Os pobos que
vivimos a carón do mar sabemos que este non é algo que nos separe senón que nos
une, de aí que os notarios ribadenses chegasen a afirmar nos seus escritos
oficiais que aquela o aqueloutra terra de Ribadeo lindaba con Inglaterra “mar
por medio”. O mar foi durante moitos anos o medio de comunicación para todos os
pobos costeiros, polo mar chegaban as capturas, as mercancías e o trigo tan
necesario naquelas épocas de fames, pero polo mar tamén chegou a morte, esta
vez da man dos corsarios.
Se ben é certo
que tanto os corsarios como os piratas fan o mesmo, saquear barcos, roubar e
matar, a diferenza entre ambos radica en que uns rouban e matan para eles
mesmos (piratas) e outros para beneficio propio e do pais que defenden. Un
corsario basicamente é un pirata ao que o estado lle permite atacar barcos
pertencentes a nacións contra as que se está en guerra. O nome de corsario
provén do documento outorgado polo rei e que os autorizaba a asaltar barcos
inimigos, esta era a famosa Patente de
Corso.
Se consultamos
o libro de actas das Xuntas do Reino de Galicia (1599 a 1629) veremos que sobre
o tema dos corsarios dinnos que: “Desde el año 1537 los ataques de los corsarios franceses a las costas
gallegas motivaron el envío por el Consejo de Guerra de un flotilla de defensa,
formada por naves vizcaínas contratadas y pagadas con cargo a la Corona”.
Pero en Ribadeo xa se falaba de corsarios un ano antes de que a súa
presenza aparecese consignada nas Xuntas do Reino. Así nas actas municipais de
Ribadeo, do ano 1536, podemos ler como ante os membros do consistorio presentábase
o mordomo do conde de Ribadeo, don García Sánchez de la Vega , para darlles conta
dunha cédula do rei Carlos I segundo a cal “todos
los lugares de las fronteras e puertos de mar estuvieren apercibidos para
defensa é requirió á los vecinos e moradores de esta villa para asistir á la
defensa é guarda de ella, que haciéndolo así harán lo que deben”(M.
Sanjulián, p. 24 e 25).
Polo tanto en
Ribadeo xa se temía ante a posibilidade de ataques dalgún corsario francés
antes de que a Xunta do Reino tomase conciencia da existencia deste problema.
En 1538 o
escribán ribadense Ares Pardo Donlebún solicitaba permiso ao concello para
armar un barco en corso e atacar aos mencionados corsarios franceses.(Emilio González
López: Siempre de Negro:Galicia en la Contrarreforma ,
ps. 176-177).
Deste mesmo escribán
tamén nos fala Menéndez Sanjulián do que di “y dijo que tenia concertado salir á un navio de guerra francés que
andaba cerca de este puerto robando por la mar y por eso pedia al señor alcalde
y vecinos le favoreciesen con armas y artillería para librarse de dichos
enemigos. Y acordó el concejo que se le diesen los dos pasamuros de Porcillán y
la lombarda pequeña de la Torre
y un barril de pólvora. Y dijo Ares Pardo que toda la artillería que tomase de
la nao francesa que ha de ir á buscar , que daba en fe que la había de dar á la
villa, reservando el mejor tiro que había de ser para el conde, su señor. Nada
se dice del éxito de la empresa del belicoso escribano, que vendía la piel del
oso antes de matarlo.” (M.SanJulián p. 25.)
Nas actas municipais
do ano 1569 tócase outra vez o tema da presenza de corsarios, ante esta
situación a vila de Ribadeo decide armarse:”se
proveyeron de pólvora;mandaron tapiar la puerta de Guimarán y hacer en el
baluarte de Porcillán una tronera gruesa para la lombarda grande y hacer
trincheras y cestones desde Guimarán á Procillán y una casa en la Atalaya para resguardar la
artillería.” ”(M. Sanjulián, p. 40).
Outra medida que toman é pechalas portas da vila
así como colocar vixías e patrullas armadas para custodialas portas pola noite.
No ano 1574, o
7 de febreiro, lese no concello una Cédula Real pola cal se mandaba a esta vila
que se armase en contra dos corsarios que andaban por estes mares.
En 1578
apresan e traen á vila de Ribadeo un barco holandés, do que era
o seu capitán un tal Cornelius, tamén caen presos os membros da tripulación, un
total de 12 homes.(Contreras, Xaime. Santo
Oficio de la Inquisición
en Galicia.1560-1700. P. 611).
No ano 1595 a tripulación da zabra Santa María del Espíritu Santo enfrontouse
cuns corsarios ingleses á altura da bahía de Ribadeo. Tras perder os canóns
comezan un combate corpo a corpo. O investigador Carlos Rovira ao tocar este
combate aporta a documentación do testemuño realizado por un dos membros da
tripulación que sería ferido no citado combate, así como a declaración do armador
da embarcación, Pedro Saenz de Eguiluz,
ao que lle dan unha “cuchillada con un alfanxelos
dichos enemigos yngleses”, tamén resulta ferido un mariñeiro “de un mosquetazo que le dieron en la rodilla de su pierna izquierda”.
Resultan feridos no combate os mariñeiros Juanes de Çamora e Lope de Yrigoyen.
Toda esta pelexa foi para defender unha carga de brea, ferro e outras
mercancías “que esperaban cambiar en el
reino de Andalucía por higos, vino y otros bastimentos” (Rivola, C.: A alfanje y pistola. Ficción, figuración y
realidad en el corso y en la piratería en la costa vasca. Siglos XVI – XIX)
Estas son unhas breves notas sobre a presenza de corsarios en Ribadeo no
século XVI, en posteriores artigos veremos como o número de barcos corsarios
aumenta atopándonolos por toda a Mariña, incluso en Foz. Do noso pobo temos
dúas referencias a corsarios, unha de mediados do XVII e outra de fins do
XVIII.
Moitas veces as cousas dependen do lado o cristal no que te atopas e se
nos coidábamos que os corsarios ingleses e franceses eran seres horribles non
moito mellor se opinaba de nos no estranxeiro. Lembremos as demandas
presentadas no ano 1325 polo rei inglés, Eduardo III, ante o monarca castelán.
Nelas facíase mención ás continuas desfeitas que os portos ingleses padecían
dos mariñeiros do norte peninsular, o citado rei non dubida en calificar “ como piratas á los de
las rías de Ribadeo, Vivero, Coruña, Noya, Pontevedra y Bayona del Miñor”. ( Santiago y Gómez, Xosé.: Historia
de Vigo y su comarca, p. 169)
No hay comentarios:
Publicar un comentario