Buscar este blog

martes, 23 de junio de 2026

FOZ E A LÁPIDA DO DITADOR PRIMO DE RIVERA. 13 DE SETEMBRO DE 1923.

 

En 13 de setembro de 1923, o militar Miguel Primo de Rivera daba un golpe de estado apoiado polo rei Afonso XIII, iniciábase así o período histórico coñecido como a ditadura de Primo de Rivera, e que abarca entre 1923 a 1930.

Que ten que ver iso con Foz?

Os primeiros actos políticos tomados polo ditador foron, entre outros, a deposición e destitución das corporacións municipais e o nomeamento, por parte dos gobernadores militares de novos alcaldes. Así vemos como no mes de agosto de 1923 era alcalde de Foz Xosé Reimunde Acevedo ao que substitúe Cándido Fernández, e a este, en 1925, Crisanto Couto Samaniego.

Este último, e no seu cargo de alcalde, decide homenaxear o golpe militar co gallo do seu quinto aniversario na vila onde goberna. Realmente, non se trata dunha iniciativa propia do alcalde, senón que se circunscribe dentro dos actos de homenaxe, a nivel español, que van ter lugar en Madrid co gallo do quinto aniversario do golpe.

Descoñecemos se nas outras poboacións da Mariña tamén se levaron a cabo actos de exaltación en honra do ditador nese ano de 1928; polo de agora tan só podemos velos en Foz.

Este acto de lembranza e honra do militar, e do seu golpe de estado, aparece reflectido na prensa do momento, da que tiramos para saber que dende o concello “salió una procesión cívica, formada por las autoridades y representaciones parroquiales de Unión Patriótica y de los somatenes, bajo la presidencia del alcalde para descubrir una lápida que en el paseo del puerto fue colocada recordando la fecha histórica del 13 de septiembre de 1923.

El alcalde, don Crisanto Couto Samaniego, en breve y expresivo discurso, exaltó la figura del señor Marqués de Estella, destacando los más principales aspectos de la labor realizada por el régimen imperante y entre aplausos corrió la cortina de los colores nacionales que cubría el mármol conmemorativo y que había sido donada por la distinguida señora doña Ramonita López, de Méndez Val. Disparáronse infinidad de bombas de palenque, siendo atentamente obsequiadas las autoridades y representaciones por el alcalde” (Las Riberas del Eo. 1928, 15 de setembro). 

Un grupo de nenas de Foz, fillas do comerciante Constantino Vázquez, do consignatario de buques Balbino López e do “acaudalado americano don Antonio Fernández” entregaban ao alcalde, “como muestra de simpatía y adhesión al régimen”, un ramo de flores “que el agasajado ofrendó a la Reina doña Victoria Eugenia ante el retrato que de esta augusta señora existe en la sala de sesiones del ayuntamiento”.

A celebración deste acto fora acordado na sesión municipal do 28 de agosto onde acordaban “que se celebrará el 9, colocando una lápida conmemorativa en la pared que da al paseo de la rambla y que concurra una comisión a Madrid” (Boletín Oficial Da Provincia de Lugo. 1928, 15 de setembro).

Na acta do 10 de setembro de 1928 (Boletín Oficial Da Provincia de Lugo. 1928, 23 de outubro) acordaban agradecer ás autoridades civís, militares, eclesiásticas, mestres e funcionarios que participaran no acto da colocación da lauda, e ao alcalde polas “patrióticas palabras”.

Tamén acordaban conceder ao alcalde 8 días de licencia “porque con varios importantes miembros de la Unión Patriótica, concurrirá a Madrid para el homnaje que allí habrá de tener lugar el día 13” e na do 25 de setembro,  o alcalde, daba conta á corporación “de haber concurrido, con los señores don José María Fiallega, párroco de San Martín; presbítero don Manuel Díaz Gómez y propietarios don Cándido Eijo y don Antonio Moscoso, a la manifestación que tuvo lugar en Madrid, la cual resultó grandiosa y ordenada”.

No lugar onde a colocaron quedou a placa conmemorativa ata que, un 14 de abril de 1931, chegou a República.

O novo goberno municipal, unha xestora imposta polo gobernador civil era presidida polo médico Xosé Mel Pérez, ao que acompañaban como vogais Máximo Couso Bañales e Xosé Antón Marful Moreda. Entre as primeiras medidas que acordan estaba ordenar  a retirada da citada lápida.

Na reunión da corporación municipal do 19 de maio chegaban ao acordo de que era necesario, entre outras cousas, “levantar la lápida conmemorativa del 13 de septiembre de 1923”( Boletín Oficial da Provincia De Lugo. 1931, 11 de xuño).

Esta acción non pasou desapercibida dentro das filas da dereita local e dos seguidores do antigo ditador Primo de Rivera. Seis anos agardaron para cobrar esa débeda.

A Xosé Mel, alcalde xestor de Foz, como a outros focegos, abríronlle un expediente disciplinario que rematou con el na cadea da Coruña.

Na causa 4-119-37, que se conserva no Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol, entre as diversas acusacións que contra el realizan figuraba o tema da lápida.

O alcalde focego dese momento, Ramón Méndez Val, remitía á autoridade militar un escrito, solicitado por esta, no que se podía ler os cargos que ostentara Xosé Mel, a súa actividade política e, como non, o tema do que falamos intervino en la rotura de la lápida que en esta villa perpetuaba el Trece de Septiembre; organizó antes de la proclamación de la República el primer comité republicano”.

Neses informes remitidos á autoridade figuraba tamén o do  xefe local de Falanxe, Francisco Maañón Couto (1937, 21 de outubro), no que o acusaba de intervir “a la caída del gobierno de Primo de Ribera, a romper la lápida que en esta villa perpetuaba el trece de septiembre, embadurnando de negro su sitio y escribiendo un INRI y pintando una cruz”.

Esa foi a breve historia da lápida en honra do golpe de estado protagonizado polo xeneral Miguel Primo de Rivera, estivo en pé tres anos, dende a súa colocación (9 de setembro de 1928) ata a súa desaparición (en maio de 1931).

O seguinte ditador, o xeneral Francisco Franco Baamonde, chegou a ter unha rúa, e non unha calquera, senón a arteria principal de Foz, que pasou de ser coñecida como “Estrada Ribadeo a Viveiro” a “Avenida Xeneralísimo Franco”, aínda que nós a coñecíamos como  A Xeneral”, termo que non era orixinal pois a principios dos anos trinta xa se coñecía esta avenida co nome de “Carretera General de Ribadeo a Vivero”, aínda que aquí o termo Xeneral non fai referencia a ningún cargo militar nin, por suposto, a ningún ditador.

 Na actualidade recibe un nome máis axeitado “Avenida da Mariña”.

 

Xoán Ramón Fernández Pacios.

Cronista Oficial do concello de Foz.

cronistadefoz@gmail.com