Buscar este blog

martes, 7 de mayo de 2019

OS MUÍÑOS DE VENTO DE RIBADEO.





Para achegarnos a unha visión completa do tema dos muíños (de vento, de auga do río ou da do mar) compre facer unha lectura  do libro “Hórreos, molinos y fuentes de la tierra de Viveiro”, obra de Xosé María Leal Bóveda e na que tamén colabora o alumnado do IES Vilar Ponte de Viveiro (Deputación de Lugo, 1999). A Deputación de Lugo sacaba no ano 2012 o libro “O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo. Eiras, cabozos, muíños e fornos”, obra de mesmo autor onde se revisa o traballo precedente e se completa con datos novos.

De indispensable lectura é a obra de Begoña Bas López “Muíños de marés e de vento en Galicia” (Fundación Barrié de la Maza, 1991).

Para calquera das obras anteriormente citadas, a orixe dos muíños de vento en Galicia datan do  século XVI e circunscríbense á cidade da Coruña, que no século XVIII xa contaba con sete. A principios do século XIX en Galicia “se documentan 7 nuevos, 2 en la Illa de Arousa y 5 en A Garda. También aparecen 1 en Catoira y 2 en Gramela, Coruña. Pero el mayor auge constructivo se da en la segunda mitad de este siglo así como su final con 23 datados en Catoira, zona de Ortigueira – O Vicedo, Ribadeo, Vigo, Muros y Mañón”(Leal: 1999,169).

Todos os muíños deste tipo situábanse nun lugar elevado onde a forza do vento sexa considerable “a zona desde Ortigueira a Ribadeo, presenta ventos fortes, con refachos, do océano, que son a fonte de enerxía básica para estas máquinas. Tanto é así, que en Estaca de Bares temos a presenza dun campo de muíños eólicos instalados por Endesa, que veñen a substituír, con outros fins, os vellos de Santa María de Bares” (Leal: 2012,249).

Este citado profesor infórmanos da situación dos 4 muíños de vento que había en Maañón: en Labradas (O Barqueiro), datado a finais do XIX; en Santa María de Bares, construído entre 1915 e 1920; outro en Bares, máis próximo ao núcleo urbano e de igual datación; un terceiro en Bares, próximo ao anterior, fabricado aproximadamente “1905 – 1910. José Castaño, carpintero que aprovechó maquinaria de uno de Cariño”. Para o concello de O Vicedo sitúa un en Vilasuso (Xilloy). Mentres que na parroquia de Celeiro ubican dous: un no lugar da Atalaia, do século XIX e outro no lugar da Casanova (Celeiro) pertencente á familia Pereiro e construído a finais do XIX.

Para o  caso concreto de Ribadeo, aparte das referencias puntuais que aparecen nos libros anteriormente citados, contamos co artigo de Xoán Carlos Paraje Manso (recollido no libro que seu fillo (Alberto Paraje) saca á luz no 2017, titulado Ribadensario-Eoario) e co volume número 7 dos Cadernos de Investigación do IES Gamallo Fierros de Ribadeo, dedicado aos muíños de vento de Ribadeo. Obra realizada polos alumnos do citado IES baixo a dirección do profesor Emilio Piñeiroa Lozano.

O muíño de vento de Ove.


Sobre o de Ove (dnomeado como “molino del Treixo” por Paraje, “molín de vento” por Begoña Bas e “muíño de vento de Palmeira” por Piñeiroa) dásenos información nos  libros que tocan este tema. Todos eles apuntan a e que  a persoa que mandou construílo foi Felipe Pulpeiro López, da casa de Treixo, ao volver do servizo militar, en 1888.

Segundo o traballo do Cadernos de Investigación “para erguer o muíño viñeron os canteiros de Ferreira”; mentres que para Juan Carlos Paraje “fue edificado con piedra del Valín por don Balbino Álvarez López … costando la suma de 26.000 reales”.

As dimensións aportadas polos Cadernos son “diámetro interior 5.05m; grosor muros 0.85m; altura aproximada 6.50m; a planta alta estaba situada a 2.50m; a porta ten un ancho considerable de 1.10m. e unha altura de 2.10m.”

Begoña Bas aporta que “tiña catro velas de lona con corda de cáñamo e argolas para as amarras. Era de dúas moas: unha para o trigo, francesa e outra para o millo” (Bas: 1991, 214).

A desaparición deste muíño ten lugar, segundo Paraje, no ano 1929, despois de que un tremendo vendaval rompese o eixe principal e, posteriormente, falecese o seu dono. Conta Paraje, con certa pena, como as pezas do muíño foron vendidas a distintos propietarios quedando, tan só, os muros exteriores do muíño de vento. Begoña Bas afirma que “deixou de traballar algo antes do anos 1920, e cando o desmontaron, aproveitouse a moa francesa para un muíño de preto, en Meredelo”.

O muíño de Vilaselán.

No mesmo artigo de Paraje podemos ler como “a mediados del siglo XIX todavía funcionaba el molino de Puerto Estrecho”. Segundo este autor carece de datos cos que poida afirmar se as aspas eran de madeira ou de  lona.

Para Paraje a desaparición do muíño ten lugar “en el año 1955 fue demolido el ruinoso molino de Puerto Estrecho … después de adquirirlo al pintor don José Cuervo Cortés, don Marcelino Irimia González, empleado municipal, venido en 1927 de Villarpescozo”. Este señor informa a Paraje das dimensións do muíño, seis metros de diámetro por sete de alto.

Di que a pedra e a casa do muiñeiro foron derrubadas e serviron para a construción da nova casa de Marcelino, así como dos muros exteriores da finca.





Paraje opina, tendo en conta a procedencia da pedra do muíño, que “se puede calcular como construído en el siglo XVIII, época en que estuvo en auge el uso de dicha piedra”. Non ía moi desencamiñado.

O arquivo do Reino de Galicia atesoura un interesante documento datado o 4 de xullo de 1810. Resulta ser unha solicitude realizada polo dono do muíño para que o operario que traballaba nel non entrase a servir no exército do Rei, pois era imprescindible para o funcionamento deste artefacto.

Segundo esta documentación, o muíño de Vilaselán pertencía a don Francisco María Amor, veciño e comerciante de Ribadeo, quen llo mandara edificar a Lois López, natural da parroquia de Vilamor (Mondoñedo). Tendo en conta a documentación o muíño comezou a funcionar no ano 1807. A súa función era moer gran para, coa fariña resultante, abastecer tanto á poboación civil  como aos  militares.

En 1809 será asaltado, pero non polas tropas francesas, tal e como cabería esperar, senón polas tropas do Exercito de Asturias.

A pesar das solicitude presentada por Francisco María Amor o seu operario foi incluído en primeira clase, tendo que alistarse e marchar lonxe, e non en cuarta clase, que lle permitiría quedar en Ribadeo, tal e como se solicitaba.

Francisco Amor era un  comerciante do Ribadeo de finais do XVIII, que veremos formando parte da Xunta Local de Goberno do ano 1808. Noutro artigo que temos publicado neste xornal falamos dos barcos existentes en Ribadeo en 1802 e víramos como nese ano o mencionado Francisco Amor era dono dunha fragata (Duque de Hijar) de 600 toneladas de porte, cunha vida media consumida e que fora construída en América. Así mesmo era dono de dous bergantíns (S. Antonio y Ánimas eNuestra Señora de la Begoña), ambos de 110 toneladas de porte e fabricados en Inglaterra. O primeiro deles estaba ancorado en Carril e o segundo en Cádiz.

Da solicitude presentada por Francisco Amor podemos entresacar este paragrafo no que nos explica as razóns que o levaron a construír este muíño e a importancia que nel tiña o seu empregado: “Que experimentandose  en esta villa y todos sus contornos, particularmente en el verano por escased de agua mucha falta de Molinos de arina, de modo que se sufrían repetidas y sensibles escaseces de pan, determine yo el don Francisco construir un Molino de viento con el fin de remediar estos males, y lo consegui a costa de muchos gastos y dificultades que tuve que vencer sirviendo de Director y Maestro el Luis Lopez, como unico facultativo de semejantes obras en este país, por cuia razón y necesidad lo conservè en el mismo artefacto, de que cuida desde ha unos tres años que se puso corriente y fabrica arina para el surtido de los naturales y de la tropa”.

Sirva este artigo para traer un pouco de luz sobre as sombras que poboan a nosa historia.
Solicitude realizada por Francisco María Amor. Arquivo do Reino de Galicia.


1 comentario: