Hoxe en día a Casa Torre de Mañente está fóra do trazado da actual estrada
que sae de Foz, pero ata moi pouco tempo había que pasar por diante da referida
Casa Torre.
Se buscamos datos sobre esta casa teremos que votar man libro titulado “Fortalezas de Lugo y su Provincia”, obra
de Vázquez Seijas na que aparece un breve estudo da casa e dos seus posuidores.
Pero se queremos afondar no mundo da xenealoxía dos posuidores desta casa temos
que recorrer aos expedientes de acceso na orde de Cabaleiros de Santiago,
na que varios membros desta familia
ingresaron.
Segundo Vázquez Seijas “fue señor de
la casa de Mañente, don Álvaro Fernández de Mañente. En una eminencia de San
Juan de Villaronte levantó su casa solar a modo de castillo. En su portada
ostentaba como blasón el águila en pie, explayada y coronada, del ilustre
linaje de los Aguiar”.
No estudo xenealóxico da Casa Lemavia, levado a cabo por Fernando López de
Prado, cítase ao mencionado Álvaro Fernández de Mañente, do que se di que
nacera entorno ao ano 1530 na parroquia de Vilaronte.
A pesares das investigacións realizadas aínda non puidemos atopar
referencia algunha ao casamento de Álvaro Fernández de Mañente. O que si
sabemos é que o seu fillo chamábase Diego Álvarez de Mañente, nado entorno ao
ano 1560.
Este persoeiro non debe de ser confundido con outro de igual nome e
apelidos que aparece nun documento do
mes de outubro de 1529, nesta data redactaba un informe dos ingresos e gastos
que tivera a ermida da Nosa Señora da Ponte (Arante) da cal el fora
administrador durante tres meses. O citado informe foi enviado ao Chantre da
Catedral de Mondoñedo e cóengo de Santiago don Álvaro de Rebellón, que sabemos
que era natural de Foz, tendo a súa casa patrucial no barrio de Marzán[1].
O que si sabemos é que o citado Diego Álvarez de Mañente casa con Dominga
Rodríguez de Aguiar, filla de Pedro Álvarez de Aguiar[2],
tanto o pai como a filla eran veciños de Foz.
Do matrimonio de Diego e Dominga nace en Vilaronte, entorno ao ano 1580,
Pedro Álvarez de Aguiar, que como vemos leva os apelidos do avó materno e non
os do pai, supoñemos que estes apelidos que adopta tiñan moita máis sona que os
de seu pai.
Casa este citado Pedro con Catarina Méndez de Miranda e Teixeiro,
filla de Rodrigo Díaz de Teixeiro e de Xoana Vázquez de Baamonde, ambos, veciños
de Riotorto.
Deste matrimonio nacen dous nenos:
Rodrigo de Aguiar e Díaz, que
será nomeado cabaleiro da orde de Santiago no ano 1624.
Pedro Álvarez de Aguiar e Mañente, nado en Vilaronte entorno ao ano 1605.
Deste último sabemos que casa con
Dominga Rodríguez de la
Barrera e Cangas, eran seus pais Xoán de Cangas, natural de
Requejo (Villaviciosa) e María Rodríguez de la Barrera , natural de
Ribadeo.
Varios son os fillos deste matrimonio entre os que destacarán:
Francisco Álvarez de Aguiar e Teixeiro de Cangas, que tamén acabará ingresando na orde dos
Cabaleiros de Santiago no ano 1646, na que alcanzará o grao de Comisario de
Cabalos.
Fernando Álvarez de Aguiar e Teixeiro de Cangas, descoñecémola data do seu nacemento pero
sabemos que entra na orde dos Cabaleiros de Santiago no ano 1643.
No expediente que se abre para ingreso de Fernando Álvarez de Aguiar na citada
orde aparecen varias testemuñas que declaran sobre a súa fidalguía. Grazas a
estas declaracións podemos coñecer algo da carreira militar deste home do que
din que se atopan servindo “a Su Magestad
en las guerras de Italia, con puesto de capitan de coraças”, isto debía de
acontecer entre os anos 1640 e 1643.
Non era o primeiro dos membros da familia que marchaba a loitar fóra.
No expediente formado para que Rodrigo de Aguiar e Díaz, tío do anterior,
puidese entrar na orde de Cabaleiro de Santiago, dise que marchara con 16 anos
como soldado ao servizo do Rei en Milán, lugar no permanece durante 10 anos.
Volvendo a Fernando vemos como no seu expediente varias testemuñas confesan
que tanto el coma seus irmáns, pais e avós “fueron
y son hijosdalgo de sangre segun fuero y costumbre de España y ansi mismo
cristianos biejos limpios de toda mala raza de moro, judio o converso”.
Contestan que os membros da familia de Fernando nunca pagaron o imposto da
luctuosa, que pagaban tódalas persoas incluídas na clase peiteira “y lo son el dicho Pedro, su padre y abuelo
paterno de cassa y solar conoscido que es la cassa y torre de Mañente, sita en
solar y heredad suia notoriamente y es tradicion y comun opinion y voz de todos
ser la dicha cassa y solar de los Alvarez de Aguiar sin contradicion alguna”.
Sobre as profesións exercidas polos membros desta familia din as testemuñas
que ningún traballara en oficio mecánico, nin como cambiador, nin como
comerciante, senón que tiveron “oficios
mui nobles y honrosos, de capitanes y otros y se han sustentado de sus rentas y
granjerias, como gente noble”[3].
Pedro Álvarez de Aguiar, do que sabemos que casa con Tareixa Fuertes de
Acevedo, veciña de Ribadeo. Deste matrimonio nacerá o 23 de febreiro de 1654,
na parroquia de Vilaronte, unha nena a que chamarán María, sendo bautizada polo
cura de Ribadeo e actuando como padriños súa avoa Dominga Rodríguez de la Barrera e seu tío Alonso
López de Presno, cura párroco das Pontes de García Rodríguez.
O día 24 de xuño de 1655 nace Francisca Antía, sendo seus padriños o citado
cura das Pontes e María Aguiar, veciña de Mondoñedo.
En 1657, o 29 de marzo, nace Mariana, sendo os seus padriños Domingo de la Barrera e a súa dona.
En 1659, o 25 de outubro, nace Pedro Álvarez de Aguiar e López de Acevedo,
sendo seus padriños o citado cura das Pontes e unha señora que aparece como
dona Bernalda.
Este Pedro Álvarez de Aguiar solicita, de igual maneira que o fixeran seus
irmáns, ingresar na orde dos Cabaleiros de Santiago.
Pedro Álvarez de Aguiar e López de Acevedo , fillo de Pedro e Tareixa Fuertes, casará
con Sabela Santiso Ulloa, veciña da Pobra do Burón, tendo como filla a María
Sabela Montenegro Osorio.
No traballo de Vázquez Seijas dísenos que no primeiro terzo do século XVIII
esta casa de Mañente pertencía a dona Antía Miranda e Ulloa, filla de Álvaro de
Miranda e Osorio e de Bernarda de Neira e Ulloa,casada en segundas nupcias con
Xosé Quiroga Lemos e Valcarce.
No ano 1714 o marido de dona Antonia Miranda e Ulloa arrenda a torre de
Mañente a Luis de Amieiro e posteriormente ao seu xenro Xoán Canteiro.
No ano 1778 esta casa torre pasa, trala morte do seu posuidor Manuel Aguiar
e Montenegro, ao seu sobriño neto Gabriel María de Cora, que morre no ano 1851
no seu pazo de Carrocide, pasando esta casa a Estevo de Cora e Aguiar, quen
casará con Xoana Mariño de la
Barrera , deste matrimonio queda por herdeira da casa Tareixa
de Cora e Mariño de la Barrera ,
derradeira posuidora[4].
[1] Cal Pardo, Henrique: Mondoñedo. Catedral, ciudad,obispado en el siglo XVI. 1992. Sobre a
relación dos Chantres Rebellón, como donos da ermida da Nosa Señora de Arante,
e os membros da familia Álvarez de Mañente, consultaremos os números 3389 e
3745 da referida obra.
[2] Este home aparece nun preito do ano 1592 “Pedro Álvarez de Aguiar, vecino de San Juan
de Villaronte y Domingo Fernández de Nieto, en su condición de esposo de Leonor
Bolaño, vecinos de Mondoñedo, por si y en nombre de Sebastián Rebellón de
Aguiar, vecino de Foz, de la otra, sobre las ofrendas, limosnas, candelas y
otros derechos de la ermita de San Esteban de Aguas Santas, feligresía de San
Cosme de Barreiros. Para verse libres de los pleitos, que entre ellos habían
surgido, convinieron en que Pedro Álvarez y Diego Fernández dejaban al Cabildo
y renteros del lugar das Eiras las referidas ofrendas, contentándose solamente
con las ofrendas desde las dos del día de Navidad hasta finalizar el día de San
Esteban”. Cal Pardo, Henrique: Mondoñedo.
Catedral, nº 4146, páx 902.
[3] Expedientes de acceso á orde de Cabaleiro de Santiago
de Rodrigo Aguiar e Díaz (1624), Fernando Álvarez de Aguiar e Teixieiro e
Cangas (1643) e a de Pedro Álvarez de Aguiar e López Acevedo (1664) que se
poden consultar na páxina http://pares.mcu.es/ tecleando Vilaronte entrar
no apartado de Arquivo Histórico Nacional, Consello de Ordes.
[4] Sobre a familia dos Cora remitimos á seguinte páxina
web http://estudiosgen.com/profiles/blogs/genealogia-de-la-casa-do-corgo pero para resumir dicir que a citada dona Tareixa aparece na
documentación como dona de Suegos, Codesido, Torre de Mañente e Carrocide, nada
nas Pontes de García Rodríguez o 15 de outubro de 1825.
No hay comentarios:
Publicar un comentario