Buscar este blog

viernes, 7 de agosto de 2015

A CASA TORRE DE VILAXOÁN. Séculos XVI a XIX.




Hoxe imos falar dunha das dúas casas torre que atopamos no lugar de Vilaxoán. Neste barrio, pertencente á  parroquia de Santiago de Foz, temos atopadas dúas referencias a Torres, entendendo este termo sempre co significando de casa amurallada. Unha destas dúas Torres de Vilaxoán pertence á familia López de Moscoso, tal e como veremos en posterior artigo, e a outra, da que imos falar, terá varios posuidores ao longo da historia.

Se algún día paseamos por Vilaxoán veremos que moi preto á capela de San Brais hai unha casa que nos lembrará, pola súa estrutura construtiva, unha casa fortificada con torre ameada. Hoxe xa non se conserva moito da estrutura inicial pero aínda se pode ver, como lembranza de pasado máis glorioso, restos construtivos que rememoran aquel tempo en que toda a propiedade estaba toda unida e defendida por unha torre ameada. Actualmente a propiedade a varias familias que foron dividindo o que antes era unha única construción en varias casas individuais.
Temos que agradecer á persoa ou persoas que souberon conservar un letreiro no que se pode ler 1688. Tal vez pensaron que esa era a data de construción da casa torre mais están errados. Supoñemos que esa data de 1688 fai referencia ao ano en que a casa torre sufre unha serie de reformas pois esta construción xa aparece nun documento datado no ano 1581, tal e como veremos posteriormente.

A Torre de Vilaxoán.
Vinculación cos Estúa, Luaces, de la Barrera e co conde de Ximonde.

Os citados apelidos fan referencia ás familias que ao longo da historia posuíron nun momento dado esta casa torre.

Dos Estúa e dos Luaces.

Estes apelidos aparecen ligados a esta casa torre, por primeira vez, nun documento de fundación vincular datado o día 2 de novembro de 1581.
Nesta data o rexedor mindoniense Luís Luaces e Labrada, casado con Leonor Fernández de Estúa e Miranda, fundaba un importante vínculo familiar. O documento fora redactado polo escribán de San Cosme de Barreiros Fernando Rodríguez das Eiras e Villarmea.
Na relación de fincas que compoñían este vínculo destacamos as seguintes: “las casas donde los fundadores vivían en Mondoñedo; el lugar y torre de Villajuane; la casa y torre de Vilacendoy; el lugar y torre de Vilamor; la torre y casa de Abadín[1].
Don Eduardo Lence Santar, noutro artigo de prensa, mencionaba, tamén como pertencentes a este vínculo, as seguintes herdades: A Casería de Villarmea, en Fazouro, a Casería de Carrouceira en San Martiño, a casa que fora de Luís Pillado, tamén en San Martiño, así como unha horta con laranxeiros e limoeiros. Outras propiedades mencionadas son o muíño de Ourín, en Vilacendoi; o lugar de Regueira, en Fazouro; a casería e herdades en Xinzo, así como unha cuarta parte dos montes que lles pertenceran a Pedro Ares, veciño de Vilaxoane e a Roi López, veciño de Xinzo. [2]

A pesares de que o tema que hoxe nos ocupa é a Torre de Vilaxoán gustaríanos falar un pouco  da Torre de Vilacendoi, situada na parroquia de San Martiño de Mondoñedo.

Nun apeo de bens que se realiza na mencionada parroquia no ano 1540 o Cabido catedralicio asegura posuír varias fincas, unha delas está no lugar da “Cerviçaria a la entrada e cavo de la fuente de Villa Cendoy”, trátase de tres xornais de viña que están todos xuntos e lindan dunha parte cunha “casa vieja” e de outra parte topan “en el curral de la torre que fue del Prior de San Martiño Ares Perez, que sea en gloria, que agora es de la muger de Alvaro Bazquez e de otra parte topa en el camyno que va para la fuente de Villa Cendoy”. A muller que se menciona neste documento non era outra que a filla ilexítima do prior Ares Pérez de Viladonga, Ynes Rodriguez, su hija, muger de Alvaro Bazquez. Do matrimonio entre Inés e Álvaro nacen dous rapaces: Ares Pérez e Afonso López de Vilanova. Nalgún momento entre 1540 e 1581 un destes dous herdeiros tivo unha filla á que chamou Leonor. Baseámonos para afirmar isto en que no citado apeo de bens, na declaración que unha testemuña fai sobre a veiga de Bouzas, afirma que pertencía a “Leonor Fernandez madre del prior Ares Perez”.
Por tanto Leonor Fernández de Estúa e Miranda, casada con  Luís de Luaces e Labrada, viña sendo a bisneta do prior Ares Pérez de Viladonga e tataraneta de Leonor Fernández. Esta é a razón que explica a aparición da Torre de Vilacendoi no vínculo da familia Luaces de Mondoñedo.


O vínculo familiar dos Luaces irá pasando de pais a fillos ata que na primeira metade do século XVII aparece en mans de Catarina Otero de Luaces, casada no ano 1666 co capitán Gregorio Sánchez Baamonde.

Desta unión marital nace Margarida Sánchez de Baamonde de Otero e Luaces, señora xurisdicional dos cotos de San Martiño e San Xoán de Vilaronte así como posuidora do vínculo familiar dos Luaces. Esta señora casa con Brais de la Barrera e Castrillón, sendo a partir de entonces cando a familia de la Barrera aparece como posuidora do vínculo e da casa torre de Vilaxoán.

Dos Luaces  e dos de la Barrera.

 Que a familia de la Barrera estaba fondamente asentada no concello de Foz queda constatado a través de varios documentos.
Un deles data do ano 1605, este fai referencia ao matrimonio entre o capitán de cabalería Pedro Álvarez de Aguiar e Mañente, fidalgo nado en Vilaronte, e Dominga Rodríguez de la Barrera e Cangas, filla de  Xoán de Cangas, natural de Requejo (Villaviciosa) e María Rodríguez de la Barrera, natural de Ribadeo.

En 1621 temos noticia dun sacerdote chamado Diego de la Barrera e Castrillón, residente na parroquia de Foz, na súa partida de defunción,  do día 20 de agosto de 1621, podemos ler que “no hiço testamento porque no tenia bienes”.

Outro membro desta familia residente no noso concello é Domingo de la Barrera, que no ano 1625 aparece como posuidor de varias propiedades no lugar da Penaparda.

Sabemos que a familia de la Barrera estaba asentada en Vilaxoane a principios do século XVII grazas a un foro outorgado o 22 de xullo de 1631. Neste documento o Cabido mindoniense aforaba unhas viñas nas veigas da Coigas, en San Martiño, a Xácome Montero, entre as lindes das citadas viñas figura “las heredades y vinas que tiene el dicho Cavildo y su mesa capitular en el lugar das Coigas y lo mismo la acienda que llevan los hijos de Juan de la Barrera en Villaxuane y una eredad que asta agora solia llevar Esteban Fernandez vezino de Foz”.

Non podemos confundir ao anteriormente mencionado Diego de la Barrera co presbítero don Diego de la Barrera Navia e Castrillón, veciño de Ribadeo, que fundaba no ano 1675 (15 de febreiro) unha capelanía baixo a titulación da Nosa Señora da Concepción, localizada na Colexiata de Santa María do Campo de Ribadeo.

Pode pensar o lector que estes datos nada teñen que ver con Foz, pero se lemos atentamente a documentación fundacional desta capelanía comprobaremos que deixa, o citado presbítero para mantela, as seguintes propiedades: “el lugar y caseria que llaman de Ginzo, sito en la feligresia de San Martin de Mondoñedo, en el que vive Antonio Ramudo”, tamén mencionaba “la casa y lugar en que al presente vive Dominga do Couto, moza soltera, sita en el lugar de Mourente, feligresia de San Martin de Mondoñedo”.
Neste mesmo documento o citado presbítero noméase así mesmo como primeiro capelán e patrón, nomeando como sucesor seu a “don Antonio de la Barrera y Castrillón, su sobrino, dueño del coto de San Martin de Mondoñedo y Villaronte y regidor de la ciudad de Mondoñedo”. Pensamos que o dominio dos cotos de San Martiño e Vilaronte chegáralle ao rexedor Antón de la Barrera por herdanza de seu avó, o veciño de Ribadeo Xoán de la Barrera, que o día 1 de xaneiro de 1619 se facía coas alcabalas de San Martiño e Vilaronte.
Este mencionado Antón de la Barrera estaba casado con María Barrientos, filla de Beatriz Barrientos e Cueto e de Antón Carbajal Aguiar e Pardo, rexedor  da cidade de Mondoñedo nos anos 1626, 1644 e 1654.

Na visita pastoral que realiza o bispo Lois Tello de Olivares a Foz en 1670 solicita información sobre as capelanías existentes nesta parroquia, as testemuñas contestan, entre outras cousas, que: “otro si dijeron que en dicha feligresia ai una ermita de la avocacion del Señor San Blas, que fundô el Oidor Saavedra, de que es patron el Regidor Don Antonio de la Varrera,  esta bien compuesta y decente, de la qual lleva el cura la mitad de las candelas y la otra mitad dicho patron, que tiene obligacion de repararla”.

O día 30 de agosto de 1685 o cura párroco de Foz, don Domingo López Leytón, oficiaba un “matrimonio por palabras” entre don Xoán Pardo de Vivero e Pumariño, veciño da parroquia de Santiago de Viveiro, e dona “Beatriz Barrientos y Carbajal, yja del Regidor don Antonio de la Barrera y Castrillon y doña Mariana de Barrientos y Carbajal, vecina desta feligresia”. Actuaron como testemuñas do evento os irmáns Francisco Andrés e Brais de la Barrera e Castrillón.


Brais de la Barrera Navia e Castrillón.

Rematamos o apartado dos Luaces coa voda de Margarida Sánchez de Baamonde Otero e Luaces con Brais de la Barrera. Pensamos, polo menos ata que atopemos unha documentación que nos diga o contrario, que é neste momento cando os de la Barrera se fan co vínculo dos Luaces, ou o que é o mesmo, coa casa torre de Vilaxoán.
Do citado matrimonio nacerá unha nena chamada Xoana de la Barrera que casará con Gonzalo Montero e Villar, deste matrimonio nacerá outra nena, Beatriz María Montero.
Que o matrimonio entre Brais e Margarida tan só tivese unha filla condicionará o vínculo dos Luaces.
Brais de la Barrera morre o día 25 de abril de 1712, “no pudo hacer testamento ni memoria del por estar pribado de las potencias todo el tiempo de su enfermedad”.
Ao non facer testamento e ter como herdeira a unha filla, feito que  a excluía do vínculo, provocou que Francisco Andrés de la Barrera, irmán de Brais, se fixese coas propiedades do vínculo dos Luaces.

O Arquivo do Reino de Galiza garda entre os seus fondos un documento do ano 1720 titulado “Documentos de propiedad de Juana de la Barrera, en relación a su herencia”.
Este preito de 1720 xorde cando Gonzalo Montero e Villar, esposo de Xoana, preitea contra Francisco Andrés de la Barrera solicitando a restitución dos bens pertencentes a Brais de la Barrera. En concreto estes bens eran: “la casa prinzipal donde vivia en el lugar de Villa Juan, con todos los vienes a ella anejos y pertenezientes; los cotos de San Martin de Mondoñedo y Villaronte, con todas sus rentas y servizios. Dos casas en la ciudad de Mondoñedo, una grande y otra pequeña pegadas la una a la otra, otros dos lugares en el valle de Lorenzana y otros muchos vienes muebles y raices, alajas de oro y plata, ganados, cavallerias, plantaciones, labradios, foros, censos  y otros”. Como podemos ver todas estas propiedades facían moi apetecible a herdanza de Brais de la Barrera, mais Gonzalo Montero nunca se fixo con elas pois recaeron en mans de Francisco Andrés de la Barrera, irmán de Brais, casado con Benita Vicenta Mosquera Pimentel Caamaño e Soutomaior. De este matrimonio non houbo descendencia e os bens vinculares dos Luaces pasaron ao fillo de María Rosa de la Barrera Navia y Castrillón, don Xoán Antón Bernaldino Cisneros, primeiro Conde de Ximonde.



 Os condes de Ximonde.

Non pensamos facer aquí unha relación de todas as propiedades e bens dos Ximonde, simplemente queremos amosar como esta familia se fai cos bens e coa casa torre de Vilaxoán.
Durante moito tempo afirmouse que eran os condes de Ximonde os que mandaran construír a capela de San Brais e a casa que estaba pegada a ela. Supoñemos que estas afirmacións se deben a que a condesa de Ximonde foi a derradeira posuidora destes bens. Semella lóxico pensar que a xente coidase que eran os Ximonde tanto derradeiros posuidores  como fundadores, pero non é así.

Noutro artigo temos falado sobre a capela de San Brais e vimos como a súa fundación era datable no primeiro terzo do século XVII, polo tanto non é posible atribuíla aos membros da familia Ximonde. Como tampouco é posible facelo coa fundación da casa torre de Vilaxoane que como levamos visto data do século XVI.

Os Ximonde, tal e como levamos explicado, fixéronse coas propiedades de Vilaxoán por herdanza correspondente a María Rosa de la Barrera Navia e Castrillón.

Esta era irmá de Brais de la Barrera, casará con Antón Ramón Cisneros de Castro Figueroa e Sarmiento. Era este home fidalgo coñecido na cidade de Santiago, onde exercerá cargos públicos, como o de rexedor perpetuo. Tamén exerce o cargo de “caudillo mayor del número de Tercios de Villanueva de Arosa y agregados”, servindo ao rei Filipe V na defensa das costas de Arosa.
O seu fillo Xoán Antón Bernaldino Cisneros de Castro, bautizado o 31 de maio de 1725 na parroquia de San Miguel de Sarandón converterase no primeiro dos condes de Ximonde.
Súa nai, Rosa, e seu tío Francisco Andrés de la Barrera preitearán polos bens de Brais de la Barrera recibindo o fillo de Rosa, en herdanza, os bens que a familia posuía en Vilaxoán.

Podemos dicir que o primeiro conde de Ximonde, nomeado no ano 1766, era don Xoán Antón Cisneros, e como fillo de don Antón Ramón Cisneros e dona María Rosa de la Barrera faise co vínculo da casa torre de Vilaxoán así como do padroado da capelanía fundada polo bachaler Diego de la Barrera “y haber sucedido en el vinculo a que estan agregados los de Foz y San Martin de Mondoñedo, que poseyó en sus dias don Francisco de la Barrera, declarado patrono en la penultima vacante el que por haber fallecido sin subcesion legitima recayò en don Antonio Fernandez Villar y Montero, tambien patrono declarado en la ultima sentencia y a la muerte de este en su unico hermano don Andres Jabier Villar, que a si mismo fallecieron sin sucesion legitima y fueron hijos legitimos de don Miguel Ramiro Villar y Bermudez y de su muger doña Beatriz de la Barrera, nietos por esta de don Gonzalo Montero y Nogueira y la suya doña Juana de la Barrera, hermana de dichos don Francisco y doña Maria Rosa de la Barrera”.

Unha persoa vinculada á familia dos Condes de Ximonde será Filipe Golpe, quen no ano 1855 aparecía exercendo o cargo de mordomo e axudante xeral da condesa de Ximonde no partido de Mondoñedo. En 1839 xa exercía ese cargo “don Felipe Golpe, procurador, vecino de la limítrofe de Foz, administrador en ese partido de Su Señoría el conde de Gimonde, en conformidad del poder que dicho Señor Conde otorgó en su favor por ante el escrivano de San Martín, don José María Fernández Crespo, en catorce de Julio de mil ochocientos y treinta y siete para la administración de los bienes y rentas pertenecientes a la casa de la torre de Villajuane”.



Sirvan estas liñas para aclarar un pouco máis sobre a orixe e a antigüidade da casa torre de Vilaxoán, mais somos sabedores de que aínda queda moito por investigar. As nosas pescudas leváronos a un fondo documental relativo á familia de la Barrera. Cando o tempo nolo permita consultaremos o referido fondo e sacaremos á luz novos datos, tanto da familia de la Barrera como da casa torre de Vilaxoán.





[1] Lence Santar, Eduardo. Artigo sobre os Luaces no periódico El Compostelano, 1927, 22 de marzo.
[2] Lence Santar, Eduardo. Artigo sobre os Luaces no periódico La Voz de Mondoñedo, 1909,27 de novembro.

2 comentarios:

  1. Encántanme os teus artigos. Tes máis información sobre a torre de Vilacendoi? Sabes se queda algún vestixio?

    ResponderEliminar