Buscar este blog

jueves, 10 de noviembre de 2016

A FEIRA GANDEIRA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO EN 1700.





Este artigo foi escrito pensando en toda a xente que coñezo da parroquia de San Martiño de Mondoñedo.

Os nosos conveciños mindonienses (non hai que esquecer que o primeiro dos Mondoñedos existentes foi San Martiño, polo menos ata 1117, en que, tralo traslado da Sé Episcopal, aparece o segundo Mondoñedo) son amigos de conservar o seu pasado ( o cano dos mouros, a furada da serpe ou a mesma Catedral, agora basílica) mais tamén de recuperalo ( como exemplos a festividade do Carme ou a Semana Santa), por iso este artigo, por se teñen a ben recuperar unha feira gandeira que nesa parroquia se celebraba hai moitos, pero que moitos, anos.

Pouca xente se lembra de que na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, o día 11 de novembro, tiña lugar unha concorrida feira gandeira á que  acudía un grande número de persoas e de gando.

A mencionada feira realizábase nun prado próximo á igrexa, de aí que ese lugar recibise o nome de Campo da Feira, así nolo atopamos nun apeo de bens de principios do século XVI. Nese documento, redactado no ano 1540 en castelán,  idioma oficial dos escribáns por outra parte, coláronse certos termos toponímicos en galego, idioma no que foran concevidos, tal foi o caso do Campo da Feira, que o atopamos escrito de igual maneira en 1540: “que testa e linda de una parte en el camyno françes que viene de Forjan para el Campo da Feyra”. Esta referencia indícanos claramente como o prado para realizar a feira estaba situado a carón dun camiño real. Atopamos no mencionado apeo outra referencia a un camiño principal preto deste prado “ e testa e linda en las dos antiguas que van para el Canpo da Feyra y otra congostra que dizen Ricas Salas”.

O preito do que hoxe imos falar data do ano 1700,  nel podemos ler como “Pedro Lopez, vezino de la feligresia de San Martin de Mondoñedo y arrendatario de la alcavala y cientos de la feria de ganado que se haze en dicha feligresia en cada un ano a los honze de nobienbre del, como esta prosima en este presente, como mas aya lugar parezco ante Vuesa Merced y digo que muchos sacerdotes y eclesiasticos entran en dicha feria mucho ganado de bueyes y bacas de particulares y amigos suyos que trahen a vender a dicha feria y otros que compran dichos sacerdotes; suponiendo ser uno y otro de su cria y con este pretesto doloso los pasan a bender sen pagar alcavala ni cientos, perjudicandome en ella y en su arriendo y remate, defraudandome de que recibo mucho agrabio para cuyo remedio pido y suplico se sirba mandar que ningun sacerdote ni persona eclesiastica entre en dicha feria del San Martin que esta prosima ningun ganado de bueyes ni bacas ni menos los compre sino que sea suyo propio y de su cria sin embarazarse con otro de persona alguna particular ni entrarlo en dicha feria”.

Debemos de deternos aquí para explicar de que se está a falar na demanda realizada por Pedro López.

As alcabalas era un imposto que gravaba o comercio de bens mobles e inmobles. Consistía este imposto no pago do dez por certo do valor do vendido, para que nos entendamos, sería algo moi semellante ao actual IVE. Do pago deste imposto estaban exentos os eclesiásticos cando vendían algo que eles mesmos criasen ou cultivasen. Este é a razón pola cal, tal e como se menciona na demanda, os veciños acudían aos curas para que lles vendesen o gando como se fose da súa propiedade e así non se pagaba o imposto da alcabala.

Cando o imposto se estende por todo o estado a facenda real, en vez de nomear  persoas para recadar ese imposto, decidía arrendar o servizo. Facenda estimaba que na feira de tal sitio se podía recadar tal cantidade de cartos e o que facía era arrendala a unha persoa, que se encargaría do cobro, por unha cantidade bastante inferior ao que se ía recadar. No caso que hoxe tratamos o arrendador da alcabala da feira de San Martiño era Pedro López, veciño de San Martiño, de igual maneira que nos anos 1698 e 99 o foran: “Juan Ramudo, Gonçalo Alonso, Juan Fanego Sanjurxo becinos de la feligresia de San Martin de Mondoñedo” expoñen que “los anos pasados de mill y seiscientos nobenta y ocho y nobenta y nuebe que emos sido arrendatarios de la alcabala y cientos de la feria del Señor San Martin que se ace en dicha feligresia el dia del Señor San Martin, onze de nobiembre de cada un ano y se nos arrendo en ochenta y un ducados que se consigue el cobrar dicha alcabala y cientos de bueis, bacas y mas ganado que concurre el dia del Santo y siguiente”. O problema para estes veciños xorde cando á mencionada feira acoden a vender certas cabezas de gando varios sacerdotes “sin que nos ayan pagado maravedi ninguno en nuestro dano y perjuicio (…) y aunque les avemos pedido los dineros que devian pagar de los dichos ganados no lo an echo ni haran”.

O licenciado Francisco Díaz Valmayor, crego e presbítero de San Pedro de Mor, outorga poder para que o representen varios avogados, que ten lugar o día 12 de outubro de 1700 na parroquia de San Pedro de Mor. Estaba implicado na denuncia destes veciños e el deféndese alegando que nos anos 1698 e 99 “suponiendo los señores dichos , que el otorgante avia llevado a la dicha feria de San Martin dichos dos años ganados de bueis y bacas de grosio y de otra qualquier manera a vender, siendo lo contrario de la verdad” a razón de que é mentira é porque “el otorgante ay mas de catorçe años, que el ni persona en su nombre , no fue a vender ningun xenero de ganados a dicha feligresia ni feria de San Martin de Mondoñedo”.

Feira de cochos e vacas en Tornos. (Fotografía da Voz de Galicia).
Os demandantes aportan unha lista na que figuran os eclesiásticos que deben cartos polas vendas que realizaron nas feiras dos anos 1698 e 99.

No ano 1698 a relación é a seguinte:

El licenciado Rochela treinta y quatro cabezas; el licenciado Folgueyras, treze cabezas; el Licenciado Antonio Alonso, cura de Candia, siete cabezas; el cura de Roupar, doze cabezas;  el licenciado Andres Fernandez, seis cabezas; el licenciado Sanjurjo, de Masma, tres; el licenciado Barela, vezino del balle de Lorenzana, una; el licenciado don Juan Mariño, vezino de Burela, dos.  Los que deben la alcabala del año de 1698 de las cabezas referidas que an bendio en dicha feria y no an pagado el tributo”.

No ano 1699 a relación de cabezas vendidas por eclesiásticos é a seguinte:

El licenciado Pasqual Rodriguez, clerigo de San Martino de Pineyro, 6 cabezas; el licenciado Rochela, 17 cabezas; el licenciado Ribas, vezino de Abeledo, tres; el licenciado Francisco Diaz, del balledeoro, dos; el licenciado Folgueyras, doze; el licenciado Alonso da Agoeyra?, de Santo Azysclo, dos; el licenciado Antonio Pineyro, de Santalla da Debesa, dos; el licenciado Miguel Rouco, cura de Burela, cinco; el licenciado Cobo, clerigo de dicha feligresia de Santalla da Debesa, quatro; el cura de Zerbo, seis; el licenciado Gabriel Nunez, vezino de Nois, dos; el licenciado Alonso de Rio, de Fazouro, dos; el cura de Muras honze que bendio de treinta y dos que traya por su quenta; el licenciado Portobillo, clerigo vezino de Santa Cruz dos que bendio y no quiso pagar; el cura de Zillero de Mariñaos dos que bendio y no quiso pagar el tributo”.


Polo que podemos ver tanto no ano 1698 como 99 a cantidade de cabezas de gando polas que non se pagou é a mesma, 78 cabezas de gando. Se ao número de cabezas de gando vendidas por eclesiásticos lle sumamos o número de reses vendidas por persoas non eclesiásticas podemos chegar á conclusión que o total das vendas sería, sen esaxerar, o duplo das dos eclesiásticos e algo máis, polo tanto estaríamos a falar dunha cantidade moi próxima ás 200 reses vendidas, ás que debemos de sumar as non vendidas. 

Esta suma total reflicte, claramente, que cando se falaba da feira de San Martiño estábase a falar dunha das grandes feiras gandeiras da Mariña.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario