VASCO LÓPEZ DE
MOSCOSO E RÍO.
Nado do matrimonio entre Lourenzo
Sánchez de Moscoso e Inés Alonso de Río. Deste personaxe tan só temos atopado dúas referencias documentais,
pero se ben é certo a carencia documental vese compensada pola riqueza de datos
que eses documentos aportan.
A primeira referencia documental data
do 6 de novembro do ano 1445. Este documento é un foro mediante o cal o Cabido
mindoniense afóralle varias propiedades sitas en Vilaxoán. O interesante deste
documento radica na información xenealóxica que aporta, grazas a el sabemos o nome do pai e da muller
de Vasco López de Moscoso. Así se nos di no citado documento que: “damos a foro perpetuamente juro de herdade a
vos Vasco Lopes de Moscoso, fillo de Lopo Sanches de Noys que presentes estades
et a vosa muller Sancha Vasques de Lobeyra absente et a todas as vosas voses as
casas con suas vinnas et herdades et muynno et jures et pertenenças que esta
enno lugar de Vilajuane con todas suas entradas et saydas et dereytos et voses
que estan enno lugar de Vilajuane”[1].
Que na citada documentación
apareza cambiado un dos apelidos do pai, que en vez de ser nomeado como Sánchez
de Moscoso aparece como Sánchez de Nois, fainos pensar na posibilidade de que
de Lope Sánchez de Moscoso tivese ou ben residencia ou amplas propiedades en
Nois. Nesta mesma parroquia aparecerán, aínda que a mediados do século XVI,
outros membros desta familia.
A muller de Vasco López de
Moscoso, Sancha Vázquez de Lobeira[2],
era filla de Pedro Mariño de Lobeira, deán da catedral de Mondoñedo. Podemos
corroborar esta afirmación coa segunda referencia documental que existe sobre o
citado Vasco. Trátase dun documento oficial datado o 25 de xullo de 1447 no que lemos “cabildo et o dito Vasco Lopes sobre o foro das casas et vinnas de Vilajuane
que le avian aforado vivente o dean Pedro Marinno, seu sogro, por trescentos
morabetinos vellos”.
Pola documentación consultada
soubemos que o deán Pedro Mariño de Lobeira tivera dúas fillas, a mencionada
Sancha Vázquez e outra chamada Inés. O apeo de bens da parroquia de San Martiño
de Mondoñedo, de 1540, está composto pola declaración de 24 testemuñas, unha
delas é o veciño de Marzán Pedro Mariño de Lobeira. Este home afirma que súa
nai se chamaba Inés Vázquez e que recibira bens de Vasco López de Moscoso para
poder casarse, “subscedyo en sus vienes
el dicho Vasco Lopez, el qual lo dyo para casamyento y en satisfazion de otros
bienes a su madre, deste testigo, Ynes Vazquez”.[3]
Esta dádiva tan só se explicaría por un parentesco entre Vasco e Inés, tal
e como os apelidos apuntan coido que Inés era irmá de Sancha, polo tanto era
prima carnal de Vasco López de Moscoso. Esta hipótese confírmase na mesma
declaración testemuñal do veciño de Marzán Pedro Lobeira, pois ao falar dos
seus fillos di que se chaman Álvaro e Vasco Rebellón. O nome do segundo
explicaríase por ser Vasco López de Río seu tío. Ambos fillos exercerán o cargo
de cóengos na catedral mindoniense. Do primeiro, Álvaro, seu pai afirma que posuía
bens que pertenceran ao citado Vasco López de Río explicándonos a razón desa
posesión. Segundo parece o mosteiro de San Martiño aforara ao crego de Foz,
Diego Pérez, unha serie de bens e ao marchar este para Roma recaeran a favor de
Vasco López de Río “aforaron a Diego
Perez, clerigo de Santiago de Foz, que se fuera a Roma y dejara sus vienes al
Basco Lopez de Rio, el viejo, un pedazo de campo y heredad de cuatro toledanos
en cuio fundo dice recayo el Canonigo Alvaro Revellon, y que lo heredara con el
lugar do Castro, por su tia Sancha Vazquez, muger de Juan de Vila”[4].
De ser correcta a información que apunta este derradeiro documento debemos de
pensar que trala morte de Vasco López de Moscoso a súa viúva,Sancha Vázquez,
casou en segundas nupcias con este Xoán de Vila ou de Vilela, xa que aparece
con eses dous apelidos.
Nun documento datado o 5 de maio
de 1460 vemos como aparece novamente Sancha Vázquez de Lobeira preiteando co Cabido mindoniense polo foro do
lugar de Vilaxoane, este documento certifica que nesa data Vasco López de
Moscoso e Río xa estaba morto, “paresçeu
Sancha Vaasques muller que foy de Vaasco Lopes de Rio et proposo et diso commo
se finara o dito Vaasco Lopes et lle avian feyta quita do foro de Vilajoane”.[5]
Do matrimonio de Sancha Vázquez e
Vasco López nacen varios fillos: Pedro Mariño, Pedro de Saavedra e Alonso de
Río, estes tres estaban defuntos antes do ano 1531, así como outro Vasco López
de Moscoso.
Descoñecémola razón da morte de
dous de seus irmáns pero podemos afirmar que a morte Alonso de Río foi de
maneira violenta “los vienes e hazienda que quedaran e remanesçieran de
Diego Ramos, canonigo del dicho monesterio, el qual mato a Alonso de Rio,
hermano de Vasco Lopez de Rio , e por que lo caparan e se absento por aquello
el dicho Diego Ramos e se fue del dicho monesterio”.[6]
[2] Sobre Pedro Mariño
de Lobeira, deán da catedral de Mondoñedo consultar Cal Pardo, H.: Tumbos da catedral de
Mondoñedo. Tumbo Pechado. Grazas á documentación consultada sabemos que o
citado deán estaba vivo o 6 de novembro de 1445 atopándonos a primeira
referencia á súa morte o 16 de maio de 1446”pertesçentes
segundo que son et perteesçen ao dito cabiido a qual dita administraçon vacou
por morte de Pedro Marinno dean”.
[3] Arquivo
Catedralicio de Mondoñedo. Apeo de San Martiño 1540, declaración Pedro Mariño
de Lobeira, fols. 91 r.
[4] Arquivo
Catedralicio de Mondoñedo. Apeo de San Martiño 1540, declaración Pedro Mariño
de Lobeira, fols. 91 r.
[6] Arquivo Catedralicio de
Mondoñedo. Apeo de San Martiño 1540, declaración Gómez Basanta, fol. 148 v. Este
cóengo Diego Ramos, aparece na documentación como o novo para diferencia-lo do
cóengo Diego Ramos, o vello, pai do anterior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario