Buscar este blog

domingo, 1 de diciembre de 2019

CINCO CRIMINAIS NA MARIÑA DE 1910.





Nin son os máis criminais nin os máis coñecidos, pero deuse a casualidade que un 3 de xullo de 1910 coincidiron todos eles no cárcere de Mondoñedo, en espera de ser xulgados en Lugo. Este grupo estaba composto polo autor do crime de Ferreira do Valadouro, pola infanticida de Lindín, polo asasino Xosé Alvite, polo criminal  de Cadavedo e polo neno asasino.

Na parroquia de San Bartolomeu de Cadavedo o seu veciño Serxio López Val ingresaba no cárcere de Mondoñedo a finais de marzo de 1910, acusado de selo autor “de la agresión de que fue objeto Jesús Iglesias Iglesias, el cual falleció por consecuencia de las heridas”.

O xornal El Progreso, no seu número do 30 de marzo, informaba que Serxio, o presunto autor dese crime, tiña tan só 15 anos. Nada máis soubemos del pola prensa.

O xornal El Noroeste, do 14 de xuño de 1910, podemos ler como en Galdo se choraba a morte de Miguel Cao Pernas “que contaba con 102 años de edad”. Mentres se choraba por iso en Galdo, en Mondoñedo, a parroquia de Lindín escandalizábase ante a aparición do corpo “de un recién nacido al que se le ha practicado la autopsia para averiguar si se trata o no de un infanticidio”.

O xornal El Progreso, do 22 de xuño, da conta, en profundidade, deste suceso coas seguintes palabras: “se halla perfectamente comprobado que Ramona Gacio Méndez, madre del niño que falleció en Lindín, es la autora de su muerte.
El señor Juez de instrucción logró en pocos días averiguar el crimen y destruir la relación que la autora, en combinación con algunos testigos, había hecho, en las primeras diligencias, para ocultar su maldad.
Parece que la Ramona Gacio dió varios golpes con una piedra en la cabeza de la criatura aplastándola el cráneo y arrojándola, después en un sembrado de trigo, de donde fue recogida más tarde, de orden de la desnaturalizada madre. Tan pronto como lo permita su estado, será trasladada a la cárcel del Partido”.

Segundo El Progreso (23/02/1911) o xuízo contra esta muller comezou coa alocución do ministerio fiscal (señor Pintos Reino) na que relatou os pormenores deste suceso e solicitou ao tribunal popular un veredicto de culpabilidade. A defensa, encomendada a Emilio Tapia y Rivas, rebateu os cargos formulados pola acusación . O xurado “después de un imparcial resumen de la Presidencia, resolvió de conformidad con las conclusiones de la defensa. En su virtud, Ramona Gacio, fue puesta seguidamente en libertad”.

Bretoña tamén se viu salpicada por un acto sanguento, protagonizado por Xosé Alvite.

Segundo o  xornal El Progreso, do 15 de xuño, Xosé Alvite “muy conocido en Mondoñedo, en donde hace bastantes años residía, sostenía relaciones íntimas con una vecina de Bretoña. En distintas ocasiones tuvo con dicha individua exigencias de dinero.
El domingo de la anterior semana, por la noche, parece que interesó de ella la entrega de 500 pesetas y como no quisiese o no pudiese dárselas, le infirió una terrible puñalada en el vientre, de cerca de ocho centímetros de extensión, que le produjo la salida de los intestinos. En grave estado vivió la infeliz mujer hasta la noche del martes en que falleció. La víctima deja un hijo de veinte años que reside en América”.

O tres de novembro de 1910 saía de Mondoñedo, cara o cárcere de Lugo, Xosé Alvite, para quen o fiscal solicitaba 18 anos de cárcere.

O caso do carpinteiro do Valadouro aparece no xornal El Noroeste, do 4 de marzo de 1910, no que se nos conta como dous veciños de Ferreira do Valadouro, Antón Reigosa e Beningno Ladra Llenderrozos, comezaran a discutir, a iso das dez da noite. Dos insultos pasouse ás ameazas, ata que Ladra, “tal vez comprendiendo que su contrincante pudiera llevar a cabo las amenazas, sacó un revólver y apuntando al Reigosa, sin darle tiempo a defenderse, le hizo un disparo, dejándole muerto en el acto”.

Aínda non caera o corpo de Reigosa no chan e Ladra xa fuxira, pero ou ben non correu moito o ben non soubo esconderse, porque ás 11 da noite era detido pola garda civil, aínda levaba o revólver consigo. Segundo o xornal este home tiña “34 años, está casado y era en todo el Valle de oro muy conocido, trabajando en varias casas en su oficio de carpintero”.

No Progreso do 6 de agosto de 1910 dísenos que ingresaba no cárcere de Lugo o asasino de Burela, do que xa temos escrito neste xornal, ao que acompañaba “Benigno Ladra, autor del asesinato de Ferreira del Valle de Oro”.

Benigno foi condenado a unha pena de 14 anos de reclusión no penal de Santoña.

 No xornal El Progreso, do 19 de xuño de 1910, podemos ler a noticia de que un neno, veciño do barrio de Condomiña(Val de Lourenzá), se suicidara porque seu pai o quería levar a Madrid con el, pero a idea do suicidio non se sustentaba pois a arma non aparecera.
Pouco despois sóubose que a realidade era bastante máis atroz. Segundo relataron varias testemuñas, o sábado pasado, o neno falecido, que tiña 10 anos, pelexara con outro neno de 11 anos da mesma veciñanza, semella que o neno maior recibira varios bofetadas.
Ao día seguinte, a iso das 9:30 da mañá mandaron a este neno de 10 anos “a buscar aceite a una taberna; notando la familia que tardaba mucho en regresar el rapazuelo, salieron para buscarle y le encontraron boca abajo en el suelo, a muy corta distancia de la casa en que vive el otro chico, con quien el día anterior se había dado de cachetes el interfecto. Se presume que el autor de tan deplorable suceso sea el rapaz, de unos once años de edad. Para hacer la autopsia, salieron para el valle de Lorenzana los médicos señores Barja y Fanego de Mondoñedo”.

No Progreso, do 6 de agosto de 1910 dísenos que este neno asasino, chamado Anxel foi posto en liberdade, sendo absolto de todo delito.

Son estes cinco criminais unha leve pincelada do cadro que é a crónica negra da Mariña, que nos acompaña, estremecéndonos día si e día non.


No hay comentarios:

Publicar un comentario