Grupo Ramón Arias. Arquivo Dixital do Concello de Foz. Fondo Antón Ares.
A
falla de vivenda social, aquela que é asumible aos que non poden acceder á do
mercado libre polos exorbitados prezos desta, é un tema recorrente na prensa,
tanto como preocupante.
Neste
artigo imos ir ata un período no que en Foz escaseaba a vivenda e veremos como
a acción combinada do concello de Foz coas administracións nacionais e
provinciais permitirá a construción de 121 vivendas sociais que deron acollida
a máis de 484 persoas.
Estámonos
a referir a eses tres grupos de vivendas sociais concibidas na década dos
corenta, construídas e entregadas a finais da dos 50, a lo menos dous grupos, pois
o terceiro será entregado na década dos 70.
Estes
grupos recibirán os nomes dos camaradas falanxistas caídos en combate durante a Guerra Civil. Así vemos como o
primeiro deles, composto por 51 casas, recibe o nome de Ramón Arias Otero(ebanista,
afiliado á Falanxe o 09/08/1936 con 20 anos); o seguinte en ser entregado, composto
por 20 casas, recibe o nome de Segundo Vázquez López (comerciante, afiliado o
01/05/1936 con 27 anos) e o terceiro, de 50 pisos, levará o nome de Cándido
Fanego López-Leitón (Chofer, afiliado o 15/05/1936 con 25 anos).
Ramón
Arias Otero falecía en 1938, xunto con outros 700 compañeiros, no afundimento
do cruceiro Baleares e Cándido Fanego López-Leitón atópase coa morte a
principios de novembro dese ano nos combates de Serós (Lleida). Destes dous
homes non se puido recuperar o seu corpo quedando o de Ramón nas augas
murcianas, fronte ao cabo de Palos, e o de Cándido nos montes fríos de Lleida.
O
que si se puido recuperar, e traelo a Foz para ser soterrado, é o de Segundo
Vázquez López, que falecía a principios de marzo de 1938 na fronte de Teruel; é
o único destes tres que descansa en Foz.
No
proxecto orixinal de vivenda pública, financiado polo estado franquista,
pretendíase primar aos que loitaran na guerra (polo bando dos golpistas), aos
menos favorecidos economicamente e ás familias numerosas. Neste senso, o día 1
de agosto de 1941, o Estado aprobaba a lei de protección de familias numerosas,
pois “solamente los pueblos de familias
fecundas pueden extender la raza por el
mundo, crear y sostener imperios” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
1941,13 de setembro). Segundo esta lei as familias numerosas tiñan unha serie
de vantaxes, tanto económicas como de acceso a postos laborais, pero traémola
aquí porque tamén tiñan prioridade na “concesión de casas baratas, económicas y
viviendas protegidas”; por esta razón se contempla, nun principio, que as
familias destinatarias desas casas sindicais a construír en Foz sexan tan só
familias numerosas, algo que non se levou a cabo xa que moitos dos beneficiados
eran familias con dous fillos.
Estes
grupos de vivendas sindicais están cofinanciados. O primeiro (Ramón Arias) polo
Estado, o concello, o Pósito de pescadores e as familias mariñeiras beneficiadas,
que aboarían unha cota mensual. O segundo deles (Segundo Vázquez) polo Estado,
o Concello e polas familias que nelas residisen, que tamén aportarían cota
mensual. Este tipo de confinanciación é a que se repite no terceiro dos grupos.
O
concello de Foz tiña que conseguir os terreos necesarios para poder levantar
ambos grupos e, posteriormente, doalos á Obra Sindical do Fogar, que sería a
encargada de financiar a construción.
Para
levar a cabo esta labor o concello debe de expropiar os terreos necesarios,
situados todos eles no lugar coñecido como Veiga de Lourido.
Un
decreto gobernamental de 1941 outorgáballe potestade tanto ás Deputacións como
aos concellos para levar a cabo as expropiacións e a posterior doazón ao Instituto
Nacional de Vivenda, encargado da obra. Ao ano seguinte (1942) o delegado
provincial de Sindicatos de Lugo remitíalle á Xefatura do Instituto Nacional da
Vivenda a proposta da “construcción de un
Grupo de viviendas protegidas, destinadas a los camaradas del Pósito de
Pescadores de la villa de Foz”. Aínda que tan só menciona un dos grupos, na
referida proposta, compréndese a construción do grupo de casas para mariñeiros
(Ramón Arias) e para empregados (Segundo Vázquez).
Os
tres proxectos urbanísticos variaron a concepción das casas a construír,
pasando dun formado por 51 casas unifamiliares independentes unhas das outras,
e con terreo todo ao seu arredor, a outro formado por 20 casas unifamiliares pegadas
unhas a outras e con terreo na parte traseira, cos frontais dando a unha praza;
para rematar nun terceiro formado por 50 vivendas divididas en 7 bloques con
seis pisos en cada un deles e un con oito.
Comezan
as expropiacións.
O
grupo Ramón Arias abarcaba un total de 377 áreas con 43 centiáreas e para o de
Segundo Vázquez necesitábanse 208 áreas
e 19 centiáreas.
A
taxación dos terreos a expropiar, realizada polo perito Pedro Alonso Maañón,
tivo resultados ben distintos. No grupo Segundo Vázquez, todos os donos dos
terreos a expropiar aceptan o prezo dado polo perito, algo que non sucede no
grupo Ramón Arias onde, algo máis da metade dos propietarios, rexeitan a
oferta.
Unha
nova taxación porá de acordo a todos os propietarios, pero iso non quere dicir
que todos os problemas estivesen resoltos, pois dous dos propietarios non vivían
en Foz; trátase dos irmáns Becerra que residían en Bos Aires e de María Luisa
Chao Couto, en Ávila.
No
primeiro dos casos, o dos irmáns Becerra, o concello emprega o mesmo sistema que
utilizara cos herdeiros de Bolaño e Núñez, tamén residentes en Bos Aires. Con
motivo da construción do edificio do novo mercado de abastos e ante a non
contestación por parte dos afectados, o perito taxador deste caso (Roberto
Lage) impón o prezo sobre a propiedade a ocupar sen que nin os propietarios,
nin os seus herdeiros puidesen protestar. No caso dos herdeiros de Xosé Ramón
Becerra acontece o mesmo, estipulando o perito un prezo de 1.162,45 pesetas por
esa finca.
O
caso de Luisa Chao foi máis sinxelo, chegou con aumentar o período de
reclamación.
Unha
vez solucionado o problema destes dous posuidores quedaba por arranxar outro,
de maiores proporcións, tanto en tamaño, en número de herdades como polo poder
económico do propietario; tratábase da Fundación Martínez Otero, a quen lle
pertencía case o 25% dos terreos a expropiar (143 áreas e 43 centiáreas, cun
custo de 54.742,80 pesetas).
A
Corporación Municipal en atención ao ditame do arquitecto, segundo o cal os
terreos da Fundación eran os máis axeitados para levar a cabo a construción das
vivendas, acepta a cantidade fixada, así como pagar a contribución e o
compromiso de construír as vivendas nun prazo de tempo prudencial.
Grupo
Segundo Vázquez. Arquivo Dixital do Concello de Foz. Fondo Antón Ares.
O día 25 de outubro de 1944, os albaceas da Fundación Martínez Otero outorgaban escritura de venda, ante o notario de Ferreira (Melchor Egerique), despois de recibir a cantidade de 56.385,13 pesetas, que serían abonadas da seguinte maneira: 25.000 polo concello, 16.912,06 polo recadador Ramón Fernández e 14.472,37 polo Pósito de Pescadores.
Unha
vez que quedou solucionado o problema coa Fundación a Corporación acordaba a
confección dun presuposto municipal extraordinario “por importe de 472.000 pesetas para atender a los gastos de
expropiación de terrenos para Viviendas protegidas, Casa Consistorial y Juzgado
comarcal, Grupo escolar y otras obras de saneamiento, urbanización y vías
públicas que en la parte de ingresos se ha de dotar con el presupuesto de 1944
y las subvenciones concedidas por el Estado para el pago de la cuotas iniciales
de dichas obras y a medio de empréstito por importe de 250.000 pesetas”
(Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1945, 9 de maio).
O
grupo residencial Ramón Arias, do cal era responsable o arquitecto Ruperto
Sánchez Núñez, tiña un presuposto de 1.412.911,72 pesetas e un prazo de
construción dun ano. A primeira poxa pública, realizada en 1946, quedou deserta
debendo aumentar o presuposto ata os 2.249.518,83 pesetas e un prazo de
construción de dezaoito meses, unha vez iniciadas as obras. En marzo de 1947
facíase con estas obras o contratista Anxo Zubizarreta Olavarría (o mesmo que
realiza as obras do tren da costa e a ponte na desembocadura do río Ouro).
A
medida que o grupo Ramón Arias tomaba forma tamén o facía o grupo de vivendas
Segundo Vázquez.
Este
estaría composto por 20 vivendas ademais das “oficinas del Ayuntamiento, Correos, Telégrafos, Falange y Sindicatos;
el cuartel dela Guardia Civil, Grupo Escolar y ocho viviendas para maestros”,
novamente, entre o proxecto inicial e o resultado final hai moitas diferencias.
A extensión dos terreos a expropiar, pagados a 5 pesetas m2, era de
208 áreas e 19 centiáreas, ascendendo o prezo á cantidade de 59.735,50 pesetas.
Se
no grupo Ramón Arias as casas ían destinadas a persoas vinculadas co mar
(mariñeiros e armadores) no grupo Segundo Vázquez dividíanse da seguinte
maneira: 2 para obreiros industriais, 6 para pensionistas e as 12 restantes
para funcionarios; “este tipo de vivienda
constrará de planta baja y un piso. La planta baja quedará subdividida en
cocina, comedor y habitaciones; en el piso cuatro habitaciones y cuarto de baño”,
pero ao final non foron repartidas da maneira concibida orixinalmente.
O
presuposto deste segundo grupo de vivendas sociais alcanzaba o valor de 35.000
pesetas por cada casa construída, que multiplicado poro 20 unidades daba unha
cantidade de 700.000, ao que habería que sumar as 59.735,50 pesetas pagadas
pola compra do terreo e o custo que tivese a urbanización (rúas, beira rúas,
sumidoiros, subministro de auga e luz). Este proxecto construtivo, segundo
lemos na documentación, éralle encargado ao arquitecto Ruperto Sánchez. Na
prensa de 1958 informábase que o presuposto deste segundo grupo de vivendas
sociais alcanzara a cantidade de 1.767.675 pesetas.
Entre
o 28 e 29 de novembro de 1947 o alcalde focego, Francisco Maañón, asistía en
Lugo á firma da escritura de construción dos dous grupos de vivendas
protexidas. O grupo Segundo Vázquez puido ter nacido de maneira moi distinta á
que o coñecemos pois o alcalde coidaba que era mellor que esas 20 casas “no sean emplazados alrededor de la Plaza
monumental como fueron proyectadas ya que desdecirían en un futuro próximo de
la grandiosidad de la misma, opinando que si no hay entorpecimiento alguno en
la realización de las obras, dichas viviendas deben ser emplazadas más abajo
cerca de las de los Pescadores”. Idea que non se levou a cabo, como
tampouco se levou a de construír nesa mesma praza entorno á que se levantaron
as 20 vivendas sociais o novo consistorio. Esta idea, do ano 1971, tampouco
tivo calado, máis ben oposición.
Si
as obras de Ramón Arias comezaron en 1947 non será ata maio de 1956 cando os
beneficiados (os novos propietarios) delas teñan que acudir a Lugo a realizar o
ingreso na cartilla de aforro dunha cantidade equivalente ao 16% do valor da
casa.
No
mes de xullo do ano 1957 a prensa dábanos conta do custo total da urbanización
Ramón Arias, que ascendía á cantidade de 4.554.379,98 pesetas,
correspondéndolle aos novos propietarios pagar unha cota mensual de 163 ou 133
pesetas, dependendo do tamaño e do número de habitacións da casa que lle
tocase; esa cota mensual tería unha duración de 40 anos.
O
día 21 de xullo de 1957, a iso das once da mañá, chegaba a Foz o Gobernador
Civil e Xefe do Movemento, Henrique Otero Aenlle, para facer entrega das casas
do grupo Ramón Arias.
Un
nove de agosto de 1959, dous anos despois da entrega de chaves do grupo de
vivendas Ramón Arias, o gobernador Otero Aenlle volvía a Foz, acompañado do
presidente da Deputación, autoridades do Movemento e alcaldes da costa de Lugo,
para realizar a entrega das casas do grupo Segundo Vázquez.
O
terceiro grupo de vivendas sindicais, denominado Cándido Fanego, como os
anteriores, comézase a fraguar a finais da década dos anos corenta, pero a súa
construción, e posterior entrega, irase dilatando ao longo do tempo.
Este
terceiro proxecto, como os anteriores, sofre cambios, pois das 29 vivendas que
pensaban construír en 1948 pásase a un total de 50 pisos. Tamén, como nos dous
anteriores, no proxecto inicial figuraba a construción dunha Policlínica, unha
Casa Sindical Comarcal e o Fogar do Produtor, que como nos proxectos
anteriores, non pasaron do papel.
En
1951 o concello cedía á Delegación Nacional de Sindicatos de Obra Sindical del
Fogar os terreos necesarios para esta nova obra. Dous anos despois, 1953, dende
o concello instábase á mesma Delegación que axilizase os trámites para comezar
as obras, pero non será ata o ano 1961 cando se retome a idea.
No
concello, presidido este por Beltrán Veiga, recibíranse 62 solicitudes de
familias focegas que non tiñan casa á que poder trasladarse, quedando obrigados
a vivir cos seus maiores.
En
1963 comezan dende o concello a traballar, de novo, na cesión dos terreos
necesarios ao Instituto Nacional da Vivenda para a construción deste novo
grupo.
Trátase
dun total de 6.440 m2 situados todos eles na Veiga de Lourido “en donde llaman Espiño y Restreva”,
alcanzado a cantidade de 565.000 pesetas o pago da expropiación.
A
finais do ano 1968 poxábase polas obras de construción das 50 vivendas, das que
era arquitecto Manuel Cortón Díaz. “el
presupuesto de subasta, asciende a once millones cuatrocientas cuarenta y dos
mil una peseta y veinticinto céntimos. El plazo de ejecución de dichas obras es
de dieciocho meses” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1968, 6 de
decembro).
En
1970 as obras destas vivendas eran adxudicadas á empresa Padín, de Pontevedra,
á que se lle outorga un prazo de dous anos para rematar as obras.
Este
terceiro grupo estaba formado por 50 pisos de catro dormitorios e cunha
superficie construída de 92 m2 cada un deles.
Como
posuímos máis información de cada un
destes tres grupos de vivendas sociais agardamos poder volver a eles en
posteriores artigos.
Entrega
títulos de propiedade das casas do grupo Segundo Vázquez.
El
Progreso de Lugo. 1959, 11 de agosto.



No hay comentarios:
Publicar un comentario