Buscar este blog

jueves, 7 de julio de 2016

A SERPE QUE VIVÍA EN SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO.


Contábame un bo amigo, ao que lle gusta recoller historias de vellos, que na parroquia de San Martiño de Mondoñedo lle narraran a historia da Furada da Serpe. Segundo contaba a lenda en San Martiño había unha serpe de longas dimensións. Vivía o ofidio nun monte ao que chamaban da serpe, hoxe en día continúa empregándose este nome, dentro dunha fonda e longa furada. Gustáballe a serpe saír a bebela auga ao río Centiño, “mira si era grande a serpe que mentres que a súa cabeza bebía no Centiño a súa cola aínda non saíra da furada”, e tamén merendarse algún que outro animal do contorno, en especial burros que atopaba pastando. Os veciños da parroquia, fartos de perdelos seus animais e de soportalo medo á serpe, decidiron matar á funesta serpe, pero claro, enfrontarse directamente ao animal podía ocasionala morte de varios parroquianos, por iso idearon un plan. Preto da saída da Furada da Serpe ataron un burro que embrearon previamente, outros afirman que ía coas alforxas cheas de pólvora. Cando a serpe saíu e veu o burro comeuno, nese mesmo intre os veciños prenderon as antorchas que levaban e lanzáronas sobre a brea que lle caera ao burro, o lume prendeu enseguida e correu seguindo a senda marcada pola brea ata as mesmas fauces da serpe, que estaba a tragar, nese mesmo intre, ao infausto burro. O lume espallouse pola boca e polo corpo da serpe que acabou sendo devorada polo lume purificador que liberou aos veciños de San Martiño de tan horrible animal.

Se consultamos a páxina Toponimia de Galicia, poderemos ver que na parroquia de San Martiño aparece un topónimo co nome A Furada da Serpe, sita no monte coñecido como da Serpe. Trátase, segundo esta páxina, dun terreo clasificado como accidente terrestre, cova, sendo as súas coordenadas as seguintes: X 635302.625096146 e Y 482178.06823161.
Realmente do que se trata é dunha mina a ceo aberto, probablemente de ferro, que se abre nun monte. Non é o único caso en San Martiño, xa que por detrás da catedral está a explotación mineira, a ceo aberto, dos Castros e as galerías, probablemente alto medievais, coñecidas como o Cano dos Mouros.





Vista en mapa da mina a ceo aberto coñecida como A Furada da Serpe
Tal vez esta lenda son sexa tan famosa como a do dragón que vivía no monte do Pico Sacro (Boqueixón) ou como a da lenda da Cova da Serpe, que recollía Leandro Carré Alvarellos na súa obra Las leyendas tradicionales gallegas, (Espasa-Calpe, Madrid, 1983).

A historia que se narra nesta lenda ten lugar en San Paio de Narla, concello de Friol, e nela dásenos conta dos amoríos da filla de Lopo de Seixas, señor do castelo de San Paio, e dun labrador. Para poñer freo a tal desmán o señor do castelo ordena a varios escudeiros que se armen e saian na busca dos amantes, coa terminante orde de devolver ao castelo, sa e salva, á súa filla e de dar morte ao labrador.

Debuxo dun dragón nun documento de 1513
Os amantes, informados das crueis intencións que os escudeiros traían, deciden agocharse nunha cova. Mais o peor estaba por chegar porque nesa cavidade vivía unha xigantesca serpe que atacou ao labrador, este, por moito que se defendía, non puido vencer ao ofídio. A filla do señor de San Paio comezou a berrar e aos seus berros acudiron os escudeiros de seu pai, que, despois de moito loitar, puideron dar morte á serpe maligna.

No blog oestrymnio.blogspot.com.es podemos encontrar un artigo, publicado o día 5 de outubro de 2013, onde aborda o tema da ofiolatría, culto dispensado ás serpes. Segundo o autor culto ás serpes aparece tamén, en abundancia, nas lendas irlandesas e britanas, algo que non nos debería de estrañar se temos en conta os contactos culturais que estas tres nacións mantiñan.

Se queremos coñecer o culto ás serpes ao longo da historia mundial e saber algo máis das insculturas con forma de serpe en dous castros galegos recoméndovos, encarecidamente, a lectura do artigo neste enlace:


Báculo do bispo Cebeira.
O  culto ás  serpes non pertence tan só ao mundo prehistórico senón que foi algo que, culturalmente, soubemos conservar.
Temos dous exemplos desta conservación no mundo iconográfico eclesiástico, estoume a referir aos báculos do bispo Gonzalo (1070 a 1108, San Martiño de Mondoñedo) e o do bispo Paio de Cebeira (1199 a 1218, Ribadeo). 


Este último trátase dunha obra que se realiza en Limoges  entre fins do século XII e principios do XIII. A peza apareceu dentro do sartego do bispo Cebeira, que se atopa na vila de Ribadeo. Trátase dunha peza “que tiene 32 centímetros de largo, 15 de diámetro en la voluta y 8 de ancho en el nudo, fue realizada con los materiales habituales en la producción lemosina: cobre dorado, cincelado y esmaltado en champlevé, con incrustaciones (…) la voluta remata en forma de serpiente y sirve de marco a la escena de San Miguel luchando contra la bestia apocalíptica, que se manifiesta como un dragón o un saurio de dos patas y larga y retorcida cola (…) el nudo se forma con dos piezas semiesféricas achatadas, decoradas por estilizados dragones de dos patas y larga cola en relieve”.

Anaco de báculo aparecido en S. Martiño
En San Martiño consérvanse un anaco de báculo de características semellantes a este de Paio de Cebeira, trátase dunha peza de 14.5 centímetros de longo e 6.5 de diámetro no que”el nudo es calado y se decora con un motivo zoomorfo habitual en este tipo de piezas: saurios – que podrían ser lagartos de dos patas o dragones desprovistos de alas- de largo cuello, piel escamada y largas colas[1], tal vez, lembrando á serpe que vivira na Furada.    
    
 Anterior aos dous citados, e tal vez máis famoso ou polo menos máis querido, é o báculo do bispo Gonzalo Froilaz (San Gonzalo), nel atopamos, outra vez, á serpe como iconografía principal. A descrición facilitada polo profesor Izquierdo Perrín é a seguinte: “El báculo es de bronce dorado, cincelado, de pequeño tamaño; le falta una parte del nudo. Se conserva también el bastón de madera, aunque muy deteriorado. El nudo se decora con unos triángulos alternados y dorados que dejan en la zona central una especie de rombos; en sus extremos pequeñas molduras lisas dan paso al bastón y a la voluta. Esta es de sección hexagonal decreciente hacia el final en el que se ve una pequeña cabeza de animal con bola en su boca[2]. Sobre esta peza ten falado Bango Torviso no seu libro Galicia Románica, e sobre o animal que remata a voluta coida que pode representar a un dragón e da bola que mantén na súa boca “no seu estado orixinal sairía unha cruz”.

Báculo de San Gonzalo
O termo serpe quedou gravado na nosa toponimia e así: “Aún hoy en día la mención la serpiente es muy frecuente en la toponimia de Galicia y actualmente, entre otros, todavía se conserva en los siguientes lugares: Pozo da Serpe y Furna da Serpe (Vigo); Cabo da Serpe (Redondela); Rabuserpe (Moaña); Serpe (Poio);  A Serpente (O Grove); Cabo da Serpe y Cavadas da Serpe (A Lama); Cova da Serpe (Ferrol); Sobre a Serpe (Cedeira);  Cova da Serpe (A Laracha); Pena da Serpe (Moeche); A Serpe y Fonte da Serpe (As Somozas); A Serpente (Touro); Camiño da Serpe (Paderne); Cruceiro da Pedra da Serpe (Ponteceso); Serra da Cova da Serpe (entre las provincias de A Coruña y Lugo); Cova das Serpes y Rego das Serpes (Barreiros); Cal da Serpe (Viveiro); A Furada da Serpe y Montes da Serpe (Foz); A Serpentiña (Pantón); Val da Serpe (Manzaneda)”.
Mais tamén o termo serpe aparece como apelido, así acontece, e podemos ler, nun documento redactado en Santiago o 13 xuño de 1410 no cal se fai referencia a que os bens que pertenceran ao finado subcolector de Mondoñedo, Roi Fernández, deben de ser entregados ao bispo de Mondoñedo. Estes bens son: “o dito lugar de Vila Johanne, con todas suas casas, casares e chantados e ortas(…) que o dito mestrescola poseya enna fiigresia de Santiago de Foz[3]; o curiso deste documento é que entre as testemuñas aparece un tal Sancho Serpe.

Era tan natural o tema das serpes xigantes que non estraña a ninguén e así, por moito que nos estrañe hoxe en día, podemos ver que o feito de matar unha serpe xigante podía ser unha razón para xustificar unha fidalguía.

Dragón nun bestiario medieval galego
No ano 1496 Xoán González de Xestido, veciño de San Pedro de Labrada, preiteaba na Real Chancelería de Valladolid para reconquistar a súa fidalguía. Entre as testemuñas que presenta está Xoán Sanxurxo, un fidalgo de 60 anos e veciño da parroquia de Burela. Na súa declaración afirma que coñecera ao avó do demandante, chamado tamén, Xoán Gonzalez, o vello,  “y que oyera desçir a los dichos sus mayores y mas ancianos que su abuelo del dicho Juan Gonçales el viejo que se llamava (2) fisiera la iglesia de Sant Pedro de Miñotos, que llevara en su tiempo patronasco de la dicha iglesia y que asy lo llevaban sus parientes descendientes del dicho i que oyera desçir que tenia armas i caballo i tres fijos escuderos a caballo i que mataran una sierpe en la dicha feligresía de Miñotos, que comia los onbres i los ganados que al tiempo que la fueron a matar la dicha sierpe i la mataron”.


Como vemos o feito de crer en serpes xigantes era algo moi habitual na nosa cultura galega e mariñán.


















[1] Singul, F.: Báculos de Limoges para los prelados de Mondoñedo y Santiago. En Rudesindus. A terra e o templo, p. 229.
[2] Izquierdo Perrín, R.: De arte et architectura. San Martin de Mondoñedo, p. 57.
[3] Cal Pardo, H.: Tombo pechado da Catedral de Mondoñedo, nº 500, p. 477.

No hay comentarios:

Publicar un comentario