Buscar este blog

lunes, 30 de noviembre de 2015

EXPEDIENTE DA INQUISICIÓN CONTRA TOMAS MOSCOSO OMAÑA. UN CURA DE VIDA DISIPADA. 1741



Hoxe imos abordalo tema da disipada vida dun cura párroco que viviu na nosa Mariña na primeira metade do século XVIII, estamos a falar de Tomás Moscoso e Omaña. Cando vemos por primeira vez o seu nome sabemos que pertence á familia dos López de Moscoso, xerme do condado de Fontao e que polo tanto vai estar vinculado co noso concello.

En concreto sabemos que o protagonista deste artigo era fillo de Lourenzo Moscoso Omaña e Ulloa, “dueño de las casas y Palacio de Fontao xurisdizion y coto del mismo nombre, la de Ferreyra y acomulativo de la de San Martin de Mondoñedo, vezino que al presente soy de la feligresia de Santa Cecilia xurisdizion de Santiago de Foz” [1] e da súa primeira muller María Andrea Pardo e Lemos.

Lourenzo Moscoso casará en segundas nupcias con María Xoana de Guevara e Montenegro, a esta segunda esposa deixaralle varios bens no seu testamento (outorgado en Santa Cilla o día 4 de agosto de 1732 ante o escribán Lois Fernández Cordido, veciño da mesma parroquia) que deberán recaer nos fillos de Lourenzo e da súa primeira muller, pois coa segunda tivo unha filla que morrera ao pouco tempo de nacer.

Do matrimonio entre Lourenzo Moscoso e María Andrea Pardo quedaron os seguintes fillos:

-        Antón Moscoso e Omaña, primoxénito, continúa coa liña paterna ao que o sucede o seu primoxénito Xosé María Moscoso Omaña.

-   Xoán Antón Moscoso e Omaña, que aparece mencionado co cargo de coadxutor na catedral mindoniense.

-          Francisco Moscoso, este fillo será o que herde os bens que seu pai deixara para a segunda esposa. Foi elixido el por “ser el menos acomodado de los que quedaron del referido don Lorenzo Moscoso, su padre, y de su mencionado primer matrimonio”.A elección queda clara cando o citado Lourenzo manda que se elixa en:” primer lugar suceda en los dichos vienes, despues de la citada mi muger, don Francisco Moscoso, coadjutor en la Santa Cathedral de la Ciudad de Mondoñedo, mi hijo, y despues como dicho queda otro qualquiera de mis hijos”. Francisco accede ao cargo de coadxutor a principios do ano de 1730, “sobrino de Juan Moscoso, fue admitido como coadjutor, con derecho de sucesión, de éste, en virtud e Bula y mandamiento ordinario”. Este citado Xoán Moscoso, tío de Francisco, tiña que ser o mesmo ao que se refire Cal Pardo cando di que trala morte, o día 14 de marzo de 1719, do cóengo don Fernando Osorio e Rebellón “tomó posesión de su canonjía Juan Moscoso y Omaña, que había sido su coadjutor[2].


-          Tomás Moscoso e Omaña, cura párroco de Xove e Lago.


A vida de Tomás Moscoso Omaña e Lemos debeu de ser tranquila e doce ata que o bispo Antón Alexandro Sarmiento de Soutomaior lle abre un expediente disciplinario con graves consecuencias.[3]

O citado documento foi redactado na vila de Viveiro o día 5 de outubro de 1741 e nel podemos ler como o bispo don Antón Sarmiento de Soutomaior, na visita pastoral xirada a esa zona, afirma que xa fóra informado da actitude que mantiña o cura párroco de Lago e de Xove, o noso protagonista. Segundo se afirma no escrito don Tomás “vive con desenvoltura, con repetidos actos torpes, que ha tenido, ansi con una criada que ha tenido antes de aora llamada Andrea Lopez, hija de Blas Gonzalez, carpintero, vezino de dicha feligresia de Balsa, de que resultò hazerse preñada dos vezes, como con otra que actualmente tiene en casa, a quien llaman Alexandra en dicha feligresia la que se hizo preñada en este presente año y pariò en la dicha feligresia de Silan, restituyendose luego despues del parto a casa de dicho cura. Sale a deshora y altas horas de la noche a las trahiñas; sin envargo de estarles prohibido con excomunion maior lata sententia, mil maravedis de multa y un mes de carcel por el auto de visita que hizo su Ylustrisima en aquella parroquia, a que tambien concurren mugeres a quienes assimismo se les prohibiò, para precaver los muchisimos pecados, que se cometen con esta concurrencia. No tiene el zelo que debe en la administrazion de los Santos Sacramentos a los parroquianos; ni aun permite que otros lo hagan”.

Tres son os cargos que se lle imputan: vida disipada e ter embarazado a dúas mulleres.

O segundo cargo trátase de cobros irregulares, polo que parece don Tomás cobraba máis que os curas das parroquias veciñas por impartir o sagrados sacramentos, aparte disto, negábase a que os presbíteros da parroquia ou coadxutores se encargasen de impartir os sacramentos, quedándose polo tanto el con todos os cartos recibidos.

Tal vez o cargo que nos chame máis a atención é o de acudir ao porto cando chegaban as traíñas a porto.

O bispo Sarmiento (1728 – 1751) do que nos quedan grandes obras pagadas por el, estoume a referir ao hospital de San Paulo, a ermida e a fonte dos Remedios, o cárcere de Mondoñedo ou o pazo do Bo Aire en Masma, entre outras cousas, tamén foi un bispo de estrito carácter. Lence Santar chegou a afirmar del que era “de gran talento y cultura y un gran polemista; pero fue también un hombre intransigente, terco, violento y dictador”, unha opinión contraria a esta foi a do cronista oficial de Mondoñedo Francisco Mayán, quen chegou a afirmar que este bispo “no fue un hombre vulgar, ni tampoco una medianía, sino un Obispo extraordinario, un reformador, un genio”.[4]

Non estamos nós capacitados para opinar sobre o perfil psicolóxico do bispo Sarmiento pero o que si podemos dicir é que fixo fincapé sempre en manter separados os dous sexos. Entre os moitos mandatos de Sarmiento hai un que estipula que os homes que vaian segar a Castela non poden ir acompañados de mulleres, a non ser que sexan as súas esposas e que podan demostralo documentalmente. Tampouco permite que as mulleres se acheguen pola noite ás faenas de descarga das traíñas. Supoñemos que como esta operación se realizaba cando xa era noite e polo tanto case que imposible de controlar ás persoas se producían moitos actos de contacto carnal. Entendemos que o bispo prohiba acudir ás mulleres a estas faenas pero non entendemos cal é a razón pola cal os curas párrocos non poidan ir, a súa presenza debería bastar para calmar tanta excitación.

Na nosa humilde opinión coidamos que o señor bispo Sarmiento debería terse preocupado  máis polas condicións de salubridade ou laborais das persoas que viaxaban a Castela que por si ían ou non acompañados de mulleres.

DETENCION.

Tralo coñecemento por parte do bispo Sarmiento da vida disipada de don Tomás lévase a cabo a detención do citado cura párroco. O problema deste cura era que formaba parte dos familiares da Inquisición e para ser xulgado tan só o podería facer o tribunal da Inquisición. Mais iso non foi impedimento para que o bispo Sarmiento o mandase prender e xulgar polo xulgado episcopal.

No folio 37r do expediente aberto a don Tomás, podemos ler unha carta datada o 16 de xuño de 1742 na que relata como foi a súa detención: “y estando disponiendo su viage al parage donde hera preciso pasar a su egecucion entraron en su casa con mucho estrepito y alboroto don Francisco Vazquez, Presvitero, acompañado de Pedro Lopez, escrivano de numero de San Thirso de Portozelo y de otros tres sacerdotes que lo fueron don Juan Antonio Valmaior, don Gonzalo Pardo y don Juan Fernandez Sanjurjo, vezinos de la misma Jurisdizion de San Thirso, y luego que se introdugeron en la casa de havitacion de mi parte, le dijo el dicho don Francisco Vazquez llebaba orden y comision del Reverendo en Cristo obispo de Mondoñedo para prenderle y conducirle a aquella Ciudad, y entonces le hizo presente mi parte” que iso era imposible pois el era comisionado da Inquisición e que non podía ser detido por aquel tribunal ordinario. Aparte diso el tiña que saír inmediatamente pois o tribunal da Inquisición o convocara para levar a cabo unha inspección noutro lugar, pero os que o viñan a apresar non fixeron caso algún “lo llevaron preso a dicha Ciudad de un modo escandaloso y no correspondiente a las circunstancias de su persona y carácter de empleos”.

DECLARACIÓNS DE TESTEMUÑAS.

Coñecidos os cargos, embarazar a unha criada chamada Andrea dúas veces e a outra, chamada Alexandra, unha vez, presentáronse as testemuñas. En primeiro lugar declararon os presbíteros e curas das veciñas parroquias mais todas as súas declaracións son de oídas.

Destacamos unhas poucas de tódalas declaracións:

Maria Luisa Pérez, solteira, de 35 anos, veciña de Santa María de Viveiró declara o 16 de outubro de 1741.
Afirma que non coñeceu a Andrea López pero sabe que estivera como criada do citado cura e que tivera dúas nenas.  Unha destas nenas quedara nunha casa de Xestosa, na parroquia de San Pedro de Muras. Ata que por “orden de dicho Francisco Lopez ha llevado a casa del referido don Thomas Moscoso por el mes de septiembre de este año una niña de edad de cinco años, poco mas o menos, la que le dixo era hija de dicho cura y de una criada que le avia servido, cuya niña admitio dicho cura y le quedò en casa. Y la otra niña que dexa depuesto està en la Gestosa, tendra dos o tres años”. Na súa declaración afirma coñecer á actual criada do cura, chamada Alexandra, e que no mes de abril desaparecera da casa do cura “y viniera a la casa de Pedro Lopez, vezino de San Esteban de Silàn, en el lugar da Picheyra donde estuvo cinco semanas y pariò un niño que se està criando en casa de Pedro Rouco, vezino de la que declara. Tambien ha oydo decir que por el tiempo referido del mes de Abril, poco mas o menos estubiera dicho cura dos o tres dias en casa de Pedro Lopez, que se decia venia de Santiago bien que la feligresia de Silàn no es camino transeunte desde la Ciudad de Santiago a la feligresia de Lago”.

Manuel Pérez de Moscoso, declara o 16 de outubro de 1741, tiña daquela 55 anos, era cura da freguesía de Silàn.

 Afirma coñecer á criada do cura e que esta deu a luz a un neno en Silán, sendo bautizado co nome de Agustín “y se diò a criar en la feligresia del Viveyrò en el partido de Rilleyra de Castiñeyras en  casa de Pedro Rouco según oyò el que declara”.
O cura atoparase varios meses despois, na feira que en  Galdo se celebraba o día 8 de outubro, coa criada de Tomás. Despois de cruzar os saúdos formais ela preguntáralle si aparecía o nome do pai na partida de nacemento, el contestoulle que non, que aparecía incógnito. Ante esta información a criada díxolle que don Tomás solicitaba como favor persoal que non puxera nome ningún no apartado do pai, razón pola cal o cura de Silán “tuvo para consigo que la mencionada Angela pariera del referido su Amo”.

Francisco López, veciño da parroquia de Silán.

Afirma coñecer a don  Tomás e a súa criada Andrea López da que di que “pariera una niña en la felegresia de Samarugo, en casa de un fulano vezino de dicha felegresia de Samarugo, de donde teniendo ya de tres a quatro años, la llebaron a casa del cura referido de Lago”. Tamén afirma a testemuña que estando na feira de Lago acercáraselle un cuñado da citada criada e o referido don Tomás Moscoso e que “le propusieran si queria tener en su casa dicha muchacha; que se la pagaria bien su crianza”, el colleu a rapaza e tívoa na súa casa por ano e medio, ata que en 1741 “se la remitiò al dicho cura de Lago por Luysa Perez, soltera, hija de Luys Vazquez, vezinos del Viveyrò; y por razon de manutencion y crianza de la muchacha referida, que se llama Maria, reciviò el que declara del dicho don Thomas once ducados de vellon”.

Pedro López, veciño de Silán.

Afirma coñecer a don Tomás, non así  á primeira criada, Andrea, pero si á segunda, Ánxela Fernández, filla de Isidoro Crego, veciño de Santa María de Balsa. Coñécea porque no mes de Abril de 1741 presentouse na súa casa Tomás Moscoso “y le ha dicho que avia tenido el trabajo de averse deslizado con la referida Angela, su criada, y que se hallaba en cinta; que le suplicaba le hiziese el gusto de admitirsela en su casa para que pariese con secreto; por lo que se ynteresaba su honra y la de la dicha moza”.

Para atender ás demandas de don Tomás Pedro López  manda un criado a buscar á citada rapaza para que día a luz na súa casa. Ánxela tivo un neno que o bautizaron o día do seu nacemento, “de noche a principios de mayo”, puxéronlle por nome Agustín.

Transcorrido pouco tempo don Tomás manda a buscar ese neno para ser criado na casa de Pedro Rouco, veciño da freguesía de Viveiró. Este home presentouse na casa do declarante acompañado da súa dona “una noche y salieron al amanecer antes del amanecer para que fuesse con secreto y no lo viessen los vezinos”, mentres que a criada continuou na casa do declarante “ y de alli a pocos dias que convaleciose volviò para casa de dicho don Thomas”.


Para desgraza nosa non puidemos atopar dato algún sobre este tema, así que descoñecemos que castigo lle impuxeron ao noso citado don Tomás.

Sobre este tema podemos dicir que non é este o único caso xa que era algo habitual que os curas párrocos embarazasen mulleres do seu entorno, en menor medida que en séculos anteriores, pero non por iso deixaba de ser algo que acontecía usualmente.






[1] Pares.mcu.es. Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, rexistro de executorias, caixa 3353, 44-3. Executoria de preito litigado por Tomás Moscoso  Omaña con Xosé María Moscoso  Omaña e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a sucesión de bens legados por Lourenzo Moscoso, ano de 1771. Unha transcrición do testamento de Lourenzo Moscoso pódese consultar na seguinte páxina http://estudiosgen.com/group/testamentos/forum/topics/a-o-1732-testamento-de-lorenzo-moscoso-oma-a-y-ulloa-se-or-de-la
[2] Cal Pardo, H.: Episcopologio mindoniense, páxinas 719 e 661 respectivamente.
[3] O citado documento, que será base deste artigo, foi consultado na páxina web pares.mcu.es e o orixinal está conservado no Arquivo Histórico Nacional, sección  Inquisición, (2150, exp. 7).
[4] Cal Pardo, H.: Episcopologio mindoniense, páxinas 754 e 755 respectivamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario