Buscar este blog

lunes, 6 de julio de 2015

AS ORIXES DO CONDADO DE FONTAO.



 No boletín da Real Academia de Historia recóllese a solicitude presentada, o día 10 de marzo de 1972, polo concello de Foz para o deseño do escudo municipal, no mesmo artigo, aparte de recoller esta solicitude anotan a resposta dada o día 30 de abril de 1972 por Dalmiro de la Válgoma.

O concello de Foz solicitaba que a organización do escudo municipal fose a seguinte: “De azur – dice – una fragata de plata, vestida, grimpolada, y bandera enarbolada en popa, sostenida de ondas de azur y plata; 1º, de oro, cabeza de lobo, de su color, sangrante y linguada, de gules. El todo, timbrado de corona condal”.[1] O elemento da fragata respondía , segundo os membros da corporación encargada da realización do escudo municipal, a que dende tempo inmemorial en Foz construíanse barcos, “existiendo astillero de cierta importancia y crónica conocida”, supoñemos que esta última nota fará referencia á mención que o licenciado Molina fai sobre o porto de Foz. A comisión avaliadora  recoñece para este elemento da fragata que son “hechos indubitables y, de consiguiente, bien traída su representación a la armería en proyecto”.

O segundo cuartel do escudo, a cabeza de lobo, debíase, segundo os membros da comisión focense, a que Foz mantiña unha vinculación especial e moi próxima co conde de Fontao e coa familia Moscoso. Pero a comisión avaliadora responde “está, de indubitable prestancia local, bien que aquí no se acredite que, aun contando con señoriles bienes en Foz, ejerciese jurisdicción sobre la tierra en que se asienta. Tal circunstancia, al no ser oportunamente aducida ahora, se ha de entender como inexistente, aconsejando que esa referida figura – el lobo – que excluida de dicha armería, así como la corona condal proyectada como timbre del escudo dado que la creación del título del Reino, de Conde de Fontao, en el pasado siglo, carece de conexión histórica – tiénela genealógica -  con los iniciales y alcurniados López de Moscoso, aunque de los mismos procedan los Condes de Fontao”.

Queremos neste traballo facer unha breve incursión xenealóxica polas raíces do apelido Moscoso na Mariña lucense e máis concretamente nos membros desta familia vinculados co condado de Fontao. Abrangue este traballo dende o primeiro destes Moscoso, en concreto Lope Sánchez de Moscoso e remata en Antón Moscoso e Omaña. Somos conscientes de que o título de Conde de Fontao é de moi posterior concesión ao tempo vivido por Antón Moscoso, mais a razón para deternos neste personaxe hai que buscala en que el é a primeira persoa á que se lle concede, por parte do bispo frei Gabriel Remírez de Arellano, a xurisdición temporal, tanto civil como criminal, do termo de Fontao (23 de xaneiro de 1685).

Non pretendemos facer unha árbore xenealóxica da familia dos Condes de Fontao senón, tal e como o título reflicte, queremos amosar as orixes do condado de Fontao.

Para a elaboración deste traballo empregamos como base documental o testamento de Vasco López de Moscoso e o foro recibido por seu pai sobre as propiedades de Vilaxoane, ambos custodiados no arquivo catedralicio de Mondoñedo. Tamén consultamos a árbore xenealóxica presentada por don Xosé María Moscoso de Altamira e Quiroga para obter o título de cabaleiro da orde de Carlos III. Outra fonte documental atopámola na páxina web xenealoxías do ortegal.[2]

ROI SÁNCHEZ DE MOSCOSO.

O primeiro nome que podemos ler na árbore mencionada polo citado don Xosé María Moscoso é Roi Sánchez de Moscoso, que aparece como duodécimo avó seu, no apartado dedicado a este personaxe don Xosé María anota: “denominado el Bravo y de su esposa doña Ynes de Limia, hija de Alvaro Ruiz de Limia y de doña Ynes Sotomayor. Cuyo Rodrigo Sanchez de Moscoso era hermano de Bernal Yañez de Moscoso, señor de la casa y estados de Altamira, arzobispado de Santiago, de la que toman su titulo los Excelentísimos señores Condes de Altamira, sus sucesores”.[3]

Na páxina web www.euskalnet. net   falan deste personaxe do que din “nacido en 1420 y llamado el Bravo, que fue señor de las Casas de Altamira, Ulloa y Monterrey y uno de los más nobles caballeros de su tiempo. Tuvo por esposa  a Inés de Limia (...) murió en la batalla de Nájera[4]. Como se pode apreciar cométese un erro considerable nesta afirmación xa que a batalla de Nájera tivo lugar o 3 de abril de 1367.



ROI SÁNCHEZ DE MOSCOSO  II.
Na citada relación de don Xosé María menciónase como fillo deste Roi Sánchez de Moscoso a outro Roi, que debe de ser o que na páxina euskalnet aparece baixo o nome de Rodrigo de Moscoso y Limia e que dan por casado con Xoana de Castro, filla de Alonso de Castro, señor de Castroverde, e de María de Guzmán. Na citada páxina afirman que Rodrigo era señor das casas de Moscoso, Altamira, Ulloa e Monterrei polo cal nos semella imposible que estivese a exerce-lo cargo co que aparece na relación de don Xosé María “ Regidor que ha sido de la villa de Ribadeo, Provincia de Lugo; y de Doña Elvira Yañez de Montenegro, su esposa”.[5] Como podemos ver aquí xa nin coinciden cargos nin nome da esposa. Pensamos que a relación de don Xosé María debe de ter maior peso xa que para a súa redacción seguro que se empregaron testamentos familiares.


LOPE SÁNCHEZ DE MOSCOSO.

Aparece como décimo avó na relación presentada por don Xosé María, sobre el dise que estaba casado con dona “Ynes Alonso de Rio y Baamonde, su esposa, señora de la casa de Rio, en la parroquia de Foz”.

Na páxina web xenealoxías do ortegal, ao realiza-la árbore xenealóxica dos Moscoso de Fontao, anotan como esposa deste Lope a Inés Alonso de Río, pero noutra árbore xenealóxica, esta vez dos Moscoso de Compostela, anotan como esposa de Lope a Tareixa Pérez.

A documentación apoia esta segunda versión, na que Tareixa resultaría se-la esposa de Lope. Sabemos polas transcricións documentais realizadas polo arquiveiro catedralicio de Mondoñedo que o 12 de maio de 1349 o Cabido afóralle ao matrimonio composto por Lope Sánchez de Moscoso e Tareixa Pérez o castro de Castelo (Cervo) e os Pazos de Cangas.[6]
As investigacións que levamos realizadas fannos supoñer que Lope Sánchez de Moscoso aséntase na Mariña Lucense tras ser nomeado seu irmán Afonso bispo de Mondoñedo.
Trala morte da súa primeira muller, Tareixa Pérez, o citado Lope Sánchez debeu de casar en segundas nupcias con Inés Alonso de Río, señora, tal e como apunta na relación don Xosé María, da casa de Río.[7]




[1] Boletín de la Real Academia de Historia. Tomo CLXXI, nº3, ano 1974. páx. 220 e 221.
[2] Resumo da árbore xenealóxica http://www.xenealoxiasdoortegal.net/ortegal/moscosofontao.htm  extractada esta información do expediente para opter o título de cabaleiro da orde de Carlos III que se pode consultar na seguinte páxina web http://pares.mcu.es/ParesBusquedas/servlets/Control_servlet?accion=3&txt_id_desc_ud=1540006&fromagenda=N
[3] Consulta-la mencionada páxina anterior folio 5 volto. Para un achegamento á familia dos Moscoso en Compostela recomendamos a páxina web http://www.euskalnet.net/laviana/gen_hispanas/moscoso.htm
[4] Ver páxina web euskalnet mencionada na anterior nota.
[5] Documentación extractada da páxina web pares (ver nota 3), fol 5 r e v.
[6] Sobre o foro do castro de Castrelo (1349/12 maio): “bispo de Mendonnedo entendendo que fasemos boa parança de nossa iglesia et de nossos suçesores damos a foro a vos Lopo Sanches et a vossa muller Tereixa Peres por en vossa vida et de vosso fillo qual nomeardes vos ou ela ao tenpo  de vosso finamento o nosso castro de Castelo con todas las suas herdades et casas que ora y estan feytas segundo que o tinna Johan Peres fillo de Domingo Peres de San Cibrao”. Aínda que poida ser máis interesante o foro que se realiza na mesma data pola cal o citado Lopo Sánchez recibe en foro do Cabido mindoniense unha viña e un pazo na parroquia de San Pedro de Cangas: “por quando Domingo Peres de San Çibrao que fuy que tinna aforada a vinna et paaços de noso celeyro de Cangas por çerto foro et leyxou o foro en seu fillo Johan Peres et este Johan Peres non quiso o foro et nos frontou que o reçebessemos por quanto non achava quen lavrar as vinnas do dito lugar por las gentes que desfalesçeron por quanto a vinna nen o lugar non desfalesca damos a foro a vos Lopo Sanches, nosso yrmao et a vossa muller Tereixa Peres por vossa vida et de hun vosso fillo que dela ouverdes qual vos et ela nomeardes a dita nossa vinna de Cangas et os paaços”. Cal Pardo, H.: Tumbos del archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios, nº 923 e 924, páxs. 347 e 348.

[7] Artigas, Pelayo.:  Antiguas familias de Soria. Los Salcedo y los Río, progenitores de los condes de Gómara, en Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos. Ano XXIV, meses Outubro e Decembro. 1920. nº 10, 11 e 12. Páxina 515: “ Los Ríos, según Martel, eran “gente principal y hacendada en la ciudad de Soria” y traían su origen de Galicia “en el solar que llaman Río, que es una casa con su torre en el coto y feligresía de San Martín de Mondoñedo, al cual solar eran tributarios y pecheros todos los vecinos y moradores del distrito, pagando cada uno de ellos, al tiempo de su muerte, al señor del solar, el derecho que llaman de luctuosas, que es la mejor pieza mueble que tenía el difunto, en reconocimiento de vasallaje”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario