do contaxio
na vila de Betanzos adoptan medidas moi
semellantes ás de Ribadeo: “para obiar
que no se pegue la dicha pestilencia en esta villa mandaron que aya guardas que
no consientan entrar en esta villa nynguna persona de la dicha ziudad de
Betanzos”[6].
Esta medida,
tomada o día 23 de xullo, sofre unha serie de variacións tendentes a reforzar o
control sobre a vixilancia, e así o día 10 de novembro deciden colocar nas
portas da vila a un fidalgo acompañado de dous homes, este grupo tería como
primordial función a de evitar a entrada de xente que puidese traer a
enfermidade.
De nada
serviron as medidas e o 17 de decembro aparecen varios veciños afectados, por
esta razón o concello ordena pechar as portas da cidade “”y sólo estuviesen abiertas las del Puente y Cadafalso, en las que se
mandó establecer una guardia, para que nadie entrase procedente de dicha ciudad
(estase a referir a Betanzos) o que
hubiese pasado por ella, prohibición que luego se extendió a los que viniesen
de Pontedeume y Monforte”[7]. Pegerto afirma que aparte
da decisión de pechalas portas adoptan outra como “que se ponga una bandera en la ermita de San Lázaro y que aya allí un
guerda”.
O día 24 dese
mes de decembro a epidemia xa está causando estragos na vila de Celeiro, razón
pola cal o concello de Viveiro ordena pechar as portas tanto de día como de noite e impedir a entrada a calquera persoa. Así
mesmo toda persoa que quixese saír da cidade debería xurar que non se dirixiría
a zonas contaminadas, sempre e cando quixese poder volver a entrar na vila.
Así aguantou Viveiro
ata o día 4 de abril de 1570 en que os casos de apestados comezan a aparecer
dentro do recinto amurallado. Segundo nos relata no seu libro Donapetry no mes
de xullo de 1572 “murieron un clérigo
francés, dos mujeres y un niño, y el Municipio se concertó con el médico,
Licenciado Gaspar de Faria, para que atendiese a los atacados, que debían de
ser aislados en la casa de Fernando Cao, sita en el lugar del Real”.
Como estas
medidas non tiveron o efecto desexado o consistorio trasladará as súas reunións
(as comprendidas entre os meses de Setembro a Xaneiro) a Celeiro, agora libre
do contaxio. Tamén adopta o consistorio a medida de socorrer económicamente á
vila de Viveiro “porque en ella quedaban
muchos pobres y otras personas”.
En 1573 aparecen casos de apestados nos
concellos de Xerdiz, Miñotos, Riobarba así como noutras parroquias do val de
Viveiro.
No mes de xullo
do ano 1576 o consistorio ordena pechar na súa casa, prohibíndolles a saída,
polo menos durante trinta días, a Gonzalo da Velaira e aos membros da súa
familia, por estar contaxiados. Nada conseguiron e o contaxio estendeuse tanto
pola vila como “por Boimente, Burela,
Cervo, Cillero, Galdo, Gerdiz, Landrove, Miñotos, Negradas, Riobarba y San
Ciprián”.
Queda patente o
efecto desta epidemia na facultade real que a vila de Viveiro recibe ( 16 de
novembro de 1576) para poder mercar
trigo e centeo procedentes do estranxeiro: “la
villa de Vivero ques en el Reyno de Galizia nos hizo relaçion dixiendo que de
muchos años a esta parte en la dicha villa y reyno avia avido mucha falta de
pan, de tal manera que habian muerto muchas gentes de hambre y de peste”[8].
No ano 1598
outra epidemia asola as terras de Betanzos e a nosa terra mariñán, segundo
Donapetry a vila de Viveiro tivera sorte, pois quedou indemne, non así as
poboacións do Valadouro, Ourol e Xerdiz.
Pegerto
Saavedra, no seu traballo dedicado á provincia de Mondoñedo, aporta datos sobre
as causas que motivaron que Viveiro quedase libre de contaxio no ano 1598; para
el as medidas tomadas, como pechar as portas, limpar as rúas os sábados ou
facer pola noite fogueiras nas que se queimaba loureiro e outras herbas
aromáticas, conseguiron o seu fin, a peste non pasou a través das portas de
Viveiro.
Tal vez unha
medida que nos resulte curiosa é a que toma o consistorio viveirense o 5 de
decembro de 1598, destinada a evitalo contaxio e así vemos como permiten aos veciños
“de Celeiro para que pudiesen vender su
pescado a los arrieros: ir solamente afuera del puerto lo necesario para
venderlo, no juntarse con los arrieros, no echarles el pescado en sus cestos,
sino en el suelo, y depositar el dinero recibido en vinagre o en algas”[9].
Por outra banda
en Mondoñedo a situación tamén foi bastante complicada e así vemos como no ano
1572 a cidade estaba atacada pola peste, polo menos esta será a escusa que
Ambrosio de Morales argumenta para desprazarse a Vilanova de Lourenzá e non a
Mondoñedo.
Outro dato que
constata o que acabamos de dicir prodúcese o
día 15 de outubro de 1572, momento no que o Cabido mindoniense concedía
un permiso de trinta días a tódolos cóengos que permaneceran na vila mentres a
peste asolara a cidade, tamén fai referencia que moitos dos cóengos se
ausentaran cando apareceran as primeiras noticias de peste.[10] Un exemplo destes
agraciados é Fernando Marqués, así nun documento datado o 31 de xullo de 1577
dise que o Cabido decide falar co señor bispo para “pedirle que, en el caso de adjudicar alguna escribanía, agraciase con
una de ellas a Fernando Marqués, habida cuenta de lo mucho que este había
trabajado en el tiempo de la pestilencia”[11].
Este Fernando
Marqués é o que sofre un ataque por parte dos homes do abade de Lourenzá. As
actas capitulares dese ano anotan que o 10 de outubro de 1572 o Cabido outorga
poder a Xoán vilar, Baltasar Álvarez e Martín Alonso”procuradores en la Real Audiencia del Reino de Galicia y querellarse
con Alonso López, merino de Villanueva de Lorenzana, y demás inculpados, por
haber quebrantado la jurisdición de este Obispado y haber entrado con la vara
alzada en el campo de Lindín y junto al puente de Brea y haber hecho autos de
justicia y haber acometido, con gente armada, a Fernando Marqués, Teniente
Alcalde Mayor de dicho Obispado de Mondoñedo, y a los que con el iban
causándoles heridas y lanzadas e impidiendo la entrada en la dicha ciudad de
pan, vino, carne, pescado, sal y otro mantenimiento para el sustento de los
vecinos de dicha ciudad, alegando que habia peste en ella y llevando a
Villanueva de Lorenzana todo ello a un mercado que había pretendio hacer el
Abad y el referido merino en dicha villa". 12]
En 1578 a
cidade volverase a ver atacada pola peste e así o 27 de outubro o consistorio
ordena, tendo en conta que a peste estaba na cidade de Santiago, que “los vecinos de esta de Mondoñedo, entre sí
hiciese la guardia que en semejantes casos se acostumbra”.[13]
No Cabildo
realizado o día 21 de xaneiro de 1579 os cóengos dan conta da existencia da
peste nas proximidades da vila de Vilalba.
Entre os meses
de agosto e novembro de 1598 vemos como a peste volve a asentarse na cidade da
Paula e así se constata nunha reunión do Cabido do 7 de agosto. Nela levábase a
cabo a votación para elixir ao cura párroco de San Bartolomeu de Corbelle, os
cóengos tiñan que vir votar e na acta capitular anótase que “dejaron entrar al canónigo Cartas y al
racionero Castillo, a pesar de ser sospechosos de “contaminacion de peste”,
pero los mandaron salir inmediatamente”. Noutra acta do 12 de agosto tócase
o tema da elección de Maxistral, para levala acabo había que realizar unha
votación por parte dos cóengos e o Cabido decide non aumentalo prazo da
votación “a causa del rumor de peste que había en la Ciudad y sus arrabales”[14].
O día 16 de
outubro vemos como o Cabido encarga ao cóengo Miramontes a tarefa de “vigilar la Puerta Nueva durante todo el
tiempo que hubiere peste”[15]. Outra medida, aparte de
pechalas portas e vixialas, foi a de suspender as actividades do Seminario e
así o Cabido, en sesión do 20 de outubro, ordénalle ao cóengo Calonge “cesase en su cargo de leer a los
estudiantes, a causa del rumor y peligro de la peste, se tenia sospecha de que
estaban afectados de dicha peste algunos estudiantes”[16].
[1] Saavedra, Pegerto. Economía, política y sociedad en Galicia. La
provincia de Mondoñedo. 1480 – 1830, p.98.
[2] Apuntes sobre Ribadeo, páxina 39, resumo
do ano 1567.
[3] Apuntes sobre Ribadeo, p. 49,
resumo do ano 1578.
[4] Saavedra, Pegerto. Opus cit., p.100.
[5] Donapetry
Yribarnegaray, X.: Historia de Vivero y
su concejo, p.218.
[6] Saavedra, Pegerto. Opus cit., p.98.
[7] Donapetry
Yribarnegaray, X.: opus cit., p.218.
[8] García Oro, X. e
Romaní, M.: Vivero en el siglo XVI,
p. 198, doc. 86.
[9] Saavedra, Pegerto. Opus cit, páx.100
[10] Cal Pardo, H.: Mondoñedo. Catedral, ciudad, obispado en el
siglo XVI. Documento 522, páx107.
[11] Cal Pardo, H.: Opus
cit., documento 535, p.111.
[12] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 521,
p.107.
[13] Saavedra, Pegerto. Opus cit, páx.99.
[14] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1192
e 1194, p.244 e 245.
[15] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1207,
p.247.
[16] Cal Pardo, H.: Opus cit., documento 1247,
p.257.
No hay comentarios:
Publicar un comentario