Buscar este blog

sábado, 23 de abril de 2016

UN ARTISTA DO RENACEMENTO GALEGO EN FOZ: XOÁN BAUTISTA CELMA. 1575.



Hoxe imos falar de Xoán Bautista Celma, un dos grandes artistas do renacemento galego.
 Se consultamos na Wikipedia  veremos que nos di que este home “nado en Aragón cara o ano 1540 e finado en Santiago de Compostela en 1608, foi un pintor, escultor e forxador que traballou en Galicia desde 1564 ata a súa morte. Trátase dunha figura fundamental na arte do Renacemento en Galicia”.

Entre as súas obras máis destacadas figuran os púlpitos de bronce que a catedral de Santiago lle encarga realizar no ano 1564. Tras rematar este encargo marcha cara Oviedo onde tiña pendente varias obras sen realizar. En 1568 volta a Santiago, cidade na que se afinca ata a súa morte, mais este feito non lle impide ir traballar a outras cidades, iso si, os traballos que realiza fóra de Santiago teñen todos carácter puntual.

O día 27 de xullo de 1918 sacaba o arquiveiro compostelán don Paulo Pérez Constanti un interesante artigo no xornal La Vanguardia ,titulado Los pùlpitos de la Catedral  y el artista Celma.

Don Paulo realiza neste artigo unha ampla e completa visión sobre o artista. Infórmanos da súa labor como broncista, reloxeiro, pintor, entallador e estatuario. Tamén menciona os lugares onde, aparte de Santiago, realizou traballos, non imos agora facer unha relación completa deles, tan só nos interesa un que realiza entre os anos 1575 e 1576 “en 1575 y años siguientes, análogas obras en un retablo para San Félix de Solovio y otro para Santiago de Foz (Mondoñedo)”.

Obra de Xoán Bautista para a rexa do coro da catedral de Santiago de Compostela

Polo tanto o antigo retablo da igrexa de Foz, do último cuarto  do século XVI, era obra deste afamado artista.

Por que Xoán Bautista Celma acaba traballando en Foz?

Penso que a chegada a Foz de Celma débese a un contrato de traballo que  recibe do cóengo Vasco Rebellón.

Debemos agora aclarar  que é Vasco Rebellón, pero resulta que algo que semella moi sinxelo cando afondamos non o é tanto. As complicacións xorden porque este Vasco, igualmente que seu irmán Álvaro, eran sobriños doutro Vasco e doutro Álvaro. Os catro personaxes que acabo de mencionar ocuparon o cargo de chantre e cóengo da catedral de Mondoñedo e aparte dos cargos anteriores, polo menos no caso  do Álvaro maior e menor así como o Vasco menor, ocuparon o cargo de cóengos en Santiago de Compostela.

O pai dos Vasco e Álvaro menores, ambos irmáns de Diego, era Pedro Mariño de Lobeira, que residía no barrio de Marzán, en concreto na que hoxe coñecemos como A Casa Grande. Na súa fachada podemos ver como campa un escudo señorial. Escudo que vemos repetido tanto  no interior como no exterior da igrexa parroquial de Foz. Estas dúas últimas labras teñen a súa orixe no ano 1561, momento en que os irmáns Diego e Vasco Rebellón, este xa era cóengo en Santigo, fundan dentro da parroquial de Foz a capela da Concepción.

Vasco Rebellón, de igual maneira que seus irmáns, pero estes en menor medida, é un gran benfeitor da parroquia de Foz. Lembremos que foi el quen doou á igrexa de Foz o Campo da Cabana, que para quen non o saiba en 1795 din del: “todo el campo y arenal que llaman da Cabana y es de mucha extension todo a orillas de la ria, desde las viñas que se allan en este puerto (Lembremos que ata moi pouco tempo a rambla era coñecida como A Viña de Foz), asta llegar al rego nombrado de Foz, cuio Campo da Cabana se aia en la actualidad sin cultibo ni produto para su dueño, la expresada fábrica de la iglesia”.

Detalle do altar principal da parroquial de Foz
Aparte desta doazón comparte con seu irmán Diego a fundación da capela da Concepción, da que deberemos de falar máis detidamente noutro artigo.

Por qué pensamos que foi Vasco e non Álvaro Rebellón o que trouxo a Celma?.

A razón radica en que Álvaro falece o 3 de outubro de 1575 e no artigo de Constanti vemos como en 1575 Celma estaría a realizar o retablo de San Félix de Solovio.

Quédanos por saber cal é o retablo realizado por Celma. Poderíamos pensar que é o principal, pero non é así. Moi probablemente o traballo de Celma sexa o retablo da Virxe do Rosario, que atopamos en primeiro lugar na nave da dereita da igrexa parroquial de Foz.

No Inventario del Patrimonio Artístico de España. Lugo y su provincia, Tomo III, p. 125, fálasenos deste retablo do que se nos di: “procedente de la anterior iglesia de Foz”.

Non hai que esquecer que no ano 1738 comezaron unha serie de reformas dentro da igrexa parroquial que alteraron profundamente a súa estrutura, co que poderíamos dicir que é unha igrexa nova. En 1738 reedifícase o adro, constrúense novas portas. Ao ano seguinte levantaranse as paredes que circundan o adro. En 1754 realízase a oseira e no 1762 reedifícase a capela maior, dándolle maior anchura e altura, feito que obriga a levantar máis o teito de toda a igrexa. Vamos, que tralo remate das obras a igrexa de Foz semella unha igrexa nova.

Con todo isto queremos dicir que o citado retablo da Virxe do Rosario ben podería non ser obra de Celma, desaparecendo a súa creación nesas reformas estruturais que a igrexa parroquial de Foz experimenta ao longo do século XVIII.


Independentemente de si é ou non o importante radica en que no século XVI, o noso concello de Foz, podía contar entre os seus artistas a unha das figuras claves do renacemento galego, Xoán Bautista Celma.



No hay comentarios:

Publicar un comentario