Dentro
da categoría de fidalgos menores traemos a colación a figura de Alonso Vidal ,
veciño da parroquia de Santa Cilla, mais concretamente do lugar de Vilatuixe.
Alonso recibe unha real executoria segundo a cal era recoñecida a súa
fidalguía, tendo, dende o momento en que a executoria se lese publicamente, que
ser recoñecido polo pobo como fidalgo, reservándoselle as preeminencias
reservadas á súa clase.
No Arquivo
da Real Chancelería de Valladolid, conservan este documento baixo a sinatura de
Pergameos, caixa 36,2. Tamén se pode consultar na páxina pares.mcu.es, onde
aparece dixitalizada.
A
executoria, que vai asinada pola raíña dona Xoana, data do 7 de xullo de 1508 e
nela aparecen varias testemuñas, case todas de condición fidalga que contestan
a unha serie de preguntas previas.
Entre
as distintas testemuñas desta executoria
vemos como aparece Xoán de Valiño, que declara coñecer ao pai do litigante, “Rodrigo
de Villatuyxe”, dende hai polo menos algo máis de corenta anos. Lembra ter
ido á casa de Rodrigo onde vivía coa súa dona, Maior Martínez, e co seu fillo
Alonso, “dicho Rodrigo de Villatuyxe estaba casado i teniendo moço pequeño
en su casa al dicho Alonso Vidal que como tenia y bivia y morava el dicho
Rodrigo en el logar i feligresia de Villatuyxe, que es en el coto de Sant
Martin de Mondoñedo donde el entonces bivia i morava el dicho Alonso Vidal”.
Xoán de Valiño calcula que coñecía a Alonso Vidal dende hai uns quince anos,
por iso sabe que despois casara.
O
mencionado Valiño di que tanto Alonso, como seu pai Rodrigo e seu avó, Álvaro
de Vilatuixe, gozaban do estatuto de fidalgos de lugar coñecido. Así, lembra
unha vez que paseando co Prior de San Martiño, oíra como varias persoas
recoñecerana os membros desta familia a súa condición fidalga,“que andando
este testigo con Arias Perez, de la camara monasterio de Sant Martino i oyera
deçir a ciertas personas de aquella tierra que desde que ellos avian conosçido
bien al dicho Alvaro, abuelo del dicho Alonso Vidal i padre del dicho su padre
y deçian que avia sido ome fijodalgo conosçido que venia i desçendia del casar
de Villarino, que es en el dicho coto de Sant Martino i feligresia de Santa
Cecilia, el qual dicho casar avia visto este testigo muchas veçes i que agora
esta caydo i despoblado, que es casar sabido y conosçido de omes fijosdalgo i
deçia que venia i desçendia el dicho Alvaro Alonso de los omes fijosdalgo del
dicho casar de Villarino”.
A diferencia
máis salientable entre un peiteiro e un fidalgo é que o primeiro tiña que pagar
impostos, algo, do que o segundo, estaba totalmente excluído. Por iso Valiño
lembra que os peiteiros da parroquia de San Martiño “avian pagado i
pagavan en cada un año el yantar al
obispo de Mondonedo, que era un buey i ciertos carneros i gallinas i pan cozido
quanto esto le davan i pagavan al dicho
obispo los dichos pecheros mas le daban de merindad en cada un año cada vezino
pechero otros sesenta maravedis “. Os recadadores ían reclamando os peitos
polas casas e ao chegar á casa dun fidalgo pasaban por diante sen deterse. Este
feito é empregado, continuamente, nas demandas de executoria para demostrala
fidalguía dunha persoa, por iso Valiño recoñece que mentres que os peiteiros
pagaban o xantar ao bispo o pai de Alonso Vidal non o facía: “i viera que
llegando a la casa del dicho Rodrigo de Villatuyxe, los que cogian los dichos
pechos, la dexavan i no entravan en ella ni le pedian ni demandavan ni pagava
en cosa alguna de los dichos pechos por le aver i tener i conosçer por ome fijodalgo”.
Os
fidalgos, aparte de non colaborar coa facenda pública, tiñan outra serie de
preeminencias, así podíanse sentar diante na igrexa, xuntábanse entre eles e
non se mezclaban co resto do pobo. Así nolo reflexa Valiño quen di: “ por
que le viera i avia visto, como tales omes fijosdalgo, allegarse en las fiestas
i vodas i igleisas i a sentarse con los otros omes fijosdalgo adelante i
primero que los pecheros”.
Realmente,
se tiña algún problema o de ser fidalgo era a obrigatoriedade de ter que
asistir, como soldado, aos chamados reais para as guerras. A inexistencia dun
exército profesional obrigaba aos reis, e por ende, aos nobres poderosos, a
convocar aos fidalgos para crear un exército. Alonso Vidal non se librou desta
obriga e tivo participar no cerco e asalto do castelo da Frouxeira, defendido
naquel tempo por Pardo de Cela. Posteriormente participará na toma do castelo
de Vilaxoán, defendido pola filla e o xenro do Mariscal. Valiño así nolo conta:
““otro si dixo que este testigo viera yr i estar sirviendo al dicho Alonso
Vidal como fijodalgo, por mandado del governador de Gallizia, en pena Froxeyra,
en el cerco de Villajuan donde vio yr el testigo a servir a los fijosdalgo del
dicho Regno de Gallicia por mandado i llamamiento del governador”.
Outra
testemuña, presentada por Alonso Vidal, será Lope García, un fidalgo de 50 anos
e veciño de San Martiño. Este afirma que coñecera a Rodrigo de Vilatuixe, que
levaba entre 15 ou 20 anos falecido, polo tanto debeu de morrer entre os anos
1488 e 1493.
Este
Lope García, que tiña 24 anos no tempo do asalto ao castelo da Frouxeira, ao
cal debeu de acudir pola súa condición de fidalgo, asegura que Alonso Vidal
participara nesta acción bélica “como ome fijodalgo a servir con los otros
omes fijosdalgo de aquella tierra, por mandado del governador, al çerco de
Villajuan i a pena Froxera”.
Resulta
interesante a declaración de Xoán de Losada, un fidalgo de 65 anos e veciño de
Romariz, pois nela menciona a Álvaro Alonso, avó do litigante, do que di que
sempre oíra dicir que era fidalgo. Mais non foron simples peiteiros ou fidalgos
os que afirmaron a fidalguía de Álvaro, senón nobres de peso, como o Mariscal
Pardo de Cela ou Vasco López de Río, este último orixe da familia dos condes de
Fontao: “oyera desir, por fama publica, al Mariscal Pedro Pardo i a Vasco
Lopez de Rio i a Ruy Lorenço de Adelan i a otros de aquella tierra que eran mas
antiguos que este testigo i desta que ellos avian conosçido al dicho Alvar
Alonso i que fuera ome fijodalgo”.
De
igual maneira que o seu neto Álvaro tivo que participar en guerras cando foi
chamado polo Rei: “oyera desir a çiertas personas antiguas de aquella tierra
que el dicho Alvar Alonso, abuelo deste dicho Alonso Vidal, que sirviera como
fijodalgo en la guerra de Antigua”.
Páxina de inicio da Executoria. pares.mcu.es |
No hay comentarios:
Publicar un comentario