Buscar este blog

viernes, 7 de junio de 2024

POLO FOZ DE 1924 SEGUNDO A PRENSA.

 

     Fotografía do porto e da Ribeira de Foz. Ruth Matilda Anderson. 1924.

 

A razón deste título débese a que para facer unha historia municipal, completa, dese ano de 1924 deberíamos de consultar a documentación xerada polo concello (actas municipais, padróns de veciños, matrícula industrial), polo porto (tráfico portuario, volume e mercadorías entradas e saídas, así como o volume da pesca capturada); tamén deberíamos de consultar os protocolos notariais dese ano buscando vendas, pagos de débedas, permisos para poder saír a Castela (ben polos traballos da sega ou ben por unha emigración á capitalidade do país) ou, simplemente, vodas.

Como non fixemos nada diso, pois tan só nos centramos nunha busca documental na prensa, debemos de titular este artigo tal e como fixemos.

Comecemos, por comezar, pola política.

Así vemos que a alcaldía de Foz era rexentada por Cándido Fernández Mariño, que mantén o seu cargo ata finais de marzo, pois en abril xa vemos unha nova corporación municipal.

A corporación, da que era alcalde Cándido, estaba formada por un primeiro tenente alcalde (Francisco Calvo González), un segundo tenente (Anxo López Leitón), un terceiro (Xoán Francisco Morán), un síndico (Manuel López Agrelo), un síndico suplente (Constantino Vázquez Palmeiro), un interventor (Ramón Maañón López) e por sete concelleiros (Manuel Ramudo Pajares, Francisco Legaspi Gómez, Ramón Mariño Ramos, Ramón Díaz Bao, Ramón Pérez, Patricio Lourido Sánchez e Agostiño Sanjurjo Villaamil).

Esta corporación, elixida en setembro de 1923, continúa na súa labor ata abril de 1924 en que é substituída por unha nova; a formada por Xosé Fernández Gómez, alcalde; Anxo López Leitón, tenente de alcalde; Xoán Francisco Mecía, segundo tenente; Xosé Martínez López, terceiro; Síndico: Xeneroso García Rodríguez. Interventor: Xesús Fernández Besteiro. Concelleiros: Manuel Mon Rodríguez, Hipólito Echevarría Fernández, Xosé Ramón López Fraga, Marcelino López Fraga, Ricardo Martínez e Elías Otero Álvarez.

Deste Cándido Fernández, sabemos que era natural do barrio de Vilaxoane; que no ano 1907 ocupaba o cargo de suplente do xuíz de paz, que era ocupado por David del Riego García, mentres que o de fiscal érao por Eliseo Martínez Pillado.

En 1933, o xornal Vida Gallega (1933, 10 de xaneiro) daba conta do falecemento deste home “en su casa de Villajuane, el propietario e industrial don Cándido Fernández Mariño”.

Sen deixar o mundo da política debemos de consignar que a finais de xaneiro dese ano a prensa daba conta do nomeamento de Xosé Estúa, veciño de Vilaronte,  como deputado provincial.

Xosé Estúa Mariña, nado en Vilaronte, emigra a Cuba na segunda metade do XIX. Descoñecémola data concreta, pero sabemos que no ano 1899 xa estaba en afincado na cidade de Cienfuegos. No xornal La Vanguardia podemos ler que: “para dedicarse al comercio de peletería y sus anexos se ha constituido en Cienfuegos una sociedad en comandita bajo la razón de Ruiloba y Compañía, de la que son socios don Torcuato Ruiloba, don Serapio Obregón Cuesta y don José Estua Mariña, y comanditario don Aquilino Velasco Razañano”. (La Vanguardia, 1899, 26 de xullo).

En pescudas posteriores  puidemos saber que a casa Ruiloba e Compañía especializárase na fabricación de luvas para choferes e para os campesiños que cortaban cana de azucre, entre outras cousas.

O triunfo económico de Xosé Estúa é o motivo que impulsa a outros veciños de Vilaronte a marchar cara Cienfuegos ou para Cuba. Exemplo desta atracción é o caso  dos irmáns Uxío, Xosé Ramón, Laureano, Emilio e Andrés Hermida Estúa, fillos de Amadora Estúa Mariña e polo tanto sobriños do mencionado protagonista.  Un destes emigrados, Uxío Hermida, será o promotor de Vila Amadora.

Tralo seu regreso a Vilaronte, Xosé Estúa dedícase ao coidado dos seus negocios transoceánicos e ao mundo da política.

Algo que vemos que preocupaba na prensa dese ano era o tema das escolas.

     Fotografía da escola de Ponteareas. Ruth Matilda Anderson. 1924.

Así vemos como a principios de xaneiro a corporación municipal acordaba aceptar a única oferta recibida, a de Xosé Ramón Alonso López, quen lles alugaba a planta baixa da súa casa, sita na estrada Ribadeo – Viveiro para escola segunda de nenos de Foz por cinco anos, a un prezo 500 pesetas anuais (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo . 1924, 11 de xaneiro).

No resumo das actas municipais de Foz do mes de agosto de 1924 podemos ler que, na do día 19, acordan solicitar, por parte da xunta local de ensino, unha escola mixta en Vilaronte tendo en conta que “habían sido creadas las escuelas de San Martín, de Nois, pedidas en 1918; la de niños en Cangas, solicitada en 1919 y la de niñas de Foz, que se interesó en 1923”. Na do día 26 acorda a corporación acceder ao solicitado polos veciños de Vilaronte “pidiendo que sea de niñas la escuela que se cree en Villaronte, por haber ya una mixta en Ginzo, por fundación de don José Alonso Ramos” (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo . 1924, 8 de setembro).

A finais do mes seguinte, un prendido artigo daba conta da tardanza en tramitar o expediente relativo á creación dunha escola nacional en Vilaronte, solicitada, había tempo, polos veciños. Di o artigo que nesa parroquia “no obstante de existir cerca de doscientos niños dentro de la edad escolar, no posee escuela alguna nacional sólo la de patronato de Ginzo” (La Provincia. 1924, 30 de outubro).

Outro tema recorrente que vemos na prensa é o da antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo.

Sobre esta antiga catedral atopamos na prensa dous artigos. O primeiro aparece no xornal La Provincia (13 de febreiro) e vai firmado por un tal A., baixo o título  “Del pasado lucense. El milagro de San Gonzalo”. Nel relata o milagre do afundimento das naves por parte de San Gonzalo e intenta darlle unha datación ao milagre, errando completamente, ao noso entender, no seu intento, pois coida que as figuras do bispo Gonzalo Froilaz (1070-1108) e a de San Gonzalo non son as mesmas, cando as actuais investigacións si nos levan a esa conclusión.

O segundo localizámolo en “Acción Social. Revista órgano do Centro de Acción Social Católica” (1 de maio); bastante máis interesante e documentado, pois é obra do culto mestre don Ramón Salgado Toimil.

O artigo, dedicado a San Martiño de Mondoñedo, infórmanos que estamos ante un “monasterio creado antes del siglo VIII”. Afirma que o templo sufriu reformas pero que aínda se pode ver “restos de la obra primitiva, donde permanece plasmado el gusto latino-bizantino con influencias visigóticas y longobardas, tan extendido por occidente en el siglo VI”.

Realmente, o noso ben querido Salgado Toimil erra na súa datación pois estase a referir ás arquivoltas lombardas que vemos nas ábsidas laterais e que foron características do románico inicial palentino. Que aparezan nas laterais e non na central faille pensar a Ramón Izquierdo Perrín que se debe ao abandono da influencia predominante na obra (románico palentino) por un estilo máis próximo ao que se estaba a edificar nese momento en Santiago de Compostela.

Non era a primeira vez, nin será a derradeira, que Salgado Toimil escriba sobre San Martiño; pero neste artigo fálanos da costume, para el aberrante, de tapar os interiores das igrexas con cal. Ataque que sufriu San Martiño, no que se calearon as paredes e incluso os capiteis historiados.

Sobre este mar de cal traballaron o párroco Xosé Fiallega e o “culto agente bancario don Crisanto Couto, que lleva todo un arqueólogo dentro de sí, está descubriendo, a golpe de paciencia y de minucioso cuidado, algunas de las pinturas murales, que, según antes indicamos, hermosearon algún día los muros del antiquísimo templo. Primero fue en los ábsides laterales donde logró poner aquellas al descubierto, las cuales, trazadas por experto pincel, parecen representar figuras o escenas de la biblia, y luego acuciado mas y más por el noble impulso del hallazgo ... ha ido descubriendo otros viejos óleos, a lo largo de las naves”.

Sobre o labor do párroco dinos que, aparte que retirar o cal dos capiteis, de conseguir unha subvención económica por parte do bispo, don Xoán Solís, tamén fora o encargado de quitar o cal do anaco dun cadro “que recoge la documentada tradición del famoso milagro de las naves normandas hundidas bajo las aguas de Foz por las oraciones el venerando obispo Gonzalo, a quien, como es sabido, tributa religioso culto todo el cantábrico gallego hasta el principado de Asturias”.

O autor do artigo di que nas pinturas  se pode ver “hoy descubiertas la característica de un mismo estilo. Las pinceladas de un mismo pincel. No fue mano torpe la que les dió vida y colorido”.

Si algo caracterizou a Foz foi a pesca e a venda tanto de peixe como dos outros produtos que nos da o mar. Pero, cando se vai mercar hai que ter en conta que che poden intentar vender o que ninguén quixo. Así acontece no mercado de Xixón, cando os veterinarios municipais inspeccionan varios postos da praza de abastos; , nas pesquisas “fueron decomisadas y destruídas en la Pescadería, 46 centollos, que Leonardo Fraga, de Foz, tenía puestas a la venta y que se hallaban en malas condiciones para el consumo” (La Voz de Asturias.16 de maio).

A prensa do mes de setembro daba conta da abundancia de pesca de sardiña na zona de Foz, algo que era bo para os pescadores e para “los traficantes que se dedican a venderla por los pueblos de la Mariña y en los mercados de Lorenzana y Mondoñedo” (El Eco de Santiago.1 de setembro).

Máis, se algo caracterizou e caracteriza a Foz son  as praias e o turismo.

Da praia da Rapadoira dicíase no ano 1924 algo que podemos manter hoxe en día, pois hai un século era considerada como “una de las mejores playas gallegas, es en estos días un verdadero hormiguero humano, pudiendo asegurarsse que medio Mondoñedo forma parte de la numerosa colonia de bañistas” (El Ideal Gallego. 19 de agosto).

Ese ano de 1924 foi, coma todos, un período de nacementos e falecementos, neste último apartado destaca o do filántropo Eliseo Martínez Pillado, pero iso, iso, amigos e amigas, xa é outra historia.

viernes, 10 de mayo de 2024

A ORIXE DA CAPELA DA VIRXE DO PILAR NA ESPIÑEIRA.

 

 


Fotografía da capela da Virxe do Pilar na Espiñeira.


Se algún día pasamos pola Espiñeira focega, no Campo da Feira, da que xa temos falado, atoparémonos coa capela da Virxe do Pilar. Dicir isto é correcto, pero agora podemos dicir que non sempre tivo esa advocación nin estivo no mesmo lugar no que hoxe está.

Acompáñenme neste viaxe pola historia desta capela, que si nun principio pode parecer pequena, en dimensións, é moi ampla en historia.

Nun panel informativo, próximo a ela, podemos ler “Capilla del siglo XVI dedicada a la Virgen del Pilar, con una única nave y presbiterio. En otros tiempos estuvo dedicada a Santa Catalina, conservando aun su imagen”. O que se di no panel non é de todo correcto, permítanme corrixir algúns dos datos.

A capela que podemos ver hoxe en día non data do século XVI, senón do ano 1730. Antes dese ano aí non había capela, estaba localizada noutro lugar, tal e como veremos. Non será ata ese mencionado ano cando a capela quede baixo a advocación da Virxe do Pilar, pois anteriormente venerábase nela a Santa Catarina.

Vexamos agora se somos capaces de debuxar unha liña xenealóxica dos “de la Barrera” vinculados á casa-torre de Vilaxoane e á capela de Santa Catarina.

Sobre esta ermida podemos dicir que xa existía con anterioridade ao ano 1616, pois nese ano don Xoán de la Barrera realizaba unha visita “a la capilla de Santa Catalina que había reedificado junto al puente de la Espiñeira”[1]. Resulta moi interesante este dato porque ao situar a capela a carón da ponte estanos a dicir onde estaba localizada orixinariamente.

Poderíamos  pensar, erroneamente, que a capela estaba situada no mesmo lugar que hoxe ocupa, porque a ponte da Espiñeira, efectivamente, está a carón dela (salvando as escasas distancias). Máis, existe un problema, e non é pequeno, pois non será ata o ano de 1868 cando se constrúe a ponte da Espiñeira que coñecemos hoxe en día; a anterior ponte da Espiñeira (documentada entre 1395 a 1714) era de madeira e estaba situada un pouco máis arriba da actual.

Este feito fainos pensar que a primaria capela de Santa Catarina estaría pegada á a esa ponte da Espiñeira (localizada moi preto do lugar do Pozomouro), no lado de Foz, probablemente preto do lugar que hoxe ocupa a Finca A Goleta.


Neste plano de 1827 podemos ver dúas casas rodeadas de círculos; H trátase do lugar onde estaba a barca da Espiñeira e Y onde está a Finca Goleta.

Vemos un tramo de camiño marcado coa Y que se corresponde co trazado do Camiño Real, que cruzaría a Ponte da Espiñeira e proseguiría pola liña de puntos (antigo trazado viario) ata Mexabor. Unha vez que a ponte da Espiñeira se derruba e comeza a funcionar a barca é lóxico pensar que o trazado do Camiño Real tamén variaría.

 




Unha capela, que polo que intuímos era de escasas dimensións e moi mal conservada. Polo menos estaba en malas condicións cando é visitada polo escusador do bispo, aló  polo ano de 1616. Estaba tan mal reparada e indecente que o bispo, Alonso Mesía de Tovar, ordenara o seu derrube. Para poñer fin a esa situación, o patrón da capela, o ribadense Xoán de la Barrera, decide levar a cabo os arranxos necesarios para adecuar a capela.

Xoán de la Barrera informaba que “el señor don Alonso de Tobar, antecesor de Vuesa Señoria a sido mandado que una ermita de la advocaçion de la Santa Catarina sita en la feligresia de San Juan de Villaronte se derrocase, atento que estaba yndecente y se hicise otra de nuebo la qual yo, por mi debocion hiçe y esta decente para en ella celebrar y deçir misa; por tanto a Vuesa Excelencia suplico mande dar licencia para en ella celebrar y deçir misa a lo menos bisitarla por su bisitador para ello nombrado el qual  hallandola decente ynforme a Vuesa Señoria y de licencia para que en el lugar donde esta la dicha hermita se aga casa atento no ser vecino”.

Un pouco máis adiante, pero no mesmo documento Xoán de la Barrera explica que posúe unha ermida “junto al puente da Espineira quando entrè a tomar la posesion de una ermita biexa y antigua de la abocacion de Santa Catalina, descubierta y cayda y mal reparada de manera que por estar yndecente y por mi debocion e boluntad la hice y edefique junto a ella otra ermita nueba y para ella una ymaxe y echura de la misma Santa pintada y dorada para que en ella se diga misa con la decencia que conviene encargando a mis herederos la tengan en pie la dicha ermita bien reparada  haciendo en la dicha ermita biexa una casa de bibienda y obligar la renta y alquiler de ella y desta casa mia que alli tengo en que bibe Ares Xaneiro, pedreiro, a los dichos reparos de la dicha ermita para lo qual que es necesario la venia licencia y consentimiento de Vuesa Señoria a quien pido y suplico me la mande dar y conceder por ser obra pia que en ello demas de açer servicio a Dios a mi se me ara muy gran merced”.

O encargado polo bispo de comprobar os arranxos realizados foi o mestre Martín Martínez de los Cobos, o que declaraba “bisito personalmente la ermita de Santa Caterina, ynclusa en la dicha feligresia, en el lugar que dicen Puente da Hispineira, la qual su merced allo cubierta y cerrada con su llave y unas rexas y con su altar y un retablo, a manera de guardapolvo, y toda la pared della blanca y encalada”.

O escusador do bispo acepta as reformas realizadas, pero atópase cun grande problema. A capela carece de dotación. Isto quere dicir que non ten bens (herdades ou propiedades) que se podan aforar e co ingreso económico xerado poder pagar misas e arranxos.

Por esta razón o bispo dáballe a Xoán de la Barrera un prazo de dous meses para dotar á capela de “renta y acienda senalada que rente para sus reparos y para celebrar la fiesta de la señora Santa Caterina, el biernes benidero de veinte y cinco del presente mes de nobiembre”. Así mesmo o bispo ordenaba ao patrón “que dentro de quince dias se acabe de açer las rexas asta el texado de la dicha ermita, de manera que este bien cerrada y no entre en ella cosa alguna  y si dentro de los dichos dos meses no paresciere acer la dicha dotacion no se pueda decir misa en la dicha ermita mas de los dichos dos meses so pena de excomunion maior y de diez mill reales. Y se aga puerta en la delantera de la dicha ermita  “.

Ao levar a cabo todos os arranxos solicitados polo bispo na capela, este autoriza que se poda dicir misa nela o 6 de outubro de 1617. Quedaba tamén resolto o tema da dotación cando o patrón da capela “hipotecò las casas que havita junto al mismo pueste de la Espiñeira para su seguridad, reparos y preeminencias ... ypoteca de las casas que tiene, con su guerta, en la dicha puente de Espiñeira, en que bibe Ares Xaneiro y otras casas que a de edificar dentro de un ano a su costa junto a la dicha ermita ”.

Tendo en conta o anteriormente dito, preto da ponte existirían, a lo menos, tres casas levantadas por Xoán de la Barrera e que se alugaban para inverter, cos cartos xerados polo aluguer, en arranxos e pagar a misa a dicir o día da Santa (25 de novembro). A imaxe da Santa, que pagara a súa factura Xoán de la Barrera, foi colocada no altar, con autorización episcopal, nese ano de 1617.

A capela, situada a carón da ponte, e polo tanto moi próxima ao río Masma, sufría as crecidas do río afectando a estrutura do edificio; por esta razón cae metade dun muro no ano 1643. Ao ano seguinte, 1644, Diego de la Barrera[2], como tío e curador (encargado) dos menores don Antón e don Lourenzo de la Barrera, verase na obriga de volver a levantar a capela.

Non será a derradeira reedificación que sufre pois na visita xirada polo bispo mindoniense don Lois Tello, no ano 1670, dísenos que “en dicha felegresia ay  una ermita de la avocacion de la Sancta Catalina, de que es patron don Antonio de la Barrera y esta mal compuesta e indecente y tiene obligacion de repararla por la hacienda que de ella lleba”.

Curiosamente, este clan familiar posuía outra capela no concello de Foz, pois nese ano de 1670 tamén se menciona que na freguesía de Santiago de Foz  “ai una ermita de la avocacion del Señor San Blas, que fundô el Oidor Saavedra, de que es patron el Regidor Don Antonio de la Varrera,  esta bien compuesta y decente, de la qual lleva el cura la mitad de las candelas y la otra mitad dicho patron, que tiene obligacion de repararla”.

Debemos de lembrar que a capela estaba a carón da ponte da Espiñeira sufrindo os embates das mareas que afectaban, constantemente, a estrutura dos seus muros, provocando constantes derrubes nela. Por esta razón, no ano 1730, o rexedor de Santiago de Compostela, don Francisco Andrés de la Barrera (dono das xurisdicións de San Martiño e San Xoán de Vilaronte) solicitaba ao bispo de Mondoñedo “poder cambiar la capilla de Santa Catalina a la feligresía de San Juan de Villaronte”. Autorización que se lle concede en 1731, dándolle a orde de retirar tódolos materiais e ornamentos da antiga capela. Na documentación podemos ler que Francisco Antón de la Barrera e Castrillón e seu irmán Francisco Andrés solicitaban ao bispo o traslado baseándose en que a capela que tiñan fundada “en la qual el cura de dicha feligresia tiene algunas misas de obligacion y esta se alla arruynada a causa de las abenidas del rio que an desboronado el terreno en que esta situada dicha capilla y dicho don Francisco Andres y el sucplicante en su nombre tienen obligacion de reparar dicha capilla y para que pueda ponerse con mas decencia y en  sitio mas seguro del que està Suplica a Vuesa Señoria se sirba concederle licenzia a dicho don Francisco Andres y al suplicante para que puedan mudar dicha capilla al Campo de Mejabor, terminos de dicha feligresia de Billaronte, ynmediato al sito en donde se celebra feria todos los meses del año en el dia diez de cada uno y en el dia que quadra de precepto puede mucha jente oir la misa, lo que no podra suceder trasladandose dicha capilla a dicho sitio de Mejabor en donde se podra conserbar con mas decencia y seguridad cuya merced espera”.

O bispo, frei Antón Alexandro Sarmiento de Sotomaior, concedía licencia para o traslado o 27 de agosto de 1730, ordenando que se aproveitasen os materiais da capela vella e que ata que o párroco non dese o visto bo á nova capela non se puidese dicir misa nela.

No ano 1733, un 29 de setembro, xa podemos ler como Francisco Antón de la Barrera informaba ao bispo de que “tiene fabricado de nuebo un retablo con las ymagenes de Nuestra Señora adbocazion del Pilar de Zaragoza, Santiago y glorioso cardenal San Ramon Nonato para poner en la capilla, que con lizencia de Vuesa Ylustrisima edifico en el sitio y Campo de Mejabor feligresia de Villaronte a donde la removio desde el lugar da Espineyra por allarse arruynada y en sitio yndezente; cuya capilla es de la adbocazion de Santa Catalina y propia de la casa del suplicante y para poner dicho retablo con las ymagenes que quedan espresadas en su altar y que en el se pueda zelebrar el Santo Sacrificio de la missa y venerar con debozion por los fieles rendidamente”.

Na cláusula de la fundación queda explicada as obrigas que tiñan os patróns da capela “y condizion que les pongo que cada uno y perpetuamente para siempre jamas me digan en la hermita que fundè en la puente de la Espineyra de la avocazion de Santa Cathalina una misa cantada y dos rezadas, llamando para que las digan y zelebren la fiesta de la dicha Santa cada año el mismo dia de Santa Cathalina los clerigos y sazerdotes que les paresziere y les pague de limosna por las dichas tres misas y los mas que le pareziere. Y que tenga obligazion, a su costa, de thener siempre la dicha hermita de Santa Cathalina y la de San Blas de Villajuane y las reparen de todos los reparos nezesarios de manera que no cayan a menos y siempre esten en pie”.

Neste derradeiro documento, do 14 de abril de 1732, podemos ler como Francisco Antón de la Barrera aseguraba ter “fabricado de nuebo un retablo con las ymagenes de Nuestra Señora de la adbocazion del Pilar de Zaragoza, Santiago y glorioso San Ramón Nonato para poner en la capilla, que con lizencia de Vuesa Ylustrisima edifique en el sitio y campo de Mejabor, feligresia de Villaronte, a donde la removio desde el lugar da Espineyra por allarse arruynada y en sitio yndezente”.

Con todo o que levamos visto coido que queda claro que non será ata o ano 1732 cando podamos dicir que a capela da Virxe do Pilar está edificada no mesmo lugar que actualmente ocupa.

 

Retablo da capela do Pilar na Espiñeira. Na furna central a imaxe da citada Virxe, á súa esquerda a de San Ramón e á dereita á de Santa Catarina.

 

 

 



[1] Peza segunda da documentación “Conde de Ximonde. Beneficios, curatos e capelas” Arquivo Universitario de Santiago de Compostela, Sig. A.F. 190, mazo 3º, carpeta 26.

[2] Este Diego de la Barrera, presbítero de Ribadeo, é o mesmo que funda, un 15 de febreiro de 1675, a capelanía da Nosa Señora da Concepción dentro da Colexiata de Santa María do Campo de Ribadeo. Pódese pensar que estes datos nada teñen que ver con Foz, pero se lemos atentamente a documentación fundacional desta capelanía comprobaremos que deixa o citado presbítero, para mantela, as seguintes propiedades: “el lugar y caseria que llaman de Ginzo, sito en la feligresia de San Martin de Mondoñedo, en el que vive Antonio Ramudo”, tamén mencionaba “la casa y lugar en que al presente vive Dominga do Couto, moza soltera, sita en el lugar de Mourente, feligresia de San Martin de Mondoñedo”. Neste mesmo documento o citado presbítero noméase así mesmo como primeiro capelán e patrón, nomeando como sucesor seu a “don Antonio de la Barrera y Castrillón, su sobrino, dueño del coto de San Martin de Mondoñedo y Villaronte y regidor de la ciudad de Mondoñedo”.

miércoles, 24 de enero de 2024

A HISTORIA DO PIRATA XAN GARCÍA?

 


    Retrato idealizado do corsario canario Amaro Pargo.





A primeira vez que escoitei falar do pirata Xoán García eu estaba comodamente sentado, mirando o meu reflexo nun amplo espello, mentres que un amigo, o perruqueiro Xoán Varela, me informaba de dúas cousas que resultaron ser importantes para min: Relatábame a historia dese pirata mentres me aconsellaba, seriamente, o emprego de vitaminas capilares para manter un pelo forte. Deste consello non votei man e por iso agora xa non teño pelo que cortar.

Mais, a historia do citado pirata quedoume ancorada no maxín, agardando a marea que permitise saír mar a fóra. E a marea chegou da man de Antonio Reigosa e o seu blog Galicia Encantada, no que relataba a lenda do pirata Xan de García. Deixemos que sexa el  mesmo quen nola conte:

“Xan de García, que era dos das Casas Novas, Foz (Lugo), desapareceu e non se soubo máis del. Tempo despois unha fragata de tres mastros embarrancou fronte á capela de San Bartolo, concello de Barreiros (Lugo), do outro lado da ría, e alí quedou. Foron autoridades e xente ver que pasaba pero os do barco, que eran piratas, recibíronos con machetes e con paos.

No barco traían cabras e carneiros; unha das cabras non se quixo despedir do barco ata que o desfixeron. A madeira da embarcación empregouse na igrexa de Foz cando veu de párroco don Xosé Chao.

Canda os piratas viña unha señorita moi guapa e mais un capitán. A señorita veu á vila e Xan de García viña entre eles. El non o dixo, non se deu a coñecer, pero de noite tivo que andar arredor da que fora a súa casa pois en cada terra do seu pai atou un mollo para que se soubese que era el.

 E foi pola casa, pero falaba coma os piratas para que non o recoñecesen.
Os país dicían:

—¡Este parece o meu fillo!

Cando marcharon os piratas, Xan de García tamén se foi e non se volveu a saber máis del”.

A fonte bibliográfica que Antonio Reigosa emprega para falarnos desta lenda é a obra de Vicente Risco titulada “Etnografía. Cultura espiritual”, traballo incluso dentro da obra Historia de Galicia, I, dirixida por Ramón Otero Pedrayo e publicada por Akal, Madrid, 1979, páxinas 697-698 (información que Antonio nos facilita e nós lle agradecemos).

Esta lenda, que escoitara xa noutras ocasións, nunca me acabou de encaixar. Sei que no Foz actual viven persoas que aseguran ser parentes dese Xoán de García, non digo que iso sexa falso, pero, o que non me cadraba, de ningunha das maneiras, era a presenza de piratas en Foz.

Se  lemos paseniñamente esta entrada no blog de Antonio Reigosa empezamos a entender que estamos ante unha mestura dun feito histórico e os amecidos propios das narracións orais.

Desgaxemos a lenda.

O primeiro que nos sorprende é a mención ás Casas Novas, un termo moi propio do XIX focego e que define a dous lugares: O Campo da Cabana (que a finais do XIX aparece como Casas Novas, debido a número elevado de casas que se estaban a construír) e á zona próxima ao Colexio Martínez Otero (a parte máis antiga do colexio era a casa de Eliseo Martínez Pillado; se non estou errado, era a mesma na que nacera e na súa partida de nacemento (1842, 11 de agosto) podemos ler que o parto tivera lugar no barrio das Casas Novas).

Que o termo “Casas Novas” sexa propio do XIX fainos pensar nunha historia bastante máis antiga, unha historia que levaba vivindo bastante tempo na tradición oral focega antes de que lle chegara a Vicente Risco. Esta hipótese corrobórase cando se menciona ao párroco focego, Xosé Chao Fernández. Este home non puido facerse coa madeira do barco naufragado para o arranxo da igrexa, porque é sacerdote focego a finais do XIX.

Que relata a lenda? Un naufraxio, simplemente iso, un naufraxio na barra de Foz e que se produciron, con demasiada frecuencia, ao longo dos séculos XVIII, XIX e XX.

Si eu tivese que darlle a esta fermosa lenda unha pátina histórica diría que Xoán de García marcha de Foz por razóns descoñecidas (para evitar ir ao servizo militar, por ter débedas coa xustiza ou por ter embarazada a unha muller, entre outras moitas) e que volve nun buque de porte medio que naufraga na barra de Foz.

No relato lendario dísenos que Xan falaba como os piratas o que me leva a pensar en que podían ser estranxeiros (teñen naufragado barcos franceses e portugueses) ou españois (lembremos os naufraxios de barcos vascos e cataláns).

Se tivese que apostar, con amplo risco de erro, diría que se trata do naufraxio dun navío portugués (1796) ou, tal vez, do naufraxio do navío catalán (1763).

Quedaría por resolver porque son recibidos os homes e as mulleres de Foz que acoden a salvalos con machetes e paos polos membros da tripulación, pero se temos en conta como nos comportamos no naufraxio do barco catalán (na barra de Foz en 1763), no naufraxio dun quechemarín perseguido por corsarios (no Fazouro de 1799) ou no naufraxio de 1893 (en Cangas e Nois) entenderíamos o recibimento. Lembremos que neses tres naufraxios (e probablemente en outros máis) os verdadeiros piratas foron os salvadores, que roubaron todo o que puideron, chegando, incluso, a ameazar con matar á tripulación.

Por iso eu non coido que se tratase de piratas ou de corsarios. Tal vez, a súa aparición no relato se deba a que os corsarios abondaron polas nosas costas.

Que é un corsario? Un corsario é un pirata sen selo; permítanme que me explique.

A medida que España aumentaba os seus territorios facíase máis preciso a súa defensa, para levala a cabo era necesario contar cunha poderosa armada. Os homes que se vían obrigados a enrolarse nas embarcacións do rei, mediante o que se coñecía como Matrícula do Mar,  participaban en batallas navais, nas defensas dos convois procedentes de América ou no transporte de tropas a zonas de conflito; pero onde non participaban era na defensa das costas galegas, que era onde atacaban os corsarios ingleses ou franceses, dependendo de con quen estivésemos en guerra. A defensas das vilas galegas quedaba en mans municipais, protexéndose dentro das murallas e contando cos canóns (as que as tiñan, como era o caso de Ribadeo ou Viveiro) ou ben nos rogos a un Deus que moitas veces semellaba alleo aos problemas das terras bañadas polo mar.

Esta indefensión permite que os corsarios, tanto ingleses como franceses poidan campar ás súas anchas por estas costas.

Como os estados dedicaban a súa armada ás tarefas anteriormente citadas encargábanlle a tarefa de atacar ao comercio inimigo aos corsarios. Estes reciben o seu nome, corsarios,  polo documento que os autorizaba a poder atacar a barcos de nacións inimigas, o que se coñecía como Patente de Corso. Esta era expedida pola administración do rei por un tempo delimitado e para uns inimigos en concreto.

A historia do pirata Xoán García era para min unha mestura de varias historias como a persoal de Xoán García, a dos naufraxios tan habituais na barra focega e a da existencia de corsarios nestas costas.

Se algunha vez consultamos os libros de defunción da parroquia de Santiago de Foz veremos unha partida  que nos vai chamar a atención. Trátase da de Domingo López Bo, capitán dun barco de pesca de Cee que se viu perseguido por unha balandra corsaria inglesa. O citado capitán, para escapar da persecución corsaria, busca refuxio nun porto que, seguramente, coñecía e do que sabe que ten o calado suficiente para que poda entrar a súa lancha, pero non o navío. Co que non contou, o bo do capitán, é que os ingleses empregaron unha estrataxema bastante habitual, a de que cando, polo calado ou dificultades varias, o navío non se podía achegar soltaban varias lanchas que abordaban á presa. Así fixeron neste caso. As lanchas deron caza ao barco de Cee, obrigando á súa tripulación a volver a el, empregando para convencelos as culatas e varios disparos realizados polas súas armas. Unha vez a bordo tomaron, roubaron, se o preferimos, todo o que quixeron. Na operación foi ferido o citado Domingo López, que falecerá antes de que se lle podan dar os derradeiros sacramentos, un 28 de febreiro de 1762.

 Existiu algunha vez o corsario Xoán García? Eu diría que non.

Así o cría eu, porque nin atopara dato algún relativo a armadores corsarios focegos e, moito menos, a capitáns corsarios do noso concello. Así o coidei bastante tempo ata que pasou o que non soe acontecer moitas veces; ata que apareceu algo.

Nas pescudas que o doutor Chema Leal Bóveda[1] está a facer nos notarios pontevedreses para documentar a presencia de corsarios, a autoría das armazóns e todo o relativo ao mundo do corso galego, atopou un protocolo que para moitos non signifique nada, pero que para nós, significa moito.

Trátase dunha protesta de mar que realiza ante un notario pontevedrés Pedro Petersen, natural de Dinamarca, capitán do bergantín A Ninfa do Mar. Este home alegaba que “el año pasado de mil setezientos noventa y siete se le apresò dicho buque, con su carga, que conducia de orden de los señores Clasen, Kix Khoefer y compañia de Amburgo, por el corsario del puerto de Bayona, de Galicia, nombrado Nuestra Señora del Carmen, alias el Galgo, su capitan don Juan Alonso, vecino del de Foz, subdelegacion de Rivadeo”.

Que fai un capitán corsario focego traballando para armadores de corso baioneses?

Supoñemos que Xoán Alonso adquiriu experiencia de combate mentres estivo enrolado na mariña de guerra e que, unha vez desembarcado, buscaríase a vida nun negocio tan lucrativo como era ir ao corso. Probablemente chegase a cargo de contramestre e, posteriormente, capitán, gañándose a fama de hábil corsario.

Será a súa fama o que o leve ata Baiona, pois, tal e como defende Leal Bóveda, os armadores que o contratan eran dos máis reputados do lugar. Era xente que buscaban resultados económicos favorables, para iso inverteran cartos no barco corsario, e por tanto contrataron ao mellor capitán corsario que puideron pagar.

 Será este o auténtico “pirata Xoán”?

Iso é algo que nunca saberemos, ou non.


           Nas liñas 9 e 10 aparece a referencia ao corsario Xoán Alonso, de Foz.



[1] Leal Bóveda, Xosé María(2024): Tese doutoral titulada “Pesca e salga na Galicia Cantábrica. De Cariño a Ribadeo (1752-1869). Con alusión ao século XVII”. A quen lle agradecemos que nos facilitase a súa lectura así como que nos proporcionase información relativa aos portos, salgas, conserveiras e barcos focegos.



sábado, 2 de diciembre de 2023

A FÁBRICA DA LUZ DE DAMIÁN LÓPEZ (DALO) EN BACOI.

Aspecto actual da fábrica da luz de Bacoi

 

Cada vez que me achego á figura do industrial focego Damián López de Castro Ferrería (DALO) atópome con sorpresas.

Cando comecei a investigalo tan só sabía que tiña unha fábrica de conserva en Foz e serradoiros en Vilaronte, onde tamén dispoñía dun taller para a reparación dos camións da empresa, así como dun edificio de administración, un conxunto de vivendas e un pequeno centro médico para os seus traballadores.

Andado o tempo souben dos barcos de cabotaxe. Primeiro do Fornel, o mesmo que rescatara aos cinco náufragos do balandro Victor Ochoa, con matrícula de Ortigueira, a finais do mes de febreiro de 1916. Non será a derradeira vez  en que participe nun salvamento, pois a finais do mes de outubro de 1925 vémolo entrando no porto do Musel remolcando ao vapor Astur Galaico, que viña cargado de pinos dende O Barqueiro con destino á Patronal Minera Asturiana.

Un buque con triste final, pois a finais de maio de 1927, fronte a uns baixos ribadenses, e a consecuencia da densa néboa, o Fornel naufragaba. Saíra de Foz con destino a Xixón con carga de puntal de pino para as minas asturianas: “El Fornel fue construido en Inglaterra en 1892, mide de eslora 25.87 metros, de manga 5.49 y 2.31 de puntal. Desplaza 106 toneladas. Su armador es don Damián López, vecino de Foz” (La Provincia. 1927, 24 de maio). Segundo o xornal, a tripulación, de sete homes, sálvase; pero nin o barco, nin a carga estaban asegurados.

Tamén souben co tempo das embarcacións Adela López e o Sofía López (este último mercouno en poxa pública, rebautizándoo con ese nome, pois anteriormente fora o Espiñeira-Mondoñedo). E que, ademais dos barcos de cabotaxe, posuía unha pequena flota de barcos de pesca para nutrir a fábrica de conservas.

Despois tiven noticia da fábrica de serrar que construíu en Viveiro, no lugar de Cantarrana, e da montada en Xixón, aló polo ano 1947, no lugar de Natahoyo: “a don Damián López Ferrería, para construir unas naves para taller de sierra y oficina en el Natahoyo” (Boletín Oficial da Provincia de Oviedo. 1947, 10 de setembro).

O derradeiro en chegar ao meo coñecemento foi o complexo de Poncabalar, en Bacoi. Coñecino nun deses viaxes culturais que realizamos os domingos pola tarde por lugares tan interesantes como descoñecidos que agocha a Mariña de Lugo, que tanta beleza como riqueza patrimonial garda para todos nós.

Trátase dunha instalación singular na que, como veremos, co pasar dos anos chegaron a combinarse simultaneamente ata catro actividades -muiño de grao, serradoiro, xeración de electricidade e rego agrícola-, con un denominador común, a auga, que captada nunha presa no río Ouro, e conducida mediante una canle de importantes dimensións, aportaba a enerxía necesaria para o funcionamento de tres delas.

O que primeiro me chamou a atención foi o seu estado de abandono, completamente devorado pola maleza. Abandono para min acentuado porque coñecía, por fotos antigas facilitadas pola familia Telenti de Oviedo, como era o seu estado orixinal; pero o que descoñecía, completamente, era a súa historia.

Quedan en pé os edificios que deron acubillo ás distintas liñas de negocio e á vivenda familiar do muiñeiro. Cos teitos parcialmente derrubados, sen portas, sen cristais e o chan, en parte, asolagado. No seu interior consérvanse as grandes pedras de moer e algunhas maquinarias desvencelladas que se empregaron no seu dia para a xeración de electricidade e no serrado da madeira. A canle está por completo cegada pola vexetación e a presa desfeita en varios puntos. No exterior, no chan, encontramos os carrís para as vagonetas nas que transportaban as táboas camiño dos secadoiros, que cruzaban o río empregando unha ponte xa desaparecida, da que só se conserva a piastra central.

Cando te achegas á fachada principal aínda se pode ver o acrónimo DALO, pero moi esvaído, e a carón del o elemento central da súa imaxe empresarial, o mariñeiro cun bonito entre os brazos, que xa nos resulta tan familiar. Debaixo as distintas especializacións do grupo: Maderas, Conservas e Armador, que neste caso habería que incorporar algunhas máis.

A pregunta que nos facemos é sinxela: Esta empresa pertencía logo a Damián López?

E se ben a pregunta é sinxela resulta moito máis complexa a resposta, porque o conxunto que vemos forma parte da estrutura empresarial DALO, pero a propiedade dos edificios, e moi posiblemente as concesións hidráulicas e algúns dos permisos industriais, non lle pertencían a el, senón á súa muller, e antes que a ela, a Sofía Mel Díaz, sogra de Damián.

 A dona Sofía vémola solicitando ao Goberno Civil, en concreto á Sección de Obras Públicas e Negociado de Augas, a inscrición nos rexistros central e provincial dunha toma de augas no rio Ouro: “punto de toma, Poncabalar; destino del aprovechamiento, fuerza motriz de molinos harineros”, indicando así mesmo “título en el que se funda el derecho, posesión por prescripción”  (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1932, 11 de abril). Polo tanto, cabe supoñer que o desvío das augas xa existía con anterioridade, moi posiblemente para abastecer una instalación de carácter máis tradicional, tal vez un muiño, na mesma localización, e que viría sendo propiedade de Sofía Mel, pero para o que carecían de autorización formal, sendo neste ano de 1932 cando proceden á súa regularización.

É razoable pensar que esta solicitude tivese a súa orixe no espírito emprendedor e na visión empresarial de Damián López, quen percibiu a potencialidade da propiedade da súa sogra e concibiu un proxecto, este xa de natureza industrial e moito máis amplo. O primeiro paso deste novo proxecto industrial era conseguir a regularización legal do aproveitamento existente.

Para levar a cabo ese novo proxecto coidamos que lle serviu, se non de modelo, a lo menos de inspiración, a instalación que posuía en Barreiros a sociedade mercantil Reimunde y López, S.R.C., que tamén operaba baixo a denominación de Electra del Masma, e da que xa seu pai, Xeneroso López Lourín, fora socio, pois presentan una estrutura de funcionamento similar, con muiño fariñeiro e xerador de electricidade movidos por auga.

Ata o de agora non atopamos ningún documento que faga mención específica á solicitude de autorización nin da posta en marcha do xerador eléctrico nin do serradoiro de Poncabalar.

Pola contra, si sabemos que dona Sofía Mel presenta, en 1933, no Negociado de Instalacións Eléctricas da Xefatura Provincial de Obras de Lugo, unha nova solicitude (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1933, 8 de Xuño) . 

Trátase dun proxecto para poder sacar tres liñas de transporte de electricidade dende “la Central de Poncabalar”: unha de alta tensión para dar servizo a zonas de Santa Cilla e dúas de baixa tensión para poboacións da parroquia de Carballido e Bacoi: “la energía se producirá en el alternador a 230 voltios y por medio de un transformador se elevará a 2.500 para la línea de alta tensión a Santa Cecilia, quedando para la de baja la de origen”.

A liña de alta cruzaba terras labradas ata o lugar de Vista Alegre; dende aí, seguía  polo camiño de ferradura que de Carballido ía ata Santa Cilla ascendendo ata o alto das Penelas para baixar ata o lugar de Asperón do Foxo e ao lugar de Vilacirai e “termina a 90 metros antes de la carretera de Ferreira a Foz, frente a la escuela de niños, en el kilómetro 8 de la parroquia de Santa Cecilia”. Son un total de 4 quilómetros situándose ao remate da liña un transformador para reducir a tensión de 230 para que poda ser distribuída na parroquia.

Unha das liñas de baixa, a que vai ata Bacoi, crúzase con outra liña de alta xerada esta en Santo Acisclo, propiedade de Xosé Pérez Mon.

Sobre de este proxecto inicial de 1933, en 1938, presentase una solicitude de ampliación, e xa non son tres as liñas que saen da central de Poncabalar senón que serán cinco as que se solicitan.

A primeira vai dende a central á casa de Carín, por Santo Acisclo e Santa Cilla, cun total de 4.810 metros, “la número 1 tiene un cruce en San Acisclo con otra de baja de San Acisclo, propiedad de don José Pérez Mon y pasada el lugar de la Rega, encuentra una de baja de Barras Eléctricas y después de Villatuije cruza tres veces líneas de baja de igual procedencia, y en Villatuije tiene una cruce con la línea de alta de la misma”.

A segunda sae do quilómetro 1.20 da anterior ata o barrio de Piñeiro e casa de Canoura, cunha lonxitude de 580 metros.

A terceira sae dende o quilómetro 2.758 da liña 1 ata Vilacizal, cun total de 380 metros

A cuarta dende o mesmo quilómetro que a terceira pero, neste caso, vai ata a igrexa de Santa Cilla, cun total de 670 metros.

A quinta sae dende a central de Bacoi e vai ata Budián, cunha lonxitude de 3.520 metros.

Todo isto refórzanos na idea dun enfoque empresarial amplo, moderno e ambicioso, que supera con moito o muiño orixinal, moi na liña dos outros proxectos que coñecemos de Damián López. 

As seguintes novas referidas ao complexo de Poncabalar datan de 1936. A primeira é de febreiro, cando atopamos unha nova solicitude, neste caso ante a División Hidráulica del Norte de España, con sé en Oviedo, sendo a peticionaria xa non Sofia Mel Díaz senón a súa filla, Roxelia Souto Mel, dona de Damián López de Castro Ferrería. E o que se pide é a autorización para derivar 2.500 litros de auga por segundo do río Ouro, “mediante la presa del antiguo molino de Poncabalar, previa su modificación y reparación”. As devanditas augas serán conducidas “por el mismo canal de dicho molino, una vez reformado y reparado, hasta la casa de máquinas que se establecerá en el molino existente, a cuyo efecto se ampliará y reedificará este”.

Respecto dos usos, a solicitude indica que, do total de 2500 litros de auga por segundo, 10 litros por segundo irían destinados ao rego dunha propiedade dunha hectárea pertencente a Roxelia. Outros 20 litros  para “implantar una empresa de riegos de dos hectáreas de terreno en la finca llamada Los Fragares”, da cal era propietaria súa nai. Destinaríanse 752 litros “para la producción e fuerza motriz para el accionamiento el molino denominado Poncabalar, previa su reparación y modificación”. E, finalmente, os 1.718 litros por segundo restantes serían empregados para a produción de enerxía eléctrica para alumeado e outros usos industriais.

Solicitude que remata coa petición da autorización dos prezos a aplicar no muiño: “por cada hectólitro de grano molturado se cobrarán cinco litros como máximo o su valor en metálico”  (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 26 de febreiro), recibindo resposta positiva para todo o proxecto.

Esta solicitude desconcértanos por varias razóns. En primeiro lugar porque a peticionaria é Roxelia e non dona Sofía, quen sabemos que falece en novembro de 1941 “en su casa de Bacoy, en el Valle de Oro, a la avanzada edad de ochenta y tres años, (...) madre de nuestro querido amigo el cura párroco de Santa Cruz del Valle de Oro” don José Ramón Souto Mel” (El Progreso de Lugo. 1941, 8 de novembro).

En segundo lugar, porque nela emprégase varias veces a expresión  “previa su reparación y modificación”, polo que non sabemos si a solicitude responde a unha ampliación desexada e proxectada previamente polos promotores, ou, pola contra, derivouse de algún tipo de dano causado nas instalacións, por exemplo, por unha crecida do río, que os levou a facer da necesidade virtude.

E por último porque, en 1939 o Negociado de Instalacións Eléctricas, concedíalle a Sofía Mel, non a Roxelia,  “autorización para establecer unas líneas de transporte de energía eléctrica desde la central del río Oro, punto Poncabalar,  en el citado término municipal a varios pueblos de aquel ayuntamiento y el de Foz, con destino a alumbrado y otros usos; cuya petición se publicó en el Boletín Oficial de 8 de junio de 1933” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1939, 14 de xaneiro).

Un desconcerto que aumenta se temos en conta que en marzo de 1936 o Goberno Civil de Lugo resolvía favorablemente á petición formulada por “la instancia dirigida a V.E. por don Damián López Ferreira, propietario de la Central Eléctrica de Bacoy, domiciliada en Carballido (Alfoz)”, na que se solicitaba a aprobación das tarifas aplicables os seus clientes polo subministro de electricidade para o alumeado (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 19 de marzo).

Así pois, polo momento non somos capaces de afirmar a quen correspondía formalmente a propiedade de cada un dos distintos elementos que compoñían o conxunto, e si este pasou -e de que maneira- duns propietarios a outros en algún momento. Como tampouco coñecemos a data -ou datas-, en que entraron en funcionamento, pois tan só temos constancia da presentación das solicitudes e das súas concesións.

Sexa como fose, en 1946 seguía en uso, pois a Deputación Provincial sacaba unha relación de entidades eléctricas que debían de pagar, nun prazo de 30 días, so pena de multa de 100 pesetas, o imposto correspondente ao ano 1945; entre elas figuran: Reimunde y López, por “Electra del Masma, domiciliada en Foz. Antonio Posada, por la Electra de Fazouro, domiciliada en Foz. Damián López Ferrería, por la Eléctrica de Bacoy, domiciliada en Foz… Pablo Cucurny Llunell, por la Central de Sargadelos, de Cervo, con domicilio en La Coruña. Álvarez y González S.L., por Hidroeléctrica del Junco, domiciliada en Villaestrofe (Cervo)” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1946, 28 de setembro).

En 1956 estas pequenas empresas eléctricas deberán enfrontarse a un novo inimigo, a chegada de novos competidores que, por ser de maior tamaño, ameazan a súa viabilidade. En concreto trátase da Sociedad Anónima Barras Eléctricas Galaico Asturianas, entidade que presenta solicitude para a construción dunha liña de transporte de enerxía eléctrica a 20.000 voltios dende o transformador de Oirán ata outro situado nas proximidades de Ferreira do Valadouro “para suministrar energía a un aserradero propiedad de los herederos de D. Fortunato Lorenzo”.  Unha pretensión á que se opón Damián López -en representación de Eléctrica Poncabalar- da man de D. Xosé Pérez Mel -en nome de Hidroeléctricas del Oro- alegando, entre outras razóns que “la línea que se pretende, según dichos reclamantes, no sirve ningún interés público sino que lo que persigue, disfrazado con el ropaje de que se destina a un cierto aserradero, es sentar sus reales, para establecer luego una competencia ruinosa para las cuatro empresas pequeñas existentes en el Valle de Oro, que prestan un gran servicio desde hace muchos años y que están haciendo grandes mejoras en sus instalaciones para obtener sobrante de energía para quien lo solicite, demostrándose con ello que el objetivo de la entidad peticionaria no es de utilidad pública, sino de indudable inutilidad pública”.

E fronte a súas razóns, as dos novos xogadores, os cales afirman que, na comarca do Valadouro existían catro “productores de energía eléctrica que son los señores Pérez Mel, con instalación de 30Kv hidráulicos; Eléctrica de Poncabalar, de Damián López Ferrrería, con una instalación de 48 Kv; eléctrica del Canedo, de hijos de Andrés Canoura, con un alternador de 75 Kv y Eléctrica Area, de hijos de doña Dolores Pérez Mon, con un alternador de 50 Kv, que estos productores, excepto el señor Canoura, son familiares y que las cuatro industrias se dedican a aserrar madera y a la molinería, principalmente, que el servicio eléctrico en todo el Valle de Oro es pésimo y existen varias industrias de aserrar y molinos que trabajan con calderas de vapor o gas-oil, por no poder darle servicio estas empresas”. Unhas razóns que ao  final resultaron ser de máis peso para administración pública, pois finalmente resolve autorizar a nova instalación (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1956, 2 de febreiro).

Cando rematan as actividades en Poncabalar?.

Tivo algo que ver a chegada de estas novas empresas de maior tamaño ou, pola contra, está máis relacionado co declive xeral de todo o grupo DALO?.

Puido ser a confluencia de varias causas o que levou ao seu abandono?.

Son estes interrogantes para os que tampouco temos, polo de agora, resposta, pero que, tal vez, poidamos despexar despois dunha consulta dos fondos que atesoura a Fundación Manuel López Souto.

O que si podemos dicir é que, sorprendentemente a última noticia oficial da que dispoñemos é moi recente, de xaneiro ano 2.023, cando se fai público o “anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o expediente de extinción, por caducidade, pola interrupción permanente da explotación por máis de tres anos consecutivos por causas imputables ao titular concesional, do dereito para usos industriais e de rega, outorgada a favor de Rogelia Souto Mel, no río Ouro, no concello de de Alfoz”. (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 2023, 2 de Xaneiro). Vemos que lles levou bastante tempo dalo de baixa.

Isto que acabamos de ler é todo o que sabemos, ata o momento, da Eléctrica de Poncabalar ou Eléctrica de Bacoy , que deu luz, durante moito tempo, a partes da parroquia de Santa Cilla, á que tamén alimentaba a eléctrica de Pérez Mon radicada en Santo Asiclo, como a empresa Electra do Masma o facía con Foz; pero iso, iso, xa é outra historia.

 

 



 

 

As fotografías en branco e negro foron realizadas entre os anos 1946 e 1947, pertencen á colección da familia Telentia de Oviedo, á cal lle dou as máis expresivas gracias. As fotografías en cor foron realizadas neste verán do ano 2023, polo que isto escribe.