Buscar este blog

sábado, 2 de diciembre de 2023

A FÁBRICA DA LUZ DE DAMIÁN LÓPEZ (DALO) EN BACOI.

Aspecto actual da fábrica da luz de Bacoi

 

Cada vez que me achego á figura do industrial focego Damián López de Castro Ferrería (DALO) atópome con sorpresas.

Cando comecei a investigalo tan só sabía que tiña unha fábrica de conserva en Foz e serradoiros en Vilaronte, onde tamén dispoñía dun taller para a reparación dos camións da empresa, así como dun edificio de administración, un conxunto de vivendas e un pequeno centro médico para os seus traballadores.

Andado o tempo souben dos barcos de cabotaxe. Primeiro do Fornel, o mesmo que rescatara aos cinco náufragos do balandro Victor Ochoa, con matrícula de Ortigueira, a finais do mes de febreiro de 1916. Non será a derradeira vez  en que participe nun salvamento, pois a finais do mes de outubro de 1925 vémolo entrando no porto do Musel remolcando ao vapor Astur Galaico, que viña cargado de pinos dende O Barqueiro con destino á Patronal Minera Asturiana.

Un buque con triste final, pois a finais de maio de 1927, fronte a uns baixos ribadenses, e a consecuencia da densa néboa, o Fornel naufragaba. Saíra de Foz con destino a Xixón con carga de puntal de pino para as minas asturianas: “El Fornel fue construido en Inglaterra en 1892, mide de eslora 25.87 metros, de manga 5.49 y 2.31 de puntal. Desplaza 106 toneladas. Su armador es don Damián López, vecino de Foz” (La Provincia. 1927, 24 de maio). Segundo o xornal, a tripulación, de sete homes, sálvase; pero nin o barco, nin a carga estaban asegurados.

Tamén souben co tempo das embarcacións Adela López e o Sofía López (este último mercouno en poxa pública, rebautizándoo con ese nome, pois anteriormente fora o Espiñeira-Mondoñedo). E que, ademais dos barcos de cabotaxe, posuía unha pequena flota de barcos de pesca para nutrir a fábrica de conservas.

Despois tiven noticia da fábrica de serrar que construíu en Viveiro, no lugar de Cantarrana, e da montada en Xixón, aló polo ano 1947, no lugar de Natahoyo: “a don Damián López Ferrería, para construir unas naves para taller de sierra y oficina en el Natahoyo” (Boletín Oficial da Provincia de Oviedo. 1947, 10 de setembro).

O derradeiro en chegar ao meo coñecemento foi o complexo de Poncabalar, en Bacoi. Coñecino nun deses viaxes culturais que realizamos os domingos pola tarde por lugares tan interesantes como descoñecidos que agocha a Mariña de Lugo, que tanta beleza como riqueza patrimonial garda para todos nós.

Trátase dunha instalación singular na que, como veremos, co pasar dos anos chegaron a combinarse simultaneamente ata catro actividades -muiño de grao, serradoiro, xeración de electricidade e rego agrícola-, con un denominador común, a auga, que captada nunha presa no río Ouro, e conducida mediante una canle de importantes dimensións, aportaba a enerxía necesaria para o funcionamento de tres delas.

O que primeiro me chamou a atención foi o seu estado de abandono, completamente devorado pola maleza. Abandono para min acentuado porque coñecía, por fotos antigas facilitadas pola familia Telenti de Oviedo, como era o seu estado orixinal; pero o que descoñecía, completamente, era a súa historia.

Quedan en pé os edificios que deron acubillo ás distintas liñas de negocio e á vivenda familiar do muiñeiro. Cos teitos parcialmente derrubados, sen portas, sen cristais e o chan, en parte, asolagado. No seu interior consérvanse as grandes pedras de moer e algunhas maquinarias desvencelladas que se empregaron no seu dia para a xeración de electricidade e no serrado da madeira. A canle está por completo cegada pola vexetación e a presa desfeita en varios puntos. No exterior, no chan, encontramos os carrís para as vagonetas nas que transportaban as táboas camiño dos secadoiros, que cruzaban o río empregando unha ponte xa desaparecida, da que só se conserva a piastra central.

Cando te achegas á fachada principal aínda se pode ver o acrónimo DALO, pero moi esvaído, e a carón del o elemento central da súa imaxe empresarial, o mariñeiro cun bonito entre os brazos, que xa nos resulta tan familiar. Debaixo as distintas especializacións do grupo: Maderas, Conservas e Armador, que neste caso habería que incorporar algunhas máis.

A pregunta que nos facemos é sinxela: Esta empresa pertencía logo a Damián López?

E se ben a pregunta é sinxela resulta moito máis complexa a resposta, porque o conxunto que vemos forma parte da estrutura empresarial DALO, pero a propiedade dos edificios, e moi posiblemente as concesións hidráulicas e algúns dos permisos industriais, non lle pertencían a el, senón á súa muller, e antes que a ela, a Sofía Mel Díaz, sogra de Damián.

 A dona Sofía vémola solicitando ao Goberno Civil, en concreto á Sección de Obras Públicas e Negociado de Augas, a inscrición nos rexistros central e provincial dunha toma de augas no rio Ouro: “punto de toma, Poncabalar; destino del aprovechamiento, fuerza motriz de molinos harineros”, indicando así mesmo “título en el que se funda el derecho, posesión por prescripción”  (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1932, 11 de abril). Polo tanto, cabe supoñer que o desvío das augas xa existía con anterioridade, moi posiblemente para abastecer una instalación de carácter máis tradicional, tal vez un muiño, na mesma localización, e que viría sendo propiedade de Sofía Mel, pero para o que carecían de autorización formal, sendo neste ano de 1932 cando proceden á súa regularización.

É razoable pensar que esta solicitude tivese a súa orixe no espírito emprendedor e na visión empresarial de Damián López, quen percibiu a potencialidade da propiedade da súa sogra e concibiu un proxecto, este xa de natureza industrial e moito máis amplo. O primeiro paso deste novo proxecto industrial era conseguir a regularización legal do aproveitamento existente.

Para levar a cabo ese novo proxecto coidamos que lle serviu, se non de modelo, a lo menos de inspiración, a instalación que posuía en Barreiros a sociedade mercantil Reimunde y López, S.R.C., que tamén operaba baixo a denominación de Electra del Masma, e da que xa seu pai, Xeneroso López Lourín, fora socio, pois presentan una estrutura de funcionamento similar, con muiño fariñeiro e xerador de electricidade movidos por auga.

Ata o de agora non atopamos ningún documento que faga mención específica á solicitude de autorización nin da posta en marcha do xerador eléctrico nin do serradoiro de Poncabalar.

Pola contra, si sabemos que dona Sofía Mel presenta, en 1933, no Negociado de Instalacións Eléctricas da Xefatura Provincial de Obras de Lugo, unha nova solicitude (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1933, 8 de Xuño) . 

Trátase dun proxecto para poder sacar tres liñas de transporte de electricidade dende “la Central de Poncabalar”: unha de alta tensión para dar servizo a zonas de Santa Cilla e dúas de baixa tensión para poboacións da parroquia de Carballido e Bacoi: “la energía se producirá en el alternador a 230 voltios y por medio de un transformador se elevará a 2.500 para la línea de alta tensión a Santa Cecilia, quedando para la de baja la de origen”.

A liña de alta cruzaba terras labradas ata o lugar de Vista Alegre; dende aí, seguía  polo camiño de ferradura que de Carballido ía ata Santa Cilla ascendendo ata o alto das Penelas para baixar ata o lugar de Asperón do Foxo e ao lugar de Vilacirai e “termina a 90 metros antes de la carretera de Ferreira a Foz, frente a la escuela de niños, en el kilómetro 8 de la parroquia de Santa Cecilia”. Son un total de 4 quilómetros situándose ao remate da liña un transformador para reducir a tensión de 230 para que poda ser distribuída na parroquia.

Unha das liñas de baixa, a que vai ata Bacoi, crúzase con outra liña de alta xerada esta en Santo Acisclo, propiedade de Xosé Pérez Mon.

Sobre de este proxecto inicial de 1933, en 1938, presentase una solicitude de ampliación, e xa non son tres as liñas que saen da central de Poncabalar senón que serán cinco as que se solicitan.

A primeira vai dende a central á casa de Carín, por Santo Acisclo e Santa Cilla, cun total de 4.810 metros, “la número 1 tiene un cruce en San Acisclo con otra de baja de San Acisclo, propiedad de don José Pérez Mon y pasada el lugar de la Rega, encuentra una de baja de Barras Eléctricas y después de Villatuije cruza tres veces líneas de baja de igual procedencia, y en Villatuije tiene una cruce con la línea de alta de la misma”.

A segunda sae do quilómetro 1.20 da anterior ata o barrio de Piñeiro e casa de Canoura, cunha lonxitude de 580 metros.

A terceira sae dende o quilómetro 2.758 da liña 1 ata Vilacizal, cun total de 380 metros

A cuarta dende o mesmo quilómetro que a terceira pero, neste caso, vai ata a igrexa de Santa Cilla, cun total de 670 metros.

A quinta sae dende a central de Bacoi e vai ata Budián, cunha lonxitude de 3.520 metros.

Todo isto refórzanos na idea dun enfoque empresarial amplo, moderno e ambicioso, que supera con moito o muiño orixinal, moi na liña dos outros proxectos que coñecemos de Damián López. 

As seguintes novas referidas ao complexo de Poncabalar datan de 1936. A primeira é de febreiro, cando atopamos unha nova solicitude, neste caso ante a División Hidráulica del Norte de España, con sé en Oviedo, sendo a peticionaria xa non Sofia Mel Díaz senón a súa filla, Roxelia Souto Mel, dona de Damián López de Castro Ferrería. E o que se pide é a autorización para derivar 2.500 litros de auga por segundo do río Ouro, “mediante la presa del antiguo molino de Poncabalar, previa su modificación y reparación”. As devanditas augas serán conducidas “por el mismo canal de dicho molino, una vez reformado y reparado, hasta la casa de máquinas que se establecerá en el molino existente, a cuyo efecto se ampliará y reedificará este”.

Respecto dos usos, a solicitude indica que, do total de 2500 litros de auga por segundo, 10 litros por segundo irían destinados ao rego dunha propiedade dunha hectárea pertencente a Roxelia. Outros 20 litros  para “implantar una empresa de riegos de dos hectáreas de terreno en la finca llamada Los Fragares”, da cal era propietaria súa nai. Destinaríanse 752 litros “para la producción e fuerza motriz para el accionamiento el molino denominado Poncabalar, previa su reparación y modificación”. E, finalmente, os 1.718 litros por segundo restantes serían empregados para a produción de enerxía eléctrica para alumeado e outros usos industriais.

Solicitude que remata coa petición da autorización dos prezos a aplicar no muiño: “por cada hectólitro de grano molturado se cobrarán cinco litros como máximo o su valor en metálico”  (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 26 de febreiro), recibindo resposta positiva para todo o proxecto.

Esta solicitude desconcértanos por varias razóns. En primeiro lugar porque a peticionaria é Roxelia e non dona Sofía, quen sabemos que falece en novembro de 1941 “en su casa de Bacoy, en el Valle de Oro, a la avanzada edad de ochenta y tres años, (...) madre de nuestro querido amigo el cura párroco de Santa Cruz del Valle de Oro” don José Ramón Souto Mel” (El Progreso de Lugo. 1941, 8 de novembro).

En segundo lugar, porque nela emprégase varias veces a expresión  “previa su reparación y modificación”, polo que non sabemos si a solicitude responde a unha ampliación desexada e proxectada previamente polos promotores, ou, pola contra, derivouse de algún tipo de dano causado nas instalacións, por exemplo, por unha crecida do río, que os levou a facer da necesidade virtude.

E por último porque, en 1939 o Negociado de Instalacións Eléctricas, concedíalle a Sofía Mel, non a Roxelia,  “autorización para establecer unas líneas de transporte de energía eléctrica desde la central del río Oro, punto Poncabalar,  en el citado término municipal a varios pueblos de aquel ayuntamiento y el de Foz, con destino a alumbrado y otros usos; cuya petición se publicó en el Boletín Oficial de 8 de junio de 1933” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1939, 14 de xaneiro).

Un desconcerto que aumenta se temos en conta que en marzo de 1936 o Goberno Civil de Lugo resolvía favorablemente á petición formulada por “la instancia dirigida a V.E. por don Damián López Ferreira, propietario de la Central Eléctrica de Bacoy, domiciliada en Carballido (Alfoz)”, na que se solicitaba a aprobación das tarifas aplicables os seus clientes polo subministro de electricidade para o alumeado (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 19 de marzo).

Así pois, polo momento non somos capaces de afirmar a quen correspondía formalmente a propiedade de cada un dos distintos elementos que compoñían o conxunto, e si este pasou -e de que maneira- duns propietarios a outros en algún momento. Como tampouco coñecemos a data -ou datas-, en que entraron en funcionamento, pois tan só temos constancia da presentación das solicitudes e das súas concesións.

Sexa como fose, en 1946 seguía en uso, pois a Deputación Provincial sacaba unha relación de entidades eléctricas que debían de pagar, nun prazo de 30 días, so pena de multa de 100 pesetas, o imposto correspondente ao ano 1945; entre elas figuran: Reimunde y López, por “Electra del Masma, domiciliada en Foz. Antonio Posada, por la Electra de Fazouro, domiciliada en Foz. Damián López Ferrería, por la Eléctrica de Bacoy, domiciliada en Foz… Pablo Cucurny Llunell, por la Central de Sargadelos, de Cervo, con domicilio en La Coruña. Álvarez y González S.L., por Hidroeléctrica del Junco, domiciliada en Villaestrofe (Cervo)” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1946, 28 de setembro).

En 1956 estas pequenas empresas eléctricas deberán enfrontarse a un novo inimigo, a chegada de novos competidores que, por ser de maior tamaño, ameazan a súa viabilidade. En concreto trátase da Sociedad Anónima Barras Eléctricas Galaico Asturianas, entidade que presenta solicitude para a construción dunha liña de transporte de enerxía eléctrica a 20.000 voltios dende o transformador de Oirán ata outro situado nas proximidades de Ferreira do Valadouro “para suministrar energía a un aserradero propiedad de los herederos de D. Fortunato Lorenzo”.  Unha pretensión á que se opón Damián López -en representación de Eléctrica Poncabalar- da man de D. Xosé Pérez Mel -en nome de Hidroeléctricas del Oro- alegando, entre outras razóns que “la línea que se pretende, según dichos reclamantes, no sirve ningún interés público sino que lo que persigue, disfrazado con el ropaje de que se destina a un cierto aserradero, es sentar sus reales, para establecer luego una competencia ruinosa para las cuatro empresas pequeñas existentes en el Valle de Oro, que prestan un gran servicio desde hace muchos años y que están haciendo grandes mejoras en sus instalaciones para obtener sobrante de energía para quien lo solicite, demostrándose con ello que el objetivo de la entidad peticionaria no es de utilidad pública, sino de indudable inutilidad pública”.

E fronte a súas razóns, as dos novos xogadores, os cales afirman que, na comarca do Valadouro existían catro “productores de energía eléctrica que son los señores Pérez Mel, con instalación de 30Kv hidráulicos; Eléctrica de Poncabalar, de Damián López Ferrrería, con una instalación de 48 Kv; eléctrica del Canedo, de hijos de Andrés Canoura, con un alternador de 75 Kv y Eléctrica Area, de hijos de doña Dolores Pérez Mon, con un alternador de 50 Kv, que estos productores, excepto el señor Canoura, son familiares y que las cuatro industrias se dedican a aserrar madera y a la molinería, principalmente, que el servicio eléctrico en todo el Valle de Oro es pésimo y existen varias industrias de aserrar y molinos que trabajan con calderas de vapor o gas-oil, por no poder darle servicio estas empresas”. Unhas razóns que ao  final resultaron ser de máis peso para administración pública, pois finalmente resolve autorizar a nova instalación (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1956, 2 de febreiro).

Cando rematan as actividades en Poncabalar?.

Tivo algo que ver a chegada de estas novas empresas de maior tamaño ou, pola contra, está máis relacionado co declive xeral de todo o grupo DALO?.

Puido ser a confluencia de varias causas o que levou ao seu abandono?.

Son estes interrogantes para os que tampouco temos, polo de agora, resposta, pero que, tal vez, poidamos despexar despois dunha consulta dos fondos que atesoura a Fundación Manuel López Souto.

O que si podemos dicir é que, sorprendentemente a última noticia oficial da que dispoñemos é moi recente, de xaneiro ano 2.023, cando se fai público o “anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o expediente de extinción, por caducidade, pola interrupción permanente da explotación por máis de tres anos consecutivos por causas imputables ao titular concesional, do dereito para usos industriais e de rega, outorgada a favor de Rogelia Souto Mel, no río Ouro, no concello de de Alfoz”. (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 2023, 2 de Xaneiro). Vemos que lles levou bastante tempo dalo de baixa.

Isto que acabamos de ler é todo o que sabemos, ata o momento, da Eléctrica de Poncabalar ou Eléctrica de Bacoy , que deu luz, durante moito tempo, a partes da parroquia de Santa Cilla, á que tamén alimentaba a eléctrica de Pérez Mon radicada en Santo Asiclo, como a empresa Electra do Masma o facía con Foz; pero iso, iso, xa é outra historia.

 

 



 

 

As fotografías en branco e negro foron realizadas entre os anos 1946 e 1947, pertencen á colección da familia Telentia de Oviedo, á cal lle dou as máis expresivas gracias. As fotografías en cor foron realizadas neste verán do ano 2023, polo que isto escribe.