Buscar este blog

viernes, 24 de abril de 2026

BOTES: CENTENARIO DA MORTE DUN INDUSTRIAL FOCEGO.

 

Antón López (Botes) e Pilar Veiga. Fotografías,  fondo particular do autor.

Quen falará de nosoutros cando levemos cen anos mortos? Probablemente ninguén e será nese mesmo momento cando estaremos, totalmente, mortos. A morte total é cando de nós non queda ningunha lembranza, é, cando desaparecemos completamente.

Para continuar vivos, cen anos despois do noso pasamento, debemos de deixar unha fonda pegada na memoria colectiva, que será a que nos lembre.

Hoxe ímonos lembrar de Antón López Castiñeira, que, con ese nome veu ao mundo aínda que o pobo de Foz o bautizou como “Botes”, non era este un nome orixinal senón herdado de seu  pai; permitídeme ir un pouco máis atrás no tempo, ata o 26 de febreiro de 1816, para asistir, no barrio de Vilaxoane, ao matrimonio de Fernando López Ramallada e Micaela Manuela Maseda.

Este matrimonio traerá a Foz cinco fillos, interesándonos o terceiro deles, Xosé María López Maseda, nado o 24 de novembro de 1821, que será o primeiro dos “Botes”. O alcume que recibe non só o bautiza a el senón que tamén a toda a súa familia que pasarán a ser coñecidos co nome de pía e o apelativo “de Botes”.

Xosé María López Maseda pasou a ser coñecido por todos como Botes, tanto é así que en correspondencia oficial empregábase o alcume en vez do nome de pía. No Arquivo Diocesano de Mondoñedo custódiase unha carta, do 12 de abril de 1870, enviada dende a secretaría episcopal ao párroco focego, Pedro Ramón Franco, na que se pode ler "le estimaré que el miércoles se sirva poner su Decreto, que con el Breve, recogerá Botes el jueves". 

Cando Xosé María falece, o 9 de outubro de 1896, o párroco focego inscribía a súa defunción coas seguintes palabras: “mandé dar sepultura eclesiástica al cadaver de José María Lopez Maseda – alias Botes – marido de María Castiñeira”.

Fillos de Xosé María son Fernandoe Xosé Antón López Castiñeira, este último continúa tanto co negocio paterno como co seu alcume, pois pasará a ser coñecido popularmente como Botes. 

Ao ano seguinte do falecemento de Xosé María López, o seu fillo, Xosé Antón, xa se dedicaba ao transporte de viaxeiros, aínda que dunha maneira pouco legal. Así, o 28 de agosto de 1897 será multado pola Garda Civil de Foz “por conducir en un carro, sin número, de su propiedad, siete viajeros, sin estar provisto de la competente licencia”, a multa foi de 10 pesetas e a inmobilización do carro ata que conseguise todos os permisos (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1897, 1 de setembro).

En 1914 Crisanto Couto Samaniego (alcalde de Foz entre 1925 e 1928) era o titular da licencia do carruaxe “Aurora”, outorgada polo gobernador civil de Lugo o 17 de xaneiro de 1914, quen lle concedía licencia “para que pueda destinar a la conducción de viajeros desde su domicilio a los distintos puntos de la provincia, el cual consta de diez asientos de interior y dos en la delantera, con peso sobre la baca de 300 kilogramos, movido por un motor de gasolina”. O que non tiña Crisanto era nin coche nin condutor, por esa razón formaba sociedade ese ano con   Xosé Antón López (Botes) para mercar  un automóbil De Dión-Boutón.

A sociedade foi ben, tanto, que o 6 de xuño de 1915 Xosé Antón mercaba, por 4.000 pesetas, a parte de Crisanto Couto, disolvendo así a sociedade.

O coche que se mercara para a sociedade foi vendido en 1917; no xornal La Voz de Galicia (1917, 19 de setembro) podemos ler “Venta de un automovil, Dion Bouton. Se vende uno muy bueno de 18 por 24 caballos, propio para servicio de viajeros. Para examinarlo y condiciones dirigirse a Antonio López (Botes). Foz”.

O 4 de outubro de 1920 Xosé Antón encargaba a Xosé Barro, de Chavín, axente xeneral para Galicia e Asturias da marca De Dion-Bouton, un novo automóbil para a súa empresa por valor de 23.000 pesetas. As características deste coche de liña aparecen detalladas na autorización emitida, polo Xefe de Sección de Obras Públicas do goberno civil de Lugo, o 29 de abril de 1921, segundo a cal tratábase dun automóbil, con permiso para o transporte de viaxeiros polas estradas provinciais, con capacidade para levar 18 asentos e cunha baca con capacidade de soportar cincocentos quilogramos, douscentos máis que no anterior automóbil. Probablemente estamos a falar do coche de liña denominado El Focense.

Este Botes do que estamos a falar non era o único focego en prestar un servicio de transporte nese ano de 1920; o Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1920, 2 de xuño) publicaba unha relación de transportistas do noso concello na que se pode ler: “Antonio López Castiñeira, coche de alquiler. Fernando López Castiñeira, carro con una caballería. Juan Francisco Morán, un carro con tres caballerías. José Villarino, un carro con dos caballerías. José Ramón Aguiar, un carro con una caballería. Balbino Fernándezz Labrada un carro con una caballería. Domingo Rodríguez, idem y Antonio Teijeiro, idem”.

O nome Botes chegou a significar, nun tempo, vacacións de verán “Comienza estos días la emigración mindoniense con dirección a las playas de Benquerencia, San Cosme, Foz, Cangas y Nois.

Contribuye a ello las fiestas que allí se celebran este año y la facilidad de comunicaciones, mayores actualmente por la actividad del veterano Botes, cuyo magnífico auto prestará servicio diario durante todo este mes entre Foz y Mondoñedo”( La Voz de Mondoñedo. 1921, 1 de agosto).


Mondoñedo era o fin.

Mondoñedo era o fin de moitas das rutas dos autobuses de Botes, pero pouco nos podíamos imaxinar que a cidade episcopal se ía cobrar a vida de dous membros desta familia.

O primeiro será Fernando López Veiga, que falecía repentinamente en Mondoñedo, traballando xunto a seu pai “hijo mayor del conocido y popular “Botes”, dueño de los carruajes que hacen el servicio entre Mondoñedo y Foz” (Nova Galicia: revista semanal, órgano dos gallegos e pr’os gallegos n’as Amérecas. 1909, 22 de agosto).

En agosto de 1922, trece anos despois do falecemento do fillo de Xosé Antón, a morte  intenta levarlle outro fillo, tamén nas rúas de Mondoñedo, “el jueves de la semana pasada, al descargar el automóvil “El Focense”, en que presta servicio público entre Foz y Mondoñedo jueves y domingos, cayó a la calle con tanmala suerte José López, hijo del propietario de dicho vehículo don Antonio López (alias Botes), que sin conocimiento y en muy mal estado fue recogido por los presentes y conducido al consultorio inmediato a la parada de autobuses de don Manuel Soto Veiga” (Acción Social. 1922, 1 de agosto). O xornal Heraldo de Galicia (1922, 10 de setembro), editado en Cuba, aportaba máis información, dicíndonos que o suceso producírase “al querer bajar un cesto de pescado ... desprendióse el asa de dicho cesto, lo que le hizo perder el equilibrio, cayendo al suelo”. O autobús de Botes levaba a Mondoñedo, sobre todo os xoves, día de mercado na cidade episcopal, pescantinas focegas que aproveitaban o día para vender o seu peixe. Antón Niñe ten demostrada a existencia, para o caso de Foz, de tres tipos de pescantinas: as de pé, que cruzaban a ría aproveitando as mareas baixas; as de burra, na que levaban o peixe ata lugares máis afastados e as de autobús que ían a Mondoñedo a vender.

O día 1 de maio do ano 1926, ás sete da mañá, nas rúas de Mondoñedo, a morte atrapou a Xosé Antón López, e cando o veu buscar atopouno traballando no autobús, conducindo pasaxeiros cara á feira de Gontán (Abadín).

O xornal Renovación (1926, 3 de maio) cubría con estas palabras o suceso “Días pasados ocurrió en Mondoñedo una horrible desgracia.

Al salir de aquella ciudad un automóvil propiedad de Antonio López, vecino de Foz, conduciendo a varios viajeros que se dirigían a la feria de Gontán, el dueño del vehículo, hombre de 60 años, tuvo la fatal ocurrencia de subirse al estribo del coche en el momento en que  éste doblaba la esquina de la casa de D. Cándido Carreiras.

Como el espacio en aquel lugar es tan reducido que el paso de carruajes se hace con gran dificultad, Antonio, que no advirtió a tiempo el peligro, fue cogido entre la pared y el coche, quedando materialmente aplastado.

No obstante los inmediatos auxilios prestados al infortunado anciano, éste dejó de existir a los pocos momentos”.

Os xornais da zona deron ampla conta do falecemento, non polo sucedido senón polo cariño que se lle tiña ao falecido en toda a Mariña “y no solo en Foz; en Mondoñedo y Ribadeo, en Vivero, Valle de Oro y Lorenzana es general y vivo también el sentimiento, como ha de serlo igualmente en Villalba y en toda la Tierra Llana, pues en todo el Norte de nuestra provicnia era Botes conocido y apreciado por haberse dedicado toda su vida, ya desde niño, a las órdenes de su padre al transporte de viajeros”( El Ideal Gallego.1926, 4 de maio).  O xornal El Progreso de Lugo (1926, 5 de maio), que cubría a noticia do falecemento, informaba que  Como demostración del sentimiento popular fueron suspendidos el domingo los bailes que suelen celebrarse en los salones públicos. De todos los pueblos de la comarca, aún de los más lejanos, especialmente de Mondoñedo, Ribadeo y Lorenzana, acudieron a Foz más de cincuenta automóviles, con personas pertenecientes a todas las clases sociales, con objeto de rendir el último tributo de la amistad ... ¡Pobre Botes! Ya no volverás a hacerte todo para todos, a bromear con las canónigas, a transigir por todos los cestos de pescado que las vendedoras quisieran cargar, a llevar la estudiantina a la Espiñeira y Mondoñedo en los días solemnes del año escolar”.

A morte acabou coa vida de Botes, pero non coa compañía Botes, que pasou a ser rexida polos fillos de Xosé Antón “el servicio de automóviles de Foz a Mondoñedo y Ribadeo, cuyos concesionarios son los hermanos Botes ha sido mejorado con la adquisición de un nuevo ómnibus construido en los talleres que en Chavín posee el señor Barro, coche que, además del interés que los concesionarios ponen en servir al público, honra los talleres de donde salió” (El Ideal Gallego.1930, 18 xaneiro). Pero isto, amigos e amigas, xa é outra historia.


Xoán Ramón Fernández Pacios.

Cronista Oficial do concello de Foz.

cronistadefoz@gmail.com

 

 

             

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario