En tódolos libros de historia que
consultemos veremos que cando falan da Guerra de Independencia española dátana
entre os ano 1808 ata 1814. Non están errados pois a súa duración comprende ese
período de tempo, pero non todo o territorio español soportou a presenza
francesa durante tanto tempo. En Galiza
a presenza física de franceses tan só abarca o ano 1809, e non todo, pois
entran no mes de xaneiro e son expulsados, polo pobo e non por soldados pois
careciamos dun exército que nos protexese, a fins do mes de xuño do mesmo ano.
Todo comezou un 2 de maio de 1808
cando o pobo de Madrid se levanta en contra do traslado da familia real
española. Ese ataque ás tropas francesas e posteriormente a brutal represión
desencadeará os acontecementos históricos que se deron en chamar a Guerra de Independencia.
O encarceramento dos membros da
familia real española e a instauración dun novo rei, Xosé I Bonaparte, que non
era recoñecido polo pobo foi o que motivou a aparición de xuntas locais que se
estructuraban a través de xuntas provinciais, estas dependían dunha xunta central
de Galicia, situada na Coruña.
Da Xunta Local de Foz
descoñecemos todo, sabemos que existiu, algo obrigatorio por outra parte, pero
nada se conservou da súa existencia. O que si podemos dicir é que dependía da
Xunta Provincial de Mondoñedo. Estas xuntas tiñan como fin garanti-la orde
municipal, controlar aos veciños franceses, en caso de existir, manter o correo
e prepararse para un posible ataque de tropas francesas.
Esta última tarefa resultaba case
imposible de realizar pola carencia absoluta de tropas, lembremos que en
Mondoñedo, trala retirada do Rexemento Provincial, quedaban oito soldados para
defendela cidade, aínda que, en vez de practicar e prepararse para un posible
ataque dos franceses, tiñan encomendada a labor de limpalo cuartel,.
As vilas buscan armar a certos
individuos, evidentemente os que mellor puntería tivesen, coas armas que os
veciños gardaban nas súas casas. Tamén se apostan, para defensa das vilas, e canóns en puntos sinalados, así vemos como as
vilas portuarias de Ribadeo e Viveiro os colocan mirando cara o mar, temendo
que o ataque francés fose un desembarco. Todas estas medidas resultaron
totalmente carentes de efecto pois os ataques dos franceses viñeron todos por
terra. Algo moi semellante acontecía en
Foz onde se colocan uns canóns no lugar da Atalaia para a defensa da nosa
ría contra un posible ataque francés.
¿Realmente estiveron acampados os
franceses en Foz? Se lemos a obra de Francisco Lanza, Ribadeo antiguo, chegaremos a conclusión de que non. No ano 1808
recíbese no consistorio ribadense un correo no que se asegura que “en Foz habían desembarcado algunos enemigos,
los quales seguian hacia el Valle de Oro, saliendo a perseguirlos un destacamento de 300 hombres”, nada
máis sabemos dese suposto continxente francés, semella máis unha invención
produto do nerviosismo reinante que unha realidade.
A segunda vez que aparece Foz na
obra de Lanza data dos primeiros días de febreiro do ano 1809, por esas datas
as tropas españolas dirixidas polo xeneral Worster disparaban dende a batería
que tiñan montada en San Román de Figueras, “para contrarrestarles querían traer los franceses unos cañones del
puerto de Foz”.
¿A que canóns fai referencia esta
cita?. Durante moito tempo preocupounos no poder contestar esta pregunta, pero
agora e trala lectura dun documento conservado no Arquivo Histórico Nacional
podemos respondela.
O citado documento é un escrito datado
o 19 de xullo de 1808 remitido á Xunta Permanente da cidade de Mondoñedo polo
focense “doctor don Antonio Fernández
Ramos”. Nel afirmaba que a situación en Foz era caótica culpando de todo
aos xefes de milicias, que el define como “soldados
de farsa o de melindre”, tan só se dedicaban, segundo o citado médico, a
pavonarse cos seus novos cargos pero non fan nada para cimentala defensa da
vila, “abandonados, que jamas han savido
conservar un estrecho facho o Garita, que nunca han procurado un fusil ni un
tiro de polbora”. Tan só un comandante activo podería cambiala situación
que sofren os focenses e conseguir que se “reedifique
y amplie el insinuado Facho, induciendole a habitable, por que la malicia, y
negligencia lo ha puesto en el estado en que se halla, despues de ia
reedificado tres veces en mis días”[1].
Este comandante, segundo comenta
o doutor Ramos, chegou a Foz procedente de Ribadeo, tratábase do tenente de navío Bartolomeu Oya e
Rivadeneira.
Nos cinco días que permanece no
pobo, e tras varios discursos encendidos, consegue convencer aos veciños da
necesidade de cavar “una trinchera mui
regular en el mismo sitio que la naturaleza ha señalado”, nesta trincheira queren
colocar entre seis e oito canóns. Como en Foz non existían canóns o tenente de
navío promete “guarnecer este nuevo
fuerte, por ahora con quatro cañones de a ocho de la Goleta la Gallega existente
en Rivadeo”. Eses deben de selos canóns que querían vir buscar os franceses
no ano 1809.
Pouco máis sabemos do tema,
descoñecemos se arranxaron o Facho ou se ao final se conservaron no porto
focense os canóns.
Tivesen servido mellor estes canóns
se estivesen colocados no porto de Nois, pois o día 12 de decembro de 1808 un
barco de tres paus de bandeira francesa dispara á altura de Cangas dous
canonazos contra a costa, posteriormente “corrio
con la gabia asta ponerse por encima de este puerto de Nois, en donde se viene
a tierra que pensamos que se benia a estrellar a los peñascos, por ponerse a
distancia de aquella como a un quarto de legua”[2].
Os de Nois reúnense na praia, a maior parte deles armados de brosas, fouces e
algunha que outra arma de fogo, e agardan o posible desembarco. A tensa espera
viuse rota por unha choiva moi copiosa, un forte vento e un cambio do estado do
mar que provocaron que o citado barco levantase áncoras e marchase.Non queremos
imaxinar que tivese pasado se o barco, armado con 28 canóns, disparase contra a
xente que estaba na praia ou que tería acontecido en caso de desembarcar os
franceses.
Do que si estamos seguros é de
que no ano 1809 as tropas francesas estiveron acampadas no noso concello. O
arquivo diocesano de Mondoñedo garda un documento titulado “Relación de granos entregados a los
franceses” , no que se pode ver como o xuíz e xustiza ordinaria da
xurisdición de Santiago de Foz, don Xoán Mel das Goás, certifica que un veciño
de Santa Cilla entregara 10 fanegas de centeo “ para el consumo de la tropa francesa que subsitio en la Parroquia y puerto de
Santiago de Foz”. Isto acontecía o 16 de novembro de 1809.
En 1809 todo cambia, as tropas
francesas comandadas polo xeneral François Fournier entran en Mondoñedo o día 24 de xaneiro. Instalan na cidade episcopal a súa base de operacións de onde partirán as tropas que tomarán Ribadeo
o día 25 de xaneiro. O día 28 de xaneiro claudica a cidade de Viveiro, trala
entrada dun grupo de 74 soldados franceses baixo o mando do comandante Marssan.
A Mariña estaba conquistada pero
non pacificada. Entre os días 29 xaneiro e 5 de febreiro un grupo de homes e
mulleres farán fronte ás tropas francesas na ponte de Arante; o día 8 de febreiro os veciños das parroquias
colindantes a Viveiro liberarán a cidade de franceses. Estas dúas accións
militares tiveron como consecuencia inmediata a saída de Ferrol dunha tropa de
10.000 soldados cara Viveiro á que complementaba outra que sae de Mondoñedo,
formada por 3.000 soldados, capitaneados polo xeneral Maurice Mathieu. Esta última
columna sofre unha serie de ataques por parte dos veciños da zona de Mondoñedo
no monte da Camba e outro posterior do que formaban parte veciños do Valadouro.
Se consultámolos libros de defunción veremos como varios veciños do noso
concello tamén participaron nestes ataques contra a columna saída de Mondoñedo.
Fazouro conta con dous veciños
mortos nestes enfrontamentos,trátase de Luis Valiño, casado con Xosefa López,
que “fue muerto por los franceses el dia
quince de marzo de mil ochocientos nuebe motivado de un ataque, que se solicito
entre ellos y estos pueblos, la muerte de este fue en un monte por la parte de
arriva de un lugarcillo que llaman Padriñan, terminos de San Andres de Masma,
en donde han dicho sus propios parientes se halla sepultado” . Tamén falece
Nicolás López, casado con Magdalena Fernández, morto no combate mantido cos “franceses en un monte que llaman Bedral por
la parte de ariva de un lugarcillo yntitulado Padriñán”[3],
será soterrado nese mesmo lugar.
Certos membros da poboación viron
na presenza dos franceses e na caótica situación que provocaron o perfecto
caldo de cultivo para medrar economicamente, así acontece co xuíz de Nois, Xián
do Eijo, que exercía ese cargo dende o 23 de xullo de 1808. Será denunciado
polos veciños o día 8 de agosto de 1809 alegando “que tiene cometido y comete considerables excesos procediendo despotico
en lo que se le antoja, si adherirse a Ley ni a razon mas que decir soi Juez, y
lo mando todo, atropellando con motibo de estar en este Pais los franceses”.
Entre os excesos denunciados aparece a apertura de “bodegas de vino, obligando a dar a quien se le prevenia cubas de la
misma especie y carros de fruto sin orden ni concierto”, ademais dedicábase
a cobrar todo o que quere “sin que nadie
se le obponga pues no tiene Arancel”. Nois, que daquela era concello, tiña
sinalada unha casa para Audiencia, pero
o xuíz négase a empregala sinalando como sede da Audiencia a taberna da
parroquia na que se rodea dos seus
ministros, nomeados por el mesmo “los que
quiere fallidos y de poca o ninguna conduta”.
Trala expulsión dos franceses no
ano 1809 as distintas xuntas locais crearán unha serie de tropas, formadas
integramente por voluntarios, para que se encargasen da defensa da zona en caso
dunha nova invasión francesa, son as coñecidas como Milicias Provinciais.
Existían tamén as tropas volantes,
que se desprazaban polo contorno chegando incluso a superalo termo
xurisdicional, así sabemos dos desmáns cometidos pola tropa volante de Viveiro,
que o 20 de xullo de 1810 son denunciadas polos membros do concello de Foz “para proceder a la averiguacion y sumario de
los atentados cometidos por la
Partida de Volantes de Viuvero en su transito por la
parroquia de Fazouro y otras de la circunferencia al regreso del puerto de Foz
en mediados del mes actual matando una baca y amenazando a los guardias”. Era
o encargado da citada alarma Benito de la Rosa , quen, tras ser recriminado pola Xunta do
Reino pola súa actitude e carencia de autoridade diante das tropas, renuncia ao
seu cargo coas seguintes palabras “se
sirva disponer se me exonere del mando de la alarma para que se transifera á
quien sepa mejor que yo practicar los
medios que la Junta
me dicta como mas propios para mantener el orden y evitar los alborotos”.[4]
Datos destas alarmas podémolos atopar no arquivo
municipal de Mondoñedo, grazas a consulta desta documentación puidemos saber
que o 24 de xuño de 1810 Andrés Maseda Candia era o capitán do departamento da
alarma de Vilaronte, quen recibe “de la Junta de Armamento de esta
Provincia sesenta piedras de chispa para el uso de los yndividuos de la alarma
de mi mando”, recibe tamén dez
baionetas, 2250 cartuchos de fusil e trinta fusiles útiles.
O capitán da compañía de Foz, vinculada á alarma
de Vilaronte, era Francisco Mañón, quen confirma ter recibido “doze fusiles nuebos con sus bayonetas y
treinta y seis piedras de chispa. Y para resguardo de dichos señores lo firmo
en dicha Junta Provincial de Mondoñedo y octubre 1º de 1810 (...) Recibi yo,
don Francisco Mañon, vecino de Santiago de Foz y capitan de Alarma del Departamento
de San Juan de Villaronte, de la
Comision de Partido de la Provincia de Mondoñedo,
seis fusiles nuebos con sus bayonetas, setecientos cartuchos y veinte y cinco
piedras de chispa, para uso y instrucion de dicha Alarma. Y para que asi conste
doy el presente que firmo en Mondoñedo a 2 de Junio de 1811[5].”
[1] Arquivo Histórico
Nacional. Estado, 75 D ou en pares.mcu.es tecleando Mondoñedo, apartado Xunta
do Reino de Galicia, sub apartado Correspondencia coa Xunta e co Concello de
Mondoñedo, fotos 45 a
49.
[2] Lence Santar, E.: Del obispado de Mondoñedo. Tomo I, páx
72.
[3] Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Fazouro. Libro
Defuncións nº 3, 1782-1837, fol. 84 v.
[4] Arquivo Municipal de Mondoñedo. Correspondencia
municipal. 1810, 20 de xullo.
[5] Arquivo Municipal de Mondoñedo. Xunta Provincial de
Mondoñedo. Alarmas. Carp.2492.
No hay comentarios:
Publicar un comentario