Buscar este blog

sábado, 12 de marzo de 2016

CRÓNICA NEGRA DAS PRAIAS DE FOZ.


Actualmente as praias de Foz contan cun amplo sistema para socorrer en caso de accidentes nas praias, estámonos a referir aos socorristas, ás lanchas salvavidas, aos sistemas de megafonía, vixilancia e información, pero con todo isto aínda seguen a producirse accidentes que, de moi en vez en cando, provocan a morte dun bañista.

Na nosa memoria está a figura do Xico, o insigne socorrista, ao que seguiron unha pléiade de rapaces e rapazas.

Antes de que as distintas corporacións municipais do concello de Foz tomasen medidas para protexer a vida dos bañistas o número de falecementos , por afogamento, era bastante elevado.

Neste artigo imos ver algunha que outra noticia dos afogamentos na praia de Foz entre finais do XIX e a primeira parte do século XX.

A primeira noticia coa que nos atopamos data do ano 1872, aínda que recollemos a información que aparece no xornal El Eco de Santiago de 1923. Segundo a noticia que aparece neste xornal o día 14 de agosto de 1872 morre afogado na Rapadoira Francisco de Paula Buón y Coya. Era fillo do organista da catedral de Mondoñedo Tomás de Buón e de Manuela Coya. Ordenárase de misa no ano 1863 “pero su habilidad como violoncellista lo retuvo en Mondoñedo, como músico de la capilla de la Catedral”. Destacou este home como poeta, a prensa destacaba como poemas máis salientables “El sol del Vaticano”, “La Redención” ou “La España que muere”.

Segundo o referido xornal: “pereció ahogado en la playa de Foz, donde se hallaba bañándose y desde donde pensaba regresar a Mondoñedo para asistir a las vísperas de aquel día en la Catedral”.

Cando Francisco de Paula berra solicitando socorro un amigo que o acompañaba tírase ao mar para salvalo, pero: pero “en aquellos últimos y terribles momentos, luchando con el viento y con las olas, se dirigió nadando a salvarle, pero Buón, comprendiendo que si se acercaba al sitio donde él se hallaba se ahogarían los dos, le rogó que se contuviera, y que tan sólo, como ministro del señor, le absolviese de todas sus culpas”. (El Eco de Santiago, 1923, 17 de novembro).

Aquí, na Rapadoira, falece o que prometía ser unha das figuras claves da música mindoniense.

A segunda noticia de afogamentos nas praias de Foz no século XIX data do 1887, segundo lemos no xornal  “en uno de los días de la semana pasada perecieron ahogadas en Foz cuatro mujeres que estaban bañándose, salvándose otras dos por la intervención de un marinero”. (El Regional, 1887, 6 de setembro).

En 1906 constátase a morte do garda montes do distrito de Mondoñedo. Este home chegara a Foz a buscar a súa muller e filla, que estaban veraneando aquí. Para aproveitalo viaxe decide tomar un baño, ía acompañado dun amigo “que quería quedarse en un punto inmediato á las casas, pero él quiso buscar agua más agitada y se fue a donde llaman la Garita. Pocos momentos después de echarse al agua comenzó á dar voces de auxilio”. Ao escoitalos berros desgarrados do bañista un mariñeiro,  que estaba preto  del, votoulle unha cana de pescar “y el pobre guarda la agarró con los dientes”. Despois de moito pelexar conseguiron sacalo ata area da praia pero con pouca vida, pereceu inmediatamente. O médico local deu a entender que sufrira  un ataque e que ao producirse no  mar lle producira a morte. (La Corrrespondencia Gallega, 1906, 20 de agosto).


En 1918 volvemos a ler na  prensa a morte de dous homes “cuando se bañaban en la playa de Foz, en el punto denominado Punta do Rego, fueron arrebatados por una ola”. Tratábase de dous veciños de Mondoñedo, un de 43 e outro de 60 anos. (El Orzán, 1918, 24 de setembro).

Outra praia focega da que temos atopados noticias sobre afogamentos é a Areoura. En 1928 o veciño de Cangas, Marcelino Vázquez Almucema, de 88 anos de idade:  “había ido a la playa de Areoura con el objeto de recoger leña, fué alcanzado por un golpe de mar que lo arrastró (…) ha sido hallado por sus familiares en la playa indicada con la cabeza introducida en la arena”. (El Progreso, 1928, 1 de decembro).

En 1931 temos outro afogado na praia de Foz: “en ocasión de hallarse bañando en el lugar conocido por Punta de los Cairos, en la playa de Foz, el vecino de la parroquia de Oirán, Eliseo Casal Longarela, de 44 años de edad”. (El Regional, 1929, 25 de setembro).

En 1932 o xornal El Progreso informaba da morte de dous homes na praia de Foz. O suceso tivera lugar o día 14 de setembro e os afogados eran Bieito Río, veciño da parroquia de Corbelle, e Antón Pardo Fanego, de Castromaior: “uno de ellos se sumergió rápidamente. El otro luchó desesperadamente con el agua durante algunos minutos”. Bieito aparece na praia aos poucos minutos, empuxado polas olas, estaba solteiro e tiña 25 anos, había dous que chegara de América. Antón, pola contra, estaba casado e coa muller embarazada, ambos ían saír para as súas casas ao día seguinte “después de haber permanecido aquí unos días tomando los baños”. (El Progreso, 1932, 15 de setembro).


Rematamos este artigo coa noticia do falecemento, no ano 1945, dun home do Valadouro que: “murió ahogado en la playa de Foz, don Segismundo Expósito Palmeiro, presidente de la sociedad El Valle de Oro, de la Habana. Se celebró el entierro en la parroquia de Adelán, ayuntamiento de Alfozz, concurriendo centenares de personas a su entierro, compañeros del finado que se encuentran en España y la representación de los dos Ayuntamientos, Valle de Oro y Alfoz. Estaba disfrutando de unas vacaciones en España y tenía pensado regresar a la isla de Cuba para el próximo mes de septiembre”. O alcalde do Valadouro, Ramón Canoura, envía un cablegrama ao presidente do Centro Galego na Habana informándolle do falecemento deste home “para que se lo comunicase a su esposa e hijos ya que en aquellas tierras tenía su hogar”. (El Compostelano, 1945, 21 de agosto).



No hay comentarios:

Publicar un comentario