Buscar este blog

jueves, 26 de febrero de 2015

CORDIDO: CRÓNICA NEGRA DUNHA PARROQUIA. 1900 – 1940.

Tódolos concellos e de igual maneira tódalas parroquias teñen unha crónica negra, nalgúns casos moito máis negra que noutros.
Neste artigo imos falar da crónica negra e xudicial da parroquia de. Toda a información que aparece neste artigo está fragmentada pois foi buscada en distintas hemerotecas dixitais, en ningún momento consultamos os libros de axuizamento, nos que seguro que aparecen outros moitos casos que, por outra banda, non chegaron a aparecer en prensa.
No caso de que algún dos nosos lectores quixese investigar máis neste tema recoméndolle a lectura duns índices de axuizamento criminal do xulgado de Mondoñedo que se conservan no arquivo histórico provincial de Lugo, abarca dende finais do século XIX e mediados do XX.
 Dentro da crónica negra da parroquia de Cordido destacan os enfrontamentos con armas brancas. Dalgúns descoñecémola razón, tal e como acontece no mes de abril de 1908, data na que a garda civil do posto de Foz detiña ao veciño de Cordido Antón Díaz Neira, por asestarlle unha coitelada no costado esquerdo ao veciño de Cordido Eliseo Río Vázquez. O agresor  sería ingresado na cárcere existente no posto da benemérita de Foz agardando o seu xuízo. (La idea Moderna, 1908, 24 de abril).
En 1912 ardía a casa de  Tareixa Cao, veciña da parroquia de Cordido, “la que pereció envuelta en las llamas”.(La voz de la verdad, 1912, 2 de maio).
Doce anos despois, en 1920, un irmán deste Antón Díaz Neira verase implicado noutro episodio de crónica negra, así vemos como o veciño de Cordido, Domingo Díaz Neira é acusado ante a benemérita por “maltratar de obra a la estanquera de dicha parroquia, Amalia Álvarez, habiéndole producido contusiones en la pierna izquierda”. O motivo deste ataque débese a que a estanqueira negoulle ao citado Domingo “el tabaco que pedía, sin que llevase tambien tabaco del Príncipe Albert”, (tabaco americano para pipa fabricado pola compañía R.J. Reynolds) (La Integridad: diario católico, 1920, 17 de setembro).
Pero hai outros enfrontamentos a arma branca que teñen como base o amor. Así lle acontece, no mes de xuño de 1928, a dous mozos, mariñeiros de profesión, da parroquia de Cordido. Ambos estaban namorados da mesma muller e en vez de conquistala decidiron que era mellor loitar entre eles polo amor da dama. Un dos contrincantes era Nicanor Díaz, de 19 anos, e o outro era Hortensio Sixto Ribadeneira, de 18 anos. A liorta rematou cando Nicanor “empuñando una cuchilla de hacer zuecos, produjo dos heridas en el hombro izquierdo a Hortensio”. O primeiro acabará sendo acompañado pola garda civil e o segundo rematará na cama recuperándose. Nada sabemos da amada nin a quen lle deu o seu amor. (El pueblo gallego, 1928, 30 de xuño).
Non será este a derradeira loita con arma branca de Nicanor Díaz e así vemos como no mes de abril de 1934 Constantino Trelles Fernández, discutía acaloradamente con Nicanor sobre o paso dunha finca, cando o citado Nicanor “de un golpe de hoz, seccionó a Constantino los dedos meñique y anular de la mano izquierda”. (El pueblo gallego, 1934, 24 de abril).
Cando alguén quere troitas vai ao río ca cana e péscaas ou non. Dous rapaces de Cordido decidiron que ían pescar troitas e para iso “han envenenado con coca el río que cruza dicho pueblo, en una extensión de dos kilómetros, para matar la pesca y aprovecharse de ella, y enterada la guardia civil de la salvajada, procedió a la detención de los presuntos auotres, llamados Basilio Bermúdez Alonso, de 22 años, y Jesús Bermúdez, de 17 años, ambos labradores”. Os dous autores foron postos a disposición da xustiza, descoñecémola pena polo delito cometido. (La idea Moderna, 1914, 1 de outubro).
Dentro do apartado de crónica negra temos que incluír os suicidios, tamén a parroquia de Cordido conta cun exemplo, así acontece no mes de maio de 1915, cando un veciño de Cordido, Antón Cabaleiro Deán, de 21 anos decide suicidarse, “para consumar el atentado, el suicida apoyó el cañón del arma bajo la barba, muriendo casi al instante”, segundo o artigo este rapaz solicitara quedar exento de incorporarse a filas, alegaba un defecto físico. Tanta era a súa fe en que ía quedar exento que cando lle chegou á súa casa a carta que lle comunicaba a súa necesaria e inmediata incorporación a filas decidiu poñer fin á súa vida, “el juzgado municipal de Foz se constituyó en la casa del desgraciado joven extendiendo las diligencias judiciales”. (La idea Moderna, 1915, 7 de maio).
As ameazas soen formar parte desta crónica negra e así lle acontece a Dámaso Díaz Sánchez, veciño de Cordido, que o 24 de novembro de 1917 denunciaba a Ricardo Blanco, da mesma veciñanza, por ameazas. Das ameazas pásase aos feitos e así en 1918 o mesmo Dámaso Díaz denuncia  que lle prenderan lume a uns castaños. Denunciado o feito e practicadas as xestións necesarias a garda civil detén a Dorindo Blanco Neira. A este suxeito tamén o acusan de terlle roubado un carneiro ao veciño de Cordido, Anxo Pérez Cabaleiro, “denunció a la guardia civil que del monte Lombo de Madeira, donde tenía pastando un rebaño de carneros le fue sustraído uno de ellos”. (El Norte de Galicia, 1918, 4 de setembro). En 1930 volvemos a oír falar deste veciño de Cordido, Dorindo Blanco Neira, esta vez por ter ido “noches pasadas a casa de su tío Manuel Legaspi González y aprovechando la ausencia de éste se apoderó de setenta y cinco pesetas en metálico. El Dorindo fue detenido y entregado al juez municipal del término”. (El regional: diario de Lugo, 1930, 22 de xaneiro).


Queremos rematar este artigo de crónica negra cun feito esperanzador, o nacemento de trillizos na parroquia de Cordido, acontecía este suceso o 4 de novembro de 1934 cando “ha dado a luz una vecina tres robustos niños, a los cuales se puso los nombres de Melchor, Gaspar y Baltasar. Tanto las criaturas como la madre, encuéntranse en perfecto estado de salud. En el triple parto intervino el médico de este ayuntamiento don Eladio Candia, que tanta reputación goza en toda esta comarca”. (El pueblo gallego, 1934, 4 de novembro)

2 comentarios:

  1. Baltasar está moi ben

    ResponderEliminar
  2. A madre dos trillizos finou máis ou menos con 102 anos e con boa saúde.

    ResponderEliminar