Buscar este blog

miércoles, 30 de noviembre de 2016

FIDALGOS MARIÑÁNS QUE LOITARON CONTRA PARDO DE CELA.



Pardo de Cela, sacado do blog lamoradadelbuho.blospot.com.es/2013/11

A fins do ano 1483 o capitán  Monsieur Louis Mudarra fundaba na basílica de San Martiño de Mondoñedo unha serie de misas no altar de Santa Catarina.

A razón da mencionada fundación era pregar pola alma dos caídos no cerco da Frouxeira: “el de Santa Catalina que hizo azer Mosieur Mudarra que tomo a Pena Frolseyra por su Alteza”, tal e como apuntaba a testemuña “lo hizo alli hazer el dicho Mosieur Luys Mudarra, capitan, e dexo e fundo que se dixesen en la dicha capilla e altar todos los lunys de cada mes el primero lunys de cada mes una misa cantada con su bigilia e responso por las animas de ciertos que murieron e se enterraron alli sobre el cerco de la dicha Frouseyra”, para que esta fundación fose perpetua o capitán doáballe ao priorado e ao seu prior, Ares Pérez de Viladonga, a cantidade de 24000 marabedís.

Nada sabemos deses homes que morreron no asedio ao derradeiro reducto de Pardo de Cela, tan só nos consta a existencia de mortos, supoñemos que ambos bandos, que foron soterrados en San Martiño.

De onde eran?  Que os motivou a pelexar? Se ben nun principio predominou a idea de que os asaltantes eran mercenarios baixo o mando de Mudarra, agora sabemos que entre as tropas asaltantes tamén había homes fidalgos das terras da Mariña.

Descoñecemos se participaron voluntariamente no cerco ou foron forzados polo novo goberno. Tamén descoñecemos, xa que como fonte documental tan só temos a palabra dada por outros fidalgos, se realmente participaron no cerco ou ben, pola contra, as testemuñas presentadas por eles lles outorgan un mérito que non tiveron. Sexa como fose este artigo recolle un número de fidalgos que loitaron contra Pardo de Cela. Supoñemos que aparecerán máis nomes, de certo agardámolo, pois sería moi gratificante que este breve artigo fose o xerme dun novo campo de investigación.

A documentación que empregamos foi a que se atopa en pares.mcu.es, en concreto a referente ás executorias e preitos de fidalguía que se conservan no Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Na miña defensa debo dicir que non son medievalista e que por iso algúns preitos resistíronseme de tal maneira que non cheguei a poder lelos. Digo isto para que algún dos lectores se anime a continuar e afondar nesta investigación.
Nesta relación aparecen todos os fidalgos que acudiron ao cerco da Frouxeira e que presentaron, posteriormente, preito de fidalguía.
Comezamos co caso de  Roi Lorenzo, fidalgo da parroquia de Espiñarcao, concello de Abadím, que preiteaba pola súa fidalguía o 25 de maio de 1509 (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 235, 54).

Na declaración dunha das testemuñas presentadas polo demandante vemos que cando fala do pai do contendente  non dubida en declarar que: “Item dixo que sabia que el dicho Ruy Lorenço, padre deste que contendia, que fue por mandado de los dichos Reyes, nuestros señores padres, al çerco de peña Froxeyra, que es en el dicho Regno de Gallizia, como yban los otros omes fijosdalgo de aquella tierra, otrosy como tal fijodalgo vyo yr a la dicha guerra al dicho Ruy Lorenço, que contendia”.

Se temos en conta esta declaración marcharon cara o cerco da Frouxeira tanto o pai coma o fillo, tal e como “yban los otros omes fijosdalgo de aquella tierra”, esta última aseveración fainos pensar en que foi maior o número de fidalgos de Espiñarcao que acudiron ao cerco.

Na declaración doutra das testemuñas, esta vez un fidalgo de 60 anos veciño da parroquia de San Pedro de Labrada, tan só se mencionaba ao contendente:“que sabia que el dicho Ruy Lorenço, que contendia, fue a servyr, como ome fijodalgo, por mandado de los Reyes, nuestros padres, al çerco de peña Froxeyra, quando llamaron a todos los fijosdalgo de aquella tierra”.

Neste mesmo concello, pero xa na parroquia de Galgao, atopamos outro preito no que se menciona a toma da Frouxeira. Trátase do presentado  por Xoán Díaz no día 7 de febreiro de 1513.(Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 282, 32).
Este Xoán Díaz era fillo de Hernán Díaz e neto de Alonso Díaz, todos eles fidalgos e veciños da parroquia de Galgao. Nunha declaración infórmase  que o fidalgo que contendía : “fue a servir por fijodalgo a la guerra de Baça e el e el dicho Alonso Diaz, su hermano, fueron a servir a la guerra de Froseyra e a la de Arija quando fueron llamados los fijodalgos del reyno de Galizia”.

Combate de cabaleiros. Sacado de www.jesusfelipe.es
Do concello de Alfoz temos o caso de Xoán  de Recaré, veciño da parroquia de San Vicente de Lagoa. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 284, 53).

Na declaración de Diego Ianes, fidalgo de 60 anos e veciño de san Vicente de Lagoa, podemos ler que “este testigo vio a Lope Recare i Fernando de Recare, hijos deste dicho Juan de Recare como fueron a servir como fijosdalgo a la pena Froseyra e despues a Malaga”.

Cando estudiamos o concello de Barreiros comprobamos que é onde atopamos un maior número de fidalgos que participaron no asedio da Frouxeira.

Así, na parroquia de San Cosme de Barreiros, atopámonos co caso de Afonso Arias de Viladaide, que recibe a executoria de fidalguía o día 5 de xuño de 1488. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 3, 1).

Entre as testemuñas que presenta aparece Fernando Pérez, un fidalgo veciño de Santa Cristina de Celeiro de Mariñaos, que debía de ter grande sona e fama na parroquia porque aparece declarando noutros tres preitos de fidalguía de veciños do concello de Barreiros.
Este Fernando Pérez na súa declaración afirma, ao falar de Afonso Arias, que como fidalgo acudira aos chamados reais: “otrosy dixo que savia que al tiempo(roto) Pedro Pardo en la fortaleza de (roto) Alonso Arias, quien contendia en el dicho pleito, fuera con ellos i sirviera en el cerco ciertas tenporadas fasta que se acavara el dicho çerco i que asimismo vio que en el tiempo donde Alonso Lopez de Haro,  que a la sazon era gobernador en el dicho Regno, llamara a estas gentes para el combate de VillaJuan que el dicho Alonso Arias el viejo padre del dicho Alonso Arias fuera a servir al dicho combate con otros vecinos de la dicha feligresía de Sant Cosme”.

Resulta interesantísima esta declaración pois menciona que o cerco á Frouxeira durou varias tempadas (Estarase a referir a anos?). Tamén resulta interesante esa mención a que o demandante marchou cara o cerco da Frouxeira acompañado  dotros fidalgos de Barreiros: “Alonso Arias, quien contendia en el dicho pleito, fuera con ellos i sirviera en el cerco”. De igual maneira acontecera co cerco do castelo de Vilaxoán, onde o pai do contendente acudira acompañado doutros fidalgos de Barreiros “con otros vecinos de la dicha feligresia de Sant Cosme”.

Outro fidalgo da parroquia de San Cosme de Barreiros é Diego Pérez, que recibía a executoria de fidalguía o día 7 de xuño de 1496. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 19, 6).

Nesta actúa como testemuña Fernando Pérez, un fidalgo xa coñecido, que recoñece que: “savia i viera este testigo que quando don Fernando de Acuña, gobernador del dicho nuestro Regno de Gallizia, toviera çercada la fortaleza de Froseyra, donde estaba cercado el mariscal Pedro Pardo, que fuera el dicho Diego Perez en nuestro servicio al cerco de la dicha fortaleça sirviera en el dio cerco ciertas tenporadas”.

O terceiro fidalgo, veciño da mesma parroquia, é Xoán Salgueiros, que recibe executoria o 29 de agosto de 1496. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 15, 4).
Entre as testemuñas que presenta aparece o xa mencionado Fernando Pérez, que afirmaba que “savia que al tiempo que don Fernando de Acuña, nuestro gobernador que fue en el nuestro Reyno de Gallizia, tov oçercado al mariscal Pero Pardo en la fortaleza de Froseyra que viera que el dicho Juan de Salgueyros, que contendia en el dicho pleito, fuera a servir al dicho çerco”.

Sen abandonalo concello de Barreiros trasladarémonos á parroquia de San Xiao de Cabarcos. Nesta atopámonos con Alonso de los Santos, que inicia executoria de preito pola súa fidalguía o día 17 de outubro de 1504.(Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 194, 38).

As testemuñas presentadas polo contendente afirman que este participara no cerco da Frouxeira naquel momento en que:“fueron llamados los fidalgos por don Fernando, Gobernador que fue del Reyno de Gallizia”, xunto ao contendente marcharán outros fidalgos tanto da Mariña como do resto do Reino, “los omes fijosdalgo del Reyno de Gallizia de una parte para que fuesen (1) a las guerras que fixo de Froyseira”.

Outra executoria de preito desta parroquia é a de Alonso Fernández de Folgueira. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 293, 24).

Nela declara como testemuña Rodrigo de Dios, un fidalgo veciño de San Xiao de Cabarcos, de 70 anos de idade, quen afirma que “vio que los dichos Rodrigo de Folgueira e Alonso de Folgueira, su hermano, como omes fijosdalgo fueron por llamamiento del dicho gobernador de Gallizia, sobre la fortaleça de Pena Froseyra, con otros omes fijosdalgo”. 

No concello de Foz atopamos dous fidalgos que participaron nas campañas en contra do Mariscal, son os casos de Fernando Basanta e Alonso Vidal.

O primeiro deles, Fernando Basanta, é veciño do coto de San Martiño de Mondoñedo, “e logar de Ferreira, donde vivia”. Este home inicia un preito para demostrar a súa fidalguía no ano 1506 (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Sala de Fidalgos, caixa 465, 4),  mais non será ata o ano 1513 en que consiga a executoria de fidalguía. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 284, 4).

Entre as testemuñas presentadas polo demandante está Xoán Mariño, fidalgo de 80 anos de San Cosme de Barreiros, que declaraba que: “a visto este testigo a este Fernan Basanta a servir a la guerra de Pena Flora (Frouxeira) con sus hermanos como fijo dalgo”.


Vista da Frouxeira. Sacado de www.castillosdeespana.es
O segundo caso é do de Alonso Vidal, que consegue executoria de fidalguía o 7 de xullo de 1508. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 36, 2).

Este fidalgo era natural da parroquia de Santa Cilla, en concreto do lugar de Vilatuixe, moi preto do monte da Frouxeira. Seu pai era Rodrigo de Vilatuixe, que recibía ese apelido polo lugar onde vivía “que como tenia y bivia y morava el dicho Rodrigo en el logar i feligresia de Villatuyxe que es en el coto de Sant Martin de Mondoñedo”. Tanto seu pai como seu avó, Alvar Alonso, foran tidos por fidalgos reputados procedentes do casal de Villarino, na parroquia de Santa Cilla. Seu avó, Alvar Alonso, participara como fidalgo que era, en varias campañas bélicas acudindo á chamada dos reis.

Para demostrar a fidalguía os contendentes presentan varias testemuñas, moitas delas de condición fidalga, que con garantía da súa palabra de fidalgo, recoñecen a fidalguía doutros. Así logo canto maior e máis importante sexa a persoa que recoñece a fidalguía dun contendente máis sinxelo será que lla recoñezan oficialmente.

Que fama tiña Alvar Alonso cando as persoas que recoñecen a súa fidalguía son: “oyera descir por fama publica al mariscal Pedro Pardo i a Vasco Lopez de Rio i a Ruy Lorenço de Adelan i a otros de aquella tierra que eran mas antiguos que este testigo i desta que ellos avian conosçido al dicho Alvar Alonso i que fuera ome fijodalgo”. A testemuña que isto declara é Xoán de Losada, un fidalgo de 65 anos e natural de Romariz.

Pero moitas veces as tornas da vida fannos dar voltas impensables e así pasamos de ver como o Mariscal acreditaba a nobreza do avó á situación de que o neto participara no asalto á Frouxeira e no de Vilaxoán: :“ viera yr i estar sirviendo al dicho Alonso Vidal, como fijodalgo, por mandado del governador de Gallizia en pena Froxeyra, en el cerco de Villajuan donde vio yr el testigo a servir a los fijosdalgo del dicho Regno de Gallicia”.
Algo moi semellante declara Lope García, fidalgo de 50 anos e veciño de San Martiño de Mondoñedo, quen recoñece que Alonso Vidal participara no cerco en a campaña de Vilaxoán: “como ome fijodalgo a servir con los otros omes fijosdalgo de aquella tierra por mandado del governador al çerco de Villajuan i a pena Froxera”.

Na parroquia de Vilamor, concello de Mondoñedo, atopámonos co caso de Xoán de Luaces. Este solicitara á Chancelería de Valladolid unha executoria de fidalguía, que recibe o día 27 de abril de 1510. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 16,5-8).

Segundo a información que presenta sabemos, tal e como ratifica Álvaro de Valiño, que o pai do mencionado Xoán participara no asalto á Frouxeira: “viera al dicho Diego de Luaçes, padre deste que contiende yr a la guerra de Froxera i a la de Villa Juan, donde fueran llamados los omes fijosdalgo del Regno de Galicia”.

Na parroquia de Bretoña, concello da Pastoriza, atopámonos co caso de Estevo de Ramallal, que recibe executoria de fidalguía o 5 de outubro de 1511. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 70,7).

Segundo a documentación puidemos saber que o avó do contendente, Fernando Ramallal, participara como fidalgo na guerra de Hariza. Por outra banda, o pai de Estevo, tamén chamado Fernando Ramallal, pagara para enviar un peón á guerra de Málaga, enviado que tivo bastante mala sorte xa que: “al qual mataron en la dicha guerra”. Por outra banda o pai do contendente participa no cerco de Frouxeira, tal e como nolo confirma Lope Corvello (probablemente Corbelle), un fidalgo de 80 anos e veciño de Bretoña, quen asegura: que viera al dicho Fernando de Ramallal, su fijo, padre deste que contendia fuera a la guerra de Pena Froseyra quando fueron llamados los fidalgos y que este testigo le vio servir en ella unos meses”.

Outro fidalgo de Bretoña que participa na toma da Frouxeira é Pedro Fernández de Porto de Pedre, que obtén executoria de fidalguía o 5 de outubro de 1511. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 16,7).

Unha das testemuñas presentadas polo demandante afirma que o vira participar no cerco da Frouxeira: “como tal ome fijodalgo por llamamiento de los Reyes, nuestros señores padres, fue a servir a la guerra de Peña Froseyra asy mismo oyo desir que a su costa abia enviado un peon a la guerra de Malaga”.
Rematamos esta breve relación de fidalgos co caso dos irmáns Pedro Alonso e Fernando Rei. Ambos conseguen executoria de fidalguía o 5 de marzo de 1513. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 37, 10).

Pola documentación achegada nesta executoria sabemos que eran oriúndos do porto de Rinlo, daquela pertencente á parroquia de Santalla de Devesa.


Tan só unha  das testemuñas presentadas recoñece a participación destes dous irmáns na guerra contra o Mariscal, trátase de Alonso Mariño, fidalgo de San Cosme de Barreiros, que afirmaba que os irmáns mandaran un peón á guerra de Málaga e que tamén:oyo dezir que enbio otro peon a su costa a peña Froxera”.

Agardo que este artigo sirva, aparte de para informar, para iniciar unha nova liña de investigación que nos leve a averiguar o número de procedencia de todos os que loitaron en contra de Pardo de Cela e ao seu favor.

Executoria de Fernando Porto de Pedre. Sacado de pares.mcu.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario