Buscar este blog

viernes, 31 de enero de 2025

A FESTA DE SAN BRAIS. VILAXOANE.

 

    Procesión de San Brais. Vilaxoane. Fotografía Xaime Ramallal. La Voz de Galicia, 3/II/2021


Comentaba na prensa de 1974 o noso anterior cronista oficial (Suso do Bahía) que o ciclo festivo do concello de Foz tiña o seu inicio coa festa de San Brais e o seu fin coa de Santo Acisclo e non lle faltaba razón, no que a festas se refire, porque se falamos de romarías a primeira en celebrarse sería a do Bispo Santo.

Ao longo deste traballo, froito dunha primeira aproximación ao tema, queremos dar unha visión de como se celebraba a festa de San Brais.

A primeira pregunta á que debemos de dar resposta é saber da antigüidade desta festa. Dende cando se celebra o San Brais?

Moitos dos lectores estarán a pensar que dende o século XIX, tal vez, no XVIII e, os máis atrevidos, no XVII. Os que coiden isto quédanse un pouco cortos, porque, polo menos documentalmente, a festa debe de levarse ata o século XVI.

No ano 1997 (4 de febreiro. La Voz de Galicia) María Xosé Villarino, como presidenta da asociación organizadora da festa, confesaba que a ermida podíase datar xa no século XIV (do 1300 para diante). Descoñecemos de onde saca a información, pero supoñemos que debeu de dicir no século XVI, e a data aparecida na prensa se deba a un erro tipográfico.

A festa, con toda seguridade, comezaría a ter lugar no mesmo tempo en que se levanta a ermida dedicada a este santo en Vilaxoane. Sabemos, porque xa o temos escrito e publicado aquí, que esta fora levantada grazas ao diñeiro aportado por Fernando Saavedra. Home este que traballaba como oidor no Consello de Contas do Rei e con fortes raizames en San Martiño de Mondoñedo, de onde eran seus pais.

Cando levanta a ermida de San Brais? Non podemos, polo de agora, dar unha data concreta, pero podemos dicir que esa construción tivo lugar entre os anos 1569 e 1601.

Nese  ano de 1569 redáctase (o día 10 de outubro) un documento relativo ás pezas de herdade e bens mercados polo Oidor Saavedra a varios propietarios; un deles era Lope Sánchez de Moscoso que residira na casa brasonada que aínda hoxe en día existe en Vilaxoane.

En toda a relación de bens mercados non hai referencia algunha á ermida de San Brais, a única ermida que se cita aparece cando se mencionan os bens mercados en Mourente, que lindan “de otra parte en otro camyno que ba de Mourente para la ermida de Agrelo”; gracias a esta información sabemos que a ermida do Bispo Santo xa existía antes de 1569.  

En 1601, un 19 de setembro, outorgaba en Valladolid, onde residía, testamento o citado Oidor; nel podemos ler “Item declaro que yo tengo cierta ermita con su caliz al dicho reino de Galicia, una ermita de Nuestra Señora del Campo de Villajuan, la qual es mi voluntad se ynstituya una capellania para un capellan que me diga una misa perpetua por mi anima e de mis padres todo lo qual por orden e haga la dicha Leonor de Leyba mi muger a su disposicion e voluntad”.

Para o mantemento económico desa capelanía deixaba o muíño que mercara en Mourente, “el molino de pan que yo tengo que llaman de Maria Vasanta e las tierras e vinas que tengo en el lugar de Moyrente para que el capellan que fuere nombrado por la dicha dona Leonor goze del dicho mi molino, tierras e vinas con que tal capellan sea obligado de dezir una misa e a tener una lampara delante de la dicha ymaxen de Nuestra Señora”. Non era esta a única igrexa que recibe esmolas “se den cinquenta ducados para la fabrica de la yglesia mayor de Santiago del lugar de Foz e otros cinquenta ducados para la ermita que llaman del Obispo Santo” (Arquivo Particular Condado de Fontao. Documentos séculos XVI e XVII) .

Polo tanto, con anterioridade a 1601 xa existía unha ermida no barrio de Vilaxoane coa advocación de (a falta de confirmación) Nosa Señora do Campo. Sería esta a advocación orixinaria da ermida? Hoxe en día non podemos responder a esa pregunta.

O que si podemos dicir é que no ano 1632 xa se veneraba a San Brais nesta capela de Vilaxoane e a súa reliquia, que se atopaba “dentro de la pared al lado del evangelio con una puerta de hierro y otra reja de hierro y esta dentro de una arquecilla forrada de nacar y claveteado de plata”(Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Foz. Libro de inventario de bens. 1632, fol. 4). Estes últimos datos fannos pensar en que a advocación principal (ou unha delas) desta ermida debeu de ser a de San Brais. De ser a advocación orixinal a da Nosa Señora do Campo, seguramente a outra era á de San Brais, que foi a que prevaleceu ao longo do tempo.

Na visita pastoral, xirada polo bispo don Lois Tello Olivares no ano 1670 á parroquia de Santiago de Foz, xa se nos di que “en dicha feligresia ai una ermita de la avocacion del señor San Blas, que fundo el oidor Saavedra, de que es patron don Antonio de la Varrera; esta bien compuesta y decente”.

Cal era a reliquia que se conservaba de San Brais? 

A esa pregunta responde o párroco de Foz, don Diego de Quindós, aló polo ano 1753, cando nos di que “y dentro hay otra caxa de plata en la que esta un pedazo de casco de la cabeza del Santo e yo no tengo la menor duda”.

Quen si o puxera en dúbida fora o bispo frei Antón Alexandre Sarmiento de Soutomaior, que xirando visita pastoral en 1729, mandara que o seu secretario, o mestre de escola mindoniense Vítor López Maseda, abrira a caixa onde se gardaba a reliquia e a amosase para estudala. Como non atopaban a chave da citada arqueta o bispo mandoulle ao secretario que forzase a pechadura, cando comezara co labor, o secretario “a vista del Ilustrisimo Obispo principió a asustarse y temblar de miedo, quedándose tan pálido como un panal de cera. El Obispo, en vista de todo ello, ha dicho se suspendiese el abrirlo, que sin duda no quería el Santo viesen su reliquia”. A continuación, e para previr males maiores, o bispo axeónllase diante da reliquia e comeza a rezarlle.

Quen narra isto era o párroco Diego de Quindós que llo oíra dicir a Francisco Antón de la Barrera (dono da casa grande de Vilaxoane), ao presbítero Agostiño Villapol e ao secretario Vítor Maseda, todos eles estiveran presentes. Este último aseguroulle “que fuera cierto y aun añadio que le pareciera estaba sin vista luego que la tomara en las manos”.

O mesmo párroco Quindós aseguraba que, en 1752, “era tal la devocion que ardia con San Blas, que con cualquier dolorcito que hubiese de garganta todos inviaban a buscar agua tocada con la reliquia”. Tal debía de ser o concurso de persoas que o dono da casa e da ermida, Brais de la Barrera, acabou tirando a chave da caixa que contiña a reliquia pola ventá ata as leiras que se estaban a traballar.

Ao ano seguinte, un home, dos que estaban a traballar a terra, tróuxolle a chave en perfecto estado. Brais de la Barrera entendeu iso como una sinal do Santo para que non impedise que os devotos tocasen a reliquia e así o fixo.

Nada volvemos a saber desta festividade (o que non quere dicir que non se celebrase) ata que no ano 1920, data na que podemos ler na prensa que esta festa se celebraba “mucho jaleio y concurrencia. La banda Do Val amenizó la clásica romería, que es la primera del año en aquel pintoresco pueblo”(El Progreso de Lugo. 1920, 5 de febreiro).

Un novo baleiro documental ata que no ano 1934 o veciño de Vilaxoane, Xosé Cabrera, solicitaba ao concello autorización como encargado de la organización de los festejos cívico-religiosos que en honor de San Blas se celebrarán el día y noche del tres de febrero próximo y en la capilla del barrio de Villajuane y acompañando recibo de haber satisfecho los derechos correspondientes a la Sociedad de Autores”. O alcalde de Foz, Cándido Eijo Maseda, autorizaba “poder sacar la procesión religiosa por los sitios de costumbre después de la Misa de dicha fiesta” (Arquivo Municipal de Foz. Sección de Festas. 1934,30 de xaneiro).

 Ben

    Devota ante a imaxe de San Brais. Vilaxoane. La Voz de Galicia. Pepa Losada.3/II/2020

Novo baleiro documental e nova aparición na prensa, esta vez no ano 1955, na que se daba conta que o día 3 se ía celebrar en Vilaxoane o San Brais “festividad que tantos fieles lleva a la capilla allí enclavada donde tendrá lugar la Santa Misa” (El Progreso de Lugo. 1955, 1 de febreiro)

Polo ano 1970 xa comezamos a ver a man de Suso do Bahía, na súa faceta de xornalista, na publicitación do San Brais “tendrá lugar la primera fiesta del año en Foz. El barrio de Villajuane celebra el San Blas, por cuya capilla desfilará ese día gran cantidad de devotos, para luego, en la parte profana, divertirse con la orquesta “Royalty-Melodía” (El Progreso de Lugo. 1970, 27 de xaneiro).

Tres anos despois volve a dar conta desta festa o noso citado Suso cando, ao falar dela, nos di que, entre outras cousas, es tradicional pasar el pañuelo por el santo y luego por la garganta del creyente, que de esta forma, y acompañándose de una oración, pide al santo le proteja de las enfermedades de las que él es defensor. A la tarde, tras el bien yantar, las gentes se reúnen en el Salón de Corredoira, que en otros tiempos fue concurrida Sala de Fiesta y hoy sólo se abre para festejar al San Blas (El Progreso de Lugo. 1973, 25 de xaneiro).

Na edición do seguinte ano, Suso, danos máis información do baile no salón da Corredoira. Dinos que os actos relixiosos ían ter lugar ás doce do mediodía e, pola tarde do día 3, un baile no local citado amenizado pola orquestra Maseda. Ao día seguinte, novo baile, esta vez a cargo da orquestra Trébol “que rematará con el baile de la escoba” (El Progreso de Lugo. 1974, 30 de xaneiro).

Para sufragar os gastos que ocasionaba a Festa de San Brais levábase a cabo un petitorio porta a porta, supoñemos que moitas veces o recadado non alcanzaba para facer fronte aos gastos, de aí que dende o ano 1982 ata o 1986 se organizase (moitas veces no Hotel Leitón) unha cea baile co gallo de recadar algún que outro diñeiro extra para a Festa.

Ao comezo da derradeira década do século XX a Festa de San Brais continuaba co seu esplendor, acudindo á ermida un bo número de romeiros, entre eles o alcalde focego Manuel María Neira, que aproveita a conxuntura para anunciar que as obras que se levaron a cabo na ermida (novo tellado, picado de cales e rehabilitación das peañas de cantería para as imaxes) tiveran un custo de 1.600.000 pesetas aos que contribuíra a Deputación de Lugo con 400.000. Eu, de ter sido alcalde, diría que o resto (ese millón duascentas mil pesetas) conseguírase gracias ás aportacións populares, que coido que ten máis mérito.

O xornal que recollía a información do alcalde Neira tamén daba conta que os actos do San Brais de Vilaxoane constaban de misa, procesión, “momento en que los fieles aprovecharon para postrarse ante el  santo con su hogaza elaborada con masa, pasas y almendras pidiéndole salud para is y sus seres queridos” (La Voz de Galicia.1994, 4 de febreiro). Non podemos esquecer o poñer o santo tanto aos que acoden á ermida como aos veciños do barrio enfermos; ademais diso, as persoas encargadas da festa eran as que tamén tiñan a labor de “recorrer las casas de las personas imposibilitadas de la parroquia, para llevarles el pan bendecido”. Despois dos actos litúrxicos, e xa pola tardiña, no antigo baile da Corredoira, rebautizado como Xoíña, o habitual baile, con entrada gratuíta.

Descoñecemos (pero prometemos investigar) si nun principio cada persoa devota levaba o pan de San Brais, que elabora ela nas súa casa, ou ben o mercaban na ermida. O que si temos claro é que os organizadores da Festa viron enseguida, e con bos ollos, que a venda deses pans de San Brais podían axudar a paliar os gastos da festividade. En 1997 poñían á venda un millar destes pans, cantidade que resultou, completamente, insuficiente. Ao ano seguinte poñíanse á venda “2.000 bollos de leche con almendra, pasas y anises que cada año se preparan para la ocasión”; esta vez, como novidade, “se pusieron a la venta 200 pañuelos que llevaban grabada la imagen del santo” (La Voz de Galicia.1998, 4 de febreiro).

Esta edición da Festa tivo lugar despois dunhas eleccións municipais bastante disputadas e controvertidas, chegando a un enfrontamento, verbal, entre o antigo alcalde, Manuel María Neira, e o actual rexedor, Xosé María García Rivera. Ambos prometeran, publicamente, levarse ben con motivo da festa e o xornalista anota que “San Blas es testigo de que cumplen su promesa de llevarse bien”, ilustraba a noticia unha fotografía de ambos alcaldes (anterior e actual) sentados en primeira fila.

    Pans de San Brais e pasar o pano ante o Santo. Xaime Ramallal. La Voz de Galicia. 2/II/2024.

Si en 1998 se vendía un total de 2.000 pans de San Brais, ao ano seguinte descendíase ata 1.500, que tiñan un valor de 125 pesetas (0.75€). Entre os anos 2012 e 2014 vendéronse un total de 3.000 pans en cada unha das edicións da Festa.

Deixamos aquí o artigo, conscientes de que ao ano seguinte, e con motivo dunha nova edición do San Brais de Vilaxoane, deberemos de cubrir esta festividade que tanto arraigo ten no noso concello.

 

sábado, 18 de enero de 2025

PRECURSORES DA FUNDACIÓN BENÉFICA MARTÍNEZ OTERO.

 


Cando pensamos en filántropos focegos ímonos sempre ás figuras do matrimonio formado por don Eliseo Martínez Pillado e por dona Pilar Otero Pillado.

Certamente, foron os grandes filántropos focegos, pero non son os primeiros. Neste artigo non imos abordar aos referidos esposos – pois merecen, tanto eles como o seu legado, un artigo aparte – senón que estudaremos ás persoas que os precederon nesa labor filantrópica.

A Fundación Martínez Otero, creada por este matrimonio, tiña como fin construír e manter dous centros: un benéfico (Asilo de Anciáns) e outro benéfico-docente (o colexio masculino Martínez Otero). Seguramente algún lector, ou lectora, pensen que me estou a esquecer do colexio feminino Virxe do Pilar, pero non é así. Esta última creación non aparece nos testamentos realizados polo matrimonio, nin no do ano 1904, nin no do ano 1905, nin tampouco no redactado en 1909; non será ata o testamento que dona Pilar Otero outorga no ano 1925 en que apareza este colexio. Centro docente que aparece condicionado á existencia dun remanente económico.

O colexio Martínez Otero ten unha serie de fincas adscritas a el, fincas que se alugarían e o que rendesen sería invertido no centro docente que debería de ocupar a casa na que vivía o matrimonio.

O Asilo de Anciáns tamén contaba cunha serie de fincas adscritas ao seu mantemento,  en maior número, en previsión dun maior gasto. No testamento do ano 1925, dona Pilar manda que, tan só en caso de sobrar cartos do Asilo, estes se empreguen na creación do colexio feminino, que estaría situado na casa que recentemente mandara construír o matrimonio na praciña de Foz (edificio no que na actualidade está a Casa da Cultura). Máis tamén, no mesmo testamento ordena que, en caso de que o Asilo necesitase todos os fondos, “con todo el dolor de mi corazón”, se suspenda a creación dese segundo centro benéfico-docente.

A idea de fundar un asilo no que se recollesen as persoas maiores, principalmente as naturais dos concellos de Foz e Barreiros, que non tivesen recursos económicos era novidosa en Foz, este centro benéfico era o primeiro que se ía levantar no noso concello, pero non era a primeira fundación dese carácter na Mariña.

Se miramos moi atrás no tempo veremos que a rede de hospitais existentes na Mariña cubría en parte esa función.

Nos hospitais de Ribadeo ( fundado antes de 1531),  no de Arante (entorno a 1520), de Lourenzá (con documentación xa no século XII) ou de Mondoñedo ( con anterioridade a 1233); ademais do de San Martiño de Mondoñedo (antes de 1531), o de Lieiro (1641), o de Celeiro (antes do século XVI) ou Viveiro (século XIII) acolléronse pobres, peregrinos, persoas enfermas da parroquia e xente maior desprotexida. Polo tanto, a idea de buscar un lugar onde acoller aos maiores desprotexidos estaba moi presente, ao longo da historia, na Mariña.

Esta idea de asilar a esa xente maior desprotexida vémola patente na fundación realizada por Xosé María Pardo Montenegro e a súa dona Micaela Romero, que cedían, o 3 de xuño de 1899, os terreos e o edificio para a creación do Asilo de Anciáns da Virxe dos Remedios, que sería rexentado pola orde das “Hermanitas de los  pobres y desamparados”.

En Viveiro aparece outro asilo, esta vez da man de Bieito María Galcerán Mosquera “antiguo alcalde de la ciudad, cuyos albaceas, los hermanos López Vilar, cumplieron su voluntad de vender y destinar el producto de toda su herencia para obras de caridad, promoviendo a partir de 1900 la creación del asilo... ubicado en un solar en la margen izquierda de la ría, en el lugar de Machuco, las obras comenzaron en 1901, produciéndose en mayo de 1903 la apertura de este asilo, que fue demoido en 1974 para dar lugar a la actual residencia[1].

O Asilo da Nosa Señora do Carme de Foz, produto da Fundación Martínez Otero,  inaugúrase no ano 1933, sendo rexido pola mesma orde que o realizaba en Mondoñedo.

O noso sempre ben querido Antón Niñe dedícalle un libro a este edificio (Asilo da Nosa Señora do Carme. A súa historia. Foz. Publicado no ano 1997), cuxa lectura recomendamos para entender o que foi para Foz este centro de beneficencia.

Comete Antón Niñe un pequeno erro á hora de situar a localización deste asilo. O citado autor confunde o desexo dos fundadores co asentamento final do edificio. Sinalaba Antón que no testamento dos fundadores (Martínez Otero) figuraba que o asilo debería construírse no lugar do Campón, na vila de Foz, a carón da estrada. Antón dinos, e aí a súa confusión,  que no lugar elixido polos fundadores, e actual localización, “encóntrase a capela de San Xoán Degolado”.

Certamente esta capela estaba no lugar onde se constrúe o asilo, pero non onde pensaban construílo os fundadores. Permítanme explicar, moi por riba, este tema.

Nos testamentos outorgados por ambos esposos no ano 1904 podemos ler como deixaban “las tres casas unidas que posee en la villa de Foz, a la situación del Campón, en el kilómetro 23 de la carretera de Rivadeo a Vivero, para establecer un Asilo benéfico de pobres desamparados, bajo el cuidado de la caritativa asociación denominada Hermanos de los pobres, y no pudiendo realizarse esto, quiere se funde un asilo en la propia situación del Campón, en Foz, con personal decente y docente, para la educación, dirección y enseñanza de jóvenes adultos del mismo pueblo de Foz y sus limítrofes, así como igualmente, para la de los pobres desamparados, que deben ser también del distrito de Foz y aún del inmediato de Barreiros; prefiriendo los más desvalidos”.

Posteriormente, nos testamentos de 1909, estipulaban que nome debía de ter a fundación benéfica “fundar en la villa de Foz un establecimiento benéfico para acoger a ancianos desamparados con el nombre Asilo del Carmen”; agregando a esta doazón  el terreno que está frente y a la parte de abajo de dichas casas, carretera en medio, lindante con la calle  publica por sur y este, tambien de la propiedad del testador”.

Onde estaban esas tres casas que deixaban para a creación do Asilo? Dende logo non en Marzán, esa localización será posterior, pois o desexo dos testadores era que “El Asilo del Carmen será establecido en el edificio que se construya donde hoy existen, en la carretera de la costa, las tres casas contiguas, propiedad de los finados y que actualmente ocupan Telégrafos y la Guardia Civil, con la conocida industrial doña Soledad Correa, y queda dotado con todos los muebles, ropas y enseres pertenecientes a los donantes, con el producto de la venta en pública subasta de los forales que por herencia les pertenecen en Villalba y Villameá y con el valor de la venta de las casas que la testadora posee en Coruña, calles Real y Galera. Todo este capital, será invertido en valores o títulos de deuda pública nacional. Con los intereses de estos valores se atenderá al sostenimiento del Asilo y del Colegio de Nuestra Señora del Pilar, procurando conservar íntegro el capital para que estas fundaciones benéficas perduren en todo tiempo, pero dando siempre preferencia al Asilo” (Heraldo Gallego 3 de maio de 1925).

O Asilo de Anciáns de Foz, de ter seguido ao pé da letra o desexo dos fundadores, estaría levantado no centro de Foz, no lugar que hoxe ocupa o supermercado Gadis, a farmacia de Fátima Maañón e a casa á esquerda da citada farmacia. Por que o levantaron en Marzán ? Iso é algo que aínda nos queda por explicar, pero debemos de agardar a información necesaria.

A creación dos dous colexios, tanto o feminino como o masculino, era o desexo dos fundadores, aínda que máis dunha que doutro, pero non eran as primeiras escolas fundadas en Foz gracias á xenerosidade de certos filántropos, tal e como veremos.

Se consultamos o Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1908, 5 de maio) poderemos ler unha relación das escolas e centros de beneficencia creados, por fundación particular, en toda a provincia.

Se nos fixamos detidamente nas fundacións da Mariña veremos que se mencionan as seguintes:

Alfoz: Escola fundada por Xosé Cayón o 6 de marzo de 1777. Existía tamén a fundada o 21 de outubro de 1792 por Bartolomeu Mosquera.

Barreiros : Escola fundada nesa parroquia o 13 de marzo de 1709 por Felipe de Soto.

Foz:  Escola de Fondós, fundada o 23 de outubro de 1749 por Pascual Villapol. Escola de Xinzo, en Vilaronte, fundada o 3 de decembro de 1847 e a escola de San Acisclo, fundada o 21 de agosto de 1790 por Xoán Arias Díaz.

Lourenzá: Escola fundada o 22 de maio de 1646, por frei Manuel de Villaroel. Escola fundada por Antón de Vivero e María Ventura de Aguiar no ano 1743.

Ribadeo: Existía unha escola fundada polo cura párroco e os veciños e outra fundada, o 23 de decembro de 1807, por dona Luisa Cela.

Trabada: Antón Díaz Maseda fundaba unha escola no ano 1717.

Viveiro: Colexio de latín e teoloxía fundado, o 11 de xullo de 1563, por dona María Sarmiento Ribadeneira. Ademais da escola fundada por Antón Pernas Martínez o 18 de setembro de 1897.

Agora ímonos centrar na realización dun estudo, moi somero, das escolas fundadas no concello de Foz por particulares.

ESCOLA DE FONDÓS, FOZ.

Fernando Villapol Parapar publicaba no 2022 un libro titulado “Ciencia e conciencia. Historia social”, nel, e entre as páxinas 274 e 279, aparece a fundación realizada por Pascual López Villapol  que acabará sendo coñecida como a Escola de Fondós.

Segundo Fernando Villapol, o protagonista desta fundación nacera na parroquia de Santiago de Foz o día 8 de abril de 1697, era fillo de Roque López Villapol e María López.

Na estudo que realiza da árbore xenealóxica dinos, nota curiosa, que seu  bisavó era Pedro Alonso de Fondós, natural da parroquia de San Cosme de Barreiros, de igual maneira que o pai de Eliseo Martínez Pillado, o escribán Francisco Martínez nacera en San Cosme.

Marcha Pascual a Lima a traballar como almaceneiro e alí casa dúas veces, tendo unha filla do seu segundo matrimonio.

Páxina 277 dinos Fernando que o  día 23 de outubro de 1749, ante notario limeño,  creaba a Fundación Escuela de Fondós; á  que destinaba a cantidade de 250 dobróns, de 16 pesos cada un, que envía dende Lima a España polos navíos La Castilla y La Europa.

Fernando dinos que no testamento do rexedor mindoniense Xoán Bermúdez de Villapol (el di que é do 15 de xaneiro de 1653, visible erro de transcrición, pois Pascual nace en 1697) se pode ler “y también declaro que en mi poder entraron sesenta y ocho mil reales para una fundación de escuela de niños, que mandó hacer don Pascual Villapol, natural de la feligresía de Santiago de Foz y actualmente residente en la ciudad de Lima, reino de Perú, para los hijos de dicha feligresía y más vecinos y vecinas, la que hasta ahora no ha podido tener efecto sin embargo de que se haya rematada su obra en catorce mil setecientos reales y comprados materiales con ánimo determinado de darle principio en este presente año, para cuya cuenta tengo entregado cinco mil reales a las personas en quienes se remató dicha obra”.

Das dimensións do edificio e dos contratempos que experimenta a escola falaremos noutro artigo dedicado, integramente, ao tema das distintas escolas focegas.

 

OBRA PÍA DE VILARMEA, FAZOURO.

No xornal La Voz de Galicia(1915, 22 de marzo) Lence Santar escribía un artigo sobre filántropos galegos, mencionando, entre eles, a Francisco Xosé de Cora e Miranda, natural da parroquia de Lieiro pero aveciñado na cidade de Mondoñedo, onde exercía como escribán.

Escribe Lence que no testamento deste home (12 de marzo de 1803), aparece a fundación dunha escola en Villarmea, parroquia de Fazouro, “para la enseñanza de niños y niñas en las primeras letras, escribir, contar, saber con inteligencia la Doctrina Cristina, confesarse y comulgar, oír Misa con intención y devoción.

La dotación consistió en bienes raíces situados en Fazouro, Foz y Nois, que producían treinta y tantas fanegas de todo grano, la mayor parte de trigo. El maestro sería un eclesiástico confesor, de buenas costumbres. El párroco y vecinos de Fazouro darían cuenta al obispo si el maestro no cumplía con sus deberes. El maestro viviría en la casa que el testador hiciera en Villarmea, y la escuela estaría en la casa que se estaba construyendo frente a aquella.

La enseñanza duraría todo el año excepto los meses de Julio y Agosto y Septiembre. Los bienes de la fundación serían administrados por el maestro y estarían siempre indivisibles. El obispo sería el patrono.

El maestro sería pariente del fundador, pero si no hubiese pariente podía ser maestro un vecino de Fazouro, Foz, Nois o de Lieiro.

Y el maestro enseñaría gratuitamente y sin mendigar directa, ni indirectamente la menor cosa a los niños, bajo pena de ser destituido.

Dejó el señor de Cora para los maestros los muebles y ropas que se hallasen en la casa de Villarmea o que perteneciese a ella, que entonces valdrían 300 ducados, imponiendo a los maestros la obligación de reponer las ropas y muebles que se acabasen.

Deja asimismo a los maestros todos sus libros. El señor Cora dispuso también que los vecinos de Villarmea y los demás de la parroquia de Fazouro pudiesen elaborar el vino en el lagar que él construyera junto de su casa de Villarmea, donde antes hubiera más de cinco y entonces solo había aquel. 

Años después, el 25 de agosto de 1819, el señor de Cora y Miranda, otorgó codicilo en Villarmea, por si y ante si, y en este codicilo agregó bienes a la escuela, entre ellos unos molinos inmediatos a la casa de Villarmea; dispuso que se vendiese la lancha matriculada y sus aparejos; dejó una imagen del Ecce Homo para la escuela, y ordenó que se hiciese para ésta la casa”.

 

ESCOLA DE XINZO, VILARONTE.

No Arquivo Diocesano de Mondoñedo, e dentro dos libros sacramentais de Vilaronte, consérvase unha copia do testamento do fundador desta escola; nel podemos ler “don José Alonso Ramos hijo legítimo y de legitimo matrimonio de Don Carlos Ramos y Josefa Blanco y Legaspi, ahora difuntos, vecinos que fueron de la parroquia de San Martín de Mondoñedo, y yo lo soy de este lugar de Ginzo de la de Villaronte”.

No seu citado testamento ordena que entre os pobres de maior necesidade se lles reparta, ao seu falecemento,  a cantidade de 4.000 reais, sendo o cura párroco o encargado de facela lista, mentres que os repartimentos serán realizados polos cumpridores. Así mesmo ordena que se repartan 3.000 reais entre os pobres de San Martiño, 1.000 ós de Foz e 1.000 ós Santa Cilla.

Xosé Alonso casara en primeiras nupcias con Nicolasa  Pillado e en segundas con Antía Basanta, “de las que no tengo sucesion”, o mesmo que lle acontecerá ao matrimonio Martínez Otero.

Por esa razón encárgalle ao seu cuñado, Xosé Corral, que escolla todos os bens necesarios para alugalos ata que produzan “cien fanegas de trigo de renta anual, por  cuenta de los cuales ha de contribuir en cada un año y por los meses de Agosto, Setiembre y Octubre al maestro que enseñe a leer, escribir, aritmética, geometría, ortografía, gramática castellana; doctrina cristiana, nociones de geografía, dibujo lineal, nociones de Historia Sagrada y de España, cuya escuela, tan pronto yo fallezca procurará Corral se establezca en la casa panera que tengo contigua a la casa de mi habitación, dándole el ensanche y longitud necesarios; con doscientos sesenta ferrados de trigo bueno seco y limpio por la medida que actualmente se usa en la ciudad de Mondoñedo y libres de toda contribución y pensión. Además de esta renta destino para el indicado maestro mi anunciada casa de habitación, con el corralón y huerta cerrada contiguos a ella incluso el hórreo, en cuyos tres locales se formará y construirá un patio de la capacidad indispensable para desahogo y abrigo de los niños”.

Asinábase isto o 3 de decembro de 1847.

           

ESCOLA DE SENRA, SAN ACISCLO.

Lence Santar escribía no xornal El Progreso de Lugo (1913, 7de novembro) un artigo sobre a figura de Xoán Arias Díaz. Deste veciño de San Acisclo dinos que outorgara tetamento o 21 de agosto de 1790 ante o escribán de Mondoñedo Francisco Xosé Cora e Miranda (o que, posteriormente fundará a escola pía de Fazouro).

Nese testamento dinos que era fillo de Pedro Arias e María González, que era natural de San Acisclo pero aveciñado en Sevilla, mentres que seu irmán, Xosé Arias, vivía nesa parroquia. Nese documento, segundo Lence, “instituyó por su único y universal heredero a Domingo Arias, su hijo legítimo, al tiempo residente en los Reynos de Indias, sin saber si era vivo o muerto y en caso de que lo fuese y que de él no quedase subcesión legítima, dispuso la fundación de una escuela pía de primeras letras en dicho lugar de Senra, para que en ella aprendiesen los niños del mismo lugar, prefiriendo sus parientes y eligiendo por patrono al motivado José Arias, su hermano, … poco después, enterados de esta fundación Domingo y Jacinto Arias, hermanos de dicho José, acudieron a la alcaldía mayor de Mondoñedo, contradiciendo el establecimiento de la escuela mientras no se hiciese constar de la muerte de dicho Domingo Arias … que hallándose la instancia a prueba, por escritura de 2 de mayo de 1720, ante el escribano Felipe de Legaspi, se transigieron los José, Jacinto y Domingo, acordando que el primero llevase la mitad de los bienes raíces fincables del Juan Arias, así capitales como por él adquiridos, situados en San Acisclo, San Pedro de Cangas y San Julian de Nois. Y  que los Jacinto y Domingo llevasen la otra mitad.

Que nadie intentara poner en práctica la creación de la escuela, fundándose en varios dictámenes, que persuadían no estar obligado a ello, pero que para el mayor sosiego de su conciencia, consultara el asunto con el ilustrísimo señor obispo de la diócesis, el cual acordara la fundación de la escuela.

Que conformándose con lo resuelto por el prelado, era su intención que después de su muerte se estableciese la escuela en dicho lugar da Senra, en la cual se enseñase a los niños a leer, escribir, contar y la doctrina cristiana, sin que se pudiese percibir estipendio alguno de los niños de la parroquia de San Acisclo y de los que fuesen parientes del otorgante y del tío de este Juan Arias.

Dispuso también el otorgante que el patrono de la escuela fuese de los curas de San Acisclo, nombrado por  primer patrono don Francisco Roel y Varela párroco que entonces era de San Acisclo y Santa Cecilia”.

 

Se ben é certo que a maior doazón fundacional que o concello de Foz experimentou foi a que realizaron Eliseo Martínez e Pilar Otero, tamén o é que non foron os primeiros en realizar este tipo de fundacións benéfico-docentes, tal e como levamos visto.

 

 

 

 



[1] Fernández Fernández, Carlos e Sánchez García, Xesús: “Espacios par ael refugio. La asistencia a la vejez y los asilos en Galicia”, SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidade. 2006. Vol. 18, 197.

martes, 19 de noviembre de 2024

A CASA DA MISERICORDIA DE MONDOÑEDO.

 

Don Henrique Cal Pardo, na súa voluminosa obra titulada Episcopologio Mindoniense, ao tratar da figura do bispo mindoniense don Francisco Cuadrillero e Mota destaca, aparte do seu aspecto bondadoso, a caridade practicada, tanto cos monxes franceses chegados a estas costas fuxindo dunha Francia revolucionaria, como cos bebes abandonados para os que crea a Casa Cuna de Mondoñedo e coas mulleres desamparadas dedicadas á prostitución para as que crea a Casa da Misericordia.

Esta casa de recollida de prostitutas quería cumprir dous fins: o primeiro retirar a estas mulleres dese pernicioso oficio e o segundo formalas nun emprego, para que, ao abandonar a citada casa puidesen atopar un traballo alleo ao que viñan realizando.

Esta fórmula tamén se intenta implantar en Ferrol[1], un 20 de agosto de 1783, cando o alcalde, Manuel álvarez Caballero, retomaba a idea, formulada previamente por Xosé Cornide, de crear un hospicio no que recoller aos vagabundos e prostitutas e formalos laboralmente. Buscaba o alcalde a participación do bispo Cuadrillero, pero o exiguo caudal económico do prelado nese momento impídelle participar nel.

Como se trataba ás prostitutas nese Ferrol de mediados do século XVIII?

Na obra que empregamos como base cóntannolo (Martín García, 2004:346) empregando o relato, en primeira persoa, do viaxeiro inglés William Dalrymple, o que, estando en Ferrol contemplaba a escena da expulsión de varias mulleres acusadas de exercer a prostitución “vi echar de la villa a son de tambor a quince mujeres de  mala vida; estaban sentadas en una escalera que llevaban los hombres horizontalmente a hombros, llevaban afeitada la cabeza y las cejas”.

En 1783 o alcalde de Ferrol informaba ao bispo de Mondoñedo ter sentenciado a un grupo de mulleres a vergoña pública e a seis anos de reclusión.

A casa da Misericordia de Mondoñedo estaba instalada nunha fábrica de olandillas ( un tipo de tela confeccionada) que don Lois López Lombardía levantara no barrio mindoniense de San Lázaro aló polo ano de 1740. O bispo Cuadrillero mercará á viúva de Lombardía o citado edificio por 90.000 reais (Cal Pardo, 2003:814) para crear nela a citada casa de acollida.

A de Mondoñedo, tal e como acredita Martín García (2004:348) seguía os mesmos patróns existentes noutros establecementos similares (casa da Galera en Santiago de Compostela ou a Casa de Misericordia de Madrid). Tratábase dun centro que combinaba a reclusión, porque estaban recluídas forzosamente, co aprendizaxe dun traballo que, tralo abandono da reclusión, lles permitise reinsertarse na sociedade e poder vivir sen ter que caer, de novo, no oficio da prostitución. “Durante su estancia en la casa, las mujeres estaban bajo la autoridad de un matrimonio de intachable conducta moral y se les introducía en el aprendizaje del hilado y tejido... El planteamiento de su fundador con este establecimiento era que, una vez cumplida la pena, las muchachas pudieran reintegrarse a la vida en la villa, bien accediendo al matrimonio o bien empleándose como criadas. El propio prelado se congratulaba, en una carta dirigida al alcalde mayor en septiembre de 1783, de que los buenos efectos de esta casa se han experimentado por la reforma de vida de muchas que salieron para tomar estado de matrimonio o para servir con fidelidad y satisfacción de sus amos. Cuadrillero abogaba por evitar que entrasen en ella las reincidentes pues su mal ejemplo podía pervertir a las demás”.

Sobre esta fundación nada máis sabíamos. Descoñecíamos o número de mulleres atendidas, nin o tempo de estadía e, moito menos, o nome dalgunha delas. Pero, de vez en cando, as musas da historia teñen a ben outorgar agasallos.

Esta vez foi nunha busca que levamos a cabo no libro de entrada e saída de enfermos do hospital de San Paulo de Mondoñedo cando nos atopamos con varias mulleres que entraran no citado centro asistencial; nada estraño por outra parte.

Entre os días 28 de xuño de 1782 ata o 6 de marzo de 1784 localizamos un total 13 ingresando no hospital procedentes da Casa da Misericordia. Nada especial, polo menos nun principio.

Para o ano 1782 localizábamos a unha muller, María Teresa Figueroa, da parroquia de Santiago de Lugo, que permanece ingresada 13 días.

Ao ano seguinte, 1783, entraban dúas mulleres:

Xosefa Fernández, natural de Bacoi e de 23 anos de idade, permanece 10 días; filla de nai solteira, Xoana Fernández, veciña de Bacoi, “no supo dar razón de su padre”. Realmente non quixo dar razón de quen era seu pai, porque ela tiña que sabelo, como imos saber nós.

Si era veciña da parroquia de Bacoi e tiña 23 en 1783 tivo que nacer en 1760. Así é, o cura párroco de Bacoi bautizaba, un 23 de abril dese ano, a unha filla de “María Juana Fernandez, soltera, al presente vecina de esta dicha parroquia de Bacoi y oriunda de San Martin de Mondoñedo y de Joseph Marful da Estrella, soltero, vecino de San Martin de Mondoñedo, segun sentencia y espontanea que se me esibio”.

Manuela Lodeira, natural de Sobrado dos Monxes; tras 15 días abandona o hospital. Filla de matrimonio lexítimo, pero seus pais faleceran ambos.

Os datos curiosos comezan a aparecer no ano seguinte, datos que nos dan unha visión, inequívoca, da situación que vivían esas mulleres, probable maltrato físico, na Casa de Misericordia.

Neste ano de 1784 vemos que entran no hospital un total de 10 mulleres, incremento substancial que chama poderosamente a atención. Nun primeiro momento coidamos que se trataría dun accidente, pero, inmediatamente, comprobamos que era outra cousa.

María Valcarce, natural da parroquia de San Nicolau de Vilafranca do Bierzo,filla lexítima e seus pais semellan estar vivos. Entraba o 7 de xaneiro e fuxía, escapando por unha ventá, sete días despois.

Podería tratarse dun feito illado de non ser porque nos meses seguintes prodúcense dúas entradas grupais de mulleres da Casa da Misericordia no hospital de San Paulo.

     Fotografía facilitada por Abel Vigo García, a quen lle agradecemos o detalle.

A primeira delas é o 18 de febreiro, data na que entraban 5 mulleres. Destas  cinco tan só Francisca López, da parroquia de Rúa (filla lexítima e pais defuntos) e Antía Fernández, da parroquia de Bendia (filla natural de don Xoán Saavedra), quedan ingresadas no hospital.

As tres restantes son:

Marta Valcarce, de Vilafranca, e irmá da muller escapada a principios de ano.

Estebana Vidal, de San Pedro de Talla (Santiago de Compostela e pais defuntos).

Xosefa García Villaronte, esta última de Mondoñedo (filla de matrimonio lexítimo e pais vivos).

A tres escapan do hospital, a de Mondoñedo o día 26 de febreiro e as outras dúas o día 1 de marzo.

O día 6 de marzo de 1784 entraba outro grupo de 4 mulleres, das que non se aporta a veciñanza. Dous días despois, o día 8 de marzo, todas elas escapan do hospital.

Moitas interrogantes nos xorden agora, moitas delas relativas ás condicións laborais existentes nesa Casa, ás condicións de vida e persoais polas que pasaban esas mulleres. Mulleres que preferiron escapar cara un futuro incerto e perigoso, senón mortal, antes que seguir vivindo onde estaban.

A Casa da Misericordia de Mondoñedo foi unha boa idea que saíu, como moitas, mal.

 

 

 

 



[1] Para o estudo do fenómeno da prostitución dezaoitesca  véxase a obra que nos sirve de base  Martín García, Alfredo (2004): “Prostitutas, pobres y expósitos. Marginados y excluídos en el Ferrol de finales del Antiguo Régimen”, Semata, 16 :  333-355.

 

LUCES E SOMBRAS SOBRE ELISEO MARTÍNEZ PILLADO.

 

Neste mes de decembro do 2024 terá lugar o primeiro centenario do falecemento de Eliseo Martínez Pillado; por esta razón coidamos necesario publicar unha serie de artigos encamiñados a dar luz sobre esta figura e a da súa esposa Pilar Otero Pillado.

Antes de comezar co tema deste artigo compre explicar, en primeiro lugar, cal foi a impronta que este matrimonio deixou no pobo de Foz.

Tal vez, as novas xeracións descoñezan a estes persoeiros, pero, seguramente, se collen o primeiro apelido de cada un deles verán que forman Martínez Otero; inmediatamente chegarán á conclusión que estamos a falar dun dos colexios privados existentes en Foz, non erran, pero quédanse escasos porque eses dous apelidos dan nome á Fundación Martínez Otero que engloba os dous colexios privados focenses ademais do asilo de anciáns que, a pesar de estar pechado hoxe en día, acolleu a centos e centos de persoas sen recursos.

Este matrimonio sen fillos, pero con descendentes directos pois tanto el como ela tiveron sobriños e irmáns, decide doar os seus bens raíces, mobles e monetarios para a creación da Fundación Martínez Otero, tal e como iremos explicando ao longo desta serie de artigos, da que se beneficiarán un bo número de nenos e nenas focegas, así como anciáns desamparados.

Máis sobre este matrimonio tense construído edificio baseado en falacias, mentiras intencionadas, erros repetidos ao longo do tempo que deron como resultado unha imaxe bastante distorsionada da que, en realidade, tiveron.

Ao longo do século que vai dende o seu falecemento ata hoxe en día fóronse vertendo, e transmitindo oralmente, unha serie afirmacións erróneas (descoñecemos si intencionadamente ou non) que neste artigo intentaremos corrixir.

Sobre o matrimonio, pero en especial sobre Eliseo Martínez Pillado tense dito que:

1.       Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.

2.       Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.

3.       O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.

Na consciencia de que seguramente se dixeron moitas máis cousas sobre este matrimonio intentaremos corrixir as tres anteriores.

Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.

Temos escoitado que Eliseo Martínez prestaba cartos cun alto interese para mercar o gran necesario para a semente ou mercar certas propiedades, tamén se nos dixo que cando ías pagar, en tempo e forma, el convencíate de que non corría présa, que empregases os cartos en comida para os teus fillos. Tamén se oe que cando ías pagar el, curiosamente, non se atopaba na casa nunca, pero cando o prazo legal para pagar pasaba, entón si que aparecía para quedarse coas fincas que se empregaran como aval do préstamo. A bondade recibida cando se lle ía pagar en tempo transformábase en ansia propia dunha rapaz cando o tempo transcorrera.

Practicou Eliseo Martínez a usura? Pois non sabería responder a esta pregunta, polo menos ata que apareza documentación que acredite ou desminta o afirmado na pregunta.

Probablemente practicara a usura, ou non, iso, polo de agora non o sei. O que si sabemos é que non se fixo rico con esas prácticas pois el herdara a riqueza de seu pai.

Seu pai, Francisco Martínez del Río, escribán de profesión, fillo doutro escribán, Antón Martínez, aparece no ano 1848 (contaba Eliseo Martínez con seis anos) como o maior contribuínte de todo o concello de Foz. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1848, 13 de decembro) así nolo di pois na relación de maiores contribuíntes aparecen: Francisco Martínez del Río, de Foz, pagando 1.548 pesetas; Antón Fernández, de Foz, pagaba 1.076; Francisco Mon, de Santa Cilla, 1.057; AntónPillado, de Nois, 913; Xosé Alonso Ramos, de Vilaronte, 861; Xaquín Fernández Pedrosa, de Fazouro, 743; Francisco Legaspi, de Santa Cilla, 496; Andrés López, de Foz, 472, Xosé Maañón, de Foz, 452; Manuel Louredo, de Cangas, 409; Nicasio Solveira, de Nois, 405 e Ramón Legaspi, de Santa Cilla, 404.

Nese mesmo ano de 1848, e para oficiar os actos fúnebres polo falecemento da súa esposa, Francisco Martínez “convocó a toda la clerecía del pais para solemnizar sus funebres funciones y acudieron treinta y uno, incluso el parroco que las celebraron segun el rito”. Poder pagar a asistencia de 31 sacerdotes, ademais de ordenar un cabodano coa participación de 10 sacerdotes, descargar mil misas pola ánima da súa esposa e doar mil reais aos pobres xa nos está a falar dunha posición económica bastante desafogada.

Situación da que fai gala cando o párroco de Foz, don Fruto Xosé Sarceda, lle pregunta, pasados dous meses do falecemento, si xa se dixeran as misas, Francisco Martínez presenta os recibos de ter dado todas as misas encargadas “advirtiendo qu elos 2.000 reales que ofreció dar de limosna, los elevó a 3.962”.

Mencionada posición que lle permite mercar entre os anos 1849 a 1861 un amplo número de propiedades, tanto rurais como urbanas.

No ano 1865, na lista composta polos cincuenta maiores contribuíntes de provincia de Lugo por territorial, aparecen dous homes en Foz: Francisco Martínez del Rio e Francisco Antón Pillado, dito doutra maneira, os maiores contribuíntes son o pai de Eliseo e seu avó materno. En 1871, nesa lista de cincuenta maiores contribuíntes da provincia, por territorial, volve aparecer Francisco Martínez, co número 34.

Esta desafogada posición económica é a que lle permite a Eliseo poder estudar en Monforte (1854-1867), posteriormente en Santiago (1860-64) e, finalmente, na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid (1964-65). Tres anos despois de rematar os estudos, entre 1868 e 1871, rexentará o cargo de administrador de rendas do fielato de Foz. Entre 1879 a 1882 e 1894 a 1897 ocupará o cargo de alcalde, así como o de deputado provincial. Descoñecemos o que cobraba por exercer este último cargo pero sabemos que no ano 1888 (El Eco de Galicia, 13 de febreiro) doara aos presos do cárcere de Ribadeo a cantidade de 120 pesetas, o equivalente ás dietas do mes de decembro do ano anterior.

No primeiro testamento outorgado por Eliseo Martínez, deixalle á súa dona todos os bens que mercasen durante o matrimonio, ademais de  los correspondientes de sus recordados señores padres que radican en dicho partido de Mondoñedo y en los de esta capital (Estase a referir á cidade da Coruña), Rivadeo, Vivero y Villalba”, polo tanto xa tiña unha riqueza adquirida por parte familiar.

Amosa tamén a súa riqueza cando, tal e como se recolle na prensa (Correo Gallego, 1899, 31 de outubro), paga do seu propio peto os gastos ocasionados polas obras da traída de auga para o barrio de Marzán (Foz).

Queda logo claro que Eliseo xa herdara riqueza, que el incrementará cos seus negocios e polo seu matrimonio con Pilar Otero.

Non necesitaba da usura para facerse rico, xa o era; aínda que iso non quere dicir que non empregase a usura nos seus negocios.

Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.

Tampouco é correcta esta afirmación.

Se alguén se toma a molestia de consultar a relación testamentaria deste matrimonio verán que realizaron cinco testamentos: o de 1880, 1904, 1905 e 1909 cada un o seu e o de 1925, realizado por Pilar Otero trala morte do seu marido.

O primeiro é un testamento convencional no que o marido lega sobre a esposa e viceversa.

No de 1904 xa se menciona unha doazón de 12.000 pesetas para os pobres, cada un dos esposos, polo tanto son 24.000, cantidade considerable.

No testamento do ano 1904 xa aparece o desexo de fundar un asilo para pobres desamparados en Foz, aínda faltaban 20 anos para o seu falecemento. No do ano 1905 aparte do asilo xa aparece un colexio de nenos. Ambas fundacións perfílanse, dunha maneira máis clara, no testamento do ano 1909. Aínda lles faltaban 15 e 16 anos, respectivamente, para falecer; polo tanto o desexo de crear unha Fundación benéfico-docente en Foz, por parte deste matrimonio, non responde ao desexo, de última hora, de expiar polos pecados cometidos senón que era un desexo que tiñan ambos e que irán perfeccionando nos distintos testamentos que outorgan.

A única fundación de última hora é o colexio de nenas da Nosa Señora do Pilar, que aparece no testamento de 1925 e condicionada a súa construción á existencia de sobrantes, ou non, do asilo de anciáns desamparados.


O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.


Tampouco é certa esta afirmación se temos en conta os distintos testamentos.

No redactado en 1904 estipulan ambos contraentes o seu desexo de ser amortuxados “con el hábito de San Francisco, en caja de madera, cubierta de bayeta negra y sin lujo, ni pompa, ni adorno alguno. Que se le dé sepultura cristiana en el cementerio de la parroquial de Santiago de Foz, en el punto ya designado para el testador, su esposa y familia suya colocando las cruces respectivas, con sus correspondientes inscripciones” o que nos fai pensar en que ían ser soterrados en terra.

Designan o único cemiterio existente, o que estaba a carón da igrexa parroquial, porque o cemiterio do Pico do Castro aínda estaba o proxecto en estudo. Proxecto que compartían e no que deciden participar doando a cantidade de 10.000 pesetas “destinadas a la construcción de un cementerio en la villa de Foz, y lega, además, el terreno que fuese preciso y conviniese hacerlo en alguno de su propiedad. Dispone se haga un panteón sencillo, para que en el descansen los restos de su esposa, Doña Pilar Otero, los suyos, los de sus padres, los de su hermano ... Si el testador, o su esposa, falleciesen fuera de la villa de Foz, quiere y solicita de sus cumplidores trasladen los restos de donde hubieren sido sepultados sus cadáveres al cementerio de Foz y al panteón indicado”.

Polo tanto eles contaban, mellor dito, desexaban, ser soterrados no cemiterio de Foz. No testamento de 1909 estipulan que, en caso de non estar establecido legalmente o cemiterio que lles dean sepultura no de San Cosme de Barreiros, onde tiña Eliseo nicho familiar.

Descoñecemos cal foi a razón pola cal Eliseo e o alcalde de Foz, Reimunde Acevedo, se enfrontaron polo tema do cemiterio; o certo é que nun principio estiveron xuntos na elección dos terreos pero, posteriormente, acabaron enfrontándose.

Quedan estas palabras escritas aquí para desmentir, cando non erradicar, esas historias que pasaron oralmente de xeración en xeración ata converterse nunha lenda negra que se cerne sobre este matrimonio.