Buscar este blog

miércoles, 20 de noviembre de 2019

A DISIPADA VIDA DUN CURA PÁRROCO DE 1741.





A vida disoluta que levou o protagonista da historia que hoxe imos contar non é un caso illado, aínda que tampouco era o habitual.

Hoxe imos falar de Tomás Moscoso e Omaña.

Era o noso protagonista fillo lexítimo do matrimonio composto por María Andrea Pardo e Lemos e Lourenzo Moscoso Omaña e Ulloa, “dueño de las casas y Palacio de Fontao xurisdizion y coto del mismo nombre, la de Ferreyra y acomulativo de la de San Martin de Mondoñedo, vezino que al presente soy de la feligresia de Santa Cecilia xurisdizion de Santiago de Foz”, así aparece intitulado no seu testamento.

Do matrimonio citado naceron, a lo menos, catro fillos varóns: Antón Moscoso e Omaña, primoxénito, que herdará o vínculo sucesorio de Lourenzo. Xoán Antón Moscoso e Omaña, que aparece mencionado co cargo de cóengo na catedral mindoniense. Francisco Moscoso, que accede ao cargo de coadxutor da catedral de Mondoñedo en 1730, substituíndo no cargo a seu tío Xoán, que herdara ese cargo trala morte de seu tío, Fernando Osorio e Rebellón, o 14 de marzo de 1719. O derradeiro varón, Tomás Moscoso e Omaña, tamén escolleu, ou mellor dito lle escolleron, a vida eclesiástica, rematando como cura párroco das parroquias de Xove e Lago.

A vida de Tomás como cura párroco debeu de ser tranquila e doce ata que o bispo Antón Alexandro Sarmiento de Soutomaior lle abre un expediente disciplinario con graves consecuencias. O orixinal deste documento pódese consultar íntegro na páxina pares.mcu.es (tecleando Tomás Moscoso y Omaña, apartado de Inquisición; carpeta 2150, expediente 7)

O citado documento, redactado en Viveiro o día 5 de outubro de 1741, menciona que o bispo don Antón Sarmiento de Soutomaior, na visita pastoral xirada a esa zona, era sabedor da actitude que mantiña este párroco. Segundo se afirma no escrito don Tomás “vive con desenvoltura, con repetidos actos torpes, que ha tenido, ansi con una criada que ha tenido antes de aora llamada Andrea Lopez, hija de Blas Gonzalez, carpintero, vezino de dicha feligresia de Balsa, de que resultò hazerse preñada dos vezes, como con otra que actualmente tiene en casa, a quien llaman Alexandra en dicha feligresia la que se hizo preñada en este presente año y pariò en la dicha feligresia de Silan, restituyendose luego despues del parto a casa de dicho cura. Sale a deshora y altas horas de la noche a las trahiñas; sin envargo de estarles prohibido con excomunion maior lata sententia, mil maravedis de multa y un mes de carcel por el auto de visita que hizo su Ylustrisima en aquella parroquia, a que tambien concurren mugeres a quienes assimismo se les prohibiò, para precaver los muchisimos pecados, que se cometen con esta concurrencia. No tiene el zelo que debe en la administrazion de los Santos Sacramentos a los parroquianos; ni aun permite que otros lo hagan”.

Tres son os cargos que se lle imputan: vida disipada, exceso no cobro por sacramentos impartidos e ter embarazado a dúas mulleres.

O segundo cargo, polo que parece, trata sobre que don Tomás cobraba máis que os curas das parroquias veciñas por impartir os sagrados sacramentos. Aparte disto, negábase a que os presbíteros da parroquia ou coadxutores se encargasen de impartirlos, quedándose el con tódolos cartos recibidos.

O bispo Sarmiento (1728 – 1751) foi definido por Lence Santar como un prelado “de gran talento y cultura y un gran polemista; pero fue también un hombre intransigente, terco, violento y dictador”. De opinión contraria é Francisco Mayán, para o que este bispo “no fue un hombre vulgar, ni tampoco una medianía, sino un Obispo extraordinario, un reformador, un genio”.
Independentemente da opinión diverxente expresada por ambos cronistas oficiais de Mondoñedo o que si é certo é que o bispo Sarmiento tivo unha política contraria a que homes e mulleres compartisen espazos en comunidade.


Entre os moitos mandatos emitidos por este bispo hai un que estipula que os homes que vaian segar a Castela non poden ir acompañados de mulleres, a non ser que sexan as súas esposas e que podan demostralo documentalmente. Na nosa humilde opinión coidamos que o señor bispo Sarmiento debería terse preocupado  máis polas condicións de salubridade ou laborais das persoas que viaxaban a Castela que por si ían ou non acompañados de mulleres.

Tampouco permite que as mulleres se acheguen pola noite ás faenas de descarga das traíñas. Era esta unha labor nocturna, na maioría dos casos, na que as mulleres, na tarefa de descargar as lanchas, entraban ata máis arriba da cintura na auga. A roupa mollada cinguíase ao corpo feminino, perfilando as curvas de este, feito que podía espertar a libido masculina, de aí que non fose oportuna a presenza das mulleres.

Resulta cómico ver como se preocupaban máis porque unha roupa mollada sobre o corpo da muller fose o inicio de algo sexual que o que esa roupa mollada podía facer na saúde da persoa que a levaba posta. 

O que non entendemos é porque o bispo prohibe acudir a estas faenas aos curas párrocos, xa que  a súa presenza debería bastar para calmar tanta excitación.

Tralo coñecemento por parte do bispo Sarmiento da vida disipada de don Tomás lévase a cabo a detención do citado cura párroco.

Pero don Tomás non era un cura de pobo calquera, pois formaba parte dos familiares da Inquisición, feito polo cal, para ser xulgado, tan só o podería facer o tribunal da Inquisición. Mais iso non foi impedimento para que o bispo Sarmiento o mandase prender e xulgar.

Dentro do expediente aberto a don Tomás figura unha carta, datada o 16 de xuño de 1742, na que se nos relata como foi o seu apresamento. Entraron na súa casa o presbítero Francisco Vázquez, o escribán de Portocelo, Pedro López, e tres párrocos que o prenderon en nome do bispo. Don Tomás argumentaba que non podía ser detido por homes do bispo pola súa pertenza á Inquisición, que tiñan que ser homes dela os que o prendesen e xulgasen. As súas protestas de nada serviron “lo llevaron preso a dicha Ciudad de un modo escandaloso y no correspondiente a las circunstancias de su persona y carácter de empleos”.

O que resulta interesante deste preito son as declaracións das testemuñas, non tanto as dos curas das parroquias veciñas, como as realizadas por varias mulleres e homes que o trataron.

María Luisa Pérez, solteira, de 35 anos, veciña de Santa María do Viveiró declaraba, o 16 de outubro de 1741, que coñecía o feito de que unha criada que traballara na casa de don Tomás quedara embarazada dúas veces, dando a luz a dúas nenas, unha que actualmente tiña 5 anos e outra 3; ambas quedaran nunha casa de Xestosa (San Pedro de Muras) para ser criadas por unha familia.

Na declaración desta testemuña recoñécese que a criada chamada Alexandra estivera a traballar na casa do cura ata que, no mes de abril, desaparecera “y viniera a la casa de Pedro Lopez, vezino de San Esteban de Silàn, en el lugar da Picheyra donde estuvo cinco semanas y pariò un niño que se està criando en casa de Pedro Rouco, vezino de la que declara. Tambien ha oydo decir que por el tiempo referido del mes de Abril, poco mas o menos estubiera dicho cura dos o tres dias en casa de Pedro Lopez, que se decia venia de Santiago bien que la feligresia de Silàn no es camino transeunte desde la Ciudad de Santiago a la feligresia de Lago”.

Na declaración de Manuel Pérez de Moscoso (16 de outubro de 1741), cura da freguesía de Silàn podemos ler que este neno fora bautizado co nome de Agostiño. Este párroco chegara á conclusión de que este neno era fillo de don Tomás cando na feira de Galdo (8 de outubro de 1741) a criada Alexandra se lle achegara para dicirlle que don Tomás solicitaba un favor persoal. Quería que na partida de nacemento dese neno non figurase nome ningún no apartado do pai, de aí que o cura de Silán “tuvo para consigo que la mencionada Angela pariera del referido su Amo”.

Francisco López, veciño da parroquia de Silán, recoñece que sabía que don Tomás tivera unha filla cunha criada, que a nena estivera ao coidado dunha familia ata que, coa idade de 3 anos, fora traída ata a casa do cura, en Lago. Tamén recoñece que na feira deste pobo se lle acercara don Tomás e que “le propusiera si queria tener en su casa dicha muchacha; que se la pagaria bien su crianza”. El colleu a rapaza e tívoa na súa casa por ano e medio, ata que en 1741 “se la remitiò al dicho cura ... y por razon de manutencion y crianza de la muchacha referida, que se llama Maria, reciviò el que declara del dicho don Thomas once ducados de vellon”.

Pedro López, veciño de Silán, recoñece que no mes de Abril de 1741 presentárase na súa casa Tomás Moscoso “y le ha dicho que avia tenido el trabajo de averse deslizado con la referida Angela, su criada, y que se hallaba en cinta; que le suplicaba le hiziese el gusto de admitirsela en su casa para que pariese con secreto; por lo que se ynteresaba su honra y la de la dicha moza”.

Transcorrido pouco tempo don Tomás manda a buscar ese neno para ser criado na casa de Pedro Rouco. Este home presentouse na casa do declarante acompañado da súa dona “una noche y salieron al amanecer antes del amanecer para que fuesse con secreto y no lo viessen los vezinos”, mentres que a criada continuou na casa do declarante “ y de alli a pocos dias que convaleciose volviò para casa de dicho don Thomas”.

Para desgraza nosa non puidemos atopar dato algún sobre o castigo lle impuxeron ao noso citado don Tomás.

Como dixemos ao principio, o caso de don Tomás era bastante máis habitual do que a igrexa quería. Se ben moitos casos foron silenciados, ben co pago económico ás criadas e ás familias de acollida dos ilexítimos, moitos non puideron selo. Feito que agradecemos, pois de non ser así non poderíamos ter escrito o que acabamos de escribir.





No hay comentarios:

Publicar un comentario