Buscar este blog

miércoles, 21 de enero de 2015

XENEALOXÍAS DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO:


PRIOR ARES PÉREZ DE VILADONGA.


Para levar a cabo este artigo sobre o Prior Ares Pérez de Viladonga empregamos como fontes documentais os libros publicados polo arquiveiro catedralicio de Mondoñedo, don Henrique Cal Pardo, así como o apeo de bens da parroquia de San Martiño de Mondoñedo, realizado no ano 1540 e que se custodia no Arquivo Catedralicio de Mondoñedo, (Sección Apeos, armario 3, nº 13).
Segundo o citado Apeo Ares Pérez ocupa o cargo de Prior trala morte do anterior, Álvaro Pillado, mais descoñecemos o ano en concreto, pero podemos dicir que aconteceu entre o ano 1447 e 1483.
No primeiro dos anos, 1447, ocupaba o cargo de Prior Álvaro Pillado, así o podemos ler nun documento do Tombo da Catedral de Mondoñedo datado o 19 de agosto no que aparecen como testemuñas Pedro de Cedofeita, abade de Lourenzá, Pedro Sánchez, racioeiro e xuíz de Ribadeo e Álvaro Pillado, como prior do mosteiro de San Martiño.[1] O citado Pillado sucedera no cargo de Prior a Fernando Dourado, outra das familias importantes de San Martiño. Noutro documento do citado Tombo, esta vez datado o 19 de agosto de 1438 vemos como aparece como testemuña Fernando Dourado, co cargo xa de Prior[2].
A primeira referencia que temos de Ares Pérez como Prior data do ano 1483, nesta data o capitán Mudarra, encargado polos Reis Católicos de tomar a Frouxeira, castelo no que resistía o Mariscal Pedro Pardo de Cela, dona ao mosteiro de San Martiño unha cantidade para que se fundase un altar, o de Santa Catarina, e unha misa pola alma de todos os que morreron no cerco da Frouxeira. Explica ben este dato Roi Pérez, testemuña do Apeo de 1540, veciño de Foz, de 66 anos de idade quen di o que altar de Santa Catarina se fundara por las animas de ciertos que murieron e se enterraron alli sobre el cerco de la dicha Frouseyra e que para se dixese e fuese perpetuada la dicha misa e vigilia e responso en cada un año para sienpre jamas e que el dicho Monsieur Mudarra dio e doto al prior susodicho y administrador del dicho monesterio, Ares Perez de Villadonga e canonigos del dicho monesterio veynte e quatro myll maravedis, los doze que dio al prinzipio e otros doze que dio al tienpo de su falescymiento, que se traseron alli por su mandado.[3]
Outra testemuña deste Apeo é Diego Carballal, veciño de San Martiño e de mais de 70 anos,  quen afirma ter coñecido ao citado Prior do que di que tiña 30 e poucos anos e que estivera ocupando o seu cargo durante 7 ou 8 anos. Non podemos estar de acordo con esta afirmación pois a documentación dinnos outras cousas. O arquiveiro Cal Pardo demostra, sen equívoco algún, que Ares Pérez de Viladonga aparece na documentación como Prior de San Martiño nos anos 1498, 1502, 1506, 1510 e en 1513.[4]  En 1518 aparece xa como Prior Gonzalo de Villaroel e la otra mytad de la dicha renta la llieba dicho Vachiller Dorado, no sabe si por si o por el doctor Villaroel, que dizen que gano el dicho priorado por Su Santidad en Roma quando se falescio el dicho Ares Perez de Billadonga”.[5]
Polo que sabemos Ares Pérez vivira no pazo do Prior, pegado ao mosteiro, en 1540 atopábase ocupando este edificio o bispo de Irlanda, Xoán de Boaventura.
Mentres ocupou o cargo de Prior, Ares Pérez de Viladonga, non estivo ocioso dedicando bastantes esforzos a arranxar e consolidar a obra do mosteiro. Pedro Mariño de Lobeira, veciño de Foz, e de 60 anos de idade asegura na súa declaración ter ido a San Martiño o día do enterro do Prior álvaro Pillado e de coñecer ao novo Prior, Ares Pérez, ao que lle atribúe as seguintes obras no mosteiro: “el çielo del monesterio de la nave prinçipal e alçaron las grades del altar mayor que estaba baxo e dexo el dicho Ares Perez començado los çielos de las otras dos claustras de dentro del dicho monesterio e hizo hazer el coro que alli esta e organos e las casas e en las claustras de dentro cerrarlas e adereçarlas porque de antes estaban alli unas camaras en que se aposentaban los canonigos”. Confesa que antes da chegada de Ares Pérez como prior o mosteiro estaba bastante mal reparado pero que grazas aos esforzos e aos cartos depositados polo prior púidose arranxalo mosteiro.
Na declaración de Roi Pérez tamén se fai referencia a estas reformas realizadas polo Prior, pero dando noticia dun achado moi curioso: el dicho prior lo hizo alçar e aderesçar con sus gradas de piedra que tiene agora porque antes tenya gradizelas de fierro el altar mayor y estava baxo y lo deshizieron e alçaron como esta e allaron en el dicho altar mayor las reliquias santas que tiene dicho monesterio e que despues que lo hizo asi altar el dicho altar mayor el dicho prior que no solian en el dezir la misa sin dicha sagrada”.

DATOS BIOGRÁFICOS:
No Apeo, na declaración de Diego Carballal, menciónase, falando da veiga de Bouzas, a Leonor Fernández, nai de Ares Pérez.
O Prior Ares Pérez de Viladonga tivo unha filla a que chamou Inés. No apeo aparece unha referencia a unha tal Inés Rodríguez, como posuidora dunha propiedade que pertencera ao citado Prior e da que se di  “que agora es de Ynes Rodriguez, su hija, muger de Alvaro Bazquez”. Posteriormente hai varias referencias a Inés Pérez, e non Rodríguez, como a filla do Prior. Pola documentación que aparece no Apeo de 1540 sabemos que ao lado da fonte de Vilacendoi tiña Ares Pérez  “el curral de la torre que fue del Prior de San Martiño, Ares Perez, que sea en gloria, que aogra es de la muger de Alvaro Bazquez e de otra parte topa en el camyno que va para la fuente de Villacendoy”. Tal e como vimos na anotación anterior Álvaro Vázquez estaba casado con Inés Pérez e deste matrimonio naceron dous fillos. Na declaración de  García Vallón, veciño de Vilaronte e de 60 anos, menciónase que o casal de Ferroagudo limitaba con propiedades de Ares Pérez e Afonso López de Vilanova, pensamos que ambos son veciños de Vilanova de Lourenzá. Sobre estes dous irmáns a testemuña di que herdaran a terra por parte de súa nai, Inés Pérez, e menciona, sen reparo ningún, “hija del Prior Ares Perez”.





[1] Cal Pardo, H.: Tumbos de la catedral de Mondoñedo. Tumbo Pechado. Número 417, páx. 376.
[2] Cal Pardo, H.: Tumbos de la catedral de Mondoñedo. Tumbo Pechado. Número 405 e 406, pázs. 364 e 365.
[3] Arq. Catedralicio Mondoñedo. Secc. Apeos. San Martiño. 1540, declaración de Roi Pérez, comenza no folio 72 recto..
[4] Cal Pardo.H:  Mondoñedo, catedral, ciudad, obispado, en el siglo XVI, números de documento 80, 171,1342, 1353 respectivamente.
[5] Arq. Catedralicio Mondoñedo. Secc. Apeos. San Martiño. 1540, declaración de Diego de Carballal, comenza no folio 36 volto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario