Escribir sobre a figura do Mariscal resulta moi complexo,
porque chegar ao cerne desta talla trae consigo unha enorme tarefa de quitar as
incontables capas de pintura que se lle deron á figura. Capas dadas polos
partidarios e defensores da súa figura, que elevan aos altares do martiroloxio
nacionalista; ou as capas dadas polos contrarios, defensores da idea de que o
Mariscal era un nobre de segunda orde que nunca pasou de ser un bandido e un
criminal.
Non imos entrar no lameiro, non por medo a mancharnos senón
porque daríalle a este traballo unha extensión que non queremos dar; pero cada
un é libre (completamente) de pensar o que queira sobre esta figura tan
mitificada.
Nós quedarémonos cos palabras escritas por Fernando
Fulgosio na súa novela “Una mata de helecho en la costa de Málaga” (1869, p.
568)
¿Pagué yo alguno al Mariscal Pero Pardo de Cela,
cuando me dio la libertad?
- ¿Tú has sido
cautivo del Mariscal –
- Como tú, caí
herido en sus manos; como a ti me asistieron en el castillo de la Frouseira, en
Galicia, por orden de su señor… Ya sabes que el Mariscal es tan altanero con sus
iguales y aun con los reyes… como blando, en general, con los que toma bajo su
amparo.
Esa imaxe de suavidade coas persoas que toma baixo o seu
mando esvaécese cando trata con inimigos, sexan da nobreza ou do pobo. No
preito Tábera Fonseca (1525), dásenos unha visión bastante despectiva do
Mariscal (tan despectiva como intencionada), pois amósannolo como unha persoa
moi vingativa, con esa frase que lle fan dicir “enchede os carballos de vasalos” á que se lle responde “eu vivo dos vasalos, non dos carballos”.
Ao Mariscal débeselle a fundación do porto de Masma, que
dito así soa, porque o é, moi esaxerado. O que Pardo de Cela leva a cabo é a
apertura dun porto para a exportación de madeira, fóra do control impositivo
existente nos portos de Viveiro ou Ribadeo. Antes de poder saír unha nave
cargada de madeira deses portos tiña que aboar unha cantidade en concepto de
impostos; pero de facer a carga no porto do Masma non debería ter que abonar
nada, o que, aparte de convertelo en porto ilegal tamén o converte nun porto
moi atrativo.
Outra imaxe, tamén moi intencionada, e a que transmite nas súas palabras o
bispo de Mondoñedo, don Gonzalo Gutiérrez de Mantilla. O prelado escribía ao
rei solicitando a devolución das xurisdicións eclesiásticas de Vilaronte e San
Martiño, que, por mandato real, foran vendidas ao oidor Hernando Saavedra, do
consello de Contaduría Maio da súa Maxestade, colaborador na Corte.
O bispo Mantilla, en 1595, alertaba ao rei do perigo que
corría se o porto de Foz caía en mans, por venda, dos herdeiros do citado
oidor, e alertábao coa lembranza daquel enfrontamento entre o poder real e o
Mariscal “y de un puerto seguro para
fortificarse, tener y recibir navios podrian llebantarse, pues no es cosa
nueba. Se ha visto en tiempo del rey don Fernando y del emperador Carlos,
visabuelo y abuelo de Vuesa Magestad, que en estos reinos se llebantaron bandos
y hubo comunidades y esto procedio de que los señores se hallaban poderosos y
tenian sus casas fuertes”. E aí é cando aparece a figura do noso protagonista,
cando o bispo, lembrando os sucesos acontecidos había un século, di “y en este reino de Galicia el mariscal Pedro
Pardo, Pedro Bolano y Pedro de Miranda, con solo tener el uno un penasco en un
monte, a donde se acogia, y el otro un castillo en la ribera del rio Miranda y
el otro una fortaleça tiraniçaban la tierra y no havia cosa segura”.
Do Mariscal díxosenos (e non imos entrar en si é, ou non,
certo) que levaba, irregularmente, moitas propiedades do cabido de Mondoñedo;
pero non so do cabido, pois o mosteiro de Vilanova de Lourenzá tamén lle cedera
(voluntaria ou coacionadamente) certas propiedades. Así vemos como lle conceden
“os lugares de Galgao e de Quende e
Benbibre e que son do dito moesterio conto dos os vasalos et moradores en eles
et con todo o sennorio çevil e criminal”. Como condición esíxenlle que “abedes de sair en defensa de nos, os suso
ditos e de nosos subçesores e dos vasalos do dito moesterio”, isto
acontecía o 25 de outubro de 1464.
Nesa mesma data dona Sabela de Castro, muller do Mariscal,
recibía do mosteiro de Vilanova “o noso
Çeleiro de Marinnaos que he do dito moesteiro con todos los vasalos e moradores
nel e con todo o sennorio civil e creminal”. A razón deste aforamento
debíase a actitude do Mariscal en favor do convento, ou así dicían os monxes “avedes feito e fasedes manter defenso a este
dito moesteiro e a nos, los suso ditos, e entendemos que faredes eso mesmo de
aquí en adeante”. Non sería tan mala a relación entre o Mariscal e o
convento.
As tornas cambiaron co paso do tempo e o Mariscal pasou
de ser aquela figura xunto á que se quería estar a un apestado do que se fuxía,
e máis, se combatía.
No primeiro dos casos estaría García González, que o 10
de novembro de 1513 solicitaba executoria de fidalguía (Arquivo da Real
Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 42, 10). Neste tipo de
documentación, para demostrar que se era fidalgo, levábanse varias testemuñas
(fidalgas) que acreditaban que o demandante era fidalgo, pero que tamén seu pai e avó o foran.
Na do mencionado García, veciño de San Pedro de Labrada,
aparece declarando Pedro Grada, fidalgo, veciño de Labrada e de 80 anos, que
afirma ter coñecido a García González había máis de 30 anos e que “despues lo vio venir por espacio de veynte
años poco mas o menos con el mariscal Pedro Pardo de Çela, le servia como peon”.
Abundan máis os exemplos do segundo dos casos, dos que
loitaron contra do Mariscal no cerco da Frouxeira.
Exemplos son os casos de Afonso Arias de Viladaide (San
Cosme), que en 1488 preiteaba pola súa fidalguía, e do que aseguran que
participara na toma da Frouxeira “otro sy
dixo que savia que al tiempo (roto) Pedro
Pardo en la fortaleza de (roto) Alonso
Arias, quien contendia en el dicho pleito, fuera con ellos i sirviera en el
cerco ciertas tenporadas fasta que se acavara el dicho çerco i que asimismo vio
que en el tiempo donde Alonso Lopez de Haro,
que a la sazon era gobernador en el dicho Regno, llamara a estas gentes
para el combate de Villa Juan que el dicho Alonso Arias, el viejo, padre del
dicho Alonso Arias, fuera a servir al dicho combate con otros vecinos de la
dicha feligresía de Sant Cosme” (Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos,
Caixa 3,1 1488, 5 de xuño).
Tamén está o caso de Diego Pérez, veciño de San Cosme de
Barreiros, que preiteaba o 7 de xuño de 1496. Del dirá Fernando Pérez, fidalgo
de Celeiro de Mariñaos, “que savia i
viera este testigo que quando don Fernando de Acuña gobernador del dicho
nuestro Regno de Gallizia toviera çercada la fortaleza de Froseyra donde estaba
cercado el mariscal Pedro Pardo, que fuera el dicho Diego Perez en nuestro
servicio al cerco de la dicha fortaleça servir en el dito cerco ciertas
tenporadas”( Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos, Caixa 19,6. 1496, 7 de
xuño).
Ou o caso do fidalgo Fernando Basanta, quen no ano 1506
inicia preito para demostrar a súa fidalguía (Arquivo da Real Chancelería de
Valladolid, Sala de Fidalgos, caixa 465, 4). Mais non será ata o ano 1513 en
que consiga unha executoria do preito sobre a súa fidalguía. (Arquivo da Real
Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 284, 4).
Entre as testemuñas presentadas figura Xoán Mariño, un
fidalgo de 80 anos e veciño de San Cosme de Barreiros. Na súa declaración
afirma “oyera dezir que Juan Basanta,
abuelo deste que contendia, avya ydo a la guerra de Aryza a servir como
fijodalgo e a visto este testigo a este Fernan Basanta a servir a la guerra de
Pena Flora (Frouxeira) con sus
hermanos como fijo dalgo”.
Campeonato de loita medieval.
Belmonte, 2014
Tamén está o caso de Alonso Vidal, fidalgo de Santa
Cilla, que o 7 de xullo de 1508 solicitaba executoria de fidalguía. Nela alegaba
que os seus antepasados foran fidalgos e que el acudira, “como ome fijodalgo a servir con los otros omes fijosdalgo de aquella
tierra por mandado del governador al çerco de Villajuan i a pena Froxera”.
Da fidalguía do avó de Alonso Vidal, o fidalgo Alvar
Alonso, fala Xoán de Losada, un fidalgo de 65 anos e natural de Romariz, do que
di “oyera
descir por fama publica al mariscal Pedro Pardo i a Vasco Lopez de Rio i a Ruy
Lorenço de Adelan i a otros de aquella tierra que eran mas antiguos que este
testigo i desta que ellos avian conosçido al dicho Alvar Alonso i que fuera ome
fijodalgo” (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 36,
2. 1508, 7 de xullo).
Rematamos esta relación, que é moito máis completa, co
caso de Xoán de Luaces, veciño de Vilamor (Mondoñedo), preiteaba pola
fidalguía, alegando, entre outras cousas, unha testemuña que “Viera al dicho Diego de Luaçes, padre deste
que contiende yr a la guerra de Froxera i a la de Villa Juan donde fueran
llamados los omes fijosdalgo del Regno de Galicia” (Arquivo da Real
Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 28, 12. 1510, 27 de abril).
Polo que puidemos ler nas declaracións das testemuñas o
cerco do castelo da Frouxeira existiu, prolongándose no tempo en varias
campañas.
Eses distintos ataques e defensas provocaron mortos e
feridos. En honra dos primeiros o comandante das tropas asaltantes, Mudarra,
funda na igrexa de San Martiño de Mondoñedo o altar de Santa Catarina “que hizo azer
Mosieur Mudarra que tomo a Pena Frolseyra por su Alteza”. Como contrapartida a esta fundación ordenaba “que se dixesen en la dicha capilla e altar
todos los lunys de cada mes el primero lunys de cada mes una misa cantada con
su bigilia e responso por las animas de ciertos que murieron e se enterraron
alli sobre el cerco de la dicha Frouseyra”.
No ano 2013 o profesor Eduardo Pardo de Guevara sacaba á
luz un estudio acompañado dunha transcrición do testamento do Mariscal Pardo de
Cela. Gracias a ese traballo sabemos que o Mariscal fora executado a principios
do mes de outubro do ano 1483 e non o 17 de decembro, tal e como se pensaba ata
agora.
Este interesante traballo sirve de base documental para a
relación nominal de propiedades que agora sacamos.
Propiedades en San Martiño de Mondoñedo.
No testamento podemos ler a seguinte manda: “Yten desenbargo al monesterio de San
Martinno de Mondonedo, los benefiçios de Abadin et Recaree et San Romao de
Villaestrofe que yo lleve del dicho monesterio, et mando a mis herederos, so
pena de mi maldiçion, que nunca los demanden”. Isto estanos a falar da
devolución deses tres beneficios ao seu lexítimo dono, o mosteiro de San
Martiño, o que, por outra banda, tamén nos informa de que, en certa medida, o
Mariscal se apoderaba de propiedades pertencentes á igrexa.
Outra das mandas que fai referencia a San Martiño ten
como protagonistas aos membros da familia Conde. Nela podemos ler: “yten desenbargo la casa de San Martinno a
los hijos de Gonçalo Conde, et que me paguen çinco mill maravedis que me deben,
et demanden dos mill a Lopo do Rio, que yo le tome de mas, que mande que se los
diesen”. Resulta moi habitual poder ler nos testamentos como se reclaman
débedas ou se informa aos herdeiros das débedas que se teñen contraídas.
Propiedades en Marzán.
Neste lugar o Mariscal posuía o casal de Marzán “Yten mando al dicho monesterio de San
Martino dos reales o sesenta maravedis de cada un anno por lo meu casal et
heredades de Marçan et que me digan de cada un ano una misa cantada el dia de
San Pedro et en su altar”.
No apeo,
realizado en 1540, e que se conserva no arquivo catedralicio de Mondoñedo, das propiedades pertencentes ao mosteiro de San
Martiño podemos ler que na declaración de Diego Carballal faise mención a que
no Prado da Lama (Marzán) o mosteiro de San Martiño posuía un finca coñecida co
nome de Os Fornos, que levaba catro choupíns, entre as súas lindes aparecen
varios prados: “uno de Pero Mariño y en
otro de Francisco Palmeiro que fue de la caseria del Mariscal e de otra parte
en heredad de la caseria de Villamayor del dicho Cabildo”. Ven sendo a
mesma que se menciona no testamento.
Nese mesmo apeo
infórmasenos da extensión da referida casería “Que en la referida feligresia de San Martin tenia el Monasterio la
Telleira, en que se hace la Teja, con heredades en la Veiga do cura, que esta
en medio de la feligresia compuesta de 8 ò 10 tarreos de 10 o 12 choupines, con
otras muchas heredades, con nombre de la casaria de Marzan, sitas en la Veiga
de Lourido de llevar siete o ocho choupines de sembradura”.
Propiedades en Santa Cilla.
“Yten desenbargo a
Roy Basquez, canonigo, la parte del benefiçio que le cabe de Santa Çeçilia, de
quel es clerigo, con el pan de oganno que le pertenesçe”. Volvemos a ver
outra devolución de beneficios eclesiásticos que levaba o Mariscal.
Propiedades en
Vilaxoane.
“Yten mando a
Gonçalbo Yannes, canonigo, lleve un tonel de vino que eu tenno en Bilajuane en
satysfaçion de una meda que le tomey en Bilarmea, et le pido perdon por amor de
Dios”. Aínda que poñemos propiedades nada nos fai pensar que ese tonel de
viño proceda de viñas pertencentes ao Mariscal que estivesen sitas en
Vilaxoane.
Aquí rematamos esta relación de cousas que non sabía
sobre o Mariscal. Da cadea co que foi preso, e que recibiu o nome da Mariscala,
ou do que dixo cando lle cortaron a cabeza xa falaremos noutro capítulo; porque
iso, iso xa é outra historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario