Foto sacada da páxina vivecamino.com/mondonedo/ |
Duns
anos a esta parte estamos a experimentar un aumento considerable do número de
peregrinos que percorren o Camiño Norte, semella como se nunca se tocase teito
no número de romeiros.
Por
Mondoñedo pasan cada día un bo número de peregrinos, certo é que, de igual
maneira que en tódolos camiños, nos meses invernais a presenza de romeiros
xacobeos descende considerablemente.
Mais o
percorrer xacobeo pola cidade da Paula xa tiña grande pulo aló polo século XVI
tal e como recolle a documentación da época. Aparte dos traballos de
investigación de don Henrique Cal Pardo,
recollidos no seu libro titulado Mondoñedo – catedral, ciudad, obispado – en
el siglo XVI, recentemente apareceron dous documentos que nos falan,
claramente, desta presenza xacobea na cidade episcopal.
Un
primeiro exemplo do auxe peregrinatorio neste século XVI atopámolo na fundación
dun hospital na parroquia de Arante, pegado ao Camiño Norte. Estámonos a
referir ao erixido polos irmáns Mencía Gómez e o cóengo ribadense Xoán Marqués
aló, polo 15 de febreiro de 1543. Ben é certo que Lence Santar, baseándose nos
estudios de Villaamil e Castro, chegou a afirmar que a data fundacional era o 5 de xaneiro de 1579.
Anos
despois o cóengo Xosé María Fernández Fernández, no seu traballo sobre o
hospital de Arante, confirmaba,
documentalmente, a primeira das datas.
Por iso nos estraña tanto que si o hospital é fundado no ano 1543 nos atopemos
cun documento datado o 6 de xullo de 1524, no que o chantre da catedral mindoniense, despois de
abrilos cepillos da ermida de Arante, entregaba “a Juan Atienza 44 reales
para los pedreros que debian hacer el Hospital”. A pregunta que se nos
ocorre facer é se tardaron 19 anos en rematalo ou, polo contrario, xa existía
un hospital antes de 1543.
O
seguinte hospital que os peregrinos se atopaban no camiño antes de chegar a
Mondoñedo era o pertencente ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá, outro
pequeno edificio que aparte de cama, comida e asistencia espiritual pouco máis
ofertaba. Realmente non era ata chegar a
Mondoñedo cando o peregrino tiña á súa disposición un hospital con atención
médica de calidade.
O
hospital de San Paulo tivo unha primeira localización na praza da catedral de
Mondoñedo, pegado ao río Sixto e á fonte
da vila. Neste lugar se atopaba no ano 1261 “que domus est in ripa riuuli dicti
Compin iuxta hospitale ... via qua itur ab hospitali ad fontem”[1].
Nun principio era un hospital de escasas dimensións e fondos, nutríndose tanto das
rendas como das mandas testamentarias e das
doazóns particulares. Son abondosos os exemplos de mandas testamentarias
que teñen como beneficiario ao hospital.
Todo o
que levamos exposto demostra claramente a existencia dun paso continuado de
pobres e peregrinos, de non ser así non se explicaría a aparición de centros
benéficos específicos para peregrinos.
Este
continuo paso de peregrinos incrementábase nos anos santos. Se consultamos o
libro de contas do hospital e miramos a do ano 1623, veremos que o mordomo
xustifica o elevado gasto con pobres e
peregrinos “ por razon de haver sido año Santo el de veynte y uno y desta
causa acudido infinitos pobres peregrinos que se alvergaban en el viejo
hospital”.
Dicíamos
ao principio que, aparte dos traballos de don Henrique Cal Pardo, había dous
documentos que facían unha mención clara ao paso de peregrinos por Mondoñedo.
Estámonos a referir a o cuestionario de 16 preguntas ao que deberon de
responder os mestres canteiros e carpinteiros naquel mes de xullo de 1546. A
razón deste cuestionario era a creación dun escrito para remitir á secretaría
real demandando cartos para o arranxo de pontes, fontes e camiños na cidade de
Mondoñedo.
Foto sacada de angel-caminodelnorte-angel.blogspot.com.es |
Das 16
preguntas interésanos a número 7 na que podemos ler : “el camino Real que
sale desta ciudad y biene de la ciudad de Obyedo y del prinzipado de Asturias y
ba para la dicha ciudad de Mondoñedo y para la ciudad de Betanços y del señor
Santiago y otras partes”. Esta primeira parte da pregunta amosa,
claramente, a existencia dun camiño de peregrinación, mais será a segunda parte
na que se nos fale dos peregrinos: “por donde caminan cada dia y pasan los
que ban en Romeria al señor Santiago y San Salbador de Obiedo”. Na pregunta
12, ao falar da calzada existente en San Lázaro e da necesidade de construír
outra, dise que esta nova calzada sería beneficiosa para “los camynantes que
bienen para la dicha ciudad, de Leon y Obiedo y Asturias y Ribadeo y romeros
que ban para Santiago”.
Un dos
mestres que resposta a este cuestionario é Pedro de Pedroso, mestre de cantería
e veciño do Val de Lourenzá, quen afirma que coñecía ben o camiño real “que
viene de Obiedo y Asturias para dicha ciudad de Mondoñedo y para la ciudad de
Betanços y para la ciudad de Santiago por donde cotidianamente suelen e
acostumbran a pasar camynantes y romeros de a pie y a cavallo”.
Este
primeiro documento chegou ata as miñas mans grazas á xentileza dun particular que
tivo a ben permitirme fotografalo. Aparece este texto publicado no libro que
escribín no ano 2009 titulado Hospitalidade e peregrinación. O Camiño do
Norte na Mariña Luguesa e que a S.A. de Xestión do plan Xacobeo tivo a ben
editar.
Nesta
mesma semana Roberto Reigosa, no seu grupo de facebook Mondoñedo,ciudad
medieval, fuentes para su estudio sacaba á luz un interesante documento
datado no 12 de abril de 1553 e no que podemos ler: “que en esta dicha çiudad de Mondoñedo que es cabeça /
de probinçia estaba en tierra aspera e pobre çerrada de montañas e tierra /
fangosa por donde hera camino real de los romeros que bienen de Françia /
Flandes e Alemania e de otros muchos reinos en romeria a señor / Santiago e
ansi mesmo otros muchos caminantes e (+-1) / para los reinos de Castilla e de
Leon que pasan con probision de los / puertos de la mar para los dichos reinos”. Corrobora esta afirmación o paso
continuado de peregrinos que xa vimos naquel documento do ano 1546.
A onde se peregrinaba no
Mondoñedo do XVI? Evidentemente a maioría dos peregrinos ían cara Santiago,
mais tamén os había que volvendo de Santiago se dirixían a visitar a catedral
de Oviedo. Lembremos aquel dito, xa moi popularizado no século XVI, que dicía “Quen
vai a Santiago e non vai a San Salvador (Oviedo) visita ao criado e
deixa ao señor”.
De Mondoñedo saían peregrinos a Oviedo, tal e como
vimos no documento do ano 1546, e como demostra Cal Pardo no seu libro sobre o
Mondoñedo do XVI. Sinala don Henrique os
exemplos dos cóengos do cóengo Xoán Alonso Osorio e Navia, que nun documento do
25 de xuño de 1597 solicitaba quince días para ir en romaría a Oviedo. O día 28
de setembro de 1599 o bachaler Alonso
Pérez solicita tamén outros 15 días para o mesmo fin.
Outros lugares devocionais aos que se acudía en
peregrinación era Nosa Señora da Guadalupe, tal e como recoñece ter peregrinado
no ano 1596 o arcediago de Azúmara ou o caso do Bacheler Miramontes Mancebón e
do mestre escola da catedral, o licenciado García Mesía de Aledo, que
solicitaban, o 10 de setembro de 1597, “los días estatutarios para ir a
Nuestra Señora de Guadalupe”. No testamento de Lopo Monteiro, crego de
Moeche, e redactado o 20 de marzo de 1506, pódese ler unha manda testamentaria
na que “mandó hacer una peregrinación en su nombre a Santa María de
Guadalupe”.
Algo moi semellante podemos ler no testamento de
Alonso García de Goldeiros, veciño de San Martiño de Pino, quen estipulaba, o
19 de xuño de 1597, “que vaya una persona en romería a San Andrés de Teixido
y decir allí una misa; otra romería a Nuestra Señora del Camino, cerca de
Betanzos, con una libra de cera y una misa; otra romería a Santiago de
Compostela”[2].
Foto sacada de new.culturagalega.org |
Sirvan estes exemplos para dar, aínda que sexa moi
por riba, unha visión do fenómeno das peregrinacións xacobeas cara Santiago
naquel Mondoñedo do século XVI, aquela terra pola que camiñaron milleiros de
homes e mulleres, de case que tódolos reinos do mundo, cara Compostela e que
son o reflexo pasado dun evento que aínda hoxe segue a producirse, as
peregrinacións xacobeas pola Mariña de Lugo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario