No 29 de abril de 1890 executaban
detrás da ermida de Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo a Manuel Luxilde
Castrillón, un dos seis culpables do crime de Santa Cruz do Valadouro. Non era
a primeira vez nin tampouco sería a derradeira en que o patíbulo se asentaba na
cidade episcopal.
Hoxe imos falar dunha desas
execucións, a que tivo lugar no ano 1893.
Non somos os primeiros en facelo.
Andrés García Doural xa menciona, aínda que moi de pasada, este suceso nun
artigo sobre o Campo dos Paxariños (2015/20/08). Maior extensión lle dedica o
actual cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, nun artigo titulado Lorenzo Huerta, un verdugo de lenda no
Mondoñedo do S. XIX (2016/25/04).
Do que hoxe imos falar é do crime
cometido por Manuela Vidal, que asasina
ao seu marido o 21 de outubro de 1891, na parroquia mindoniense de As
Sasdónigas.
A vítima era Xoán Enrique Paz
Castedo, un home oriúndo de Nadela que casara en primeiras nupcias con Xusta
Cao Díaz, veciña de Sasdónigas. Posteriormente volverá a facelo con Manuela
Vidal Fernández (oriúnda de San Pedro de Labrada).
O matrimonio de Xoán e Manuela
emigra a Sudamérica buscando un futuro mellor. Despois dunha tempada a esposa e
os fillos retornan a parroquia de Sasdónigas, mentres que o marido queda en
América, procurando máis cartos para retornar. Manuela queda soa durante un
ano, coidando da casa e dos fillos. Neste tempo coñece a Manuel Rivas, un
veciño de Sasdónigas, solteiro e moito máis novo que ela.
Tralo coñecemento xorde o amor,
tanto físico como carnal, que perdura ata a chegada do esposo.
Era habitual que xurdise o amor
entre esposas de emigrantes e os seus veciños?
Habitual non era, mais tampouco
extraordinario. Podemos lembrar ter lido o caso de Manuel Pérez, de 46 anos e
veciño de Palas de Rei, quen “aprovechándose que su mujer se hallaba en
Buenos Aires, sostenía relaciones íntimas con Concepción Iglesias Barreiro,
también casada y cuyo marido, lo mismo que la esposa de Manuel, se encontraba
en la capital bonaerense” (El Correo Gallego. 1919, 11 de xuño). Esta
relación extramarital rematou mal, pois Manuel acabará matando á súa amante
cando esta decide poñer fin á relación.
Deixáramos a Manuela Vidal e a Manuel Rivas vivindo felices, mentres que
o marido dela estaba en América. Pero un día decidiu retornar, e a súa volta
rematou coa posibilidade de continuar véndose os amantes.
Se ben para a prensa do momento
tódalas culpas recaen en Manuela, pensamos que neste crime actuaron os dous
amantes, sendo ambos culpables no mesmo grao.
O crime, execrable coma todos,
tivo lugar na casa marital, mentres o marido retornado durmía. Como testemuña a
filla do matrimonio, que finxiu estar durmida, pero que contemplou, aterrada, como
súa nai acoitelaba e daba morte a seu pai.
Será ela, coa súa declaración, a
que condene aos culpables do crime “La
sangrienta escena del crimen fue presenciada y referida mas tarde ante la
justicia por una niña de cortos años, hija del matrimonio, que presenció el
suceso desde un rincón, donde la colocó su madre creyéndola dormida”( El
Correo Gallego. 1891, 22 de febreiro).
Tralo xuízo, a sentencia que os
condenaba a morte. Os amantes recibírona
de maneira ben distintas: Manuela chorando “y tapándose la cara con un pañuelo blanco. Tenía 41 años, era buena
moza y muy astuta”. Por outra banda, Manuel Rivas ”que era de elevada estatura, delgado y joven (de 24 años), oyó la
sentencia con serenidad, pero muy pálido, sin inmutarse ni pronunciar palabra”.
Ambos, unha vez coñecida a sentencia firme, foron trasladados do cárcere de
Lugo ata o de Mondoñedo, onde agardaron
a súa execución.
Sabemos que “al preguntar el
juez a los reos si querían disponer algo, contestó Manuela: “Nada. Solo quiero
salvar mi alma. No hago testamento porque… ¿para qué? No tengo nada. Unos
trapos que tenía los di ya a los pobres, y cuarenta reales que constituían todo
mi capital los he destinado a misas” (El Correo Gallego. 1893, 22 de febreiro).
O xornalista de El Regional puido entrevistar aos reos,
a impresión que este tivo, quedou reflectida nun amplo artigo.
Segundo o xornal, Manuela estaba custodiada nunha ampla habitación
situada na parte alta do cárcere, con bastante luz, piso de madeira, cheminea e
vistas ao patio central. Para o xornalista “Hay quien cree que
Manuela Vidal es una mujer con mucha trastienda; pero a nosotros nos parece una
mujer vulgar que no se ha penetrado aún de la gravísima situación porque
atraviesa y que el día en que la pongan en capilla no va a resultar la valerosa
mujer que algunos creen”.
Ela, segundo o artigo, mostrábase enteira,
falangueira e tranquila, mentres que o seu compañeiro de crime, que ocupaba un
calabozo no piso baixo, amosábase aflixido e cun ánimo abatido que o mantiña
tirado na cama sen falar con ninguén.
O xornalista preguntoulle a
Manuela se estaba mellor aquí ou no de
Lugo, ela contesta que mellor en Mondoñedo porque “aquí, con los dos reales que le dan de socorro, come mejor que comía en
esa, pues el rancho no lo podía tragar, especialmente por las tardes, en que a
las mujeres se lo sirven después de los hombres, y por tanto en peores
condiciones de por la mañana, que se lo suministran a ellas primero que a ellos”.
A chegada a Mondoñedo do verdugo,
procedente da Audiencia de Valladolid, era o paso previo da execución. Tratábase
de Lorenzo Huerta, o mesmo que viñera axustizar aos seis reos do crime de Santa
Cruz do Valadouro.
Pese ás xestións que certas forzas
mindonienses, contrarias á pena de morte, realizaron nos despachos oportunos,
non foron quen de conseguir un indulto para ningún dos reos.
O día da execución entraron en
capela, onde os visitou o bispo don Manuel Fernández de Castro, co desexo de
dedicarlles certas palabras de ánimo e consolo nesas amargas horas.
Segundo declaraba a prensa, no
momento de partir cara o patíbulo, Manuela estaba serena, resignada a morrer.
Manuel, pola contra, estaba abatido, colérico, xa que segundo el era inocente.
De feito fixo unha serie de revelacións ao doutor Ferreiro que o exculpaban,
pero ao preguntarlle a Manuela ela negouno todo.
A derradeira comida dos reos foi
caldo, chocolate, leite e viño.
Un martes, do mes de febreiro, ás
oito horas e seis minutos da mañá os amantes das Sasdónigas foron executados no
patíbulo.
Dos reos, mentres estaban vivos, e dos seus
corpos, con posterioridade, fixéronse cargo os irmáns da Venerable Orde
Terceira Franciscana de Mondoñedo: “se ha
reunido, acordando costear las cajas mortuorias; hacer una colecta pública para
invertirla en sufragios por el alma de los reos; imponerles el hábito y
recibirles la proposición de hermanos de la Orden a las cuatro horas de estar
en capilla; acompañarlos procesionalmente con cruz y estandarte, al patíbulo;
llevar los cadáveres en hombros ocho
hermanos al Cementerio y hacer que a la hora de la ejecución se dijeran dos
misas rezadas en la catedral y otras dos en la ermita de los Remedios,
inmediata al lugar del cadalso, por el eterno descanso de los desgraciados”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario