Buscar este blog

jueves, 18 de agosto de 2016

A VISITA PASTORAL DE 1670 ÁS PARROQUIAS DE CANGAS E CORDIDO.

Igrexa parroquial de Cangas. Foto sacada de www.panoramio.com


Para levar a cabo estes resumos das visitas pastorais empregamos como documentación base o volume segundo da visita pastoral xirada polo bispo don Lois Tello de Olivares (1669 a 1671), que puidemos consultar en pares.mcu.es dentro do apartado de Catedral de Mondoñedo.

SAN PEDRO  DE CANGAS.

A visita tivo lugar o día 7 de agosto dese ano, era por aquel entón cura párroco Sebastián Fernández.
Para coñecer o volume dos froitos, os ornatos e as propiedades da parroquia chámase a como testemuñas a   Antón de Mon, fabricario,  Alonso do Eixo e Domingo da Valiña.
O valor dos froitos que xenera este beneficio están valorados, segundo as testemuñas, en  300 ducados, que se dividen en 3 partes, unha para o cura, outras dúas son para o licenciado Lois Pardo, veciño de Celeiro de Viveiro “y otro octavo lo lleva Andres Sanchez, presbítero vecino de Santa Cecilia”.
O beneficio de San Pedro de Cangas é de presentación,  un mes pode presentar o papado e outro para o bispado, dependendo en que mes morra o cura párroco así lle corresponderá a presentación o bispado ou ao papado.

Herdades da Cura:

 “Otrosi dixeron que la cura de dicha iglesia tiene los vienes siguientes: una casa junto a la iglesia en que solia vivir dicho cura, que al presente esta mal compuesta por se aver quemado”.

Herdades da fábrica:

A fábrica da igrexa de San Pedro de Cangas carece de herdades.

Pagos por soterrarse, Impostos, Petitorio e Poboación:

Cada vez que se soterra a un fregués págase, en concepto de soterramento 2 reais.
Tamén se paga a luctuosa, un imposto que había que aboar cando falecía o home ou a muller da casa,  “siendo hombres la mexor pieça de quatro pies que tuvieren y por ellos se alla y por las mujeres muriendose en vida de sus maridos no pagan nada, muriendose despues estando viudas deben lo propio por raçon de lutuosa”.
Tamén se paga polos defuntos un celamín de pan “por sus tercios de mixo, trigo y centeno y una res de un año y seis açumbres de vino teniendo viñas”. 
O petitorio alcanza, anualmente, a cantidade de 19 reais e tamén din que “por razón de cubierta los que se mueren pagan capon siendo hombres y por las mujeres pagan saya o sayo si le tienen”.
Mencionan que deben ser 40 veciños.

Ermidas:

Segundo as testemuñas “ai una hermita de Nuestra Señora de la Conception que fundo Domingo Paz de Ribela, de que es patron, no tiene vienes, acienda alguna, esta bien compuesta y decente”.
Aniversarios:
Mencionan as 4 misas que fundara  Mateo Mecía Alfeirán e Mariña Ianes de Cordido, sobre los bens do lagar, paga por elas Tomas Cao de Cordido.

Estudantes e cregos mercenarios:

Xoán de Otero, ordenado a patrimonista, Lois Paz tamén ordenado ao mesmo, estudante Xoán Bautista de Valmayor, fillo de Pedro Fernández Valmayor e Ágeda de Río.


SAN XIAO DE CORDIDO.

Visitada o 5 de agosto, era cura párroco Lourenzo de Moscoso e Omaña, que tamén o era de Nois.
As persoas convocadas como testemuñas son: Santiago López, Francisco Díaz e Domingo de Sa, todos veciños da parroquia.

Os froitos, segundo as testemuñas, teñen un valor anual de 80 ducados, dos que a metade son para o cura e a outra metade “la llevan prestameros legos y el obispo”.
A parroquia de Cordido é anexo á de San Xiao de Nois.

Herdades da fábrica:

Unha pegada á igrexa, de 3 celamíns, testa no camiño que vai para a igrexa e ao arredor dela.
Dúas herdades na veiga de Abelleira, de ferrado e medio, testan en herdade de Diego de Sanjurjo e en herdade que leva “Alfonso Diaz de Asmoas”.
Outra leira nesta mesma finca, de medio ferrado de pan, que testa en herdade de Diego Sanjurjo “y en eredades de la yndiana”.

Pagos por soterrarse, Impostos, Petitorio e Poboación:

Segundo as testemuñas os pagos para soterrar son os seguintes: “los que se mueren y se mandan enterrar en dicha yglesia pagan dos reales todos generalmente y los que se mandan enterrar en la capilla mayor pagan diez reales y los niños a real y medio real”.
Do imposto coñecido como  Fros pagan o mesmo que os veciños de Nois.
O petitorio ten un valor anual  de  dous ducados e dan ao Cabido de Mondoñedo 3 reais.
Esta parroquia conta cun censo de 20 veciños.

Ornatos:

Na igrexa hai 2 Cálices de prata, 2 patenas, unha caixa de prata “en la custodia para andar en las procesiones”, unhas cismeiras de prata, dúas aras, unha caixa de chumbo, 2 mesas de corporais, “una bolsa de corporales de damasquillo de lana”, 2 misais e un manual, 2 vinagreiras. 2 tafetás para os cálices, “dos frontales de guadamil pintados, una cruz de alquima y un incensario de aramio”, unha campaíña de man, outra no campanario, 2 casullas de la, unha colorada e outra branca, coas súas estolas e manípulos, 2 albas, 2 amitos, 2 cínculos , “unas andas para los difuntos y otras para el patron”, uns manteis para o altar, unha saba pequena, unha mesa de revestir con dous caixóns.

Confrarías: 

Na parroquia hai dúas: unha a do Santísimo Sacramento e outra a de Nosa Señora do Rosario, no hai ermidas, nin tampouco  préstamos nin capelanías.
Aniversarios:

Unha misa de aniversario fundada polo avó de Ana de Sa e que paga ela “sobre el lugar y casa en que vive”.
 Outra misa de aniversario fundada por Pedro Diaz das Goas “sobre toda su hacienda que posee Pedro Diaz de Cordido, su nieto”.

Estudantes e cregos mercenarios:

Tan só un que se chama Xacobe Díaz das Goás, ordenado a patrimonio.



No hay comentarios:

Publicar un comentario