Monte Faro.
Se
temos en conta a lenda de San Gonzalo os homes e mulleres deste concello,
aterrados pola presenza dunha imponente armada normanda, saen en procesión de
San Martiño de Mondoñedo, onde estaba a Se episcopal, ata o pico da Grela,
tamén coñecido como A Cruz da Agrela ou Agrelo.
Sen
apartarnos da citada lenda cada vez que o vello bispo Gonzalo se axeonllaba
unha nave normanda íase a pique ata que, unha vez chegados ao pico da cruz do
Agrelo, so quedou unha, á que deixaron fuxir para que espallase a noticia do
milagre.
Non
nos imos meter en se foi ou non certo este milagre, temos defendido, ata a
saciedade, que algo tivo que pasar. Probablemente o que sucedeu foi que
ancorase preto do estuario do Masma unha armada, xa fose normanda ou sarracena,
con intención de atacar e roubar a Se episcopal. Mais non puideron facelo ao
virar o tempo e producirse, de repente, un temporal que obrigou ás naves a saír
a mar aberto, probablemente se afundisen algunhas. Este suceso será contemplado
como algo divino polo pobo que ve no bispo Gonzalo Froilaz ao seu salvador,
razón pola cal será santificado popularmente.
Se
algo me chamou sempre a atención deste milagre foi o paseo que dende San
Martiño fan ata o pico da cruz do Agrelo. Nunca puiden explicarme por qué
camiñan cara o inimigo en vez de fuxir.
Que
había na cruz do Agrelo que os motivase a camiñar cara alí?.
Se
lle facemos caso á lenda ían a contemplar a armada e non tiñan medo xa que con
eles ía San Gonzalo, quen contaba co apoio de Deus para derrubar as naves
inimigas.
Pero
se baixamos do mundo lendario ao terreal probablemente atopemos a solución a
esta pregunta.
A
saída masiva da poboación de San Martiño ao pico da cruz do Agrelo non responde
a unha procesión solicitando a axuda divina senón que saen buscando refuxio.
Sempre pensei que no pico da cruz do Agrelo había algo, tal vez unha
edificación defensiva e de control da entrada da ría, que ofrecía as garantías
suficientes de seguridade. Soben ao Agrelo porque alí había algún tipo de
construción onde poder refuxiarse mentres que non chegaba a axuda militar
solicitada.
A
dúbida quedou aparcada nesta cabeza miña que non para ata que o día 20 de
febreiro do 2011 Manuel Gago chegaba a Foz da man da asociación cultural Mariña
Patrimonio. A charla que imparte na Casa da Cultura de Foz titulábase A
República dos homes libres e nela falaba, entre outras cousas, de normandos e
das fortalezas situadas en montes próximos a cenobios alto medievais. Nese
mesmo día Manuel Gago publicaba no seu blog un artigo titulado Cando as lendas
se volven realidade: O Bispo Santo e o refuxio de San Martiño. Neste artigo
afirmaba que unha das hipóteses centrais da súa historia dos homes libres era
a: “dunha vinculación clara entre os mosteiros altomedievais e
uns castelos situados no monte máis alto e máis próximo ao cenobio; uns castelos que non figuran
na documentación pero están aí, nunha relación máis que evidente”.
Restos da muralla que se atopan no Pico da Lebre. (Fotos Manuel Miranda).
Esta
afirmación foi a que motivara ao presidente da asociación Mariña Patrimonio a
mandarlle unhas fotografías das estruturas que el atopara no Pico da Lebre.
Esas fotografías son as que traen a Foz a Manuel Gago. Na inspección do terreo
ven que hai: “Unha
especie de muralla delimitada por dúas gabias aparecía na parte máis encostada
e máis inaccesible do recinto. ¿Estaría a outra parte, a parte pola que
entramos, máis machacada polas obras forestais? Ensarillado no medio de xestas
e toxos fun seguindo aquela estrutura. E de súpeto pegou a curva.(…)A estrutura
pegou a curva e comezou a rodear o pico da Lebre, aínda que esmorecía e ía
desaparecendo baixo a terra conforme nos aproximabamos á zona máis habitual de
traballos forestais.(…) Si,
por aló beireaba, e complementábase cun muro pétreo moi esmorecido e algunha
estrutura térrea máis. Non só iso: eu pasara por riba dela, inicialmente, e non
a recoñecera. Deume a risa. Pero tamén algo de emoción. Fiquei só, aló, nas
gabias. Por suposto que recoñecía estas estruturas na memoria: son moi
frecuentes nos hábitats altomedievais das Illas Británicas. Estes ditchs que delimitan asentamentos e fortalezas,
moitas veces construídas en madeira. Estaba buscando un castro da Idade do
Ferro, coa súa monumentalidade. Pero isto era outra cousa. Mesmo unha cousa que
parecía proceder unha tradición defensiva non galega.(…). Estes refuxios son outra cousa. Nas Illas
Británicas están moito máis habituados a abrir este tipo de xacementos e saben
velos con máis facilidade. Nós aínda estamos aprendendo.
Camiño polo
alto do Pico da Lebre, forzando os ollos para apreciar o efímero traballo duns
homes hai, posiblemente, máis de mil anos. Un refuxio feito con rapidez,
asentado con gabias que fan as sortes de foxos. Buscamos, procuramos, as
pegadas do medo na terra. Se cadra o refuxio ao que se dirixía, nas primeiras
versións da lenda, o bispo Gonzalo coa súa grei de Foz e Mondoñedo a gardarse
dos piratas.(…). O
Pico da Lebre a min non me parece exactamente un castro. O patrón da muralla é
totalmente diferente aos castros que coñezo da Mariña (tanto in situ como en
investigacións), e si me encaixa nun momento máis serodio, máis coxuntural,
máis temeroso, máis efémero”.
Neste
artigo podemos fornecer documentalmente a teoría de Manuel Gago. Resulta
innegable que no Pico da Lebre existen restos dunha estrutura defensiva que o
rodea. A base da estrutura é de pedra mentres que o resto, as empalizadas e as
construcións interiores, serían de madeira, feito que explicaría a nula
existencia destes restos.
Hai
dous documentos de finais do século XI que nos poden aclaran un pouco máis o
tipo de construción existente no Pico da Lebre.
O
primeiro deles trátase da doazón que o 21 de agosto do ano 1096 realizan
Raimundo de Borgoña e a súa dona Urraca a favor do bispo de San Martiño, que
neste caso era Gonzalo Froilaz. A Se episcopal recibía a metade da igrexa de
Nois, así como as vilas de Trasmonte e Candine: “et dare conmorantibus medietatem ecclesie sancti Juliani de Nois que
habet iacentiam litore maris inter Burellum et Aurium subtus montem Aquilare et
Faro”[1].
Neste
documento, aparte da doazón propiamente dita, os outorgantes deben de situar
xeograficamente a igrexa de Nois, que, segundo o documento estaría entre as
vilas de Burellum et Aurium, é dicir entre Burela e o río Ouro, probablemente
Fazouro. Máis tamén deben situar as
poboacións que mencionan e así Burela está debaixo do monte Aquilare e Fazouro
baixo o monte Faro. Pode pensar o lector que ese monte Faro non sexa o Pico da
Lebre, que ben podería ser outro monte, pero se collemos o segundo documento
tal vez se nos disipe esta dúbida.
A
segunda referencia documental data do 5 de xullo do ano 1077. Nela o matrimonio
composto por García Enríquez e a súa dona Cristina permutan co mosteiro de
Lourenzá unhas terras. O mosteiro dáballes propiedades en Vilanova e o
matrimonio cedía a súa parte da vila de Marzán: “Et est ipsa villa vocitata Marçani, suptus monte Faro, prope aulam
Beati Martini episcopi dumiensis sedis, discurrente ad ecclesia Sancti Iacobi,
ripa Masme”[2].
Segundo
este documento o monte que está sobre a vila de Marzán, ou sexa o Pico da
Lebre, recibía o nome de Faro. A razón deste nome explícase pola existencia no
pico do monte dunha construción na que se ubicaría un facho ou faro, que
serviría de guía aos navegantes que entrasen no estuario do Masma. Lembremos
que por aquela época o número de barcos que entraban e saían do noso porto tiña
que ser bastante elevado pois Foz era o peirao da Se episcopal mindoniense, que
estaba sita en San Martiño.
Este
monte Faro de Foz non era o único da nosa Mariña. Cal Pardo lémbranos que no
ano 877 o rei Afonso III doaba á Se episcopal de San Martiño a vila de Area “subtus monte Faro”. Evidentemente non se
está a referir ao Faro de Foz senón ao monte que hai na entrada da ría de
Viveiro. Sobre este monte Faro don Xoán Donapetry Yribarnegaray, no seu libro Historia de Vivero y su concejo , dirá:
“El monte mas notable es el de Faro y
sirve de guía a las embarcaciones que se proponen entrar en Vivero, en su cima
había un hacho y garita, para la defensa del puerto, al que concurrían los
vecinos de su feligresía, los de San Isidoro del Monte y los de Juances”.
Tendo
en conta todo o visto ata agora podemos afirmar que os homes e mulleres de San
Martiño e Foz fuxiron ao monte da cruz do Agrelo buscando refuxio na fortaleza
– faro que alí había. Porque resulta indubidable que nese monte había un faro
que indicaba o camiño aos barcos que viñan a vender os seus produtos á Se
episcopal de San Martiño, polo menos entre os anos 864 e 1117, momento do seu
traslado a Vilamaior do Val de Brea (actual Mondoñedo).
Que
en Foz existiron fachos queda demostrado documentalmente, mais xa como lugares
de aviso de ataques inimigos que como faros. Estamos a falar dun documento
datado no ano 1771 e que fai referencia ao foro do casal de Portela, sito en
Marzán, no lugar lugar coñecido como Prado da Lama. Na relación que fai das 45
propiedades pertencentes a ese casal menciona unha finca na veiga da Cadra, que
entre os seus lindes figura: “por la
caveza con eredad de el Cavildo y camino que va al facho y lagoa”[3].
O termo Lagoa aparece posteriormente pero en plural, as Lagoas, o que nos fai
pensar que o facho estaría preto da actual urbanización As Lagoas, o que nos
coñecemos como as Torres.
Para
máis información sobre os achados no Pico da Lebre recomendo o artigo de Manuel
Gago, que podedes atopar e consultar eiquí
No hay comentarios:
Publicar un comentario