Buscar este blog

sábado, 1 de agosto de 2026

O SAN LOURENZO DE 1966

 

     Foz, verán de 1966. Foto Celta.

Non é porque transcorresen sesenta anos o que fai especial a edición do San Lourenzo de 1966. Nese ano, e como veredes, aconteceron feitos que converteron a esta edición en algo único, polo menos para min.

Como en edicións anteriores á de 1966, e posteriores a este ano, o primeiro que se creaba era a Comisión de Festa, formada por homes, moitos máis, e mulleres de Foz que tiña como fin último recadar os cartos necesarios e promocionar, o máximo posible, a festa.

Esta do ano 1966 non tivo unha Comisión, tivo tres; constituídas con tempo suficiente pois aparecen xa na prensa do mes de xaneiro de este ano. Na prensa dese mes xa se anunciaban as festas, que ían combinar actos lúdicos, deportivos e culturais, actos novidosos “y nunca disfrutados en Foz, como la actuación del Ballet Español y la Compañía de “Teatro de Arte”; a novidade no marco cultural  e eran os Xogos Florais e no lúdico varias actuacións “que harán de las próximas fiestas de agosto en Foz algo que hasta hoy no se había intentado siquiera ... y que despertará en nuestros visitantes veraniegos, cada vez más numerosos, admiración”( El Progreso de Lugo. 1966, 26 de xaneiro).

As tres Comisións eran presididas polo alcalde de Foz, Xosé María Beltrán Veiga. A Comisión Cultural estaba formada por Ramón Fernández Mato, Xulio Ballesteeros Castro, Lois Cordeiro Rodríguez, Xesús Gil Nécega, Lolita Vázquez Álvarez e Mary Conde Guisán.

A de Facenda estaba integrada por Eduardo Miranda García, Xoán Román Ortega, Cándido Mariña Gómez, Xosé Lameiro Rodríguez, Xosé Gómez Veiga e Modesto López Iglesias.

A de Publicidade formábana Arximiro Corral Garrido, Benigno Beltrán Veiga, Anxo López- Leitón López, Eliseo Oroza Maseda, Manuel Neira Rodríguez e Carlos Anlló Veiga.

O pregón deste ano correría a cargo do xornalista, veraneante e amigo de Foz,  Xosé Trapero Pardo. Pero un bo acto, neste caso os mencionados Xogos Florais, sempre necesita da súa raíña; nomeaban polo tanto á “la encantadora señorita Justita Alonso Rodríguez, hija del ex juez comarcal, Benito Alonso”( El Progreso de Lugo. 1966, 25 de maio).

No mes de febreiro, o 22 dese mes, o xornal El Progreso de Lugo publicaba as bases do concurso literario denominado Xogos Florais de Foz. Este consistía en tres premios: un de 5.000 pesetas para un poema, ben en galego ou castelán, libre de metro, rima e extensión “en el que se haga la exaltación lírica del trabajo en el mar y en el campo, las dos matrices de la prosperidad focense”. O segundo, cun premio de 3.500 pesetas, consistía en escribir unha monografía, entre 75 e 100 folios, sobre o tema “la costa verde lucense y coruñesa, su presente y su porvenir”. O terceiro, de 3.000 pesetas, será para o mellor traballo presentado en prosa titulado “Foz y el mar”. Este traballo debe constar  cun mínimo de 25 e un máximo de 50 folios; nel débese recoller algunha tradición da pesca ou da navegación deste porto. Os premiados teñen a obriga de asistir ao solemne acto que se celebrará a principios do mes de agosto e que moderará o escritor e académico Euxenio Montes.

Sobre o tema “Foz y el mar”, poderían escribir sobre as Cooperativas do Mar, que se estaban a consolidar na costa galega e que, nese mesmo ano, en Foz botábase ao mar o primeiro barco dunha desas Cooperativas; estámonos a referir ao pesqueiro A Candelaria, que tivera un custo de 11 millóns de pesetas e cunha dotación de once mariñeiros propietarios cooperativistas.

No mes de xuño, a prensa daba conta da inexistencia de casas libres para alugar chegando á conclusión de “que este año la afluencia de veraneantes sobrepasará todos los cálculos”. Mencionaba a incorporación do Xico aos seus labores de garda praias. Informaba, ademais “que ha sido resuelto el problema de abastecimiento de auga, lo cual hará una delicia veranear en Foz” e do ensanchamento das dúas arterias de entrada e saída da vila “contará con nueve metros de calzada y amplias aceras que darán prestancia a la villa”(El Progreso de Lugo. 1966, 19 de xuño).

 E, como colofón do marabilloso que era Foz para veranear, dinos que o río Ouro “es salmonero, pese a  que no se encuentra muy cuidado que digamos”, tal afirmación ía ilustrada con dúas fotos de dsendos pescadores portando cada un deles un salmón pescado no río Ouro, un de 5,5 e outro de 8,5 quilos, hoxe en día iso é impensable.

Anteriormente contemplamos a existencia dunha comisión publicitaria das festase agora vexamos a campaña publicitaria das praias e de Foz levada a cabo polo alcalde Beltrán Veiga, o que

Fala da campaña de publicidade das praias de Foz do seu alcalde Beltrán Veiga “ha lanzado por España entera millares de postales con vistas de sus calles, de sus playas y de su puerto. Y lo curioso es que Foz no necesita más gente, porque todos los años está a tope”( El Pueblo Gallego. 1966, 22 de xuño).

Pero os rexedores saben, como os hostaleiros e industriais, que canta máis xente veña a Foz máis se vai construir “y entonces vendrá más gente y se ganará más dinero”.

Ese ano marca unha fonda diferencia na festa do San Lourenzo. A finais de xuño dese ano, a prensa daba conta de que o subsecretario de turismo, Rodríguez Acosta, enviara unha carta ao alcalde focego “comunicando que ha sido declarada fiesta de interés turístico, la de San Lorenzo ... que es una de las más concurridas de toda la costa lucense”( El Progreso de Lugo. 1966, 22 de xuño).

Este ano, xa van sesenta anos dese nomeamento.

A principio do mes de agosto a prensa anunciaba os gañadores dos primeiros Xogos Florais do concello de Foz, nos que, e hai que dicilo, aínda que non aparece en ningún dos relatos, estivo moi presente a man (así como o enorme traballo realizado) do antigo cronista oficial Suso do Bahía.

As cinco mil pesetas do premio destinado para o poema que fale do traballo no mar e no campo recaen en Manuel María Fernández (o poeta da Terra Cha), pola súa composición titulada “Versos florecidos en louvanza de Foz”; o premio para a monografía sobre a costa lucense, e dotado con 3.500 pesetas, recae en Henrique Chao Espina polo seu traballo titulado “Mitad pez y mitad sirena”. Rematamos co premio para o traballo sobre a tradición pesqueira do porto de Foz, e dotado con 3.000 pesetas, recae en Alfonso Toimil González polo seu traballo “Estudio sobre el diezmo y pesca de la ballena en el litoral lucense durante los siglos XVI y XVII”. Todos estes premios serán entregados nun acto que contará coa moderación de Euxenio Montes e que estará presidido polo ministro de Información e Turismo, o vilalbés Manuel Fraga Iribarne.

As festas do San Lourenzo deste ano tan especial comezaban o venres día 5, ás seis da tarde, co pregón que Trapero Pardo dará na Biblioteca Municipal.

Dous días despois, o xornal El Progreso de Lugo dáballe tres páxinas de publicidade ás festas e á labor realizada polo alcalde en prol do pobo. Imaxes da praia e unha entrevista co alcalde quen afirma que Foz necesitaba moita máis auga, sobre todo polo verán, pois “por el invierno, llega para usos domésticos, pero nada más”; polo tanto anunciaba a redacción do anteproxecto polo cal o río Ouro abastecería de auga ás poboacións costeiras dende Foz ata Cangas, un total de 9 quilómetros de distribución.

Neste mesmo ano tiña lugar a IV Edición da Travesía Ría de Foz, que, neste mesmo ano era incluída no Programa Nacional de Piragüismo.

Para os membros das distintas Comisións da Festa deste ano, e para as súas familias, esta edición do San Lourenzo tivo un interese especial. Como o tamén o tivo para min, aínda que non me lembre de nada da festa dese ano.

Eu, que nacín a finais do 1965, asistía con meus pais por primeira vez á festa do San Lourenzo. Dende aquela, tan só faltei un ano, o mesmo en que realizaba o servizo militar en Canarias, pero aparte dese feito puntual, nunca fallei, como outros moitos focegos e focegas.

 

 Pulicidade de  1966:

 

 

AS SIAMESAS DE FOZ.

 

                      Daisy e Violet Hilton. 1927.


Entre os romanos, na lei das 12 táboas, había unha, a sexta, que dispoñía que o pai tiña que matar inmediatamente ao seu fillo si este era deforme. Séneca recoñecía que na súa época se realizaban este tipo de aberracións, non por ira, afirmaba, senón para que non existise diferencia entre sans e enfermos.

Que se consideraba como deforme?

Pois nacementos como o que ten lugar na rúa coruñesa de San Andrés en 1899. Unha muller daba a luz unha nena que viñera ao mundo “con cuatro brazos, cuatro piernas y la cabeza tan abultada que más bien era propia de un niño de dos años de edad”. A sorte acompañouna, falecendo ás poucas horas. Probablemente estamos ante o caso do feto dunhas siamesas a medio formar.

No mes de marzo de 1908 nacía en Vilamartín (Ourense) “un niño con cuatro brazos y otras tantas piernas, con sus pies correspondientes. La noticia del nacimiento de este fenómeno circuló rápidamente por el pueblo acudiendo muchas personas al domicilio”.

No concello de Foz tamén tivemos deste tipo de nacementos. Así, no libro de Defuncións número dous da parroquia de Fazouro (1659-1782) podemos ler un bo montón de anotacións de defuntos que van encabezadas por termos como pobre, párvulo ou celibata, entre outras, por iso, imaxinen a sorpresa que causa ao investigador que isto lles conta ler na anotación marxinal o termo “monstro”.

A que se refería o  cura cando anota un defunto con ese termo?

Pois o que están a pensar, ao nacemento dun ser cunha deformidade. Realmente non era tal, xa que se trataba do nacemento dunhas siamesas, dous fetos que nacen unidos, pero neste caso, como veremos, esa unión condenaba á morte a estas nenas.

Deixemos que sexa o párroco quen nolo diga coas súas propias palabras.

Confesaba na partida de defunción que asistira  ao nacemento dunha “criatura monstruosa con cabeza y cara perfecta hasta los hombros, y desde alli, como dos cuerpos unidos uno con otro por la parte de delante, ygualmente desde los hombros desde los que le salian cuatro brazos separados, perfectos, con sus manos, estos con sus brazos apareados, dos de cada lado. Seguia la union hasta casi todo el vientre y desde alli todo separado; quatro muslos, piernas y pies perfectos, yguales, dos en cada una de las partes divididas y en ellas se conocía ser hembras. Nacio viva esta criatura ... al poco tiempo murio la dicha criatura”.

Viviu o suficiente para que a exhibisen ante os veciños congregados e recibir auga de socorro. E así quedou reflectido, documentalmente, o nacemento  dun monstro, aínda que a min me gusta pensar nelas como as fillas de Antón Fiallega e Mariana Rodríguez, ou, as Siamesas de Fazouro.

De ter sobrevivido, que clase de vida terían? Supoño que unha que non lle desexaríamos aos nosos fillos. Aínda que podo estar errado e vivisen como as irmás Rosa e Xosefa Bauzeh, nadas en Checoslovaquia. Falecían, con minutos de diferencia,  nun hospital de Chicago, 42 anos despois. Ambas mulleres xunguidas pola cadeira dedicáronse a vivir da súa rareza actuando en teatros o que lles reportou ingresos importantes.

Xosefa chegou a casarse e ter un neno, á idade de 30 anos. Non foi o único caso de Siameses famosos; pensemos nos  irmáns Semnoc e Sam, que  fixeron xiras polo mundo entre os anos 1848 e 49. Ata que  a enfermidade de Sam, provoca a enfermidade de seu irmán, falecendo xuntos o mesmo día.

Outro nacemento de siamesas atópase no libro 5 de bautismos da parroquia focega de Santa Cilla.

O caso das Siamesas de Fazouro non é o único do concello de Foz. No folio 43 do libro de nacementtos da parroquia de Santa Cilla podemos ler unha anotación que comeza con esta frase “dos niñas unidas”. Eran fillas de Francisco Rivas e Rita Pérez, naceron o día 29 de maio de 1857, delas o párroco di  que naceron “perfectamente unidas desde el pescuezo que formaba el de ambas cabezas, aunque cada una de ellas contenia todos los miembros necesarios”.

Foron bautizadas con auga de socorro por Vicenta Mariña, veciña da mencionada parroquia.

Parece que esta premura debeuse a que “la niña que formaba la derecha habia dado señales de vida, mas no asi la otra”. Ao día seguinte son soterradas.

Outro nacemento sorprendente, esta vez o dun feto sen formar, tivo lugar na parroquia de San Adrao, no Val de Lourenzá.

En 1884 nacía, tras seis meses de xestación, “un niño con los brazos más largos que el cuerpo, las piernas con las rodillas hacia atrás, igualmente que los pies, la boca en sentido vertical y formando línea recta con uno de los vértices del ojo derecho y la cabeza cubierta de pelo de una extraordinaira dimensión. Traía en la espalda dos grandes vegigas llenas de agua, una encima de un homoplato. Vivió este fenómeno, media hora”(El Eco de Galicia. 1884, 30 de novembro. Editado na Habana).

Como tivese sido a vida destas siamesas ou deste rapaz de San Adrao?

De ter sobrevivido, de poder vivir longo tempo, de poder experimentar o que é vivir unha vida, que lles houbese pasado?

Iso nunca o saberemos.