Na actualidade o concello de Foz
está formado por nove parroquias: Cangas, Cordido, Fazouro, Foz, Nois, San
Acisclo (do Valadouro), San Martiño (de Mondoñedo), Santa Cilla (do Valadouro) e
Vilaronte; pero non sempre foi así.
En 1972 (El Progreso de Lugo. 9
de xuño) Suso Fernández escribía un artigo louvando a Vilaronte; entre todo o
relatado menciona que esta parroquia “hace
muchísimos años, que fue cabeza de municipio”; non lle faltaba razón
ningunha.
O anterior cronista baseábase
para levar a cabo esta afirmación na existencia dun “viejo armario de castaño que hace poco tiempo se conservaba en la Casa
Consistorial tenía unas letras en la parte alta de su frente que decían:
Ayuntamiento de Villaronte”.
Gracias a esta afirmación comprobamos
como se conservou material dos desaparecidos concellos de Nois e Vilaronte nas
oficinas do novo, e máis extenso, concello de Foz, o que nos fai pensar que nun
principio a documentación relativa a eses concellos tamén se custodiou nas
dependencias do novo concello de Foz. Hoxe en día non existe información relativa ao
funcionamento, pagos, taxas ou licenzas de construción dos concellos desaparecidos.
Vexamos agora como se crea o
actual concello de Foz e as transformacións que vai experimentando ata
converterse no que é actualmente.
Fagamos un pouco de historia.
Trala morte do rei Fernando VII
ten lugar a primeira guerra carlista. Os defensores da lei sálica (que impedía
reinar ás mulleres) apoiaron a figura do irmán de Fernando VII, Carlos María
Isidro de Borbón, como lexítimo sucesor á coroa (recibindo o nome de
carlistas); mentres que a raíña viúva, María Cristina de Borbón, apoiándose nos
liberais, quería manter a coroa para a súa filla, Sabela II.
Neste contexto bélico (Primeira
Guerra Carlista. 1833-1840) e para acabar coa parroquia, moi dependente da
igrexa e da figura do párroco, moitos deles vinculados ou partidarios dos
carlistas, o goberno decide (entre 1836-1840) levar a cabo unha reforma
municipal na que a Provincia tivese un papel fundamental e por debaixo dela os
concellos, deixando relegada a un plano case insignificante á parroquia.
María Cristina de Borbón
encoméndalle a misión de crear un novo mapa provincial e municipal a Francisco
Cea Bermúdez e este ao seu secretario de estado de Fomento, Xavier de Burgos,
que, cunha circular do mes de novembro de 1833, baseado nun proxecto anterior
de 1822, crea un novo estado centralizado formado por 49 provincias. Desta
relación desaparecen as antigas provincias de Tui, Betanzos, Santiago ou
Mondoñedo, formando parte esta última dunha moito máis extensa provincia de
Lugo.
Como neste artigo do que imos a
falar é do xurdimento do novo concello de Foz deixaremos aparcada a reforma
provincial de Xavier de Burgos e os fundamentos que a sostiveron.
En Galicia, no ano 1836, teñen
lugar as reformas municipais nas provincias de Coruña, Pontevedra e Ourense; a
de Lugo deberá agardar ata 1840 por non reunir os requisitos necesarios o plan
presentado en 1836.
Para levar a cabo o novo mapa
municipal búscase unha entidade preexistente na que fundamentar esa nova
creación, elixindo para esa labor á antiga xurisdición. Era esta o territorio dependente
dun xuíz, que á súa vez dependía dun poder real, eclesiástico ou particular.
As tres xurisdicións existentes
eran: a de Nois (formada polas parroquias de Cangas, Cordido, Fazouro, Moucide,
Nois e durante uns meses a parroquia de Burela) e a de Foz (parroquias de Foz,
San Acisclo e Santa Cilla). Estas dúas dependían do bispado de Mondoñedo, sendo
o bispo o encargado de nomear os cargos mencionados.
A xurisdición de Vilaronte
(formada por esta parroquia, a de San Martiño e Oirán) dependía da familia “de
la Barrera”, en concreto do rexedor vitalicio de Santiago de Compostela
Francisco Andrés de la Barrera, aínda que este poder o rexentaban na
xurisdición seus irmáns, Antón e, posteriormente, Brais de la Barrera, que
residía no seu pazo de Vilaxuane.
Así vemos como en 1835 (Boletín
Oficial de Provincia de Lugo. 1835,10 de maio) e, nun documento onde se
menciona que a antiga provincia de Mondoñedo debe de abonar 5.164 reais con 24
marabedís, custo do envío dos deputados ás Cortes, o pago queda divido da
seguinte maneira: A xurisdición de Foz, 115. A de Vilaronte e San Martiño 87. O
coto de Ferreiravella 20. A xurisdición de Nois 140 e o coto de Burela 31 reais
respectivamente.
Nese mesmo ano o Boletín Oficial
da Provincia de Lugo publicaba unha relación dos concellos establecidos nesa
provincia, de acordo co Real Decreto de 23 de xullo de 1835, figurando os de
Alfoz do Castro Douro, Barreiros, Cabarcos, Foz, Galdo, Miranda, Mondoñedo,
Nois, Portocelo, Ribadeo, Ritorto, San Cibrao, Terra Cha do Valadouro, Val de
Lourenzá, Vilanova de Lourenzá, Vilaronte e Viveiro.
Os cambios na provincia de Lugo teñen
lugar a partir de 1840 e non en 1836, como acontecera no resto de Galicia. No
Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1840, 18 de outubro) podemos ler “Artículo 3º. Quedan suprimidos y se
disolverán: En el partido de Mondoñedo los ayuntamientos de Orrea, Valle de
Lorenzana, Alfoz de Castro de Oro, Villarente, Nois y Villaronte”.
Se consultamos a relación de
parroquias e almas publicada no Boletín Oficial de Provincia de Lugo (1841 ,25
de novembro) veremos que o concello de
Foz tiña un total de 7.461 almas, pero que estaba formado por dez parroquias;
era esta a de Moucide que permaneceu un tempo maior adscrita ao concello de Foz
en comparación coas parroquias de Oirán e Burela, que desapareceron enseguida
deste novo concello xurdido.
Podemos saber algo máis dos
alcaldes daquelas xurisdicións de Foz, Vilaronte e Nois?
Si, podemos saber, pero a busca
vai ser bastante complexa. Para ver os pagos das sisas de augardente, viños ou
carne; para coñecer os nomes dos capataces que arranxan camiños ou ver licenzas
de edificacións de novas casas debemos de recorrer a unha lectura dos
protocolos notariais relativos a esas antigas xurisdicións.
Neste artigo imos mencionar, moi
brevemente, os alcaldes que puidemos atopar nos protocolos notariais que temos
consultados.
Alcaldes
da Xurisdición de Nois.
Se consultamos os protocolos notariais, que podemos
atopar no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, atoparémonos cos nomes dalgúns
dos alcaldes deste concello.
En 1823 Manuel Rodríguez, de Fazouro, argumentaba que
o seu veciño, Xián Díaz “acudió con pedimento en los veinte de junio
de mil ochocientos veinte ante el alcalde constitucional de San Julian de Nois,
don Luis Jose Solveyra de Estoa”
(A.H.P.Lugo.1823, 16 de xuño. Fol. 15. Escribán Alonso Samaniego. Sig.6319-7).
En 1827 e 1828 vemos como Xoán Cao de Cordido aparece
como “alcalde real y justicia ordinaria”
da xurisdición de Nois.
Deste alcalde xurisdicional de Nois sabemos que en decembro
de 1827 queixábase porque “en los meses de Julio y Agosto del año corriente
subministrò a las partidas de la Coluna mobil destacadas en los puntos de
Cangas y el coto de Santa Maria de Burela, agregado en aquella epoca a este
juzgado, quinientas noventa y siete
raciones de pan, segun constan de los recibos que en su poder obran, dados por
los comandantes de dichas partidas y para conseguir su abono en la Yntendencia
General”. Este documento era unha carta de poder a
favor de don Cirilo Díaz Gómez para que puidese realizar, no seu nome, todas as
xestións necesarias para o abono desas racións que se lle debían (A.H.P.Lugo.1827,
13 de decembro. Fol. 41. Escribán Xoán Antón Millán. Sig.6217-1).
Nese mesmo ano de 1827 vemos preiteando ao párroco de
Cangas, Fruto Xosé Sarceda, con Xosé Cao de Cordido, sobre un prado “que este lleba contiguo al terreno del yglesario,
en el sitio que denominan Cal Vella, por derivación de su tio, Francisco Cao de
Cordido, anterior cura que fue de esta feligresia”. Isto fainos pensar que
Xoán e Xosé sexan irmáns e sobriños do anterior párroco de Cangas.
Para o ano 1829 aparece Domingo Méndez como “alcalde real por su Magestad”. En 1828 aparece como dono dun terreo sito no
lugar do Muro Novo de Cangas, polo tanto era veciño dela ou ben, simplemente, tiña
propiedades nesa parroquia (A.H.P.Lugo.1828, 24 de
decembro. Fol. 100. Escribán Xoán Antón Millán. Sig.6217-2).
Dous anos despois, en 1831, atopámonos como alcalde de
Nois, nomeado polo rei, con Xosé do Río. Tamén dous anos despois, en 1833,
rexentaba o cargo de alcalde desta xurisdición Francisco de Mon. Este home
tamén posuía propiedades en Cangas, máis concretamente no lugar coñecido como
Zardanela; pero iso non quere dicir que fose veciño de Cangas. En 1828
atopámonos con Francisco de Mon, veciño
de Santa Cilla, que afirmaba que en 1828 atopábase “sirviendo la alcaldia de su cargo”. Esa alcaldía, por ser veciño de
Santa Cilla, tan só podía ser a de Foz, polo tanto ou ben existen dúas persoas
(unha en Cangas e outra en Santa Cilla) co mesmo nome e apelidos; ou ben
primeiro foi alcalde xurisdicional de Foz (en 1828) e, posteriormente, da de
Nois (1833) (A.H.P.Lugo.1828, 26 de decembro. Fol. 102.
Escribán Xoán Antón Millán. Sig.6217-2).
Para o ano 1834 vemos ocupando o
cargo de alcalde de Nois a Xoán García, sendo substituído, en 1835, por Nicolao
Díaz e, dous anos despois, en 1837, aparece como alcalde Agostiño Díaz.
Xurisdición
de Vilaronte.
Desta, polo de agora, tan só contamos con tres
referencias:
Unha, de 1826, na que podemos ler que ante “su merced Don
Elias Fernandez, alcalde real y justicia ordinaria”, refírese á Vilaronte,
que é onde ten lugar o acto (A.H.P.Lugo.1826, 22 de decembro.
Fol. 44. Escribán Alonso Samaniego. Sig.6319-6).
Segunda, de 1828, aparece como alcalde real e xustiza
ordinaria o veciño de Vilaronte, don Antón de Candia e Gayoso(A.H.P.Lugo.1828, 8
de novembro. Fol. 76. Escribán Xoán Antón Millán. Sig. 6217-2).
Na terceira, que data do ano 1839, é onde nos atopamos
con “su merced don Jose Lopez de Castro,
alcalde Constitucional del mismo” (A.H.P.Lugo.1839,
2 de xaneiro. Fol. 1. Escribán Xoán Antón Millán. Sig. 07298-38). Dous anos antes, e na lista de electores desa
parroquia, figura este home compartindo categoría con Xosé Alonso Ramos, Xosé
Corral, Alexandre Piñeiro, Alexandre Couto e Salvador Pardo e Romero, prior de
San Martiño.
No ano 1890 aparecían como
concelleiros de Foz Ramón López de Castro, de Vilaronte, do barrio da Igrexa, e
Xoán López de Castro, como ex-concelleiro, de Vilaronte e residente na
Espiñeira.
Xurisdición
de Foz.
As actas do concello de Foz comezan, polo menos as que
se gardan no arquivo municipal de Foz, aló polo ano 1856, polo tanto baixo un
concello unificado.
A consulta dos protocolos notariais deu como resultado
que no ano 1825, e no lugar da Penas de Foz, aparecía como alcalde territorial,
Xosé Díaz de Cancio, acompañado do seu síndico xeneral, Manuel Alonso
Regueiriña, sacando a pública poxa “la producion de la citada Junquera de
Villajuane a la que hicieron diferentes posturas varios de los naturales, y
siendo la mas ventajosa la de do Juan Bolaño, de esta vecindad” (A.H.P.Lugo.1825, 5 de xuño. Fol. 21. Escribán Alonso
Samaniego. Sig.6319-5).
Para o ano seguinte, 1826, localizamos a Antón Rodríguez,
veciño da parroquia de Foz, como “alcalde
Real y Justicia ordinaria en la misma” (A.H.P.Lugo.1827, 16 de decembro.
Fol.45. Escribán Xoán Antón Millán. Sig.6217-1).
Para o ano 1833 ocupaba o cargo
Manuel Liñares e en 1835 Francisco Maañón. Este home nacera cos nomes de
Francisco Tomás Silvestre González Maañón un 29 de decembro de 1780 na barrio
de Marzán. En 1818 era capitán da compañía de milicias de Foz, unha das
compañías que conformaban a alarma de Vilaronte, capitaneada esta por Andrés
Maseda Candia.
En 1840 correspondeulle a Antón
Salgado, como alcalde de Foz, enviar a seguinte carta “Excelentísimo señor. Animado este ayuntamiento de los sentimientos
que que le acompañan en favor de la
Libertad de la Patria, Constitución de 1837, Isabel II y cuanto las Juntas
gubernativas Provisionales que acaban de instalarse en todo el Reino
determinen; ofrece decididamente obedecer a la Junta Gubernativa de esta Provincia
y hacer cumplir cuanto por ella sea mandado. Así lo acordaron en sesión
extraordinaria” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1840, 22 de
setembro). Era secretario do concello nese momento Ramón María Pedreira.
Rematamos esta relación de
alcaldes con Félix Guerra, que ocupaba o cargo en 1836 e con Xosé Andrés
Serantes e Mon, veciño de San Acisclo, que ocupaba o cargo en 1837.
Sobre estas antigas xurisdicións
naceron os novos concellos de Foz, Nois e Vilaronte que, posteriormente,
acabarán unificándose nun único municipio, o actual concello de Foz.


No hay comentarios:
Publicar un comentario