Buscar este blog

viernes, 10 de noviembre de 2023

CURIOSIDADES SOBRE O MARISCAL PARDO DE CELA E FOZ.

 



Escribir sobre a figura do Mariscal resulta moi complexo, porque chegar ao cerne desta talla trae consigo unha enorme tarefa de quitar as incontables capas de pintura que se lle deron á figura. Capas dadas polos partidarios e defensores da súa figura, que elevan aos altares do martiroloxio nacionalista; ou as capas dadas polos contrarios, defensores da idea de que o Mariscal era un nobre de segunda orde que nunca pasou de ser un bandido e un criminal.

Non imos entrar no lameiro, non por medo a mancharnos senón porque daríalle a este traballo unha extensión que non queremos dar; pero cada un é libre (completamente) de pensar o que queira sobre esta figura tan mitificada.

Nós quedarémonos cos palabras escritas por Fernando Fulgosio na súa novela “Una mata de helecho en la costa de Málaga” (1869, p. 568)

           ¿Pagué yo alguno al Mariscal Pero Pardo de Cela, cuando me dio la libertad?

-                         ¿Tú has sido cautivo del Mariscal –

-                     Como tú, caí herido en sus manos; como a ti me asistieron en el castillo de la Frouseira, en Galicia,          por orden de su señor… Ya sabes que el Mariscal es tan altanero con sus iguales y aun con los                reyes… como blando, en general, con los que toma bajo su amparo.

Esa imaxe de suavidade coas persoas que toma baixo o seu mando esvaécese cando trata con inimigos, sexan da nobreza ou do pobo. No preito Tábera Fonseca (1525), dásenos unha visión bastante despectiva do Mariscal (tan despectiva como intencionada), pois amósannolo como unha persoa moi vingativa, con esa frase que lle fan dicir “enchede os carballos de vasalos” á que se lle responde “eu vivo dos vasalos, non dos carballos”.

Ao Mariscal débeselle a fundación do porto de Masma, que dito así soa, porque o é, moi esaxerado. O que Pardo de Cela leva a cabo é a apertura dun porto para a exportación de madeira, fóra do control impositivo existente nos portos de Viveiro ou Ribadeo. Antes de poder saír unha nave cargada de madeira deses portos tiña que aboar unha cantidade en concepto de impostos; pero de facer a carga no porto do Masma non debería ter que abonar nada, o que, aparte de convertelo en porto ilegal tamén o converte nun porto moi atrativo.

As denuncias de ambos portos ante os Reis Católicos provoca que estes lle envíen unha carta ao Mariscal na que se pode ler: “Vosotros,  por vuestra propia abtoridad e syn mi liçencia e mandado... avedes fecho e abyerto puertos nuevos e fecho carga e descarga de navios e barcas e fustas en la Masma e Vares a su grand agravio e perjuysio del puerto de dicha villa ... e muy gran danno e menoscabo de las mis alcavalas e rentas e tributos reales ... por que vos mando ... que d’aqui adelante non fagades nin consyntades fazer el dicho cargo e descargo en los dichcos puertos de Masma e Vares que asy diz que nuevamente avedes abyerto” (Ferreira Priegue, 1988: 117, nota 244).

Outra imaxe, tamén moi intencionada, e a que transmite nas súas palabras o bispo de Mondoñedo, don Gonzalo Gutiérrez de Mantilla. O prelado escribía ao rei solicitando a devolución das xurisdicións eclesiásticas de Vilaronte e San Martiño, que, por mandato real, foran vendidas ao oidor Hernando Saavedra, do consello de Contaduría Maio da súa Maxestade, colaborador na Corte.

O bispo Mantilla, en 1595, alertaba ao rei do perigo que corría se o porto de Foz caía en mans, por venda, dos herdeiros do citado oidor, e alertábao coa lembranza daquel enfrontamento entre o poder real e o Mariscal “y de un puerto seguro para fortificarse, tener y recibir navios podrian llebantarse, pues no es cosa nueba. Se ha visto en tiempo del rey don Fernando y del emperador Carlos, visabuelo y abuelo de Vuesa Magestad, que en estos reinos se llebantaron bandos y hubo comunidades y esto procedio de que los señores se hallaban poderosos y tenian sus casas fuertes”. E aí é cando aparece a figura do noso protagonista, cando o bispo, lembrando os sucesos acontecidos había un século, di “y en este reino de Galicia el mariscal Pedro Pardo, Pedro Bolano y Pedro de Miranda, con solo tener el uno un penasco en un monte, a donde se acogia, y el otro un castillo en la ribera del rio Miranda y el otro una fortaleça tiraniçaban la tierra y no havia cosa segura”.

Do Mariscal díxosenos (e non imos entrar en si é, ou non, certo) que levaba, irregularmente, moitas propiedades do cabido de Mondoñedo; pero non so do cabido, pois o mosteiro de Vilanova de Lourenzá tamén lle cedera (voluntaria ou coacionadamente) certas propiedades. Así vemos como lle conceden “os lugares de Galgao e de Quende e Benbibre e que son do dito moesterio conto dos os vasalos et moradores en eles et con todo o sennorio çevil e criminal”. Como condición esíxenlle que “abedes de sair en defensa de nos, os suso ditos e de nosos subçesores e dos vasalos do dito moesterio”, isto acontecía o 25 de outubro de 1464.

Nesa mesma data dona Sabela de Castro, muller do Mariscal, recibía do mosteiro de Vilanova “o noso Çeleiro de Marinnaos que he do dito moesteiro con todos los vasalos e moradores nel e con todo o sennorio civil e creminal”. A razón deste aforamento debíase a actitude do Mariscal en favor do convento, ou así dicían os monxes “avedes feito e fasedes manter defenso a este dito moesteiro e a nos, los suso ditos, e entendemos que faredes eso mesmo de aquí en adeante”. Non sería tan mala a relación entre o Mariscal e o convento.

 

As tornas cambiaron co paso do tempo e o Mariscal pasou de ser aquela figura xunto á que se quería estar a un apestado do que se fuxía, e máis, se combatía.

No primeiro dos casos estaría García González, que o 10 de novembro de 1513 solicitaba executoria de fidalguía (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 42, 10). Neste tipo de documentación, para demostrar que se era fidalgo, levábanse varias testemuñas (fidalgas) que acreditaban que o demandante era fidalgo,  pero que tamén seu pai e avó o foran.

Na do mencionado García, veciño de San Pedro de Labrada, aparece declarando Pedro Grada, fidalgo, veciño de Labrada e de 80 anos, que afirma ter coñecido a García González había máis de 30 anos e que “despues lo vio venir por espacio de veynte años poco mas o menos con el mariscal Pedro Pardo de Çela, le servia como peon”.

Abundan máis os exemplos do segundo dos casos, dos que loitaron contra do Mariscal no cerco da Frouxeira.

Exemplos son os casos de Afonso Arias de Viladaide (San Cosme), que en 1488 preiteaba pola súa fidalguía, e do que aseguran que participara na toma da Frouxeira “otro sy dixo que savia que al tiempo (roto) Pedro Pardo en la fortaleza de (roto) Alonso Arias, quien contendia en el dicho pleito, fuera con ellos i sirviera en el cerco ciertas tenporadas fasta que se acavara el dicho çerco i que asimismo vio que en el tiempo donde Alonso Lopez de Haro,  que a la sazon era gobernador en el dicho Regno, llamara a estas gentes para el combate de Villa Juan que el dicho Alonso Arias, el viejo, padre del dicho Alonso Arias, fuera a servir al dicho combate con otros vecinos de la dicha feligresía de Sant Cosme” (Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos, Caixa 3,1 1488, 5 de xuño).

Tamén está o caso de Diego Pérez, veciño de San Cosme de Barreiros, que preiteaba o 7 de xuño de 1496. Del dirá Fernando Pérez, fidalgo de Celeiro de Mariñaos, “que savia i viera este testigo que quando don Fernando de Acuña gobernador del dicho nuestro Regno de Gallizia toviera çercada la fortaleza de Froseyra donde estaba cercado el mariscal Pedro Pardo, que fuera el dicho Diego Perez en nuestro servicio al cerco de la dicha fortaleça servir en el dito cerco ciertas tenporadas”( Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos, Caixa 19,6. 1496, 7 de xuño).

Ou o caso do fidalgo Fernando Basanta, quen no ano 1506 inicia preito para demostrar a súa fidalguía (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Sala de Fidalgos, caixa 465, 4). Mais non será ata o ano 1513 en que consiga unha executoria do preito sobre a súa fidalguía. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 284, 4).

Entre as testemuñas presentadas figura Xoán Mariño, un fidalgo de 80 anos e veciño de San Cosme de Barreiros. Na súa declaración afirma “oyera dezir que Juan Basanta, abuelo deste que contendia, avya ydo a la guerra de Aryza a servir como fijodalgo e a visto este testigo a este Fernan Basanta a servir a la guerra de Pena Flora (Frouxeira) con sus hermanos como fijo dalgo”.

Campeonato de loita medieval. Belmonte, 2014

Tamén está o caso de Alonso Vidal, fidalgo de Santa Cilla, que o 7 de xullo de 1508 solicitaba executoria de fidalguía. Nela alegaba que os seus antepasados foran fidalgos e que el acudira, “como ome fijodalgo a servir con los otros omes fijosdalgo de aquella tierra por mandado del governador al çerco de Villajuan i a pena Froxera”.

Da fidalguía do avó de Alonso Vidal, o fidalgo Alvar Alonso, fala Xoán de Losada, un fidalgo de 65 anos e natural de Romariz, do que di  oyera descir por fama publica al mariscal Pedro Pardo i a Vasco Lopez de Rio i a Ruy Lorenço de Adelan i a otros de aquella tierra que eran mas antiguos que este testigo i desta que ellos avian conosçido al dicho Alvar Alonso i que fuera ome fijodalgo” (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 36, 2. 1508, 7 de xullo).

Rematamos esta relación, que é moito máis completa, co caso de Xoán de Luaces, veciño de Vilamor (Mondoñedo), preiteaba pola fidalguía, alegando, entre outras cousas, unha testemuña que “Viera al dicho Diego de Luaçes, padre deste que contiende yr a la guerra de Froxera i a la de Villa Juan donde fueran llamados los omes fijosdalgo del Regno de Galicia” (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 28, 12. 1510, 27 de abril).

Polo que puidemos ler nas declaracións das testemuñas o cerco do castelo da Frouxeira existiu, prolongándose no tempo en varias campañas.

Eses distintos ataques e defensas provocaron mortos e feridos. En honra dos primeiros o comandante das tropas asaltantes, Mudarra, funda na igrexa de San Martiño de Mondoñedo o altar de Santa Catarina “que hizo azer Mosieur Mudarra que tomo a Pena Frolseyra por su Alteza”. Como contrapartida a esta fundación ordenaba “que se dixesen en la dicha capilla e altar todos los lunys de cada mes el primero lunys de cada mes una misa cantada con su bigilia e responso por las animas de ciertos que murieron e se enterraron alli sobre el cerco de la dicha Frouseyra”.

No ano 2013 o profesor Eduardo Pardo de Guevara sacaba á luz un estudio acompañado dunha transcrición do testamento do Mariscal Pardo de Cela. Gracias a ese traballo sabemos que o Mariscal fora executado a principios do mes de outubro do ano 1483 e non o 17 de decembro, tal e como se pensaba ata agora.

Este interesante traballo sirve de base documental para a relación nominal de propiedades que agora sacamos.

Propiedades en San Martiño de Mondoñedo.

No testamento podemos ler a seguinte manda: “Yten desenbargo al monesterio de San Martinno de Mondonedo, los benefiçios de Abadin et Recaree et San Romao de Villaestrofe que yo lleve del dicho monesterio, et mando a mis herederos, so pena de mi maldiçion, que nunca los demanden”. Isto estanos a falar da devolución deses tres beneficios ao seu lexítimo dono, o mosteiro de San Martiño, o que, por outra banda, tamén nos informa de que, en certa medida, o Mariscal se apoderaba de propiedades pertencentes á igrexa.

Outra das mandas que fai referencia a San Martiño ten como protagonistas aos membros da familia Conde. Nela podemos ler: “yten desenbargo la casa de San Martinno a los hijos de Gonçalo Conde, et que me paguen çinco mill maravedis que me deben, et demanden dos mill a Lopo do Rio, que yo le tome de mas, que mande que se los diesen”. Resulta moi habitual poder ler nos testamentos como se reclaman débedas ou se informa aos herdeiros das débedas que se teñen contraídas.

Propiedades en Marzán.

Neste lugar o Mariscal posuía o casal de Marzán “Yten mando al dicho monesterio de San Martino dos reales o sesenta maravedis de cada un anno por lo meu casal et heredades de Marçan et que me digan de cada un ano una misa cantada el dia de San Pedro et en su altar”.

No apeo, realizado en 1540, e que se conserva no arquivo catedralicio de Mondoñedo, das  propiedades pertencentes ao mosteiro de San Martiño podemos ler que na declaración de Diego Carballal faise mención a que no Prado da Lama (Marzán) o mosteiro de San Martiño posuía un finca coñecida co nome de Os Fornos, que levaba catro choupíns, entre as súas lindes aparecen varios prados: “uno de Pero Mariño y en otro de Francisco Palmeiro que fue de la caseria del Mariscal e de otra parte en heredad de la caseria de Villamayor del dicho Cabildo”. Ven sendo a mesma que se menciona no testamento.

Nese mesmo apeo infórmasenos da extensión da referida casería “Que en la referida feligresia de San Martin tenia el Monasterio la Telleira, en que se hace la Teja, con heredades en la Veiga do cura, que esta en medio de la feligresia compuesta de 8 ò 10 tarreos de 10 o 12 choupines, con otras muchas heredades, con nombre de la casaria de Marzan, sitas en la Veiga de Lourido de llevar siete o ocho choupines de sembradura”.

Propiedades en Santa Cilla.

Yten desenbargo a Roy Basquez, canonigo, la parte del benefiçio que le cabe de Santa Çeçilia, de quel es clerigo, con el pan de oganno que le pertenesçe”. Volvemos a ver outra devolución de beneficios eclesiásticos que levaba o Mariscal.

 Propiedades en Vilaxoane.

Yten mando a Gonçalbo Yannes, canonigo, lleve un tonel de vino que eu tenno en Bilajuane en satysfaçion de una meda que le tomey en Bilarmea, et le pido perdon por amor de Dios”. Aínda que poñemos propiedades nada nos fai pensar que ese tonel de viño proceda de viñas pertencentes ao Mariscal que estivesen sitas en Vilaxoane.

Aquí rematamos esta relación de cousas que non sabía sobre o Mariscal. Da cadea co que foi preso, e que recibiu o nome da Mariscala, ou do que dixo cando lle cortaron a cabeza xa falaremos noutro capítulo; porque iso, iso xa é outra historia.

 

 

martes, 27 de junio de 2023

RECUPERANDO A FEIRA DE GANDO DA ESPIÑEIRA.

 


https://www.google.com/search?q=fotografias+ferias+galicia&rlz=1C1GCEA_enES1042ES1042&oq=fotografias+ferias+galicia&aqs=chrome..69i57j0i546l3.8279j0j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8#imgrc=dFA0KV8vciNsdM&imgdii=bH7TECiTdJHibM

Se consultamos a prensa recente seremos quen de saber que a recuperación da Feira da Espiñeira ten lugar no ano 1998 e tras dúas décadas sen celebrarse; pero as raíces desta feira son moito máis fondas do que se poda pensar.  

O cronista oficial de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar, publicaba no xornal El Progreso (1911, 3 de novembro) un artigo titulado “Ferias y mercados de la Provincia de Mondoñedo”. Nel transcribíase un documento redactado polo concello mindoniense no ano 1789 sobre as feiras existentes na Provincia de Mondoñedo. Con respecto ao concello de Foz menciónanse a que se celebraba os días 11 e 12 de novembro no lugar de Ferreiravella (parroquia de San Martiño); a que se celebraba en Foz coincidindo coa festividade de San Brais e outra que se celebraba “en el sitio de la barca de la Espiñeira, que era antigua, libre de impuestos  y duraba también los tres meses de la primavera”. Nese mesmo documento tamén se fai mención a unha serie de mercados semanais pero, curiosamente, non menciona o que se celebraba todos os martes en Foz e que xa aparece recollido no catastro do marqués de la Ensenada, de 1753.

Neste mesmo catastro tamén aparece unha mención á feira da Espiñeira, que se celebrabael dia diez de cada mes, a excepcion del de noviembre en el sitio de Menxaboi, en la que por ser libire no proviene utilidad alguna a los vecinos”. Con esta última frase o que se quere dicir é que como non se cobraba imposto ningún non repercute economicamente nas arcas municipais.

Orixinalmente o día da feira era o 10 de cada mes, menos o de novembro, tal vez, para non coincidir coa que se celebraba o día 11 dese mes en San Martiño. Unha feira antiga que deu lugar o topónimo “Campo da Feira”, que xa vemos en documentación do ano 1540 e a cal concorría un bo número de cabezas de gando. Posteriormente a Feira da Espiñeira celebrarase os días 10 e 24 de cada mes e na actualidade celébrase o domingo anterior ao San Xoán, festividade da parroquia de Vilaronte.

Era, como levamos xa dito, unha feira de gando, e non debía de ser pequeno o número de cabezas que acudían á feira. Este volume elevado de reses foi o que

obrigou ao concello a reformar a entrada ao campo da Feira, aló polo ano 1854. Nunha acta municipal do 14 de marzo, o síndico do concello, tendo en conta que “la Feria de la Espiñeyra, la mas concurrida de este país, en la parroquia de San Juan de Villaronte” tiña unha entrada ao campo da feira moi estreita, por culpa dun recodo que formaba a parede duns veciños, que afectaba ao “franco tránsito de los muchos ganados que allí se reunen y comodidad de colocarlos”. Por esa razón pedíanlle aos veciños que tiñan terreos pechados con esa parede que cedesen terreo e desen autorización para que o concello puidese derrubar a parede e levantar outra un pouco máis aló, favorecendo así a libre entrada de gandos, algo que realizan sen problema ningún. Os veciños eran Manuel Pérez, Isidro López, Ramón Lorenzo, Manuel Veiga e Domingo Luaces.

A Feira da Espiñeira era importante porque a ela acudían moitos tratantes de gandos, tanto a vender como a comprar. Seguramente tamén acudiría algunha taberna instalada nun carro, algún gaiteiro e probablemente algún polbeiro, e tanta concorrencia atraía a moita xente que con este motivo chega á Espiñeira.

Este efecto chamada, comparable co que moitos anos despois provocou a festa do Carme de San Martiño, provocaba unha chegada masiva de asistentes a ese evento. Pero claro, se moita xente vai a un sitio outros lugares quedan baleiros, e senón, que llo digan a don Bieito Rodil e Lastra, cura de Santa Cilla, o que se laiaba porque o día de Venres Santo, do ano 1857, “en que está representado el misterio principal de nuestra Santa Religión, y cuyos oficios se celebran de mañana y tarde, coincide con la feria mensual de ganados, llamada de la Espiñeira, que se hace el 10 de cada uno. Su concurrencia, como es una de las principales, no puede menos de ser causa de que los templos estén casi desprovistos de fieles”; por esta razón suplicaba ao gobernador civil da provincia que “la citada feria se traslade al día siguiente, sábado 11 del entrante abril”(Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1857, 27 de marzo).

Era tal o concurso de animais? Pois parece que si, que era moito o gando que acudía a esta feira.

Tanto que obrigou ao tenente alcalde concello de Foz, Bieito Leitón,  en sesión do 9 de xaneiro de 1881, a “celebrar una feria de toda clase de ganados en el punto de la Espiñeira, parroquia de Villaronte, los días 24 de cada mes, además de la que se celebra el 10 en dicho punto” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1881, 22 de xaneiro).

En 1890, tal e como conta o xornal La Voz de Galicia no seu número do 15 de novembro “ha llamado la atención el aumento en el número de terneras vendidas en las ferias mensuales de Lorenzana y de la Espiñeira. Hanse vendido en las dos ferias más de 300 cabezas de ganado entre terneras y vacas. Los precios bastante buenos”.

Evidentemente os gandos vendidos na feira chegaban a ela por terra, pero non só se vendían gandos senón que outros produtos e non todos chegaban por terra, porque dende o ano 1907 o porto da Espiñeira recibira por parte do Estado a habilitación para embarcar nel, en réxime de cabotaxe, produtos do país e poder desembarcar produtos do país así como estranxeiros.

Unha vez contáronme que como a festa do San Lourenzo, 10 de agosto, coincidía coa Feira da Espiñeira mandaran cambiar a data da feira e como consecuencia dese cambio a citada feira acabara desaparecendo, porque a xente con gando xa non ía a ela.

Sempre supuxen que nesa historia había moito de fantasía e, ao mellor, unha pizca de verdade. Esta atopámola no xornal La Correspondencia Gallega (1916, 16 de abril) cando lemos a seguinte noticia: “a solicitud de los vecinos de la Villa de Foz, acordó el ayuntamiento que la feria que se venía celebrando en la Espiñeira los días 10 y 24, tengan lugar desde enero próximo los domingos segundo y cuarto de cada mes, extendiéndose la contratación a toda clase de ganado”.

Realmente, as datas non cambiaron e continuaron a celebrar a feira os días 10 e 24 de cada mes. Isto sabémolo porque no ano 1924 a corporación municipal focega (sesión plenaria do 15 de febreiro) acordaba “nombrar interinamente veterinario e inspector de higiene pecuaria a don Gonzalo Pozo, con la obligación de concurrir a las ferias de la Espiñeira, los días 10 y 24 de cada mes, con objeto de poder consultar con él los casos de enfermedad del ganado y su curación” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1924, 12 de maio).


Nese mesmo ano a corporación municipal, en sesión do 27 de maio, acordaba instalar unha báscula no campo da feira da Espiñeira, algo moi necesario, por outra parte, tendo en conta o tipo de transaccións que nel se realizaban.

Claro que unha cousa  é decidir que se ten que instalar unha báscula e outra, moi distinta, é levalo a cabo. Por esta razón a corporación municipal focega recibía un oficio do gobernador civil, de principios do mes de novembro, no cal se lles encomendaba a tarefa de realizar “nuevas gestiones particulares para ver de conseguir colocar una báscula en la feria de la Espiñeira, ya que las dos veces que se anunció el concurso no dio resultado” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.1924, 11 de novembro).

 Sempre que un bo número de persoas se xuntan nun lugar acontece que non todas elas son boas, ou traen perversas intencións. Así en 1905 a garda civil do posto de Foz “ha detenido en la útlima feria de Espiñeira, parroquia de Villaronte, al paisano Domingo López Ulloa, por negarse al pago de 4 reses vacunas que había comprado al vecino de Cangas, José Barcela Hermida” (Correspondencia Gallega.1905, 6 de abril).

Outro destes casos prodúcese en 1932 cando a garda civil detén a dous individuos que estaban a vender unha vaca “de las que se crían en el monte, resultando que efectivamente había sido hurtada en el monte conocido po Seidoiro, en la parroquia de Romaríz, Abadín”. Por este suposto delito foron detidos o portugués Xaquín Gomez e Ramón Casabella, este último “natural de Lagoa, al que se le ocupó un pasaporte, como repatriado de la Habana, a nombre de Manuel Rivas, del que hizo uso para poder embarcar por ser desertor del ejército cubano”(Vanguardia Gallega. 1932, 28 de  decembro).

Quen si tivo moita sorte foi Xosé María Fraga, veciño de Dompiñor (Ribadeo) ao que quixeron matar. Todo ten lugar no ano 1935 e comeza cando Antón Cavero (de Zaragoza) e Francisco López (de León) entraban a pernoctar na casa de Xosé María e Antía Fraga. Esta pediulle axuda a Cavero para que “asesinara a su hermano, José María Fraga, que vive con ella, cuando regresara de la feria de la Espiñeira, a la que había ido”. Antía chegou a ofrecerlle unha suma de cartos por levar a cabo este encargo e Cavero agardou a chegada do irmán. Así que o viu non o matou, senón que lle contou os plans de Antía e “la cariñosa hermana fue detenida y quedó a disposición del juzgado” (El Pueblo Gallego. 1935, 14 de novembro).

Descoñezo se naceu vinculado á feira ou non, pero no Campo da Feira da Espiñeira existiu un salón de baile. Sabémolo porque no ano 1931 Xosé Rodríguez García, propietario de Benquerencia, solicitaba ante o xulgado de Mondoñedo a devolución da cantidade de 5.709 pesetas que lle estaban a deber Manuela Vázquez Pérez, viúva, e o seu fillo Antón Otero Vázquez, ambos labradores e veciños de Vilaronte. Como non podían pagar saían a poxa unha serie de bens que posuían, como o que tiñan na Espiñeira; tratábase dun “edificio de solo planta baja, conocido por el Salón, sito y adherente a casa habitación de doña Manuela ... mide su superficie nueve metros y cincuenta centímetros de frente por once metros y cincuenta centímetros de fondo; tasado en la cantidad de 6.829 pesetas” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1931, 1 de agosto).

 Hoxe en día vólvese a recuperar unha feira, tal vez, sen a importancia doutro tempo, pero co mesmo valor, xa que é recuperar a nosa propia historia.

 


jueves, 5 de noviembre de 2020

O PORTO DE FOZ NOS SÉCULOS XV E XVI.

 

Na Galicia de fins do XV existían na cornixa lucense dous portos cunha actividade economica de gran importancia: Ribadeo e Viveiro, aínda que iso non quere dicir que non existisen outros portos. Nos portulanos (mapas onde figuran os portos co seu nome) de  Grazioso de Benicasa de Ancona (1467) aparecen Ribadeo, Baxma, Virella, San Cipriam, Vivero e no do portugués Pedro Reinel (1485) menciónase a Ribadeo, Vasma, San Cibrao e Viveiro.

Este Vaxma é o actual de Foz. Un porto de marea, resgardado, pero con barra na boca, que a pesar de non ter privilexio de carga “fue desde muy pronto refugio favorito de los navegantes”(Ferreira Priegue,1988:115).

Entorno a 1470 o mariscal Pedro Pardo de Cela, que tiña ocupado ao bispado o porto de Bares e posuía os do Barqueiro e Masma, habilita estes portos para a exportación de madeira, negocio que lle xera importantes beneficios.

Esta situación de comercio ilícito será denunciada ante os reis católicos por Ribadeo e Viveiro. A finais de xuño de 1478 os citados monarcas, en carta dirixida ao Mariscal, recoñecían a situación “avedes fecho e abyerto puertos nuevos e fecho carga e descarga de navios e barcas e fustas en la Masma e Vares”(Ferreira Priegue,1988: 117).

Sabemos como rematou a vida do Mariscal, pero a súa desaparición física non significou o fin do porto de Masma. Pola súa posesión pelexaron Viveiro e Ribadeo, sendo esta última poboación a que se fixo co control portuario. En 1506 o conde de Ribadeo (Rodrigo de Villandrando) recibía carta da raíña Xoana na que se lle esixía o abandono deste porto “entre esta villa e Ribadeo e Bibero ay un rio que se llama la Vasma ... de pocos dias a esta parte vos o algunos de vos aveys fecho e mandado fazer ... carga e descarga en la dicha ria de la Vasma”.

En 1550 publicábase en Mondoñedo o libro “Descripción del Reino de Galicia”, obra de Bartolomeu Sagrario Molina. Nel tamén se menciona o porto de Masma “que es el que entra en la ria del puerto de Santiago de Foz; do se hazen gentiles navios y de mucho porte; porque es tierra de madera y fuste para ellos”.

Aparte da carpintería de ribeira, en Foz, abundaba a sardiña. Por esta razón acudían a el mariñeiros asturianos “y otros de Asturias que vienen a la pesca al puerto de Santiago de Foz” (González Muñoz, 1982:76).

Aparte de sardiña, Foz fornecía os mercados interiores de peixe fresco, sendo cliente principal a cidade episcopal.

O 7 de xuño de 1576, e para controlar a expansión da peste, Mondoñedo ditaba unha orde relativa á prohibición de traer peixe á cidade dende os portos de San Cibrao  e Foz: “que ninguna persona ... ni de los puertos de Burela  e San Cibriano  ni del de Foz a Ribadeo ... traya pescado ... so pena de duzientos açotes”(datos facilitados por Roberto Reigosa).

A catedral mindoniense cobraba no porto de Foz dereitos e os dezmos do mar, que si ben non sumaban cantidades de consideración, comparadas con Viveiro e Ribadeo, si eran importantes para a economía da catedral. Por esta razón, cando o rei Felipe II vende as xurisdicións de Vilaronte e San Martiño ao oidor Saavedra, o cabido mindoniense entabla un sonado preito para non desprenderse da propiedade do porto de Foz.

Antes de meternos co preito cabe dicir que a venda do rei Felipe II non é directamente ao oidor Saavedra senón ao xenovés Baltasar Lomelín, que as vende a Saavedra, pero diso xa falaremos noutro artigo posterior. Dicir, para quen non o lembre, que o citado oidor é o responsable da construción de ermida de San Brais en Vilaxoane.


O bispo, don Gonzalo Gutiérrez Mantilla, remitía ao rei Felipe II, o 5 de maio de 1595, unha carta na que argumentaba varias razóns para non vender o porto focego ao oidor Saavedra (un veciño de San Martiño que traballaba na Real Facenda da Corte). Así lemos que “el puerto de Santiago de Foz no es costa braba ... antes es puerto a donde surgen fustas y navios gruesos y pueden cargar y descargar enel y es de mucha utilidad y probecho para Vuesa Magestad”.

O bispo, moi intencionadamente, lémbralle ao monarca que hai que ter moito coidado con darlle poder aos nobres, pois estes tenden a levantarse en contra da autoridade real. Segundo o prelado aínda estaba moi recente a revolta do Mariscal “... y en este reino de Galicia el mariscal Pedro Pardo, Pedro Bolano y Pedro de Miranda, con solo tener el uno un penasco en un monte a donde se acogia y el otro un castillo en la ribera del rio de Miranda y el otro una fortaleça tiraniçaban la tierra y no havia cosa segura y fue necesario que el Rei don Fernando inbiase contra ellos y solo la muerte lo pudo atajar y estos con tan poco poder hacian tanto mal” e si estes nobres foron capaces de levantarse contra o rei, que non farán os sucesores do citado oidor, tendo as dúas xurisdicións e un porto.

Aparte, segundo o bispo, a venda do porto significaría a imposibilidade de mercar peixe en Mondoñedo, afirmación bastante esaxerada pois á cidade episcopal chegaba peixe fresco dende Foz, Burela, San Cibrao, Ribadeo e Viveiro, e destes dous últimos tamén peixe salgado. Pero deixémoslle falar ao señor bispo sobre a relación de Mondoñedo e Foz  la ciudad de Mondoñedo está distante del dicho puerto dos leguas y todo el pescado que se gasta en la dicha ciudad viene del dicho puerto y tomando el oydor la posesion no se atrebera ninguno a pescar en el dicho puerto y sus terminos y carecera de bastimentos esta ciudad porque el dicho oydor pondrá nuebas imposiciones y si el no, sus herederos y sucesores, si”.

A carta do bispo tivo o éxito buscado e o porto de Foz continuou dependendo o bispado.

Nun apeo de bens, realizado no ano 1596, vemos como o bispado era o dono dos dereitos do mar que producía o porto de Foz, estamos a falar dos  derechos de las barcas y chalupas que bienen  de otras extrañas jurisdiziones a pescar al puerto de Foz alonxandose del dicho puerto para la dicha pescaria que son de los que cazan con solo espinel ciento y cinquenta maravedis y los que cazan y pescan la dicha pescaria con redes sardineiras pagan de cada una de las barcas y chalupas ducientos y ciquenta maravedis”.

Para o profesor Leal Bóveda, tal e como referencia na súa tese doutoral, tanta abundancia de pesca permite que en Foz exista, de igual maneira que acontece con outros portos da cornixa lucense, unha actividade de exportación de peixe, en concreto de sardiña escochada. O citado profesor afirma que a pronta oxidación deste producto impedía unha exportación a lugares afastados (sur peninsular) circunscribíndose á cornixa cantábrica española e francesa, entre outros lugares.

Un exemplo de todo o que anteriormente mencionaba Leal Bóveda atopámolo nun protocolo notarial, redactado polo escribán Rodrigo Basanta Aguiar (Ferreira do Valadouro, 23 de marzo de 1596). Trátase dun contrato de venda entre os veciños da parroquia de San Xurxo do Cadramón, Bartolomeu de Cortegada, Pedro Pico, Pedro da Veiga e Pedro Vizoso, “por la que se obligaron cumplir un contrato a Luis de Luaces rexidor, vecino de la ciudad de Mondoñedo, quatro mill nuevecientas veinte y cinco doelas del tamaño largor y anchor que tenian tratado, puestas y acarreadas en el puerto de Santiago de Foz”.

Para Leal Bóveda esas doelas serían empregadas na fabricación das pipas onde se exportaría a sardiña escochada.

As actividades comerciais do porto de Foz no século XVI serían: pesca de sardiña, exportación de madeira, de sardiña e importación de varios produtos. Os barcos cargados de madeira que saíran de Foz cara Andalucía traían nas súas bodegas, no viaxe de volta, viños desa zona. Un exemplo disto vémolo na denuncia que formulaba o cura de San Martiño, Bartolomeu Palmeiro, o 2 de novembro de 1566, contra o veciño de Santa Cilla, André Rodríguezdiciendo que, teniendo tres botas de Andalucía en el lugar do Escairo, llenas de vino de Andalucía, el referido Andrés Rodríguez, llevó una de sus pipas, incurriendo en grave delito”(Cal Pardo, 1992:366).

Agora poderíamos falar do porto de Foz no século XVII e a súa vinculación coa caza da balea, que tamén tivo a súa importancia, pero iso, iso xa é outra historia.

 

 

 

domingo, 19 de enero de 2020

HISTORIA DA PRIMEIRA PONTE DA ESPIÑEIRA.







Cada vez que temos que cruzar a desembocadura do río Masma empregamos unha das dúas pontes existentes no lugar da Espiñeira. A máis recente data de principios do século XXI e a “ponte vella” da segunda metade do século XIX.

Se preguntásemos aos veciños do lugar diríannos, sen dúbida algunha, que a primeira ponte que existiu neste lugar da Espiñeira é a de mediados do XIX, que con anterioridade existía unha barca para poder cruzar este río. Estas afirmacións baséanse tan só na memoria oral, pero se consultamos a documentación escrita dos séculos XVI, XVII e primeira metade do XVIII veremos como no lugar da Espiñeira había unha ponte, bastante máis antiga do que ata agora pensábamos.

Onde podemos situar esta primeira ponte da Espiñeira?

Inmediatamente despois de cruzar a ponte do XIX, en dirección Ribadeo, vemos unha estrada que nos leva ata o Pozo Mouro. Á nosa dereita quedará a finca A Goleta e uns almacéns abandonados a nosa esquerda; nese punto, metro máis ou menos, estaría a ponte orixinaria, construída en madeira. 

Dende cando existía esa ponte?

A noticia máis antiga, documentalmente falando, data de fins do século XIV, pero coidamos que con anterioridade xa existía.

Parécenos innegable que despois do asentamento da Sé episcopal en San Martiño de Mondoñedo non tivese  lugar a construción, ou ben reparación, da ponte da Espiñeira, xa que era vital para poñer en contacto a zona ribadense (cos seus portos) coa nova Sé, activa dende o 864 ata o 1117.
A desaparición da Sé, despois do seu traslado ao actual Mondoñedo, trouxo consigo o abandono no coidado da ponte, pero, seguiu no seu lugar.

No ano 1395 aparece a primeira referencia. Trátase dun  documento, datado o 23 de marzo, no que podemos ler como Fernando Eanes e a súa dona, María Franca, veciños de Vilaronte, venden “a nossa vina que nos avemos enna dita villa de Vila Ioanne”. O importante desta carta, para nós, é onde foi redactada “feyta esta carta enna Marina de San Cosmede, açerca da Ponte da Espineyra”.

Sabemos da existencia dun camiño que unía Ribadeo con Viveiro e que empregaba para cruzar o Masma a ponte da Espiñeira. Aparece denominado como carreiro nun documento do 13 de maio de 1419. Nel  o bispo mindoniense, don Xil Soutelo, aforaba a un matrimonio de San Cosme de Barreiros  todo o nosso terreo de herdade que jas en Escotajuros commo se departe da huna parte do Rego de Escotajugos et da outra parte do carreyro que ven de Ribadeu para a ponte da Espineyra”.

A finais do XV  Pedro de Bolaño redacta unha carta foral a favor da súa filla, Leonor de Bolaño. Quería don Pedro que esta, para  casar con don Afonso Vázquez de Cabarcos, recibise en dote: “todos los bienes rayzes e heredades(...) en la parte dellos que vos mas quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espiñeira e Mariñas de Bibero fasta la villa de Bibero”.
Ese carreiro que de Ribadeo chegaba á ponte da Espiñeira acabará converténdose, se non o era con anterioridade, nun camiño real, que na documentación do século XVI aparece baixo a denominación de “camiño francés”.
En 1536, na zona do Vilar (polígono industrial e comercial de Ribadeo) había unha finca coñecida como O Feal, que lindaba: “de la una parte en el Camino Real de Vilar que va de Ribadeo para la puente de la Espiñeira”.
Referencias a esta ponte atopámolas nun apeo de bens, realizado no ano 1589, da parroquia de San Cosme de Barreiros. Así na Veiga da Longara, menciónase unha herdade chamada As Pereiras, situada preto da fonte de Saa, que lindaba “en el Camino Frances que viene de la puente de la Espiñeira para Rivadeo”. Nesta mesma Veiga outra leira lindaba: “de la parte de arriva en el Camino publico frances, que va de la puente da Espiñeira para Rivadeo”.
Trátase da mesma ponte que aparece no testamento de Vasco López de Moscoso, veciño de San Martiño de Mondoñedo(22 de febreiro de 1531), no que deixaba cartos para reparos das pontes de Fazouro e da Espiñeira:” Yten mando para ayuda de adereçar el puente despyñeyra dos reales y otros dos reales para el de Fazouro”.
En 1540 realízase o apeo de bens de propiedades, pertencentes ao Cabido mindoniense, na parroquia de San Martiño, ao longo das súas páxinas atoparémonos con referencias á ponte da Espiñeira. Localizámolas na parroquia de Vilaronte: na Veiga de Cortiñas e na de Bouzas “topa de una parte en el camyno que va desde la yglesia de Seoane (a de Vilaronte) para la puente da Espiñeyra”. Tamén se localiza na Veiga das Pereiriñas “el camyno e comaro que va de Mejabor para Bilabor e de otra parte en el camyno que viene de la puente de la Espineyra para la dicha Yglesia de San Juan de Villaronte”.

Esta ponte unía o camiño que dende a Espiñeira chegaba ata San Martiño. No mesmo apeo vemos como na Veiga de Freixoeiro había unha finca que lindaba “en el camyno que va desde la puente da Espineyra para Villacendoy”. Tamén unía a poboación de Mañente co citado camiño, e así vemos como no lugar de Redondelo, sito en Mañente, había unha finca que lindaba “de una parte en el camyno que va de Manente para la puente da Espineyra”.
Roi Pérez,  cura que fora de Foz e de 66 anos, menciona o lugar de Lavandeira, que linda con varias fincas, sendo unha delas a “que agora lieva Francisco Diaz de Volaño, de Cabarcos, que sera de un toledano de pan de senbradura, poco mas o menos, que topa en el camyno que va desde la casa del Dean para la puente da Espiñeyra”.

A ponte pertencía era de propiedade real (hoxe diríamos que era do Estado) recaendo no concello de Mondoñedo, como cabeza de provincia, a obriga de arranxala. En 1571 acorda o Consistorio mindoniense: “dar y pagar a Pedro de Artiaga, maestro de canteria, un ducado por dos dias que se ocupo en ir a ver lo hera nezesario para las puentes de la Espiñeira e de Fazouro e a Lazaro, oficial, que fue con el ocho reales”.

Esta ponte era necesaria non só para transitar e poder cruzar o Masma, senón que tamén operaba como porto, polo menos no século XVI e XVII. No ano 1575, o rexedor mindoniense Fernando Balea, atopándose en Viveiro, coa orde de conseguir gran para Mondoñedo, merca a Pedro Lodre (comerciante de Bravante, na Bretaña) a cantidade de 100 fanegas de centeo que envía por barco ata a ponte da Espiñeira, lugar no que sería descargado e transportado en carros ata a cidade episcopal: “que avia ydo a la villa de Vibero por mandado del consistorio  a comprar çien anegas de çenteno a Pero de Lodre que es vesino de Bravante ques en tierra de Bretaña a catorze reales la anega, el qual la avia entregado a Lopo da Pena de Gradal para que lo traxiese a la puente da Espiñeira ... quel pan que se entrego a los carreteros asi fueron”.


Xa no século XVII a estrutura da ponte ameazaba ruína: “el citado puente existía desde antiguo y estaba ruinoso en 1613, cuando una instrucción de la Junta del Reino de Galicia hace referencia a su necesaria reparación por ser el Camino Real de Asturias y Vizcaya”. Tamén no século XVII se empregaba a ponte como lugar de carga e descarga portuaria. Así vemos como en 1624 o cura párroco de Foz pagaba “quatro maravedis que se dieron a los hombres que fueron buscar la cal a la puente de la Espiñeira”. En 1631: “mas quatro reales de vellon de los cargaderos de la puente de la Espiñeira e en 1665 , outros 4 marabedís “que se dieron a los hombres que fueron a buscar la cal a la puente de la Espineyra[1].

Nun protocolo notarial, redactado o 5 de maio de 1711 na parroquia de Vilaronte, aparece a derradeira referencia a esta ponte. No citado documento aparece Dominga González, viúva de Xosé de Outeiro, ambos “moradores en el lugar da puente da Espiñeira[2]. O problema desta referencia documental é que si ben é certo que ambos vivían no lugar da ponte da Espiñeira, moi ben podería suceder que xa non existise a ponte, senón que continuase vivo o seu topónimo. En Foz aínda se fala hoxe en día do lugar coñecido como O Campo da Cabana, nel existiu unha cabana construída polos baleeiros biscainos, pero iso non quere dicir, por moito que se aínda se empregue o termo, que siga existindo esa cabana.

O que si é certo é que entre finais de 1711 e con anterioridade a 1752 a ponte desaparece fisicamente empregando para cruzala un sistema de barcas, que non debía de ser moi eficaz pois o 17 de abril de 1771, en carta remitida ao goberno de España, solicitábase a creación dunha nova ponte: “que se fabrique y construia un Puente al sitio da Espiñeira donde ya lo hubiera de palo, segun se evidenciaba de sus bestigios con un Muelle en que se pudiesen recojer las Maderas que alli se conducian para obras de la Real Armada, a causa de ser preziso el mismo Puente, por ser el Camino Real y pasajero por donde transitan tropas, correos, conductas y marineros, que todos experimentan perjuicio en la detencion y pasaje de la Barca que hay en aquel sitio”.

Da barca e da ponte da Espiñeira que aparecerá na segunda metade do XIX ocuparémonos en posterior artigo.



[1] A. D. M. Foz, libros de fábrica, nº 1, Fols. 6, 17 e 35 respectivamente.
[2] A.H.P.Lugo. Protocolos notariais, Xoán Mariña Basanta (8167-3). Fol. 62.

domingo, 1 de diciembre de 2019

CINCO CRIMINAIS NA MARIÑA DE 1910.





Nin son os máis criminais nin os máis coñecidos, pero deuse a casualidade que un 3 de xullo de 1910 coincidiron todos eles no cárcere de Mondoñedo, en espera de ser xulgados en Lugo. Este grupo estaba composto polo autor do crime de Ferreira do Valadouro, pola infanticida de Lindín, polo asasino Xosé Alvite, polo criminal  de Cadavedo e polo neno asasino.

Na parroquia de San Bartolomeu de Cadavedo o seu veciño Serxio López Val ingresaba no cárcere de Mondoñedo a finais de marzo de 1910, acusado de selo autor “de la agresión de que fue objeto Jesús Iglesias Iglesias, el cual falleció por consecuencia de las heridas”.

O xornal El Progreso, no seu número do 30 de marzo, informaba que Serxio, o presunto autor dese crime, tiña tan só 15 anos. Nada máis soubemos del pola prensa.

O xornal El Noroeste, do 14 de xuño de 1910, podemos ler como en Galdo se choraba a morte de Miguel Cao Pernas “que contaba con 102 años de edad”. Mentres se choraba por iso en Galdo, en Mondoñedo, a parroquia de Lindín escandalizábase ante a aparición do corpo “de un recién nacido al que se le ha practicado la autopsia para averiguar si se trata o no de un infanticidio”.

O xornal El Progreso, do 22 de xuño, da conta, en profundidade, deste suceso coas seguintes palabras: “se halla perfectamente comprobado que Ramona Gacio Méndez, madre del niño que falleció en Lindín, es la autora de su muerte.
El señor Juez de instrucción logró en pocos días averiguar el crimen y destruir la relación que la autora, en combinación con algunos testigos, había hecho, en las primeras diligencias, para ocultar su maldad.
Parece que la Ramona Gacio dió varios golpes con una piedra en la cabeza de la criatura aplastándola el cráneo y arrojándola, después en un sembrado de trigo, de donde fue recogida más tarde, de orden de la desnaturalizada madre. Tan pronto como lo permita su estado, será trasladada a la cárcel del Partido”.

Segundo El Progreso (23/02/1911) o xuízo contra esta muller comezou coa alocución do ministerio fiscal (señor Pintos Reino) na que relatou os pormenores deste suceso e solicitou ao tribunal popular un veredicto de culpabilidade. A defensa, encomendada a Emilio Tapia y Rivas, rebateu os cargos formulados pola acusación . O xurado “después de un imparcial resumen de la Presidencia, resolvió de conformidad con las conclusiones de la defensa. En su virtud, Ramona Gacio, fue puesta seguidamente en libertad”.

Bretoña tamén se viu salpicada por un acto sanguento, protagonizado por Xosé Alvite.

Segundo o  xornal El Progreso, do 15 de xuño, Xosé Alvite “muy conocido en Mondoñedo, en donde hace bastantes años residía, sostenía relaciones íntimas con una vecina de Bretoña. En distintas ocasiones tuvo con dicha individua exigencias de dinero.
El domingo de la anterior semana, por la noche, parece que interesó de ella la entrega de 500 pesetas y como no quisiese o no pudiese dárselas, le infirió una terrible puñalada en el vientre, de cerca de ocho centímetros de extensión, que le produjo la salida de los intestinos. En grave estado vivió la infeliz mujer hasta la noche del martes en que falleció. La víctima deja un hijo de veinte años que reside en América”.

O tres de novembro de 1910 saía de Mondoñedo, cara o cárcere de Lugo, Xosé Alvite, para quen o fiscal solicitaba 18 anos de cárcere.

O caso do carpinteiro do Valadouro aparece no xornal El Noroeste, do 4 de marzo de 1910, no que se nos conta como dous veciños de Ferreira do Valadouro, Antón Reigosa e Beningno Ladra Llenderrozos, comezaran a discutir, a iso das dez da noite. Dos insultos pasouse ás ameazas, ata que Ladra, “tal vez comprendiendo que su contrincante pudiera llevar a cabo las amenazas, sacó un revólver y apuntando al Reigosa, sin darle tiempo a defenderse, le hizo un disparo, dejándole muerto en el acto”.

Aínda non caera o corpo de Reigosa no chan e Ladra xa fuxira, pero ou ben non correu moito o ben non soubo esconderse, porque ás 11 da noite era detido pola garda civil, aínda levaba o revólver consigo. Segundo o xornal este home tiña “34 años, está casado y era en todo el Valle de oro muy conocido, trabajando en varias casas en su oficio de carpintero”.

No Progreso do 6 de agosto de 1910 dísenos que ingresaba no cárcere de Lugo o asasino de Burela, do que xa temos escrito neste xornal, ao que acompañaba “Benigno Ladra, autor del asesinato de Ferreira del Valle de Oro”.

Benigno foi condenado a unha pena de 14 anos de reclusión no penal de Santoña.

 No xornal El Progreso, do 19 de xuño de 1910, podemos ler a noticia de que un neno, veciño do barrio de Condomiña(Val de Lourenzá), se suicidara porque seu pai o quería levar a Madrid con el, pero a idea do suicidio non se sustentaba pois a arma non aparecera.
Pouco despois sóubose que a realidade era bastante máis atroz. Segundo relataron varias testemuñas, o sábado pasado, o neno falecido, que tiña 10 anos, pelexara con outro neno de 11 anos da mesma veciñanza, semella que o neno maior recibira varios bofetadas.
Ao día seguinte, a iso das 9:30 da mañá mandaron a este neno de 10 anos “a buscar aceite a una taberna; notando la familia que tardaba mucho en regresar el rapazuelo, salieron para buscarle y le encontraron boca abajo en el suelo, a muy corta distancia de la casa en que vive el otro chico, con quien el día anterior se había dado de cachetes el interfecto. Se presume que el autor de tan deplorable suceso sea el rapaz, de unos once años de edad. Para hacer la autopsia, salieron para el valle de Lorenzana los médicos señores Barja y Fanego de Mondoñedo”.

No Progreso, do 6 de agosto de 1910 dísenos que este neno asasino, chamado Anxel foi posto en liberdade, sendo absolto de todo delito.

Son estes cinco criminais unha leve pincelada do cadro que é a crónica negra da Mariña, que nos acompaña, estremecéndonos día si e día non.