Cada vez que temos que cruzar a
desembocadura do río Masma empregamos unha das dúas pontes existentes no lugar
da Espiñeira. A máis recente data de principios do século XXI e a “ponte vella” da segunda metade do século
XIX.
Se preguntásemos aos veciños do
lugar diríannos, sen dúbida algunha, que a primeira ponte que existiu neste
lugar da Espiñeira é a de mediados do XIX, que con anterioridade existía unha
barca para poder cruzar este río. Estas afirmacións baséanse tan só na memoria
oral, pero se consultamos a documentación escrita dos séculos XVI, XVII e
primeira metade do XVIII veremos como no lugar da Espiñeira había unha ponte,
bastante máis antiga do que ata agora pensábamos.
Onde podemos situar esta primeira
ponte da Espiñeira?
Inmediatamente despois de cruzar a
ponte do XIX, en dirección Ribadeo, vemos unha estrada que nos leva ata o Pozo
Mouro. Á nosa dereita quedará a finca A Goleta e uns almacéns abandonados a
nosa esquerda; nese punto, metro máis ou menos, estaría a ponte orixinaria,
construída en madeira.
Dende cando existía esa ponte?
A noticia máis antiga, documentalmente falando, data de fins do século XIV,
pero coidamos que con anterioridade xa existía.
Parécenos innegable que despois do asentamento da Sé episcopal en San
Martiño de Mondoñedo non tivese lugar a
construción, ou ben reparación, da ponte da Espiñeira, xa que era vital para
poñer en contacto a zona ribadense (cos seus portos) coa nova Sé, activa dende
o 864 ata o 1117.
A desaparición da Sé, despois do seu traslado ao actual Mondoñedo, trouxo
consigo o abandono no coidado da ponte, pero, seguiu no seu lugar.
No ano 1395 aparece a primeira referencia. Trátase dun documento, datado o 23 de marzo, no que podemos
ler como Fernando Eanes e a súa dona, María Franca, veciños de Vilaronte,
venden “a nossa vina que nos avemos enna
dita villa de Vila Ioanne”. O importante desta carta, para nós, é onde foi
redactada “feyta esta carta enna Marina
de San Cosmede, açerca da Ponte da Espineyra”.
Sabemos da existencia dun camiño que unía Ribadeo con Viveiro e que
empregaba para cruzar o Masma a ponte da Espiñeira. Aparece denominado como
carreiro nun documento do 13 de maio de 1419. Nel o bispo mindoniense, don Xil Soutelo, aforaba
a un matrimonio de San Cosme de Barreiros “todo o
nosso terreo de herdade que jas en Escotajuros commo se departe da huna parte
do Rego de Escotajugos et da outra parte do carreyro que ven de Ribadeu para a
ponte da Espineyra”.
A finais do XV Pedro de Bolaño
redacta unha carta foral a favor da súa filla, Leonor de Bolaño. Quería don
Pedro que esta, para casar con don
Afonso Vázquez de Cabarcos, recibise en dote: “todos los bienes rayzes e heredades(...) en la parte dellos que vos mas
quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espiñeira e Mariñas de Bibero
fasta la villa de Bibero”.
Ese
carreiro que de Ribadeo chegaba á ponte da Espiñeira acabará converténdose, se
non o era con anterioridade, nun camiño real, que na documentación do século
XVI aparece baixo a denominación de “camiño
francés”.
En
1536, na zona do Vilar (polígono industrial e comercial de Ribadeo) había unha
finca coñecida como O Feal, que lindaba: “de
la una parte en el Camino Real de Vilar que va de Ribadeo para la puente de la
Espiñeira”.
Referencias
a esta ponte atopámolas nun apeo de bens, realizado no ano 1589, da parroquia
de San Cosme de Barreiros. Así na Veiga da Longara, menciónase unha herdade
chamada As Pereiras, situada preto da
fonte de Saa, que lindaba “en el Camino Frances que viene de la puente
de la Espiñeira
para Rivadeo”. Nesta mesma Veiga outra leira lindaba: “de la parte de arriva en el Camino publico frances, que va de la puente
da Espiñeira para Rivadeo”.
Trátase
da mesma ponte que aparece no testamento de Vasco López de Moscoso, veciño de
San Martiño de Mondoñedo(22 de febreiro de 1531), no que deixaba cartos para
reparos das pontes de Fazouro e da Espiñeira:” Yten mando para ayuda de adereçar el puente despyñeyra dos reales y
otros dos reales para el de Fazouro”.
En
1540 realízase o apeo de bens de propiedades, pertencentes ao Cabido
mindoniense, na parroquia de San Martiño, ao longo das súas páxinas
atoparémonos con referencias á ponte da Espiñeira. Localizámolas na parroquia
de Vilaronte: na Veiga de Cortiñas e na de Bouzas “topa de una parte en el camyno que va desde la yglesia de Seoane (a
de Vilaronte) para la puente da Espiñeyra”.
Tamén se localiza na Veiga das Pereiriñas “el
camyno e comaro que va de Mejabor para Bilabor e de otra parte en el camyno que
viene de la puente de la Espineyra para la dicha Yglesia de San Juan de
Villaronte”.
Esta
ponte unía o camiño que dende a Espiñeira chegaba ata San Martiño. No mesmo
apeo vemos como na Veiga de Freixoeiro había unha finca que lindaba “en el camyno que va desde la puente da
Espineyra para Villacendoy”. Tamén unía a poboación de Mañente co citado
camiño, e así vemos como no lugar de Redondelo,
sito en Mañente, había unha finca que lindaba “de una parte en el camyno que va de Manente para la puente da
Espineyra”.
Roi Pérez, cura que fora de Foz e de
66 anos, menciona o lugar de Lavandeira, que
linda con varias fincas, sendo unha delas a “que agora lieva Francisco Diaz de Volaño, de Cabarcos, que sera de un
toledano de pan de senbradura, poco mas o menos, que topa en el camyno que va
desde la casa del Dean para la puente da Espiñeyra”.
A ponte pertencía era de propiedade real (hoxe diríamos que era do Estado)
recaendo no concello de Mondoñedo, como cabeza de provincia, a obriga de
arranxala. En 1571 acorda o Consistorio mindoniense: “dar y pagar a Pedro de Artiaga, maestro de canteria, un ducado por dos
dias que se ocupo en ir a ver lo hera nezesario para las puentes de la
Espiñeira e de Fazouro e a Lazaro, oficial, que fue con
el ocho reales”.
Esta ponte era necesaria non só para transitar e poder cruzar o Masma,
senón que tamén operaba como porto, polo menos no século XVI e XVII. No ano
1575, o rexedor mindoniense Fernando Balea, atopándose en Viveiro, coa orde de
conseguir gran para Mondoñedo, merca a Pedro Lodre (comerciante de Bravante, na
Bretaña) a cantidade de 100 fanegas de centeo que envía por barco ata a ponte
da Espiñeira, lugar no que sería descargado e transportado en carros ata a
cidade episcopal: “que avia ydo a la villa de Vibero por mandado del consistorio a comprar çien anegas de çenteno a Pero de Lodre que es vesino de Bravante ques en tierra de Bretaña a catorze reales la anega, el qual la avia entregado a Lopo da Pena de Gradal para que lo traxiese a la
puente da Espiñeira ... quel pan que se entrego a los carreteros asi
fueron”.
Xa no século XVII a estrutura da ponte ameazaba ruína: “el citado puente existía desde antiguo y
estaba ruinoso en 1613, cuando una instrucción de la Junta del Reino de Galicia
hace referencia a su necesaria reparación por ser el Camino Real de Asturias y
Vizcaya”. Tamén no século XVII se empregaba a ponte como lugar de carga e
descarga portuaria. Así vemos como en 1624 o cura párroco de Foz pagaba “quatro maravedis que se dieron a los hombres
que fueron buscar la cal a la puente de la
Espiñeira ”. En 1631: “mas
quatro reales de vellon de los cargaderos de la puente de la
Espiñeira ” e en 1665 , outros 4 marabedís “que se dieron a los hombres que fueron a
buscar la cal a la puente de la Espineyra”[1].
Nun protocolo notarial, redactado o 5 de maio de 1711 na parroquia de
Vilaronte, aparece a derradeira referencia a esta ponte. No citado documento
aparece Dominga González, viúva de Xosé de Outeiro, ambos “moradores en el lugar da puente da Espiñeira”[2]. O problema desta referencia documental é que si ben é
certo que ambos vivían no lugar da ponte da Espiñeira, moi ben podería suceder
que xa non existise a ponte, senón que continuase vivo o seu topónimo. En Foz
aínda se fala hoxe en día do lugar coñecido como O Campo da Cabana, nel existiu unha cabana construída polos
baleeiros biscainos, pero iso non quere dicir, por moito que se aínda se
empregue o termo, que siga existindo esa cabana.
O que si é certo é que entre finais de 1711 e con anterioridade a 1752 a ponte desaparece
fisicamente empregando para cruzala un sistema de barcas, que non debía de ser
moi eficaz pois o 17 de abril de 1771, en carta remitida ao goberno de España,
solicitábase a creación dunha nova ponte: “que
se fabrique y construia un Puente al sitio da Espiñeira donde ya lo hubiera de
palo, segun se evidenciaba de sus bestigios con un Muelle en que se pudiesen
recojer las Maderas que alli se conducian para obras de la
Real Armada , a causa de ser preziso el
mismo Puente, por ser el Camino Real y pasajero por donde transitan tropas,
correos, conductas y marineros, que todos experimentan perjuicio en la
detencion y pasaje de la Barca
que hay en aquel sitio”.
Da barca e da ponte da Espiñeira que aparecerá na segunda metade do XIX
ocuparémonos en posterior artigo.
[1] A. D. M. Foz,
libros de fábrica, nº 1, Fols. 6, 17 e 35 respectivamente.
[2] A.H.P.Lugo. Protocolos notariais, Xoán Mariña Basanta
(8167-3). Fol. 62.
No hay comentarios:
Publicar un comentario