Neste artigo imos falar da figura, que non da obra, dun veciño de Vilaronte; intentarémonos achegar á vida de Xosé Alonso Ramos. Vida que ten valor pola súa obra, a fundación da escola pía de Vilaronte, tamén coñecida como a escola de Xinzo.
Despois
da lectura dese artigo, ademais da consulta dos protocolos notariais nos que se
fai mención a Xosé Alonso, podemos dicir que este era fillo de Carlos Alonso
Ramos e de Xosefa Blanco Legaspi, ambos veciños de San Martiño de Mondoñedo, e
que casara dúas veces: unha con Nicolasa Pillado (falecida en marzo de 1823) e
outra, con Antía Basanta (a voda tivo lugar entre xullo e agosto de 1825). En
ningún dos dous matrimonios tivo descendencia Xosé, pois Antía tiña un fillo do
seu primeiro matrimonio.
Matrimonio galego de fins XIX.. Sindo Penelas García, en Ollar Galicia.
Xosé
entrou na historia do noso concello por ter fundada unha escola de nenos e nenas
no lugar de Xinzo; mais, neste artigo tan só imos falar da figura de Alonso
Ramos, pois, en posterior artigo afundirémonos no estudo da mencionada escola.
Dicíamos antes que casara dúas veces e que en ambas ocasións non tivera fillo algún, feito que, supoñemos, o motiva para levar a cabo tal fundación.
Do
que si lle quedara do primeiro matrimonio fora dous cuñados (Xosefa Pillado e
Xosé Corral); este último será o encargado de levar a cabo, seguindo o
estipulado no testamento, a fundación da escola pía.
O
seu segundo matrimonio será con Antía Basanta. Esta era filla de outra Antía
Basanta e de Francisco Fanego, ambos veciños de Vilaronte.
Antía
era, como Xosé Alonso, tamén viúva. Estivera casada con Xoán Alonso Rigueiriña,
falecido este en novembro de 1821; quedando do matrimonio un neno chamado
Manuel.
O
primeiro marido de Antía, Xoán Alonso Rigueiriña, veciño de Vilaronte, destacou
como piloto dunha goleta, a Nosa Señora do Carme, coa que comerciou con Burdeos
e levou a cabo accións corsarias ao servizo de armadores corsarios de Baiona.
Resulta tan interesante a vida de Xoán Alonso que coidamos que ben merece un
artigo aparte.
Volvamos
á voda entre Xosé Alonso Ramos e Antía Basanta que, polo que sabemos, eran
primos, razón pola cal tiveron que pedir permiso papal para poder casar “que siendo como son parientes pro grado de
afinidad para contraer matrimonio acudieron a su Santidad” (Arquivo
Histórico Provincial de Lugo. Protocolos Alonso Samaniego. 1825, 27 de xullo).
Cando tivo lugar a voda?
Na consulta de protocolos notariais
atopámonos cun datado o 27 de xullo de 1825 no que, tanto Xosé Alonso como
Antía Basanta, aparecen como solteiros; pero noutro do 8 de agosto dese mesmo
ano xa os referencian como casados. Resulta curioso que a redacción deste
último protocolo levouse a cabo “en el lugar de la Espiñeyra y situacion que
nombran de la Boleta, feligresia de San Juan de Villaronte”; edificación
que continúa existindo hoxe en día baixo o apelativo de Finca Goleta e na que moraba o novo matrimonio.
Xosé Alonso Ramos, ao outorgar o
testamento, no mesmo que funda a escola de Xinzo, estipula o seu desexo de ser
soterrado no campo santo de Vilaronte
dentro dunha caixa de madeira, amortuxado co hábito do Carme, e sobre o seu
cadaleito manda colocar unha cruz de madeira de castiñeiro “de la altura de seis cuartas y una de ancho,
pintada de verde con la inscripción que esprese mi nombre y apellido, el día en
que halla fallecido y en que edad y su final las dulces palabras de Pater
Nostri Ave Maria Gloria Patri, con la figura de una calavera y los huesos
cruzados”.
De onde lle ven a riqueza a Xosé
Alonso Ramos?
Todo nos fai pensar en que xa o pai
era un home con capital económico, pero debemos seguir investigando ata poder
afirmalo.
Os eixes da riqueza de Alonso Ramos
sustentábanse en catro piares:
1. Administración de Fincas.
Nun protocolo do 13 de abril de 1825
aparece o noso protagonista como “administrador
general de los bienes y haciendas de la casa principal de la torre en este
partido, de la que es dueño el caballero don José Quiroga y Quindós”
(Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Protocolos Alonso Samaniego. 1825, 13 de
abril). Polo tanto, Xosé era o encargado de cobralas rendas das fincas
pertencentes á casa-torre de Vilaronte, traballo polo cal cobraba, seguramente,
u bo estipendio.
2. Aluguer de Bois.
Na relación de bens que executa en
xullo de 1825, para inventariar os bens que aporta ao segundo matrimonio,
figuran un total de 30 bois,12 vacas, 2 xatas e 1 macho valorados todos en
13.945 reais. Como ninguén pode manter tanta gandería na casa, e para sacarlle
beneficio, tiña alugcados os animais nas seguintes parroquias:
En San Martiño de Mondoñedo e San
Xoán de Vilaronte 17 persoas levábanlle alugados 17 bois, 12 vacas, 2 xatos e 1
macho; ascendendo o total do aluguer á cantidade de 9.745 reais.
Na parroquia de Santiago de Foz catro
persoas levaban un total de 7 bois valorados en 2.450 reais.
En San Acisclo unha persoa leváballe
un boi valorado en 450 reais.
En Bacoi unha persoa leváballe dous
bois por 500 reais.
En Santo Tomé de Recaré unha persoa
levaba dous bois por 800 reais.
Na casa tiña Xosé Alonso dous bois,
que empregaba na labor do campo, valorados en 800 reais.
En 1826, Francisco Bello, veciño do
barrio de Cainzal, aseguraba ante o escribán que Xosé Alonso “le tiene puesto una yunta de bueies para el
grangeo de su labranza”; tendo que pagar todos os anos nove ferrados de
trigo. Para avalar o pago hipotecaba un prado, de tres ferrados, que tiña no
lugar da Arnela.
Nese mesmo ano alugaba a Xosé Nécega
outra xunta de bois por 8 ferrados de trigo limpo e colocado na casa de Xosé
Alonso, hipotecaba para facer fronte ao pago unha herdade que tiña en
Peizás.
3. Comercio de Liño.
No inventario mencionado de 1825
figura un total de 2.000 reais invertidos en lenzos.
Na documentación anteriormente citada
figuraba tamén certas débedas monetarias produto do comercio de liño que
radicaban nos seguintes lugares:
Madrid.
Cosme Alonso Ramos, seu irmán, afincado
en Madrid, debíalle 129.956 reais; aínda que descoñecemos se todos eses cartos
son froito do comercio de lenzos.
Outras persoas que lle debían cartos
por este comercio eran: Bernarda Luengo, da mesma localidade, 3.881 reais. Tareixa
Hortal e fillo, 3.645 reais. Manuela de la Peña debíalle 2.013 reais.
Xetafe.
O citado Manuel debíalle o total de
37.428 reais.
Outra persoa, veciña de Xetafe, era Xerome
García, que si ben estaba aveciñado nesta poboación era natural da parroquia de Arante, e debíalle un
total de 1.363 reais. Domingo García, alias Paleo, tamén de Xetafe, debíalle
1.802 reais. Por último, Domingo Rodríguez, alias Costa, tamén desa poboación
debía 13.954 reais.
Maragatos.
Xosé Alonso, maragato veciño de
Astorga, débelle ao veciño de Vilaronte a cantidade de 2.514 reais. Marcos
Otero, maragato de Lagunas, Astorga, 8.345 reais. Francisco Junquera Valadrón e
seu irmán, de Villar de Ciervos (concello de Santa Coloma de Somoza), débenlle
6.913 reais. Manuel Fuertes, maragato veciño de Villa Libre, 800 reais e Brais
Rodríguez, maragato veciño de Santiago Millas, 2.814 reais.
4. Préstamos monetarios.
No século XIX, e ante a inexistencia
dunha rede crediticia, eran as persoas con pecunio as que prestaban cartos aos
demais. Non era unha obra caritativa, senón un negocio, tal e como acontece
hoxe en día cos bancos.
As persoas que prestaban recibirían a
cantidade prestada máis os intereses; pero, para evitar un impago, algo que
podía producirse, os prestamistas soen esixir que se hipoteque unha propiedade,
que serve de aval e garantía en caso de non pagar.
Como Xosé Alonso era o encargado de
cobralas rendas da casa-torre de Vilaronte presumimos que tería efectivo, do
cal reservaría unha cantidade para préstamo.
Cando o noso protagonista realiza o
inventario de bens anota, como debedores de cantidades económicas ás seguintes
persoas:
Manuel García, veciño de Cabarcos,
debíalle 7.136 reais; Manuel María Pardo e Villares, prior de San Martiño de
Mondoñedo, debía 2.000; Francisco Palmeiro, de Budián, 1.000 reais; Antón
Rodríguez, de Foz, 5.000 e seu irmán, o presbítero Pedro Rodríguez, a cantidade
de 945 reais; Antón Mariño, tamén de Foz, debía 1.390 reais.
Se sumamos todo o que figura en
concepto de débedas danos unha cantidade de 207.428 reais, que semellan unha
fortuna para a época.
Pero claro, Xosé Alonso tamén debe
cartos a certas persoas:
A Elías Fernández, de Vilaronte,
10.445 reais. Ás amas do cura de Vilaronte, 33.000.
A Francisco Rodríguez, de San
Martiño, 3.756. A Antía Basanta, 11.669.
A Carlos Fernández, de San Martiño,
1.254. A Antón Casas, comercio de Ribadeo,
11.801.
Ao Cabido de Mondoñedo 200 reais.
Sumando as débedas danos a cantidade
de 72.125 reais.
Ata o de agora isto é o que podemos
dicir dese benfeitor de Vilaronte, polo menos da súa vida e negocios, pois as
súas obras benéficas serán obxecto dun novo artigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario