Buscar este blog

domingo, 19 de octubre de 2025

UNHA VIAXE NO TEMPO: SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO EN 1755.

 





As fotografías  proceden do Catálogo Monumental da provincia de Lugo. 1911-12.

Consultable en:

 https://aleph.csic.es/imagenes/mad01/0010/html/001359488 V01html#page/87/mode/2uo

Neste artigo imos viaxar, concretamente, ao pasado de San Martiño de Mondoñedo, retrocederemos xustamente 270 anos e deterémonos ante esa igrexa parroquial no ano 1755.

Empregamos como fonte documental a visita pastoral xirada polo bispo don Carlos Riomol e Quiroga (1752-1761), que se atopa dentro do libro de Mandatos de San Martiño, custodiado no Arquivo Histórico Diocesano de Mondoñedo.

A visita que nos ocupa desenrólase entre os días 17 e 18 de novembro de  1755. Na primeira data o bispo Riomol chegaba á igrexa, da que era párroco o prior Xosé Mateo Moreno. Este non o recibe, delegando esa función no presbítero Xoán de Castro (veciño de Vilaronte). Non é que o Prior estivese enfermo ou ausente por un motivo xustificado, non, detrás da ausencia agóchase un enfrontamento xudicial entre o cabido catedralicio e o citado prior, que nos levaría moito tempo explicar, razón pola cal o deixaremos para outro capítulo.

Deixáramos ao presbítero Xoán de Castro agardando, na porta principal, polo bispo ao que recibe e acompaña procesionalmente, baixo palio o prelado, ata o altar maior. Despois de orar ante el, o prelado colócase a súa capa pluvial, bendice ao público presente, visita o sagrario, a pía bautismal, os Santos Óleos, os ornatos do culto e os altares, deixando para o día seguinte o resto da visita.

O 18 o prelado danos unha visión  do teito da nave central da igrexa, dicíndonos que “està bien seguro, decente y todo fallado y solo necesita retejarse con toda seguridad por razon de las tempestades de los aires y aguas”,pero, pola contra, nas naves laterais o teito dunha estaba “sin faiar y otra mal faiada”.

Todo o pavimento da igrexa estaba lastrado de pedra, con igualdade e decencia; “las paredes son mui antiguas y seguras”.

Seguidamente pasa revista aos altares situados nas ábsidas, que son tres: o Maior (altar da nave central) que contaba cun “retablo bueno y decente, dorado y pintado, tiene tres cuerpos con su custodia y en cada uno de los tres ornacinas o cajas con Ymaxenes de bulto correspondientes ... y tiene entendido que este averse hecho y pintado a espensas de los caudales de las Cofradias de la Yglesia”.

O altar da nave do evanxeo (nave da esquerda mirando dende a porta) era o das Ánimas, no que había un retablo “dorado y pintado, en el qual ay una efigie de un Santisimo Cristo, mas que de medio cuerpo, y una ymaxen de Nuestra Señora de la Soledad, tambien pintada, y otro crucifijo pequeño que sirve en el altar”.

O altar da nave da epístola (dereita) era o da Nosa Señora, contaba con “otro retablo, tambien dorado y pintado con decencia y tamaño correspondiente, y en el rotulo que dice: averse hecho a costa de los alcances de la Cofradia de Nuestra Señora del Rosario, fundada en el”.

Outro altar era o do Presebe, tamén coñecido como o da Nosa Señora do Belén, no que, dentro do retablo, podíase ver “ un cuadro grande, de mui decente pintura, y un marco correspondiente a el con sus colunnas de madera sin pintar ni dorar”. Dentro dese altar conservábase unha caixa na que se gardaban as seguintes reliquias: “Un Lignum Crucis, en un bexel pequeño de plata afiligranada. Otra de Santa Theodora, en una caja alta de bidrio. Otra de San Prospero, en igual caja, que està rota,...un pedazito de suela que dicen fue del Obispo Santo”.

Visitado o de San Gonzalo dinos que conta cun  “un retablo decente, dorado y pintado, con un rotulo que dice lo mandò hacer y pintar Antonio Fernandez y Maria Mosquera, su muger, siendo cura don Francisco de las Losas de Vilamaña, tiene ara y frontal de madera sin pintar”. Debaixo dese retablo estaba o actual sartego que contén os restos de San Gonzalo.

Outros altares eran o das Angustias, o de San Boa Ventura e o de San Miguel “que todos estan fabricados junto a las columnas o cepas de piedra que dividen las naves de la Yglesia, estàn yndecentes y sin la capacidad necesaria”.

Estes altares causaban problemas pois impedían tanto a visión dos altares principais como o tránsito das procesións; xa que estas se realizaban dentro da igrexa, por carecer esta de adro que circundase o edificio.  

Quedáballe ao prelado por visitar o altar de Santo Antón, localizado nunha capela separada “ a espaldas de la sacristia y pared en medio de la cozina de la casa del Prior, con puerta por donde se comunican. El sitio de este altar y capilla es mui indecente por si, por la inmediazion y comuncazion de dicha cozina y por su techo que sirve de piso a un quarto o pajar de la misma casa, sin que se conozca la menor utilidad para la Parrochia y su servicio, ni tenga cosa buena sino un retablo dorado y muy decente”.

Non nos deteremos, para non facer moi extenso o artigo, na relación de ornatos, misais e roupa sacra que o bispo estivo a mirar; tan só diremos que contaba a igrexa con catro cálices de prata, un deles moi antigo “y de mala echura, que necesita reforma y patena, pues no la tiene por averse robado a algunos años, en un dia de mucho concurso”.

Catro eran as confrarías existentes: Santísimo Sacramento, son obrigados a pertencer a ela todos os casados e casadas, así como viúvos e viúvas; os solteiros poden, libremente, entrar ou non. Nosa señora do Rosario, á que tamén están obrigados a pertencer os anteriores. Ánimas do Purgatorio, a ela poden pertencer toda aquela persoa que queira. Bo Xesús, pertencen a ela toda persoa que así o elixa.

Unha vez finalizada a visita comeza o apartado dos mandatos, esas compras, traballos, reparacións que o prelado ordena realizar, tanto dentro da igrexa como nas ermidas da parroquia.

Así vemos como mandaba que “se pongan manos y pinten a unos serafines que estan en la peana del Niño Jesús sobre la custodia del Altar mayor.

 Se hagan frontales con sus marcos pintados para los dos altares, de Nuestra Señora y Animas. Se compongan las gradas, o escaleras de piedra, por donde se sube a ellos, de manera que queden mas decentes y descansadas y se repare el rostro de la Ymagen de Nuestra Señora de la Soledad, poniendolo con toda decencia.

Se pinte y asegure con clavijas el frontal del de San Gonzalo subiendolo igual a la mesa y se ponga tarima de palo rasa porque no impida el transito para las procesiones”.

Sobre os altares que impedían o tránsito das procesións o bispo ordenaba a súa destrución polo mal estado en que se atopan,  “ y lo mismo se execute con el de San Antonio, por la indecencia del sitio en que se halla,  dejando este desocupado y mudando su retablo al en que se halla el de San Miguel”.

 Para os cálices existentes ordenaba que  “se doren a fuego por adentro los dos copones y sus cubiertas, se funda y haga de nuebo con su patena correspondiente  pues no la tiene uno de los calices que està antiguo y de mala hechura, dorando igualmente por adentro la copa de el y de los dos que ay y una de las patenas que no le està”.

Mandaba o prelado arranxar os confesionarios existentes e facer outros dous novos “buenos y cerrados, con sus celosias de rexilla junta, para confesar mugeres, poniendolos en los sitios mas claros y publicos de la Yglesia en conformidad de los edictos del Santo Oficio de Ynquision”.

Dentro deses mandatos figuraba o arranxo dos teitos das tres naves, a reparación do piso da tribuna existente así como a colocación dunha escaleira interior pola que se poda subir a ela. Os chanzos desa escaleira, que colocaron na nave da epístola, foron os que permitiron salvar eses pequenos fragmentos da pintura do milagre de San Gonzalo.

Para a torre das campás ordenaba unha elevación de tres ou catro filas de pedra, para que “puedan oirse las campanas en toda la feligresia, lo que estorba el estar demasiado vaja”. Para subir á torre tan só existía unha porta situada na horta, que ao ser exterior e sen vixilancia, poden os ladróns romper a porta e entrar na igexa, por iso mandaba o prelado que “se cierre con cal y canto la puerta que dice a dicha huerta”.

Outra tribuna existente sobre a porta da sancristía será derrubada por estar “indecente, arruinada y sin servicio alguno, tapeando de cal y piedra la puerta de su entrada con correspondencia a la de la pared de aquel costado”.

As tres ventás que hoxe dan luz á ábsida na nave principal noutrora estaban detrás do retablo de madeira existente, razón pola cal entraba frío e humidade na igrexa. Por esa razón ordenaba que fosen tapados para evitar eses problemas. Non eran estes os únicos furados existentes, pois había algúns que “quedaron en las paredes desde que se han fabricado, limpiandolos de algun moho que con la humedad han criado”.

Outros mandatos no exterior da igrexa fan referencia a que “se componga el Portico redificando con nuebas maderas y fayando todo su techo y lastrando de piedra todo el pabimento. Se fabriquen de nuevo, con toda decencia, las escaleras de piedra de las dos partes por donde se sube y baja a el. Se asegure con un estribo el esquinal que dice al Camino, dando cal y blanco a todas sus paredes”.

O pórtico víase ameazado polas augas que dende un camiño de pé, empregado polos veciños, chegaban constantemente a el. Para evitar o seu deterioro o prelado ordenaba a creación dun camiño público máis lonxe do pórtico, para que por el fosen as augas pluviais, ordenando, de igual maneira, que ningún veciño empregase o antigo camiño de pé que pasaba pegado á igrexa.

A porta de entrada lateral (muro norte) estaba demasiado alta, razón pola cal o bispo mandaba colocar un chanzo de pedra para poder entrar na igrexa con maior comodidade, vemos que na actualidade posúe máis chanzos, algo explicable pola rebaixa continuada do nivel do chan.

Pero non só existen mandatos referentes ao edificio, tamén se ten en conta a limpeza, aseo ou vestimenta dos sacerdotes á hora de celebrar, xa que o bispo estaba informado de que algúns “pasan a exercer estos Ministerios con polainas, botines, casacas, sin cuellos y otras indecencias”. A multa era de tres ducados, para animar as delacións deses tres ducados a metade será para a persoa acusadora.

Tampouco estaba de acordo o bispo co tema das comidas en casas particulares ás que acudían os sacerdotes con motivo de enterros, vodas, bautizos ou honras fúnebres. Para poñerlle fin a esa costume ao sacerdote que comese pagaríanlle tres reais e non os cinco que cobraban habitualmente. Estipula o prelado cal é o tempo que debe quedarse un párroco nunha comida e a súa sobremesa “no se detengan mas de dos oras, de manera que, pasadas estas, se vayan a sus casas y otra parte”; quedando a cargo do Prior que se cumpra ese mandato na súa parroquia.

Tralos mandatos referentes á igrexa comezan os relativos ás ermidas da parroquia.

Nosa Señora da Madalena.

Na visita de 1754 o bispo fixera fincapé no seu estado lamentable, que se foi agravando co paso do tempo, por esta razón retiraba o permiso para poder oficiar misa nela. Así mesmo, encargáballe ao Prior unha investigación para saber si era o Cabido de Mondoñedo o seu  patrón, polo tanto responsable dos arranxos, ou se esa labor lle correspondía a outra persoa. Unha vez resolta esta dúbida mandaba o bispo derrubar a ermida “y aga de nuebo toda ella, dejandola con la devida decencia , en paredes, techo, pabimento, Retablo, Ymagenes  y Altar y se surta de todo lo necesario para celebrar el Santo Sacrificio de la misa con la prontitud posible”.

Ermida de San Gonzalo.

Manda o bispo que se faie e relouse toda ela, se mande tallar “una Ymagen de San Gonzalo nueba para el Altar mayor”; que se arranxe a madeira da porta principal e “se ponga un escalon, dos de piedra en cada una de las dos puertas de ella, por custar el trabajo con que se sube y baja”.

Ermida da Nosa Señora do Carme.

Está con bastante decencia, de feito menciónase a existencia de tres retablos dourados e pintados. No apartado dos ornatos dinos que tan só posúe un cáliz “por haver extrahido de ella el patrono otros dos calizes que el fundador havia dejado tanbien en la misma hermita,  con sus patenas, para el servicio de ella a fin de que pudiese decirse Misa a un mismo tiempo en sus tres Altares”.

Así rematamos esta viaxe polo tempo. Agora podemos ir visitar a antiga catedral e comprobar tanto os cambios exteriores como interiores do edificio.

 

Xoán Ramón Fernández Pacios.

Cronista Oficial do Concello de Foz.

cronistadefoz@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario