| Vila María Adela. Vilaronte. |
| Detalle da fachada de Vila María Adela. |
| Detalle da porta princial de Vila María Adela. |
| Vila María Adela. Vilaronte. |
| Detalle da fachada de Vila María Adela. |
| Detalle da porta princial de Vila María Adela. |
Existen
días que quedan marcados na nosa memoria colectiva; seguro que moitos lembramos
onde estabamos o día 11 de setembro do 2001 ou o 11 de marzo do 2004. Os que
temos máis anos, que non por iso quere dicir que teñamos máis memoria,
lembramos que estábamos a facer o día do falecemento do ditador.
Eu, por estas cousas da memoria, lémbrome que souben da
noticia gracias a Xoán Carlos González Basanta. El volvía do colexio Martínez
Otero cando coincidimos na Congostra do Cura, alí me deu a nova que me encheu
de ledicia pois ía acompañada da suspensión das clases durante os tres días de
loito oficial.
Pero
se me preguntades que outras cousas fixen durante ese ano pouco máis vos podo
dicir.
Neste
artigo iremos vendo como era o concello de Foz nese primeiro trimestre do ano
1975, lembrándolles cousas a algúns e informando a moitos.
Para
levar a cabo este traballo de memoria empregamos como fonte documental o xornal
El Progreso de Lugo, non porque fose mellor que outros ou porque cubrise, con
máis amplitude, as noticias de Foz; se o facemos é porque nese xornal escribía
o primeiro cronista oficial de Foz baixo o seudónimo de Sufer.
Comezábamos
ese ano de 1975 cunha cabalgata de reis. Chegaban os magos de Oriente por barco
(ou iso supoño) pois partían dende a praia da Rapadoira e remataban no Colexio
Martínez Otero, onde quedara instalado un nacemento vivente. A Cabalgata era
algo xa habitual pero neste ano presentaba unha novidade pois a rondalla
Latexos iría na súa cabeza “entonando
alegres pasacalles” (El Progreso de Lugo. 1975, 5 de xaneiro).
Pero
non só chegaban os Reis Magos a Foz xa que tamén o facían a Vilaronte onde a
cabalgata era organizada polos membros do Teleclube e por Cáritas de Vilaronte.
Nese
mesmo mes de xaneiro o Club Deportivo Foz daba unha de cal e outra de area, no
que a resultados deportivos se refire. Si na prensa do día 7 se nos falaba da
súa contundente vitoria contra o Taboada
(5 a 2), seis días despois dábase conta da derrota dos focegos contra o
Milagrosa (3 a 1) no estadio Anxo Carro. A aliñación presentada polo Foz, no
partido da vitoria, era a seguinte: “ Pedro,
Lito, Ramalleira, Lombardero, Rego-Rey, Chipilín, Reija, Chinchón, Carballal,
Delantero y Eijo” (El Progreso de Lugo. 1975, 7 de xaneiro).
A
mediados dese mes Sufer informaba de que varios homes ras estaban a desgonzar
os barcos de cabotaxe San Lourenzo e o Sofía López, eran estes dous barcos “los últimos baluartes, los testigos inertes
de una pasada gloria focense en el tráfico del transporte marítimo. Eran los
tiempos en que nuestro puerto registraba una extraordinaria actividad en el
embarque de madera” (El Progreso de Lugo. 1975, 14 de xaneiro). Para que
non se perdesen da memoria colectiva os nomes doutros barcos que tamén
participaran naquel tráfico de madeira dedícase Suso a enumeralos “barcos que visitaban Foz, el Cromo, el
Marita, el Gaitero de Gijón, Rosalina, Recalde, Sofía, Adela López, Amador o el
Justina” .
No
ano 1975 o negocio do comercio marítimo de cabotaxe xa desaparecera de Foz,
quedaba tan só o movemento pesqueiro no porto, algo que tamén peligraba.
A
finais dese mes na prensa dábase conta das obras de ampliación da escollera que
saía do faro da pena de Rapadoira. Traballos que, con un orzamento de 20
millóns de pesetas, eran necesarios para dotar de máis calado tanto á entrada
como ao porto de Foz, algo moi necesario pois sen porto remataríase coa pesca e
a Foz tan só lle quedaría, para poder vivir, o turismo. Ese era o pensar de
Suso Fernández e así nolo transmitía na prensa, que pouco enganado estaba.
Estas
obras de canalización non serviron, ou serviron de pouco, pois a pesca, a
grande escala, desapareceu do porto de Foz tendo que trasladarse os barcos
focegos a portos da contorna (Celeiro ou Burela) ou ao porto da Coruña,
establecendo nesa poboación a base portuaria do seu traballo.
E
se Foz non rematou vivindo exclusivamente do turismo foi pola chegada dunha
nova industria, a do aluminio.
Segundo
podemos ler na prensa, o rumor de que na Mariña se ía instalar unha industria
do aluminio era coñecido; o que se descoñecía era o lugar. A prensa daba como
posibles localizacións os portos de Viveiro ou o de Foz (este último era
inviable, pola falta de calado; a non ser que se levantase a industria na
franxa costeira situada entre Fazouro e Cangas).
O
xornal El Progreso de Lugo anunciaba (o 26 de xaneiro) como definitiva a
localización de San Cibrao, na súa unión con Xove. Como argumentos esgrimidos
eran as condicións portuarias así como a proximidade dun novo hospital que se
pensaba construír en Burela.
E
mentres que un novo mapa industrial se estaba debuxando na Mariña, en Foz
continuábamos coas nosas cousas. Así, por exemplo, en Vilaronte, e da man do
párroco Victoriano López Felpeto, no tele club parroquial representábanse
varias obras de teatro (Farsa, Justicia del Corregidor, Diálogo entre Perico y
su sastre e Os ano do tío Xan) conseguindo arrancar fortes aplausos no público
que abarrotaba o recinto.
E,
a principios de febreiro, como todos os anos, celebrábamos no barrio de
Vilaxoane o San Brais; festividade á que acudían centos de persoas buscando a protección do santo ante as enfermidades da
gorxa ou, simplemente, por pasalo ben e bailar. Pola tarde, e no salón da
Corredoira, actuaban as orquestras Los Tarantos e Trébol, “que Pequenete, promotor de fiestas y romerías, contrató” (El
Progreso de Lugo. 1975, 28 de xaneiro).
A
Corporación municipal continuaba a renovar a cara dese Foz cambiante e así
vemos como acordaban adxudicar a segunda fase das obras de abastecemento de
auga potable nas parroquias de Cangas, Nois, Fazouro e Vilaronte. O orzamento
desta segunda fase alcanzaba a cantidade de 17.807.673 pesetas, das que o
concello tiña que aportar 10.528.244. Acordaban
esa adxudicación na acta do pleno extraordinario do 30 de xaneiro, onde tamén
se tratou o tema do proxecto técnico da obra
da Casa Consistorial (El Progreso de Lugo. 1975, 2 de febreiro).
Rematando
o mes de febreiro o correspondente focego do xornal daba conta da construción
de novas vivendas “unos trescientos
apartamentos y locales comerciales, con sus correspondientes zonas verdes, aparcamientos,
pistas deportivas, piscinas” (El Progreso de Lugo. 1975, 21 de febreiro).
Estanos a falar dunha das dúas grandes obras de vivenda que teñen lugar nese
ano; referímonos á urbanización As Lagoas e a urbanización Promonosa, levantada
esta na estrada principal (anteriormente Xeneralísimo Franco, coñecida
popularmente como “A Xeneral”, e
agora “Avenida da Mariña”).
A
urbanización As Lagoas, hoxe coñecidas como As Torres, nace con problemas
burocráticos, tal e como nos relata a prensa, na se pode ler que “pese a la advertencia de manifiesta ilegalidad
formulada por el secretario del Ayuntamiento de Foz ante el acuerdo corporativo
de conceder autorización a la promotora Costa Nova S.A. para construir 300
viviendas, instalaciones deportivas y de recreo en el lugar e las Lagoas y tras
el preceptivo informe del abogado del Estado, el gobernador civil de la
provincia ha ratificado verbalmente al señor Martínez García, alcalde de Foz,
la legalidad de tal acuerdo
y, por consiguiente, la licencia de obras
otorgada a dicha promotora es válida”
(El Progreso de Lugo. 1975,21 de marzo).
En
marzo daba conta prensa do nacemento da terceira cooperativa do mar, a Xesús
Nazareno. Seguía esta os pasos das cooperativas Virxe da Candelaria e Virxe do
Carme, que a precederon.
Unha
cooperativa do mar é a unión de varios mariñeiros (entre trece e quince) que
pretenden mercar un barco e faenar de maneira cooperativa. Os sindicatos do mar
outorgaban un préstamo a esa cooperativa para o pago do barco. Os gastos
propios da embarcación e os pagos do préstamo eran pagados cos beneficios da
pesca e o sobrante repartíase entre os cooperativos de maneira igualitaria e
non a quiñóns, método empregado nas embarcacións non cooperativas.
Sufer
relataba como tiña lugar, no local da Confraría de Pescadores, a entrega dun
talón por valor de 2.400.000 pesetas ao presidente da mencionada cooperativa,
Ramón Martínez Moreda, como pago inicial para mercar o barco que ía manter
economicamente á cooperativa (o Pena da Rapadoira). Ese acto estaba presidido
polo alcalde de Foz, Francisco Martínez García, polo delegado local de
sindicatos, Francisco Andina González, ademais de varias autoridades
provinciais.
A
Mariña tiña moitas outras cousas nas que pensar antes de preocuparse pola morte
do ditador.
![]() |
| Aspecto actual da fábrica da luz de Bacoi |
Cada vez que me achego á figura do industrial focego Damián López de Castro Ferrería (DALO) atópome con sorpresas.
Cando comecei a investigalo tan só sabía que tiña unha fábrica
de conserva en Foz e serradoiros en Vilaronte, onde tamén dispoñía dun taller para
a reparación dos camións da empresa, así como dun edificio de administración,
un conxunto de vivendas e un pequeno centro médico para os seus traballadores.
Andado o tempo souben dos barcos de cabotaxe. Primeiro do
Fornel, o mesmo que rescatara aos cinco náufragos do balandro Victor
Ochoa, con matrícula de Ortigueira, a finais do mes de febreiro de 1916. Non
será a derradeira vez en que participe
nun salvamento, pois a finais do mes de outubro de 1925 vémolo entrando no
porto do Musel remolcando ao vapor Astur Galaico, que viña cargado de
pinos dende O Barqueiro con destino á Patronal Minera Asturiana.
Un buque con triste final, pois a finais de maio de 1927,
fronte a uns baixos ribadenses, e a consecuencia da densa néboa, o Fornel
naufragaba. Saíra de Foz con destino a Xixón con carga de puntal de pino para
as minas asturianas: “El Fornel fue
construido en Inglaterra en 1892, mide de eslora 25.87 metros, de manga 5.49 y
2.31 de puntal. Desplaza 106 toneladas. Su
armador es don Damián López, vecino de Foz” (La Provincia. 1927, 24 de
maio). Segundo o xornal, a tripulación, de sete homes, sálvase; pero nin o
barco, nin a carga estaban asegurados.
Tamén souben co tempo das embarcacións Adela López
e o Sofía López (este último mercouno en poxa pública, rebautizándoo con
ese nome, pois anteriormente fora o Espiñeira-Mondoñedo). E que, ademais
dos barcos de cabotaxe, posuía unha pequena flota de barcos de pesca para
nutrir a fábrica de conservas.
Despois tiven noticia da fábrica de serrar que construíu
en Viveiro, no lugar de Cantarrana, e da montada en Xixón, aló polo ano 1947,
no lugar de Natahoyo: “a don Damián López
Ferrería, para construir unas naves para taller de sierra y oficina en el
Natahoyo” (Boletín Oficial da Provincia de Oviedo. 1947, 10 de setembro).
O derradeiro en chegar ao meo coñecemento foi o complexo
de Poncabalar, en Bacoi. Coñecino nun
deses viaxes culturais que realizamos os domingos pola tarde por lugares tan interesantes
como descoñecidos que agocha a Mariña de Lugo, que tanta beleza como riqueza
patrimonial garda para todos nós.
Trátase dunha instalación singular na que, como veremos,
co pasar dos anos chegaron a combinarse simultaneamente ata catro actividades
-muiño de grao, serradoiro, xeración de electricidade e rego agrícola-, con un
denominador común, a auga, que captada nunha presa no río Ouro, e conducida
mediante una canle de importantes dimensións, aportaba a enerxía necesaria para
o funcionamento de tres delas.
O que primeiro me chamou a atención foi o seu estado de
abandono, completamente devorado pola maleza. Abandono para min acentuado
porque coñecía, por fotos antigas facilitadas pola familia Telenti de Oviedo,
como era o seu estado orixinal; pero o que descoñecía, completamente, era a súa
historia.
Quedan en pé os edificios que deron acubillo ás distintas
liñas de negocio e á vivenda familiar do muiñeiro. Cos teitos parcialmente
derrubados, sen portas, sen cristais e o chan, en parte, asolagado. No seu
interior consérvanse as grandes pedras de moer e algunhas maquinarias
desvencelladas que se empregaron no seu dia para a xeración de electricidade e
no serrado da madeira. A canle está por completo cegada pola vexetación e a
presa desfeita en varios puntos. No exterior, no chan, encontramos os carrís
para as vagonetas nas que transportaban as táboas camiño dos secadoiros, que
cruzaban o río empregando unha ponte xa desaparecida, da que só se conserva a
piastra central.
Cando te achegas á fachada principal aínda se pode ver o
acrónimo DALO, pero moi esvaído, e a carón del o elemento central da súa
imaxe empresarial, o mariñeiro cun bonito entre os brazos, que xa nos resulta
tan familiar. Debaixo as distintas especializacións do grupo: Maderas,
Conservas e Armador, que neste caso habería que incorporar algunhas máis.
A pregunta
que nos facemos é sinxela: Esta empresa pertencía logo a Damián López?
E se ben a pregunta é sinxela resulta moito máis complexa a resposta, porque o conxunto que vemos forma parte da estrutura empresarial DALO, pero a propiedade dos edificios, e moi posiblemente as concesións hidráulicas e algúns dos permisos industriais, non lle pertencían a el, senón á súa muller, e antes que a ela, a Sofía Mel Díaz, sogra de Damián.
A dona Sofía vémola solicitando ao Goberno Civil, en
concreto á Sección de Obras Públicas e Negociado de Augas, a inscrición nos
rexistros central e provincial dunha toma de augas no rio Ouro: “punto de toma, Poncabalar; destino del
aprovechamiento, fuerza motriz de molinos harineros”, indicando así mesmo “título
en el que se funda el derecho, posesión por prescripción” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1932,
11 de abril). Polo tanto, cabe supoñer que o desvío das augas xa existía con
anterioridade, moi posiblemente para abastecer una instalación de carácter máis
tradicional, tal vez un muiño, na mesma localización, e que viría sendo
propiedade de Sofía Mel, pero para o que carecían de autorización formal, sendo
neste ano de 1932 cando proceden á súa regularización.
É razoable pensar que esta solicitude tivese a súa orixe
no espírito emprendedor e na visión empresarial de Damián López, quen percibiu
a potencialidade da propiedade da súa sogra e concibiu un proxecto, este xa de
natureza industrial e moito máis amplo. O primeiro paso deste novo proxecto
industrial era conseguir a regularización legal do aproveitamento existente.
Para levar a cabo ese novo proxecto coidamos que lle
serviu, se non de modelo, a lo menos de inspiración, a instalación que posuía
en Barreiros a sociedade mercantil Reimunde y López, S.R.C., que tamén
operaba baixo a denominación de Electra del Masma, e da que xa seu pai,
Xeneroso López Lourín, fora socio, pois presentan una estrutura de
funcionamento similar, con muiño fariñeiro e xerador de electricidade movidos
por auga.
Ata o de agora non atopamos ningún documento que faga
mención específica á solicitude de autorización nin da posta en marcha do xerador
eléctrico nin do serradoiro de Poncabalar.
Pola contra,
si sabemos que dona Sofía Mel presenta, en 1933, no Negociado de Instalacións
Eléctricas da Xefatura Provincial de Obras de Lugo, unha nova solicitude
(Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1933, 8 de Xuño) .
Trátase dun proxecto para poder sacar tres liñas de
transporte de electricidade dende “la Central de Poncabalar”: unha de
alta tensión para dar servizo a zonas de Santa Cilla e dúas de baixa tensión
para poboacións da parroquia de Carballido e Bacoi: “la energía se producirá en el alternador a 230 voltios y por medio de
un transformador se elevará a 2.500 para la línea de alta tensión a Santa
Cecilia, quedando para la de baja la de origen”.
A liña de alta cruzaba terras labradas ata o lugar de
Vista Alegre; dende aí, seguía polo
camiño de ferradura que de Carballido ía ata Santa Cilla ascendendo ata o alto
das Penelas para baixar ata o lugar de Asperón do Foxo e ao lugar de Vilacirai
e “termina a 90 metros antes de la
carretera de Ferreira a Foz, frente a la escuela de niños, en el kilómetro 8 de
la parroquia de Santa Cecilia”. Son un total de 4 quilómetros situándose ao
remate da liña un transformador para reducir a tensión de 230 para que poda ser
distribuída na parroquia.
Unha das liñas de baixa, a que vai ata Bacoi, crúzase con
outra liña de alta xerada esta en Santo Acisclo, propiedade de Xosé Pérez Mon.
Sobre de este proxecto inicial de 1933, en 1938,
presentase una solicitude de ampliación, e xa non son tres as liñas que saen da
central de Poncabalar senón que serán
cinco as que se solicitan.
A primeira vai dende a central á casa de Carín, por Santo
Acisclo e Santa Cilla, cun total de 4.810 metros, “la número 1 tiene un cruce en San Acisclo con otra de baja de San
Acisclo, propiedad de don José Pérez Mon y pasada el lugar de la Rega,
encuentra una de baja de Barras Eléctricas y después de Villatuije cruza tres
veces líneas de baja de igual procedencia, y en Villatuije tiene una cruce con
la línea de alta de la misma”.
A segunda sae do quilómetro 1.20 da anterior ata o barrio
de Piñeiro e casa de Canoura, cunha lonxitude de 580 metros.
A terceira sae dende o quilómetro 2.758 da liña 1 ata
Vilacizal, cun total de 380 metros
A cuarta dende o mesmo quilómetro que a terceira pero,
neste caso, vai ata a igrexa de Santa Cilla, cun total de 670 metros.
A quinta sae dende a central de Bacoi e vai ata Budián,
cunha lonxitude de 3.520 metros.
Todo isto refórzanos na idea dun enfoque empresarial
amplo, moderno e ambicioso, que supera con moito o muiño orixinal, moi na liña
dos outros proxectos que coñecemos de Damián López.
As seguintes novas referidas ao complexo de Poncabalar
datan de 1936. A primeira é de febreiro, cando atopamos unha nova solicitude,
neste caso ante a División Hidráulica del Norte de España, con sé en Oviedo,
sendo a peticionaria xa non Sofia Mel Díaz senón a súa filla, Roxelia Souto
Mel, dona de Damián López de Castro Ferrería. E o que se pide é a autorización
para derivar 2.500 litros de auga por segundo do río Ouro, “mediante la
presa del antiguo molino de Poncabalar, previa su modificación y reparación”. As
devanditas augas serán conducidas “por el mismo canal de dicho molino, una
vez reformado y reparado, hasta la casa de máquinas que se establecerá en el
molino existente, a cuyo efecto se ampliará y reedificará este”.
Respecto dos usos, a solicitude indica que, do total de
2500 litros de auga por segundo, 10 litros por segundo irían destinados ao rego
dunha propiedade dunha hectárea pertencente a Roxelia. Outros 20 litros para “implantar
una empresa de riegos de dos hectáreas de terreno en la finca llamada Los
Fragares”, da cal era propietaria súa nai. Destinaríanse 752 litros “para la producción e fuerza motriz para el
accionamiento el molino denominado Poncabalar, previa su reparación y
modificación”. E, finalmente, os 1.718 litros por segundo restantes serían
empregados para a produción de enerxía eléctrica para alumeado e outros usos
industriais.
Solicitude que remata coa petición da autorización dos
prezos a aplicar no muiño: “por cada hectólitro de grano molturado se
cobrarán cinco litros como máximo o su valor en metálico” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 26
de febreiro), recibindo resposta positiva para todo o proxecto.
Esta solicitude desconcértanos por varias razóns. En
primeiro lugar porque a peticionaria é Roxelia e non dona Sofía, quen sabemos
que falece en novembro de 1941 “en su casa de Bacoy, en el Valle de Oro, a
la avanzada edad de ochenta y tres años, (...) madre de nuestro querido amigo
el cura párroco de Santa Cruz del Valle de Oro” don José Ramón Souto Mel”
(El Progreso de Lugo. 1941, 8 de novembro).
En segundo lugar, porque nela emprégase varias veces a
expresión “previa su reparación y modificación”, polo que non sabemos si a solicitude responde a unha ampliación
desexada e proxectada previamente polos promotores, ou, pola contra, derivouse
de algún tipo de dano causado nas instalacións, por exemplo, por unha crecida
do río, que os levou a facer da necesidade virtude.
E por último porque, en 1939 o Negociado
de Instalacións Eléctricas, concedíalle a Sofía Mel, non a Roxelia, “autorización
para establecer unas líneas de transporte de energía eléctrica desde la central
del río Oro, punto Poncabalar, en el
citado término municipal a varios pueblos de aquel ayuntamiento y el de Foz,
con destino a alumbrado y otros usos; cuya petición se publicó en el Boletín Oficial
de 8 de junio de 1933” (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1939, 14 de xaneiro).
Un desconcerto que aumenta se temos en conta que en marzo
de 1936 o Goberno Civil de Lugo resolvía favorablemente á petición formulada
por “la instancia dirigida a V.E. por don
Damián López Ferreira, propietario de la Central Eléctrica de Bacoy,
domiciliada en Carballido (Alfoz)”, na que se solicitaba a aprobación das
tarifas aplicables os seus clientes polo subministro de electricidade para o
alumeado (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1936, 19 de marzo).
Así pois, polo momento non somos capaces de afirmar a
quen correspondía formalmente a propiedade de cada un dos distintos elementos
que compoñían o conxunto, e si este pasou -e de que maneira- duns propietarios a
outros en algún momento. Como tampouco coñecemos a data -ou datas-, en que
entraron en funcionamento, pois tan só temos constancia da presentación das
solicitudes e das súas concesións.
Sexa como fose, en 1946 seguía en uso, pois a Deputación
Provincial sacaba unha relación de entidades eléctricas que debían de pagar,
nun prazo de 30 días, so pena de multa de 100 pesetas, o imposto correspondente
ao ano 1945; entre elas figuran: Reimunde y López, por “Electra del Masma, domiciliada en Foz. Antonio Posada, por la Electra
de Fazouro, domiciliada en Foz. Damián López Ferrería, por la Eléctrica de
Bacoy, domiciliada en Foz… Pablo Cucurny Llunell, por la Central de Sargadelos,
de Cervo, con domicilio en La Coruña. Álvarez y González S.L., por
Hidroeléctrica del Junco, domiciliada en Villaestrofe (Cervo)” (Boletín
Oficial da Provincia de Lugo. 1946, 28 de setembro).
En 1956 estas pequenas empresas eléctricas deberán
enfrontarse a un novo inimigo, a chegada de novos competidores que, por ser de
maior tamaño, ameazan a súa viabilidade. En concreto trátase da Sociedad
Anónima Barras Eléctricas Galaico Asturianas, entidade que presenta
solicitude para a construción dunha liña de transporte de enerxía eléctrica a
20.000 voltios dende o transformador de Oirán ata outro situado nas
proximidades de Ferreira do Valadouro “para suministrar energía a un
aserradero propiedad de los herederos de D. Fortunato Lorenzo”. Unha pretensión á que se opón Damián López
-en representación de Eléctrica Poncabalar- da man de D. Xosé Pérez Mel
-en nome de Hidroeléctricas del Oro- alegando, entre outras razóns que “la
línea que se pretende, según dichos reclamantes, no sirve ningún interés
público sino que lo que persigue, disfrazado con el ropaje de que se destina a
un cierto aserradero, es sentar sus reales, para establecer luego una
competencia ruinosa para las cuatro empresas pequeñas existentes en el Valle de
Oro, que prestan un gran servicio desde hace muchos años y que están haciendo
grandes mejoras en sus instalaciones para obtener sobrante de energía para
quien lo solicite, demostrándose con ello que el objetivo de la entidad peticionaria
no es de utilidad pública, sino de indudable inutilidad pública”.
E fronte a súas razóns, as dos novos xogadores, os cales
afirman que, na comarca do Valadouro existían catro “productores de energía eléctrica que son los señores Pérez Mel, con instalación
de 30Kv hidráulicos; Eléctrica de Poncabalar, de Damián López Ferrrería, con
una instalación de 48 Kv; eléctrica del Canedo, de hijos de Andrés Canoura, con
un alternador de 75 Kv y Eléctrica Area, de hijos de doña Dolores Pérez Mon,
con un alternador de 50 Kv, que estos productores, excepto el señor Canoura,
son familiares y que las cuatro industrias se dedican a aserrar madera y a la
molinería, principalmente, que el servicio eléctrico en todo el Valle de Oro es
pésimo y existen varias industrias de aserrar y molinos que trabajan con
calderas de vapor o gas-oil, por no poder darle servicio estas empresas”.
Unhas razóns que ao final resultaron ser
de máis peso para administración pública, pois finalmente resolve autorizar a
nova instalación (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 1956, 2 de febreiro).
Cando rematan as actividades en Poncabalar?.
Tivo algo que ver a chegada de estas novas empresas de
maior tamaño ou, pola contra, está máis relacionado co declive xeral de todo o
grupo DALO?.
Puido ser a confluencia de varias causas o que levou ao
seu abandono?.
Son estes interrogantes para os que tampouco temos, polo
de agora, resposta, pero que, tal vez, poidamos despexar despois dunha consulta
dos fondos que atesoura a Fundación Manuel López Souto.
O que si podemos dicir é que, sorprendentemente a última
noticia oficial da que dispoñemos é moi recente, de xaneiro ano 2.023, cando se
fai público o “anuncio polo que se somete
ao trámite de información pública o expediente de extinción, por caducidade,
pola interrupción permanente da explotación por máis de tres anos consecutivos
por causas imputables ao titular concesional, do dereito para usos industriais
e de rega, outorgada a favor de Rogelia Souto Mel, no río Ouro, no concello de
de Alfoz”. (Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 2023, 2 de Xaneiro).
Vemos que lles levou bastante tempo dalo de baixa.
Isto que acabamos de ler é todo o que sabemos, ata o
momento, da Eléctrica de Poncabalar ou Eléctrica de Bacoy , que
deu luz, durante moito tempo, a partes da parroquia de Santa Cilla, á que tamén
alimentaba a eléctrica de Pérez Mon radicada en Santo Asiclo, como a empresa Electra
do Masma o facía con Foz; pero iso, iso, xa é outra historia.
As
fotografías en branco e negro foron realizadas entre os anos 1946 e 1947,
pertencen á colección da familia Telentia de Oviedo, á cal lle dou as máis
expresivas gracias. As fotografías en cor foron realizadas neste verán do ano
2023, polo que isto escribe.