Buscar este blog

miércoles, 12 de agosto de 2015

EN FOZ CELEBRAMOS O SAN LOURENZO E NON O SANTIAGO.


Moitas veces temos escoitado hipóteses sobre cal é a razón que motivou que en Foz se celebrase o San Lourenzo e non o Santiago, sendo como é este último o patrón da parroquia.

Porque, aínda que moitos non o saiban, o noso patrón parroquial, tamén chamado santo titular, é Santiago.

Se consultamos o Tombo de Lourenzá, podemos ver un documento de permuta realizado entre García Eniquiz e a súa dona Cristina, por unha banda, e o mosteiro por outra. Os primeiros cedían ao mosteiro os terreos que posuían en Marzán: ”et est ipsa villa vocitata Marçani, suptus monte Faro, prope aulam Beati Martini episcopi dumiensis sedis, discurrente ad ecclesia Sancti Iacobi, ripa Masme[1], mentres que recibían outros situados en Vilanova. A tradución, libre, da anterior frase sería: “e a vila chamada Marzán está situada baixo o monte Faro, pertencente ao mosteiro de San Martiño, sede episcopal dumiense, discurre ata a igrexa de Santiago, sobre o río Masma”, ou o que é o mesmo a igrexa de Santiago de Foz. Isto acontecía o día 5 de xullo de 1077.

Resulta habitual que as parroquias teñan, aparte do santo titular, outro co titular, é dicir un patrón, no caso de Foz é Santiago, e un  co patrón, lugar que ocupa no noso concello San Lourenzo. O habitual é que as parroquias celebren a festa do seu patrón e a do seu co patrón, pero hai casos onde non é así. En Foz celebramos o Carme e o San Lourenzo, na parroquia de Santiago de Viveiro celebran o Carme e o San Roque, na de Santiago de Lindín celebran o San Antón e na de San Lourenzo de Sasdónigas celebran o San Antón.
Segundo apuntan os especialistas a chegada do culto a San Lourenzo en Galicia é anterior á de Santiago. O primeiro chega ás nosas terras no século IV e o segundo no IX, ambos despois de Cristo, evidentemente. Semella razoable pensar que o culto  a Santiago, ben pola importancia das peregrinacións ou ben pola transcendencia da batalla de Clavijo, acabase desbancando aos santos titulares anteriores.

Sexa como fose o culto a San Lourenzo aparece documentalmente recollido antes do ano de 1263. Neste ano o Cabido mindoniense realiza un foro, do que non ven ao caso falar agora, que está datado da seguinte maneira: “datam apud Villam Maiorem in crastino Sancti Laurenti[2], ou o que ven sendo o mesmo “datada en Vilamaior ao día seguinte de San Lourenzo”, esta referencia permítenos saber que con anterioridade a ese ano xa se celebraba en Vilamaior de Mondoñedo a festividade de San Lourenzo.

En 1354 atopamos referencia, esta vez á procesión en honra de San Lourenzo que se realizaba en Mondoñedo. Nun documento do 10 de agosto podemos ler “et por las rendas dos novos deles que o dito Cabidoo faça cada anno huna proçesson polo dia de San Lourenço con capas”. O día 28 de setembro dese ano vemos como García Pérez, cóengo de Mondoñedo, deixaba ao Cabido da Catedral “mill morabetinos que el ovo de Garcia Peres coengo que el deu para comprar possessoes para proçisson de San Lourenço[3]. En 1382 o chantre da catedral, Lopo Eanes, deixaba unha serie de terreos “que esteveron povoados de vinna et os quaes foron para a proçisson de San Lourenço[4]. En 1425 continuaban o cóengos mindonienses celebrando esa procesión, tal e como nos amosa un documento datado o día 16 de novembro, no que podemos ler “os quaes dineyros et morabetinos avedes de dar et pagar cada anno ao dito Cabidoo por dia de San Lourenço para a proçiçon que fazen aquel dia[5].

Para o caso concreto da nosa parroquia debemos de agardar ata o ano 1667 para ter noticia do culto a San Lourenzo. No libro de fábrica parroquial garda na conta correspondente ao ano 1666 (1667, 12 de xaneiro) a seguinte anotación:
Mas ocho reales del gaytero del dia de Santiago---------008.
 Mas otros ocho reales del dia de San Lorenzo-----------008.”

Semellante anotación atopámola nas contas do ano 1670 (1671, 8 de xaneiro) na que se nos di que se pagan 8 reais ao gaiteiro que tocou “el dia de San Lorenço[6].

Na visita pastoral que no ano 1670 xira a parroquia de Foz o bispo Lois Tello, podemos ver que no apartado de misas de aniversario figuran: “otras tres misas de aniversario cantadas, una el dia de Santiago, otra el dia de San Lorenço y otra misa de aniversario que mando Arias Pardo Marques, cura que fue de esta dicha feligresia sobre el lugar en el que vive junto a San Blas[7].

Polo tanto o San Lourenzo celebrábase no noso concello con anterioridade ao ano 1666. A razón desta celebración hai que buscala en que era o santo co patrón da parroquia. Na partida de defunción de Francisco López, veciño de Foz que morre en 1723, podemos ler que non o confesaran porque “pues aviendo oido misa dicho dia diez en que se zelebra la festividad de San Lorenzo, compatrono de Foz[8].


No arquivo municipal de Foz conservan un documento moi interesante titulado Ordenanazas Municipales. Disposiciones Generales. Este documento, datado no ano 1899, fai un percorrido polos distintos aspectos da vida  municipal dese ano. No apartado referente a Fiestas.  Fiestas Populares, no artigo 35 podemos ler “En la fiesta de San Lorenzo, la Alcaldía señalará puestos que hayan de ocupar los vendedores de efectos, licores y dulces”. O artigo 36 menciona as verbenas que se celebraban nas noites de San Xoán e San Pedro. O artigo 38 estipula o horario de apertura dos bares nos días de festa e así podemos ler que “en los días de San Lorenzo y Carnaval y en los de las fiestas y verbenas que se celebraren en la villa, podrán estar abiertos hasta las once de la noche los establecimientos de bebidas[9].

Foz, a mediados do XIX, xa se convertera nunha vila turística a cal acudían gran número  de visitantes, bañistas e veraneantes nos meses de verán, aínda que especialmente no mes de agosto. Lembremos que no artigo publicado neste blog titulado “A praia de de Foz, imán turístico. 1850 a 1930” faciamos mención a un anuncio publicitario inxerido no xornal La Aurora del Miño, no seu número do 18 de xuño de 1857, no que se podía ler: “Los baños de mar en el puerto de Foz están muy concurridos de algunos años acá, tanto por las hermosas y cómodas playas de aquella costa y abrigos que ofrecen las riberas del Masma en su desembocadura, como por la equidad en los alimentos y posadas”.

Esta masiva chegada de veraneantes no mes de agosto levou á Corporación Municipal focega a acordar “que en el presupuesto próximo figure alguna cantidad para festejos públicos, que tendrán que celebrarse en el mes de Agosto de año entrante de 1909, y que se convoque al comercio y personal principales del pueblo para constitución de una Junta Permanente de Festejos, que se encargue de llevarlos a cabo todos los años, bajo la subvención de San Lorenzo, a quien desde tiempo inmemorial se vienen realizando aunque hoy quedaron reducidos a solo dos días por falta de recursos”.[10]
Resumindo, non celebramos o San Lourenzo porque chegasen moitos veraneantes a Foz senón que xa se celebraba nesta parroquia, conxuntamente co santo titular Santiago, dende hai máis de 350 anos.
A desaparición da celebración do Santiago de Foz non se debe ao aumento das celebracións do San Lourenzo senón a irrupción do culto á Virxe do Carme.

O patrón dos mariñeiros de Foz, de igual maneira que os do resto de Galicia, era San Pedro. En Foz celebrábanse tres festas: a de San Pedro, o 29 de xuño, a de Santiago, o 25 de xullo, e, en menor medida, a de San Lourenzo.

A implantación do culto da Virxe do Carme e o seu auxe dentro do mundo dos mariñeiros fará que esta se converta na súa patroa deles, deixando de celebrar o San Pedro. O problema xorde cando celebras o Carme, 16 de xullo, e celebras o Santiago, 25 de xullo.
Penso, pode que erradamente, que a festa do Carme é a responsable da desaparición da festa do Santiago. Ao quedarse Foz sen unha festa busca unha data apropiada para recuperala votando man da festa do co patrón, que coincide co momento en que en Foz  hai maior número de habitantes, xa que estamos en pleno verán.

Non somos o único concello onde pasa isto, se pensamos na parroquia de Santiago de Viveiro veremos como nela se celebra o Carme e non o Santiago, sendo desprazada esta festa ao 16 de agosto San Roque. Volvemos a ver como na necesidade dunha data para suplir a festa do Santiago aparece outra en agosto, momento de maior ocupación da vila, de igual maneira que en Foz.





[1] Tombo de Lourenzá. Rodríguez González, A. e Rey Caiña,A., en Estudios Mindonienses nº 8, nº 81, p. 120.
[2] Cal Pardo, H.: Tumbos del Archivo de la Catedral de Mondoñedo. Calendarios. 1263, 11 de agosto. Nº 156, p. 42.
[3] Cal Pardo, H.: Tumbos del Archivo de la Catedral de Mondoñedo. Calendarios. 1354, 10 de agosto, nº 954, p. 372 e 28 de setembro, nº 955, p. 374, respectivamente.
[4] Cal Pardo, H.: Tumbos del Archivo de la Catedral de Mondoñedo. Calendarios. 1382, 27 de xaneiro, nº 1063, p. 456.
[5] Cal Pardo, H.: Tumbos del Archivo de la Catedral de Mondoñedo. Tumbo Pechado. 1425, 16 de novembro, nº 297, p. 268.
[6] Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Parroquia de Foz. Libro de Fábrica, fols. 74 e 78 respectivamente.
[7] Arquivo Catedralicio de Mondoñedo. Visita pastoral do bispo Lois Tello. 1670. Tomo II, fol. 499 volto.
[8] Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Parroquia de Foz. Libro de Defuncións. 1723, fol. 220.
[9] Arquivo Municipal de Foz. Ordenanzas municipais. 1899, nº 35, 36 e 38, fol. 34 volto.
[10] Arquivo Municipal de Foz. Libro de acordos plenarios, acta do 14 de xuño de 1908.

No hay comentarios:

Publicar un comentario